Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 23 de abril de 2018 Páx. 21745

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 26 de febreiro de 2018, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada outorgada a Ence Energía y Celulosa, S.A. para a fábrica de pasta de papel de Lourizán (Pontevedra) (expediente 2016-IPPC-M-0094).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 316, do 31 de decembro) regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 251, do 19 de outubro de 2013) regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

Revisión da autorización ambiental integrada nº 2004/0286_NAA/IPPC_162. Fábrica de pasta de papel de Lourizán (Pontevedra). Xaneiro 2018.

Para que calquera interesado poida consultalo e, de ser o caso, presentar dentro do dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

O documento estará á disposición dos administrados nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (http://cmaot.xunta.gal/→medio ambiente e sostibilidade→prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2018

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2016-IPPC-M-0094.

Número de autorización ambiental integrada: 2004/0286_NAA/IPPC_162.

Categoría principal da actividade: 6.1.a (instalacións industriais destinadas á fabricación de pasta de papel a partir de madeira ou doutras materias fibrosas).

Categorías secundarias:

– 1.1.a (instalacións de combustión cunha potencia térmica superior a 50 MW nas cales se produce a combustión de combustibles fósiles, residuos e biomasa).

– 1.1.b (instalacións de combustión cunha potencia térmica superior a 50 MW-instalacións de coxeración, caldeiras, fornos e xeradores de vapor).

Titular: Ence Energía y Celulosa, S.A.

CIF: A28212264.

Enderezo do titular: Beatriz de Bobadilla, 14, 28040 Madrid.

Enderezo da instalación: Marisma de Lourizán, s/n, 36153 Pontevedra.

Actividade principal: fabricación de pasta de papel kraft branqueada polo proceso TCF (Totally Chlorine Free).

Descrición: o proceso comeza coa recepción e tratamento da madeira (escasca en seco e corte en achas). A casca utilízase na caldeira de biomasa para producir vapor de alta presión e enerxía. As achas pasan aos dixestores, onde se mesturan cunha disolución acuosa de sulfuro sódico e de hidróxido sódico denominada «branco de cocción», e cócense. Como resultado, a lignina disólvese e as fibras de celulosa sepáranse. As fibras continúan o proceso para a produción da pasta (depuración, cribaxe, lavado e secado). Os líquidos de cocción recupéranse e utilízanse na caldeira de recuperación para producir vapor de alta presión, e os produtos químicos recupéranse para seren novamente utilizados na cocción.

Verteduras:

– As augas de proceso son tratadas nunha depuradora físico-química dentro da instalación e posteriormente vertidas á ría de Pontevedra a través dun emisario submarino, xuntamente coas augas residuais da estación depuradora de augas residuais dos Praceres;

– As augas domésticas son tratadas en 13 foxas sépticas estancas;

– As augas pluviais considéranse susceptibles de arrastrar partículas, polo que se derivan á depuradora da planta.