Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 25 de abril de 2018 Páx. 22027

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 16 de abril de 2018 pola que se regula o uso de instalacións xuvenís dependentes desta consellería en réxime de oferta concertada durante a campaña de verán de 2018.

Mediante a presente orde preténdese articular a utilización das instalacións xuvenís das cales é titular a Consellería de Política Social, consciente de que as asociacións xuvenís e as entidades que desenvolven actividades para a xuventude non sempre dispoñen dos medios e instalacións adecuadas para iso. En consecuencia, co obxecto de facilitar á mocidade o acceso a instalacións xuvenís para o desenvolvemento de programas de lecer e tempo libre sen ánimo de lucro, durante a campaña de verán 2018, isto é, durante o período comprendido entre o 15 de xuño e o 30 de setembro, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

A Consellería de Política Social convoca a presente oferta de uso das súas instalacións xuvenís para a campaña de verán do ano que corre –que comprende do 15 de xuño ao 30 de setembro–, nos termos que se establecen nesta orde e de acordo coa distribución de prazas que se recolle no anexo I (código de procedemento BS304A).

Artigo 2. Servizos ofertados e duración das quendas

O uso das instalacións ofertadas suporá dispoñer:

a) Dos servizos de auga, gas, electricidade e alimentación en réxime de pensión completa.

b) Do material (excepto o correspondente ás actividades que a entidade ou grupo vaia desenvolver na instalación) que, no caso dos campamentos, comprende tamén as tendas de campaña, colchóns e mantas.

c) Xerencia e persoal de servizo.

A duración das quendas e as instalacións ofertadas serán as recollidas no anexo I desta orde.

O primeiro servizo de alimentación será a comida do día da incorporación e o último, o almorzo do día seguinte ao último día de estadía concedido.

Artigo 3. Entidades e grupos destinatarios

Poderán solicitar o uso das instalacións de referencia:

1. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as escolas de tempo libre, debidamente constituídas e legalizadas.

2. Os consellos locais e municipais de xuventude.

3. Corporacións locais.

4. Outras entidades públicas ou privadas que realicen actividades coa xuventude.

5. Grupos de persoas mozas non asociadas que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para efectos de realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas. Unha persoa integrante do grupo asumirá o papel de representante deste e, como tal, será responsable do cumprimento das obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden. Será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique.

Artigo 4. Solicitude

4.1. Presentación de solicitudes:

a) Solicitudes presentadas por entidades locais, outras entidades, asociacións e escolas de tempo libre:

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que sexa realizada a emenda.

b) Solicitudes presentadas por grupos de persoas mozas non asociadas:

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4.2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4.3. No número de prazas solicitadas incluiranse as correspondentes ás persoas integrantes do equipo de animación no caso de que a instalación se solicite para o desenvolvemento de actividades de tempo libre. Así mesmo, incluiranse as persoas que acompañen as persoas mozas en calidade de responsables destas, ou outro persoal que vaia estar na instalación durante o período solicitado.

4.4. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4.5. No suposto de presentación electrónica obrigatoria, a documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No suposto de presentación electrónica ou presencial, a documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

Consultaranse tamén os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o número de rexistro correspondente:

a) Inscrición no Rexistro de Entidades Xuvenís da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

b) Inscrición no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Criterios de adxudicación

1. Para a adxudicación do uso das instalacións ofertadas establécese a seguinte orde de preferencia:

a) Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude e escolas de tempo libre domiciliadas na Comunidade Autónoma galega, e inscritas no correspondente censo ou rexistro dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

b) Consellos locais e municipais de xuventude galegos.

c) Corporacións locais galegas.

d) Grupos de persoas mozas galegas non asociadas que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para efectos de realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas.

e) Outras entidades públicas ou privadas, domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, que o soliciten con fins asistenciais.

f) Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude, escolas de tempo libre, entidades que realicen actividades coa xuventude e grupos de persoas mozas, domiciliados noutras comunidades autónomas.

2. Pola súa banda, dentro do previsto no número anterior, terán prioridade:

a) As que soliciten un maior número de prazas ata o tope máximo de cada instalación fixado no anexo I.

b) As que soliciten un maior número de días ata o tope máximo de cada instalación fixado no anexo I.

c) As solicitudes das entidades que cubran as prazas por convocatoria aberta e non reservadas exclusivamente aos/ás seus/súas membros ou ás persoas asociadas.

d) As entidades que non dispuxeron de prazas en réxime de oferta concertada, durante a campaña de verán, no último ano (ou, no caso de empate, nos dous últimos anos), agás que renunciasen a prazas concedidas; neste caso, atenderase ao previsto no número 3 deste artigo.

e) As que subvencionen o total ou parte da cota que teñen que pagar as persoas participantes.

Artigo 8. Instrución e resolución

As solicitudes presentadas serán examinadas por unha comisión de valoración constituída para o efecto, e que estará integrada por:

a) A persoa titular da xefatura do Servizo de Actividades para a Xuventude, que a presidirá.

b) As persoas titulares das xefaturas dos servizos de Xuventude e Voluntariado das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social ou a persoa funcionaria en quen deleguen.

c) Unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado designada polo/a director/a xeral, que actuará como secretaria.

O uso das instalacións xuvenís para a campaña de verán do ano 2018 será resolta pola persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, por proposta da comisión de valoración.

As resolucións recaídas serán motivadas e notificaranse ás entidades interesadas no prazo máximo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde. Se vence o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, entenderase desestimada.

Artigo 9. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo/a interesado/a, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se esta for expresa, ou seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 11. Dispoñibilidade das prazas non ocupadas

1. No caso de que unha vez adxudicadas as prazas conforme os artigos precedentes quedasen prazas sobrantes, estas poranse á disposición de calquera entidade ou grupo interesado que cumpra os requisitos do artigo 3, mediante a apertura dun novo período de solicitudes en fase de resultas.

As prazas dispoñibles nesta fase de resultas serán publicadas na páxina web de xuventude (http://xuventude.xunta.es/).

2. Unha vez publicadas as prazas dispoñibles, as entidades e grupos interesados remitirán a súa solicitude de prazas, mediante un correo electrónico, ao enderezo ofertaconcertada.benestar@xunta.gal, cunha antelación mínima de sete días á data de inicio da estadía que se solicita.

As entidades e os grupos que remitan o anexo de solicitude no prazo do artigo 4 e non resulten adxudicatarias, por aplicación dos criterios recollidos no artigo 7, terán prioridade respecto doutras entidades e grupos solicitantes que as demanden por primeira vez nesta fase de resultas. Disporán da prioridade sinalada durante un prazo de 10 días contado a partir da publicación das prazas de resultas na páxina web.

3. A adxudicación das prazas de resultas realizarase por orde de recepción de solicitudes, sen prexuízo da prioridade sinalada no parágrafo anterior. Para estes efectos, a adxudicación de prazas entre as entidades e grupos solicitantes con prioridade realizarase, así mesmo, por orde de recepción de solicitudes no prazo de 10 días sinalado.

Artigo 12. Reserva das prazas, primeiro pagamento e renuncia

1. Recibida a resolución as persoas beneficiarias están obrigadas, no prazo de 10 días:

a) A ingresar, en concepto de reserva de prazas, o 25% do importe correspondente ás prazas adxudicadas. A dita cantidade non será reintegrable, nin descontable no seguinte pagamento, no caso de que decaia a adxudicación realizada por incumprimento das obrigas expresadas neste artigo, nin se a entidade adxudicataria anula a reserva de utilización da instalación ou reduce o número de usuarios/as previstos/as ou os días de uso solicitado.

b) A presentar de xeito electrónico a seguinte documentación, dirixida ao Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social correspondente á provincia en que estea a instalación adxudicada:

– Breve proxecto de actividades que se van realizar.

– Acreditación da persoa que subscribiu a solicitude como representante da entidade ou grupo solicitante.

– Xustificante do aboamento do 25 % expresado anteriormente.

No caso de grupos de persoas mozas non asociadas, esta documentación deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Se transcorrido o prazo de 10 días desde a notificación da adxudicación non se cumpre o disposto no número anterior, declararase expresamente, a través da oportuna resolución, o incumprimento das condicións da resolución de adxudicación e as prazas adxudicadas quedarán á disposición dos/as demais solicitantes, conforme o procedemento sinalado no artigo 11.

3. No caso de que algunha entidade ou grupo non formal renuncie ás prazas adxudicadas, estas quedarán dispoñibles para calquera solicitante que as demande e cumpra os requisitos exixidos no artigo 3, e conforme o procedemento sinalado no artigo 11. As renuncias deberán formalizarse mediante correo electrónico no seguinte enderezo: ofertaconcertada.benestar@xunta.gal. No caso de non comunicar a renuncia no prazo dos 10 días seguintes á notificación da resolución de adxudicación, na convocatoria seguinte a entidade ou grupo pasará a ocupar o último lugar dentro dos criterios de preferencia e prioridade descritos no artigo 7.

Artigo 13. Autorización de uso temporal

1. Transcorridos 15 días desde a finalización do prazo establecido no artigo anterior, a entidade beneficiaria deberá formalizar o documento de aceptación das condicións particulares de uso da instalación e aboar o 75 % do importe correspondente ás prazas que confirme. A dita cantidade ou a parte proporcional non será reintegrable se o número de persoas usuarias ao inicio da actividade é menor ao confirmado, ou se o número de días é, así mesmo, inferior ao confirmado.

O documento de aceptación das condicións particulares de uso e o xustificante do segundo ingreso presentaranse no Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social da provincia en que estea a instalación adxudicada.

Así mesmo, presentarán a relación das persoas responsables que dirixan a actividade e a acreditación das titulacións exixidas en materia de tempo libre, tendo en conta o disposto no artigo 47 do Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude no caso de que a instalación se solicite para o desenvolvemento dun programa de actividades de tempo libre.

Nos cinco días anteriores ao comezo da ocupación deberá presentarse, no Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial, a relación de persoas usuarias das prazas adxudicadas.

2. Cumpridas as condicións anteriores, a xefatura territorial correspondente da Consellería de Política Social facilitaralle á entidade beneficiaria o documento de autorización de uso temporal da instalación.

Se transcorridos os diferentes prazos establecidos neste artigo as entidades beneficiarias non fan os pagamentos correspondentes, procederase de acordo co disposto no parágrafo segundo do artigo 12 desta orde.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas adxudicatarias estarán obrigadas:

1. A cumprir os requisitos exixidos no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude.

2. A observar as normas de réxime interno da instalación da que sexan adxudicatarios/as, así como as indicacións da persoa responsable desta no referente a aqueles aspectos non recollidos expresamente nas citadas normas.

3. A responder dos actos que se realicen nas instalacións concedidas e das consecuencias que deles deriven, así como de toda responsabilidade civil derivada de calquera acto. As actividades que desenvolva o grupo non teñen a consideración de actividades propias da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, polo que os riscos, accidentes e danos derivados das actividades que desenvolva a entidade ou grupo serán responsabilidade exclusiva da dita entidade ou do grupo adxudicatario.

4. A aboar o importe dos danos que se produzan no material e nos equipamentos da instalación durante o período de uso desta.

5. No caso de que se queiran utilizar as piscinas da instalación adxudicada, cada entidade deberá dispor do seu propio persoal socorrista.

Artigo 15. Tarifas

1. Os prezos dos servizos ofertados nesta orde aparecen recollidos no anexo I da Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado (DOG nº 67, do venres 8 de abril).

Aqueles grupos que figuren inscritos no rexistro da Consellería de Política Social como entidades prestadoras de servizos sociais, gozarán dun desconto do 50% sobre os prezos sinalados no punto anterior.

As asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á xuventude, domiciliadas na Comunidade Autónoma galega e inscritas no correspondente censo ou rexistro dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, terán, así mesmo, un desconto do 50% sobre os prezos sinalados neste punto.

2. O aboamento dos diferentes pagamentos regulados nesta orde efectuarase utilizando os impresos destinados para o efecto, que se atoparán á disposición das persoas interesadas na Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ou en calquera xefatura territorial da Consellería de Política Social.

Artigo 16. Protección de datos

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídas nun ficheiro denominado «Actividades dirixidas á cidadanía» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a: sxt.politicasocial@xunta.gal.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2018

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

ANEXO I

Oferta concertada

Provincia

Instalación xuvenil

Datas

Nº prazas ofertadas

Total de prazas

A Coruña

Albergue xuvenil Mariña Española-Bergondo

15-20 de xuño

120

480

23-28 de xuño

120

Campamento xuvenil Virxe de Loreto-Porto do Son

17-28 de xullo

30

2-13 de agosto

30

13-20 de agosto

90

21-28 de agosto

90

Lugo

Albergue xuvenil Area-Viveiro

21-29 de xuño

120

325

Campamento xuvenil A Devesa-Ribadeo

2-13 de agosto

30

18-29 de agosto

175

Ourense

Campamento Penedos de Xacinto (Entrimo)

15-26 de agosto

100

100

Pontevedra

Campamento xuvenil A Illa de Ons-Bueu

11-17 de agosto

60

290

21-27 de agosto

60

Campamento xuvenil Pontemaril-Forcarei

17-28 de agosto

50

Albergue xuvenil As Sinas-Vilanova de Arousa

2-10 de setembro

120

1.195

missing image file
missing image file