Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 25 de abril de 2018 Páx. 22046

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2018 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 22 de marzo de 2018 acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e faculta o director xeral a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e proceder á súa convocatoria para o exercicio 2018 en réxime de concorrencia competitiva.

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. A dotación orzamentaria destas bases ascende ao importe de 1.738.724,40 € e aboarase con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Orzamento inicial 12 meses

Ano

Dotación

(partida 09.A1 741A 4803)

Seg. Social por conta da empresa
(partida 09.A1 741A 4840)

Total

2018

209.856,00

1.583,20

211.439,20

2019

562.184,00

17.415,20

579.599,20

2020

21.600,00

791,60

22.391,60

793.640,00

19.790,00

813.430,00

Orzamento prórroga 12 meses

Ano

Dotación

(partida 09.A1 741A 4803)

Seg. Social por conta da empresa
(partida 09.A1 741A 4840)

Total

2019

163.396,80

1.583,20

164.980,00

2020

687.502,40

16.623,60

704.126,00

2021

55.396,80

791,60

56.188,40

 

906.296,00

18.998,40

925.294,40

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, previa declaración da súa dispoñibilidade nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Quinto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2018

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en liña coas funcións que ten encomendadas como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, está a levar a cabo unha serie de accións no ámbito exterior desde o apoio á formación de capital humano especialista no eido internacional, o apoio ás empresas galegas no seu proceso de expansión exterior e a captación de investimentos estranxeiros cara a Galicia.

Na actual situación de forte índice de desemprego, cómpre aproveitar as oportunidades que xorden das accións de promoción económica, para ao mesmo tempo impactar sobre o emprego. Por outro lado, as pemes galegas necesitan incorporar profesionais cualificados. Os programas de adquisición de competencias profesionais suman ambos os obxectivos: aportan coñecemento ás organizacións en que se integran os profesionais e melloran a empregabilidade destes.

Un dos eixos da estratexia do Igape de internacionalización da empresa galega 2020 é o de promover unha cultura de internacionalización. E son obxectivos deste eixo: a formación de capital humano en internacionalización, proporcionar ao tecido empresarial recursos altamente especializados –con coñecemento dos mercados exteriores e de aspectos clave do comercio exterior– e, impulsar a súa contratación como apoio aos directivos e mandos intermedios de empresas en proceso de expansión internacional.

Dentro da súa actividade de fomento da competitividade e da internacionalización, o Igape xera en moitas ocasións oportunidades en que persoas que non tiveron aínda a posibilidade de obter competencias profesionais poidan participar en traballos especializados mediante formación teórico-práctica. Como consecuencia, os participantes teñen ocasión de realizar actividades de difícil acceso no mercado laboral actual.

Ademais o Igape é xestor de fondos FSE no marco regulamentario 1420 no seguinte encaixe:

• Obxectivo temático (OT8): promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral.

• Prioridade de investimento (PI.8.1): facilitar o acceso ao emprego dos desempregados ou persoas inactivas, incluíndo as persoas paradas de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e apoio á mobilidade laboral.

• Obxectivo específico (OE.8.1.5.): mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas ou inactivas, especialmente daquelas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, por medio da adquisición de experiencia profesional, incluídas as iniciativas locais de emprego.

• Tema secundario conforme o FSE: fomentar a competitividade das pemes.

Para alcanzar os obxectivos anteriores porase en marcha un programa de formación, titorización e prácticas laborais para adquisición de competencias en materia de internacionalización empresarial.

O obxectivo destas bases é formar especialistas no ámbito da internacionalización empresarial mediante bolsas de formación práctica en internacionalización, con destino en organismos de promoción económica, centros de investigación e/ou empresas en Galicia e no estranxeiro en labores de investigación de mercados, estudo de empresas e a súa planificación para internacionalización.

A convocatoria destas prazas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

O procedemento de concesión destas prazas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Obxecto

O obxecto destas bases é a convocatoria de 40 prazas para a capacitación de mozos profesionais en materia de internacionalización empresarial mediante formación práctica, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e poñer á disposición das empresas galegas profesionais que lles axuden a mellorar a súa competitividade (código de procedemento IG414A).

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas prazas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar bolsas por contía superior á cal se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Natureza e incompatibilidade da bolsa

1. O programa reúne os requisitos previstos no artigo 1 do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, polo que a dita norma resulta de aplicación.

2. A concesión ou desfrute destas bolsas non implica ningunha vinculación laboral entre o beneficiario e o Igape, nin supoñen ningún compromiso ou dereito de incorporación ao seu cadro de persoal, non ostentando o bolseiro, en ningún caso, a representación do Igape.

3. As bolsas outorgadas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda de similares características, así como con calquera relación laboral ou de prestación de servizos remunerada do bolseiro. Así mesmo, son incompatibles coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

4. A obtención doutras axudas recibidas para a realización do proxecto obxecto da bolsa deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a memoria final da bolsa. En todo caso, antes de conceder a bolsa, solicitarase da persoa solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre outras axudas recibidas para a realización do proxecto obxecto da bolsa. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Requisitos dos solicitantes

1. Ter nacido a partir do 1 de xaneiro de 1983.

2. Posuír a nacionalidade española e nacido en Galicia; ser nacional dun Estado membro da Unión Europea e nacido en Galicia ou estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia con dous anos de antigüidade á data de publicación destas bases.

3. Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes:

a) Universitarias (licenciatura, diplomatura, enxeñaría ou grao): Administración e Dirección de Empresas, Ciencias do Transporte e Loxística, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias Empresariais, Ciencias Políticas, Comercio, Comercio Exterior, Dereito, Dirección e Creación de Empresa, Dirección de Empresas-BBA, Dirección Financeira e Contabilidade, Economía, Enxeñaría, Estatística e Empresa, Márketing e Dirección Comercial, Marketing e Investigación de Mercados, Relacións Internacionais, ou outras con distinta denominación pero de contidos similares ás citadas.

b) Formación profesional: técnico superior en Comercio Internacional.

c) Outras titulacións universitarias non preferentes (licenciatura, diplomatura ou grao) doutras temáticas coa condición de que se dispoña ademais de título de máster en Comercio Internacional.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español antes de que finalice o prazo de presentación de solicitudes. Polo que se refire aos títulos de máster non se require que estean homologados.

4. Coñecementos de inglés (falado e escrito).

Esta capacidade acreditarase mediante a realización dun exame en que os aspirantes deberán demostrar como mínimo nivel B1 do marco común europeo de referencia para as linguas.

Os aspirantes que non comparezan ou non acaden o nivel mínimo B1 na proba de inglés quedarán excluídos do proceso de selección.

Opcionalmente, os candidatos, ademais de examinarse de inglés, poderán indicar na solicitude ata tres idiomas adicionais dos cales queiran examinarse, de cara a ter máis puntos no baremo. Os idiomas adicionais dispoñibles son: chinés, alemán, francés e portugués.

5. Estar dado de alta como demandante de emprego (ou demandante de mellora de emprego) no servizo público de emprego de Galicia, antes da data de presentación da súa solicitude de axuda.

6. Cumprir os requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, para ser considerado beneficiario de subvencións.

7. Non ter gozado con anterioridade dunha bolsa do Igape relacionada coa internacionalización empresarial. Quedarán tamén excluídos da convocatoria aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios deste tipo de bolsas en edicións anteriores e que renunciasen a elas con posterioridade.

8. Non ter gozado dunha bolsa concedida por outros organismos distintos de Igape, relacionada coa internacionalización empresarial ou con prácticas en empresas fóra de España. Exceptúanse as bolsas de estudos gozadas durante os anos escolares ou universitarios.

9. Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. O cumprimento deste requisito acreditarase cubrindo no formulario electrónico a declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no artigo 11.h) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Condicións e contía da bolsa

Duración e destino.

A duración inicial da bolsa establécese nun máximo de doce meses contados desde a data de comezo que para tal efecto fixe a resolución de concesión. E poderán ser prorrogadas polo Igape por un máximo de ata doce meses adicionais en función da necesidade de finalizar ou completar unha parte da formación que xa tivese comezado ou estivese a piques de comezar. En caso de prórroga a dotación incrementarase proporcionalmente segundo a súa duración. A prórroga estará condicionada a: solicitude de prórroga por parte do bolseiro polo menos un mes antes do fin do período inicial da bolsa, informe favorable do titor do bolseiro, posibilidade de desfrute da prórroga no mesmo organismo do período inicial ou noutro destino alternativo, dispoñibilidade orzamentaria e a súa aceptación por parte do bolseiro.

A formación práctica levarase a cabo no estranxeiro e/ou en Galicia (en oficinas do Igape ou Xunta, oficinas comerciais de España no exterior, cámaras de comercio españolas no estranxeiro, organismos multilaterais, organismos intermedios galegos, centros de investigación, empresas e/ou outros organismos en Galicia ou no estranxeiro), para realizar labores de investigación de mercados, estudo de empresas e a súa planificación para internacionalización e investigación das posibilidades de cooperación internacional entre empresas galegas e estranxeiras.

Antes do inicio da bolsa e no transcurso da mesma o Igape resérvase a posibilidade de cambiar as datas de incorporación, os destinos dos bolseiros e a dotación correspondente, no caso de concorrer causa xustificada.

A formación en Galicia poderá implicar visitas a empresas ou organismos empresariais galegos que serán realizadas polos bolseiros a través dos seus propios medios (con reintegro dos gastos de desprazamento segundo o indicado no artigo 5.2.a).

2. Contía da bolsa.

Para a dotación (tanto para a dotación inicial como para a prórroga) terase en consideración os índices do custo de vida das distintas cidades de destino das bolsas, segundo criterios establecidos pola Entidade Pública Empresarial ICEX España Exportación e Inversiones (ICEX), dependente do Ministerio de Economía e Competitividade. Na fase inicial ou no período de prórroga poderá modificarse a dotación da bolsa por flutuacións do tipo de cambio que xustifiquen esta modificación e sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria.

a) O importe máximo de subvención por bolseiro é de 42.000 € por un período de 12 meses ou a súa parte proporcional en función do período da bolsa. As dotacións variarán segundo o destino e o número de meses de estancia en Galicia e no estranxeiro. Desta subvención detraeranse a correspondente retención fiscal e a cota por cotización á Seguridade Social aplicables segundo a lexislación vixente.

Considéranse incluídos dentro da subvención –e dentro do límite máximo dos 42.000 €– todos os gastos en que teña que incorrer o bolseiro para o seu desenvolvemento. A subvención inclúe unha contía semestral máxima de 1.000 € por bolseiro –que se revisará ao termo de cada semestre para efectos de novas dotacións semestrais en función da execución do semestre anterior e previa solicitude motivada do bolseiro (no anexo II)– en concepto de gastos de taxas de visado e gastos de desprazamento a eventos, empresas ou entidades distintas do destino asignado, relacionados co obxecto da bolsa (avión, tren, autobús, hotel, taxi, aparcadoiro, autopista, compensación por quilometraxe), así como cursos de idiomas no país de destino previa autorización do Igape. Estes importes serán aboados polo Igape ao bolseiro unha vez sexan autorizados polo Igape, realizados e correctamente xustificados. Cando o medio de transporte sexa o vehículo particular, serán aboados os quilómetros percorridos a razón de 0,19 € por km percorrido. O desprazamento mediante vehículo propio só é posible en Galicia.

b) Gastos de desprazamento: unha vez incorporados aos destinos indicados na resolución, no caso de cambio de destino –mediante nova resolución que implique máis dunha viaxe de ida e retorno previstos na dotación da bolsa, no período inicial ou no período de prórroga– o Igape aboará ao bolseiro os gastos de desprazamento mediante avión, tren ou autobús e gastos de hotel, previa presentación dos correspondentes xustificantes de gastos (mediante facturas, billetes e/ou tarxetas de embarque) ata un máximo de 1.000 € se é o mesmo continente e 1.500 € se se traslada a outro continente. Estes importes –ao ser circunstancias excepcionais– non están incluídos dentro do límite máximo da bolsa.

3. Desenvolvemento da bolsa e programa de formación: a formación do bolseiro en destino terá lugar nas oficinas das entidades de acollida na cidade de destino de bolsa, e o bolseiro deberá aterse aos horarios e á normativa interna de funcionamento das ditas entidades. No caso de peche das entidades en períodos vacacionais (non festivos) o bolseiro debe informar o Igape para que lle asigne tarefas alternativas que contribúan á súa formación.

Se o bolseiro se ve obrigado a interromper a súa formación por motivo de enfermidade ou accidente deberá comunicalo ao Igape na maior brevidade posible xuntando o correspondente xustificante médico.

No caso de que a suma de interrupcións da formación por enfermidade e/ou outros motivos supere os 20 días hábiles, o Igape resérvase o dereito de rescindir a bolsa, temporal ou definitivamente ou cambiar o destino se con iso se facilita a reinserción do bolseiro á súa formación.

No caso de maternidade ou parternidade o bolseiro/a gozará do correspondente permiso retribuído pola Seguridade Social e o seu período de gozo engadirase ao final do período de duración normal da bolsa.

Cada bolseiro poderá gozar dun período de 10 días de libre disposición por ano de bolsa gozada, sen necesidade de xustificación, simplemente coa súa notificación con antelación ao Igape.

A formación que recibirán os bolseiros abrangue:

a) Estudo dos sectores económicos máis importantes dos mercados estranxeiros.

b) Análise dos puntos fortes, debilidades, ameazas e oportunidades dos diferentes sectores estratéxicos de Galicia en relación á súa internacionalización.

c) Estudo das distintas formas de introdución nos mercados estranxeiros.

d) Para completar a dita formación, o bolseiro contará co apoio do seu titor no organismo de destino e dunha persoa no Igape a quen lles poderá dirixir as súas dúbidas e preguntas.

Artigo 6. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

a) Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

No suposto de que o solicitante non teña capacidade técnica ou económica, ou que por outros motivos non teña garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, poderá dirixirse ás oficinas centrais do Igape en Santiago de Compostela ou a calquera das súas oficinas territoriais, para que lle presten asistencia e medios para cubrir o formulario electrónico, ou a través do número de teléfono 900 81 51 51.

A solicitude presentarase mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal teráselles por desistidos da súa petición, previa resolución de arquivamento.

b) Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

c) Os solicitantes que presenten a solicitude por vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

1º. O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

2º. Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

3º. No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación electrónica, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

d) Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, e indicarán os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación (no caso de que estea redactada nunha lingua non oficial en Galicia, deberase presentar acompañada de tradución realizada por intérprete xurado):

a) Acreditación dos requisitos mínimos segundo o expresado no artigo 4 destas bases.

1º. Curriculum vitae.

2º. Copia do pasaporte no caso de que o solicitante sexa estranxeiro e non teña o número de identificación de estranxeiría (NIE).

3º. Vida laboral da persoa solicitante posterior á data de publicación das bases no DOG.

4º. Resgardo de ter pagadas as taxas para a obtención do título de estudos universitarios acadado segundo o expresado no artigo 4.5, en ausencia do título. No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados será preciso que os acrediten cunha copia da homologación concedida polo Ministerio de Educación español (isto non se require para os títulos de máster). A formación deberá estar finalizada antes da data de presentación da solicitude.

b) Acreditación dos requisitos baremables segundo o expresado no artigo 9.3 destas bases:

1º. Acreditación, se é o caso, da formación específica de posgrao en comercio exterior segundo o expresado no artigo 9.3.e): copia do certificado de realización dun curso completo en que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado antes da data de presentación da solicitude.

2º. Acreditación, se é o caso, doutra formación de posgrao segundo o expresado no artigo 9.3.f): copia do certificado de realización dun curso completo en que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado antes da data de presentación da solicitude.

3º. Acreditación, se é o caso, da formación práctica no estranxeiro segundo o expresado no artigo 9.3.g): copia do certificado en que consten as datas de inicio e fin da formación ou o número de meses da súa duración.

De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

3. A documentación presentarase preferiblemente por vía electrónica. Para iso, os solicitantes deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

Para achegar os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a copia simple da documentación presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.

4. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos logo da presentación das solicitudes de inicio. Este modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de empadroamento para acreditar o cumprimento da veciñanza administrativa en Galicia.

d) TDítulo de estudos universitarios acadado, segundo o expresado no artigo 4.3.

e) Tarxeta de demandante de emprego (ou tarxeta de demandante de mellora de emprego) do Servizo Público de Emprego de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Órganos competentes

A Área de Internacionalización do Igape será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das prazas e corresponde ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 9. Instrución dos procedementos

1. As solicitudes serán avaliadas por un comité de selección que estará presidido polo xerente do Igape (ou o seu suplente, en caso de necesidade) e integrado por outros dous membros de entre o persoal técnico do Igape (ou os seus suplentes, en caso de necesidade) designados polo presidente do comité de selección, actuando un deles como secretario.

2. Todos os aspirantes que presentasen a súa solicitude dentro do prazo establecido na resolución da convocatoria, serán convocados a probas eliminatorias de inglés e dos idiomas adicionais indicados na solicitude (chinés, alemán, francés e/ou portugués), que constarán dunha parte escrita e outra oral, nas datas, horarios e lugares de realización que se comunicarán no taboleiro de anuncios e na páxina web do Igape, cun mínimo de cinco días de antelación e poderán celebrarse en calquera data a partir do día seguinte á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. As probas de idiomas terán lugar en Santiago de Compostela, correndo por conta da persoa solicitante, se é o caso, os gastos de desprazamento, estadía e manutención.

Os aspirantes serán cualificados como aptos ou non aptos. Serán aptos os que demostren un nivel mínimo B1 tomando como referencia o marco común europeo de referencia para as linguas e, dentro da cualificación de apto obterase unha puntuación segundo o nivel máximo acadado (nivel B1, nivel B2 ou nivel C1).

Os aspirantes que non comparezan ou non acaden a cualificación de apto na proba de inglés quedarán excluídos do proceso de selección.

3. O comité de selección realizará unha lista provisional segundo a puntuación obtida conforme o seguinte baremo:

a) Proba de inglés; nivel B2: 8 puntos; nivel C1: 10 puntos.

b) Resultado proba de idioma adicional 1 (nivel B1: 8 puntos; nivel B2: 10 puntos; nivel C1: 15 puntos).

c) Resultado proba de idioma adicional 2 (nivel B1: 8 puntos; nivel B2: 10 puntos; nivel C1: 15 puntos).

d) Resultado proba de idioma adicional 3 (nivel B1: 8 puntos; nivel B2: 10 puntos; nivel C1: 15 puntos).

e) Formación específica de posgrao en comercio exterior (máximo 30 puntos nesta epígrafe). Obterá 5 puntos por curso completo de 140 a 299 horas (entre 14 e 29,9 créditos); 15 puntos por curso completo de 300 horas ou máis (30 ou máis créditos); 30 puntos por máster. No caso de titulacións universitarias non preferentes (art. 2.8), o máster en comercio exterior non puntúa por ser condición necesaria. Polo que se refire a esta formación pode exixirse por parte do Igape información adicional da súa acreditación (información da entidade que impartiu a formación, temario curso, formadores...).

f) Outra formación de posgrao relacionada coa xestión empresarial (máximo 15 puntos nesta epígrafe). Obterá 2 puntos por curso completo de 140 a 299 horas (entre 14 e 29,9 créditos); 5 puntos por curso completo de 300 horas ou máis (30 ou máis créditos); 10 puntos por máster. Polo que se refire a esta formación pode esixirse por parte do Igape información adicional da súa acreditación (información da entidade que impartiu a formación, temario curso, formadores...).

A suma total destas puntuacións será como máximo de 100 puntos.

4. A lista provisional, con indicación da puntuación obtida publicarase na páxina web do Igape (www.tramita.igape.es), e abrirase un prazo de 5 días hábiles para que os interesados poidan presentar alegacións e, para presentar a documentación acreditativa das circunstancias alegadas nas solicitudes que faltase.

5. Unha vez analizadas as alegacións o Igape publicará na súa páxina web, www.tramita.igape.es, a listaxe de países de destinos e dotacións das bolsas e concederase un prazo de 3 días hábiles desde o día seguinte ao da publicación para indicar predilección de destino, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://destinosbolsas.igape.es (no caso de non comunicar predilección de destino será a comisión de selección a que o asigne unilateralmente). A asignación de destinos para o período inicial da bolsa será feita polo Comité de selección tendo en conta a puntuación final obtida polos candidatos, os idiomas dos países de destino e as preferencias dos candidatos. No caso de que o número de solicitantes que superen a fase de selección sexa inferior a 40 o Igape publicará unha relación de destinos axustada a ese número inferior.

6. Unha vez asignados os destinos o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección do Igape, en que se reflectirán as prazas concedidas e a lista de reservas para cubrir posibles revogacións ou incidencias, en que se incluirá unha lista cos 40 candidatos propostos como adxudicatarios das prazas ofertadas en función da puntuación obtida no baremo, os idiomas distintos de inglés dos que se examinasen con resultado nivel mínimo B1 e, a preferencia prioritaria marcada no formulario de solicitude sempre que sexa posible, se non é posible adxudicar a primeira opción elixida, adxudicarase a segunda opción.

No caso de empate na puntuación final obtida, o desempate realizarase por esta orde: maior puntuación na proba de idioma inglés, maior puntuación en proba de idioma distinta de inglés, maior puntuación en formación específica en comercio exterior e maior puntuación en formación de posgrao de xestión empresarial.

Así mesmo publicarase: unha lista dun máximo de 50 candidatos en posto de reserva (os 50 seguintes por orde de puntuación). Esta lista de reservas servirá para cubrir posibles renuncias, incidencias, incumprimentos ou bolsas adicionais debido a remanentes orzamentarios. Non poderán concederse bolsas da lista de reservas por un tempo inferior a seis meses tendo en conta o período inicial e o período de prórroga.

Publicarase tamén unha lista de solicitudes denegadas indicando a súa causa de exclusión (que poderá incluír o feito de non acadar a puntuación de corte ou o incumprimento de calquera das condicións para ser adxudicatario) e, unha lista de solicitudes arquivadas debido á súa presentación incorrecta, fóra de prazo, desistencias, ou outras causas de arquivamento.

7. A resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As notificacións de resolucións e actos administrativos que non sexan obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia practicaranse preferentemente por medios electrónicos. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario de solicitude. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

No caso de que opten pola vía electrónica, os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático).

8. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 5 meses contados desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

9. No caso de prórroga terán preferencia na elección de destino os que non tivesen un destino no estranxeiro no primeiro ano.

Artigo 10. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) De forma potestativa, recurso previo de reposición, ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que de acordo co establecido nestas bases reguladoras se produza o acto presunto.

Artigo 11. Modificación da resolución

Calquera alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da bolsa poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ben por instancia da persoa solicitante ou de oficio, pola Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, sempre que se cumpran os requisitos do artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Obrigas dos bolseiros

Sen prexuízo doutras obrigas conforme a estas bases e demais disposicións aplicables, os beneficiarios das bolsas quedarán suxeitos ás seguintes obrigas:

a) Incorporarse ao seu destino dentro do prazo fixado na resolución de concesión. A incorporación dos beneficiarios faranse en grupos con diferentes datas de incorporación para facilitar a formación previa. A non incorporación na data establecida na resolución sen que medie comunicación a Igape suporá renuncia á bolsa.

b) Cumprir as normas de conduta da oficina ou entidade de destino do bolseiro.

c) Elaborar e presentarlle ao Igape os estudos, informes ou traballos prácticos durante a duración da bolsa e, antes do remate de cada período (período inicial e, de ser o caso, prórroga), presentar unha memoria final sobre os traballos realizados e, se fose o caso, devolver, no prazo de 10 días desde o remate final, o material non funxible entregado polo Igape para o desenvolvemento da bolsa.

d) Xestionar, tramitar e obter os visados, permisos ou autorizacións exixidos polas autoridades do país ou cidade de destino e presentar unha copia no Igape antes de ocupar o seu destino.

e) Vacinarse e recibir os tratamentos preventivos necesarios para o país ou cidade de destino.

f) Contratar un seguro de enfermidade e accidentes por unha duración equivalente á da bolsa e as súas posibles prórrogas e presentar unha copia no Igape antes de ocupar o seu destino. O bolseiro será dado de alta na Seguridade Social desde o Igape polo que durante a súa estadía en Galicia terá a cobertura sanitaria da Seguridade Social, así como da mutua correspondente no caso de accidente laboral ou enfermidade profesional. Así mesmo, tamén terán cobertura sanitaria as estadías en países do Espazo Económico Europeo onde teña validez a tarxeta sanitaria europea.

g) Comunicar ao Igape a obtención doutras bolsas ou axudas de carácter similar, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade ao aboamento da bolsa.

h) Reintegrar a bolsa percibida, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

j) Todo isto, sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) Dispoñer dun ordenador (agás que no destino a que se asigne o bolseiro dispoña de medios informáticos, o que se lle comunicará ao bolseiro antes da súa incorporación ao destino) e conexión á internet durante todo o tempo de desfrute da bolsa dado que é necesario para a realización das labores da súa formación.

Os requisitos mínimos do ordenador son:

• Procesador de 64 bits (×86).

• 4 GB de memoria do sistema.

• Disco duro de 120 Gb Serial ATA a 7200 rpm.

• DVD+/-RW SATA SuperMulti Doble Capa con LightScribe.

• Conexión de rede Gigabit Ethernet (10/100/1000 NIC) integrada.

• Tecnoloxías inalámbricas: o LAN 802.11 a/b/g/N.

• Portos E/S externos: o Portos USB 2.0.

• 1 × RJ-45.

• Teclado Touchpad.

l) Participar nas actividades formativas que organice o Igape durante a bolsa, presenciais (no caso de destino en Galicia) ou en liña.

Artigo 13. Xustificación e pagamento das bolsas

1. A dotación da bolsa aboarase ao bolseiro en cinco pagamentos segundo o seguinte detalle:

a) Un 5 % da dotación unha vez ditada a resolución de concesión da bolsa.

b) Un 35 % da dotación unha vez que se incorpore ao destino asignado.

c) Un 25 % da dotación ao termo do primeiro trimestre e cumpridas as obrigas da bolsa nese período.

d) Un 25 % da dotación ao termo do segundo trimestre e cumpridas as obrigas da bolsa nese período.

e) Un 10 % á finalización do prazo de duración da bolsa e cumpridas totalmente as obrigas da bolsa.

2. No caso de prórroga os pagamentos serán segundo o seguinte detalle:

a) Un 60 % da dotación ao inicio da prórroga.

b) Un 30 % da dotación ao inicio da segunda metade da prórroga e cumpridas as obrigas da bolsa do período anterior.

c) Un 10 % á finalización do prazo de prórroga da bolsa e cumpridas totalmente as obrigas da bolsa.

3. Exclúense dos anteriores pagamentos a contía para gastos de visado e desprazamento indicada no punto 5.2.a), que se aboará polo Igape ao bolseiro previa presentación de solicitude de cobramento trimestral unha vez sexan realizados os gastos e correctamente xustificados, con entrega dos xustificantes e do informe da actividade realizada no caso de desprazamento a eventos ou reunións, e os gastos do artigo 5.2.b) que serán aboados previa presentación de solicitude de cobramento por parte do bolseiro unha vez realizado o gasto e xustificado este.

4. A dotación e o calendario de pagamentos das bolsas outorgadas por renuncias estableceranse na resolución de concesión da bolsa en función do período do seu desfrute.

5. A concesión do anticipo establecido nas letras a) e b) dos números 13.1 e 13.2 anteriores será obxecto de resolución motivada. O importe conxunto dos pagamentos á conta e do pagamento anticipado non excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario e pode acadar ata o 90 % da subvención previa autorización polo Consello da Xunta nos termos previstos nos artigos 62.2 e 62.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

6. O bolseiro dispón dos quince días hábiles seguintes ao cumprimento de cada período de pagamento establecido nos números 13.1, 13.2 e 13.3 destas bases, para solicitar o pagamento da bolsa, así como os gastos de desprazamento devindicados no dito período e enumerados no número 5.2.b). Deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet (http://tramita.igape.es).

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente.

A solicitude de cobramento presentarase mediante o formulario normalizado que a título informativo figura como anexo II a estas bases, na cal será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou en que este sexa erróneo (sexa porque teñen un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, previo requirimento formulado para tal fin.

7. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para iso, os solicitantes deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos establecidos no artigo 13.9. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

Para achegar os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Opcionalmente, unha vez xerada a solicitude de cobramento, tamén se poderá presentar presencialmente no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario de solicitude normalizado (anexo II), acompañado das copias simples dos documentos relacionados no artigo 13.9. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo beneficiario, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

8. No caso de que esta solicitude non se presente no prazo establecido ou se presente de forma incorrecta, requirirase ao beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. No caso contrario comportará a perda total ou parcial da bolsa concedida, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento.

9. Xunto coa solicitude de cobramento, o bolseiro deberá presentar:

a) Para solicitar o cobramento dos pagamentos trimestrais previstos no artigo 13.1.c) e d):

1º. Informe actualizado das actividades realizadas no trimestre correspondente.

2º. Informe de vida laboral do bolseiro durante o período de prácticas formativas que leve executado.

b) Para solicitar o cobramento do pagamento final previsto no artigo 13.1.e):

1º. Memoria final das actividades realizadas.

2º. Informe de vida laboral do bolseiro durante o período de prácticas formativas que leve executado.

c) Para solicitar o cobramento do pagamento previsto no artigo 13.2.b):

1º. Informe actualizado das actividades realizadas no período correspondente.

2º. Informe de vida laboral do bolseiro durante o período de prácticas formativas que leve executado.

d) Para solicitar o cobramento do pagamento final previsto no artigo 13.2.c):

1º. Memoria final das actividades realizadas.

2º. Informe de vida laboral do bolseiro durante o período de prácticas formativas que leve executado.

10. Con carácter previo ao pagamento, os beneficiarios deberán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da comunidade autónoma.

11. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación presentada e as declaracións da solicitude de cobramento poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 14. Certificado da bolsa

Tras a presentación no Igape da memoria final das actividades realizadas, o bolseiro terá dereito a recibir un certificado de beneficiario da bolsa concedida. Non se recibirá certificado no caso de renuncia á bolsa antes de que transcorran 6 meses desde o inicio.

Artigo 15. Incumprimento da bolsa

1. Procederá a revogación da bolsa e, se é o caso, o reintegro das cantidades anticipadas e os seus xuros de demora devindicados desde o seu pagamento, cando o bolseiro incumpra calquera das bases da convocatoria ou os compromisos contraídos na resolución de concesión, así como nos casos previstos nos artigos 33 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En calquera momento o Igape poderá comprobar, mediante os mecanismos de inspección e de control que considere convenientes, as actividades formativas dos beneficiarios relativas á bolsa concedida.

2. Ao termo do primeiro semestre o Igape revisará o cumprimento do programa de formación asignado e resérvase a facultade de revogar a bolsa se o bolseiro incumpre as súas obrigas, sen que sexa por algunha causa xustificada ou motivo de forza maior.

3. No caso de que o bolseiro renuncie á bolsa concedida deberá comunicalo ao Igape por escrito con polo menos 15 días de antelación á data en que abandone o seu posto. Este prazo establécese con carácter xeral sen prexuízo de que por causas xustificadas non poida cumprirse o dito prazo. No caso de renuncia antes de que transcorran 6 meses desde o inicio da bolsa considerarase incumprimento total. O incumprimento total conleva a devolución de todas as cantidades percibidas excepto o aboado en concepto de gastos de desprazamento.

4. Nos casos de incumprimento parcial, a cantidade anticipada que se devolva obterase pola diferenza entre a dotación percibida ata o momento da renuncia e a que lle corresponde polos días efectivamente gozados.

5. En todo o non regulado nestas bases rexerá o disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V, capítulos I e II do Decreto 11/2009, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 16. Control

Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe o Igape e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas, así como ás que poidan efectuar os órganos competentes da Unión Europea. Neste senso, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que sexa requirida polo ditos organismos.

Artigo 17. Interpretación

Correspóndelle ao director xeral do Igape a facultade de ditar as disposicións necesarias para a aplicación das axudas previstas nestas bases, así como para resolver as dúbidas concretas que se susciten na súa aplicación.

Artigo 18. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as axudas concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da axuda, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no número 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 19. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorízase polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Beneficiarios-Terceiros», cuxo obxecto, entre outras finalidades é xestionar estas bases reguladoras, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape. Quen no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poidan ser necesarios achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro s/n, 15703 de Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es

Artigo 20. Remisión normativa

En todo o non previsto nestas bases, será de aplicación o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, o Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file