Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 25 de abril de 2018 Páx. 22041

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2018 pola que se convoca o curso monográfico Mindfulness produtivo.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 20/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico Mindfulness produtivo, de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

O mindfulness ou atención plena consolidouse recentemente como unha ferramenta destinada a incrementar a concentración, cuxa práctica habitual pode repercutir nunha mellora do rendemento e a creatividade, da consciencia dun mesmo e o control do estrés. No ámbito laboral relaciónase cunha mellora do clima laboral e a produtividade, así como da comunicación e o compromiso e implicación do persoal.

O curso ten como obxectivo dotar de ferramentas o persoal empregado público para aumentar a súa capacidade de concentración, aprender a regular as emocións e a responder a calquera situación da forma adecuada. Ademais, incidirase na detección dos patróns de pensamento nocivos, mediante o uso da atención plena para potenciar a autoestima, as relacións persoais, a concentración, a consecución de obxectivos e o control do estrés. Todo isto enfocado a mellorar a produtividade, eficacia e eficiencia do alumnado no seu ámbito profesional.

2. Contidos.

A través da realización de diversas actividades, proporcionaranse ao alumnado técnicas necesarias para a xestión das emocións e o estado de ánimo, a meditación, a mellora da atención e a tranquilidade, a concentración e consciencia.

3. Persoas destinatarias.

O curso diríxese ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma e das universidades do Sistema universitario de Galicia.

4. Desenvolvemento.

Data: martes, 8 de maio de 2018.

Horario: de mañá e tarde.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Duración: 8 horas lectivas.

5. Número de prazas: 40.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP https://egap.xunta.gal/matricula/.

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 1 de maio de 2018.

Todas as persoas solicitantes, excepto as que pertenzan á Administración autonómica ou á Administración de xustiza, deberán acreditar por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal a súa condición de persoal empregado público na data de publicación desta convocatoria.

Serán excluídas aquelas solicitudes que non xunten a dita certificación ou que se reciban con posterioridade ao último día habilitado para a inscrición, é dicir, o 1 de maio de 2018.

Poderase obter calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41 e 981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

8.1. Na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais contados desde o día da súa publicación.

8.2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase, no mesmo espazo, a listaxe definitiva das persoas admitidas no curso.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/as responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días naturais anteriores ao comezo da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para iso poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

9.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberanse xustificar documentalmente ante os/as responsables da actividade formativa nun prazo máximo de dez (10) días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia á actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

11. Certificado de asistencia oficial.

Ao final do curso emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública