Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 26 de abril de 2018 Páx. 22199

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 16 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o expediente para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial o baile tradicional galego.

En Galicia existe un movemento cultural moi representativo e visible ligado á música e ao baile tradicional. Non se trata só da actividade de asociacións locais senón que provén dunha longa historia de traballo no estudo, documentación, valoración e transmisión da identidade galega a través das súas expresións culturais e en especial do baile.

Desde mediados do século XIX, produciuse un amplo esforzo de revitalización da cultura tanto desde posicións intelectuais como por iniciativas derivadas das masivas migracións, especialmente a América, que artellaron toda unha serie de redes de apoio, para mellorar as perspectivas de futuro e reafirmar a súa identidade.

O baile é hoxe unha expresión artística relevante que, máis aló da beleza estética dos seus movementos harmónicos ou acompasados, ou da súa expresividade e sensibilidade asociada á capacidade e á habelencia física, é unha ferramenta de identificación social, un exercicio de comunicación e afirmación que colabora na cohesión entre as persoas dunha comunidade e que propicia unha canle de comunicación lúdica e activa, convidando o aprecio e o intercambio de coñecementos e experiencias. Ademais, o baile, na súa forma tradicional, sintetiza a expresión dun sentimento especial e dun recurso para interpretar ou facilitar unha actitude ante un feito relevante na vida, xa que introduce outros termos na súa comunicación, diferentes da linguaxe verbalizada ou dos movementos habituais dos faceres cotiás. É así unha resposta, é unha manifestación cultural a un feito vital destacable, desde sentimentos individuais ou colectivos de ledicia, celebración, distensión ata fervor, paixón e outros.

Se ben este fenómeno, de forma xenérica, está moi presente en todas as comunidades do mundo, en Galicia, ou mellor dito, nas comunidades galegas, o baile presenta singularidades tanto pola súa profusa variabilidade xeográfica, pola súa disposición á improvisación e á innovación, como pola extensión xeneralizada en todas as clases ou grupos sociais.

Ademais, posúe moitos elementos e manifestacións de valor cultural asociadas, desde as propias pezas e temas de baile, os instrumentos, a roupa, ou outros moito máis específicos como expresións orais como o aturuxo, en que os intérpretes e o público actúan mutuamente, como mostra da evolución da satisfacción do momento.

Deste xeito o baile tradicional é unha mostra representativa relevante da identidade do pobo galego, así é asumida na actualidade e é unha das súas imaxes e actividades icónicas en especial para as comunidades residentes no exterior ou en relación con actividades promovidas con actos festivos e culturais. Existen asociacións que levan decenas de anos traballando na difusión do baile, tanto no ensino como en diversas mostras e actos, na actualidade organizados en concursos, seráns e romarías.

A Convención da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) para Salvagardar o Patrimonio Cultural Inmaterial, ratificada por España no ano 2006 (BOE núm. 31, do 5 de febreiro de 2006) e vixente desde o 14 de abril de 2015, define o patrimonio inmaterial como os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas –xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que son inherentes a eles– que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural, e que se transmite de xeración en xeración, recreado constantemente polas comunidades e grupos en función do seu ambiente, a súa interacción coa natureza e a súa historia, introducindo un sentimento de identidade e continuidade e contribuír, deste xeito, ao respecto da diversidade cultural e á creatividade humana.

Así mesmo, esta convención entende a salvagarda como o conxunto de medidas encamiñadas a garantir a viabilidade do patrimonio cultural inmaterial, comprendidas a identificación, documentación, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización deste patrimonio nos seus distintos aspectos.

Pola súa parte o Plan Nacional de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, que ten por obxecto coordinar e colaborar na implementación do desenvolvemento da devandita convención da Unesco, afonda na importancia de valorizar o protagonismo das comunidades, grupos e individuos, posuidores e titulares das iniciativas e actuacións encamiñadas á investigación, documentación, promoción, transmisión, formación e difusión das manifestacións inmateriais da cultura.

Ademais, a propia Constitución española, garante a protección dos pobos de España no exercicio da súa cultura e promove o seu progreso; facilita a participación da cidadanía na vida cultural e o seu acceso; e dentro das obrigas dos poderes públicos está a de garantiren a conservación e promoveren o enriquecemento do seu patrimonio cultural, cuxo fomento pode corresponder ás comunidades autónomas en función do seu artigo 148.1.17, que polo exercicio das competencias exclusivas en materia de fomento da cultura e da investigación en Galicia e a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, establecidas no Estatuto de autonomía de Galicia nos artigos 27.19 e 32, son asumidas pola Comunidade Autónoma.

A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, establece no seu artigo 1.2 que o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo, e tamén por aqueles bens ou manifestacións inmateriais de interese para Galicia en que concorran algún dos devanditos valores devanditos e que se atopen en Galicia, con independencia do lugar en que se creasen.

Así mesmo, o artigo 8.2, indica que terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

Tamén o artigo 9.3 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural; e concretamente nos puntos 4º e 5º deste artigo en que se identifican as artes do espectáculo, en especial a danza e a música, representacións, xogos e deportes; así como os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos, respectivamente.

Por último, o artigo 91 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, dispón que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

Tendo en conta todo o exposto e o contido da documentación do expediente, que conclúe sobre o baile tradicional galego que: «(...) se estima representativa e sobranceira para todo o pobo galego, tanto no ámbito territorial da Comunidade Autónoma como no exterior, e á vista do réxime de salvagarda definido na lexislación vixente, estímase xustificada a tramitación da incoación como ben de interese cultural.», exercendo as competencias que me atribúe o artigo 13.1.d) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro) e, en virtude do que dispón o artigo 16. Incoación do procedemento de declaración, da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

RESOLVO:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural, como manifestación do patrimonio inmaterial de Galicia, o baile tradicional galego, segundo a descrición recollida no anexo I desta resolución. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro (24) meses, contados a partir da data desta resolución. Se transcorrido ese prazo non se emitise resolución expresa, produciríase a súa caducidade.

Segundo. Inscribir de forma preventiva o baile tradicional galego como manifestación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicar a resolución ao Inventario Xeral do Patrimonio Cultural Inmaterial do Estado para a súa correspondente anotación preventiva.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto. Notificar a resolución de incoación ás asociacións identificadas como impulsoras do procedemento no expediente e que acreditan unha actividade relevante para a salvagarda da manifestación do patrimonio cultural inmaterial, solicitándolles o seu consentimento para a declaración, colaboración e información para completar a axeitada descrición e medidas da manifestación.

Quinto. Abrir un período de información pública polo prazo de tres meses, contado desde o seguinte día ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para que calquera persoa física ou xurídica poida consultar o expediente e presentar as alegacións e informacións que considere oportunas.

O expediente poderá examinarse na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural (Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 3, 2º andar, en Santiago de Compostela), previa petición de cita.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2018

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

O baile tradicional galego

1. Denominación: baile tradicional galego.

2. Tipo de manifestación:

Artes do espectáculo, en especial a danza e a música, representacións, xogos e deportes (artigo 9.3.a.4º). Tamén se pode entender asociado a usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos, mais para efectos clasificatorios estímase que corresponde incluílos baixo o tipo de manifestación do devandito punto 4º.

3. Descrición:

– Características xerais: o baile tradicional galego é a arte da expresión corporal en sociedade creada polo pobo galego que identifica a súa singularidade respecto dun fenómeno universal nas diferentes comunidades en todo o mundo. É unha manifestación cultural de carácter lúdico, popular e colectivo, que se compón dun conxunto de movementos corporais, cun soporte de elementos melódicos e rítmicos que completan a súa expresión, sostido nun esquema de execución flexible e maiormente improvisado, que para acadar a súa verdadeira expresión social debe contar cun número mínimo de dous participantes en parella, diferenciándose no contexto do folclore peninsular pola particularidade de que se baila de espello. En calquera caso poden destacarse tres particularidades:

- Son bailes de divertimento.

- Representan unha creación social colectiva.

- A improvisación é a súa característica máis importante.

O baile tradicional galego báilase a medida que se improvisa, é unha expresión espontánea sen un significado predefinido, executado coa única finalidade de divertimento nun contexto lúdico e social, o que o distingue das danzas, que ligadas a outras tradicións, tamén moi antigas, teñen un sentido de pertenza, de ciclos vitais ou temporais, relixiosos... ou nun contexto máis actual, artísticos ou convencionais. O baile tradicional galego, tal e como se manifesta na actualidade, ten a particularidade de que na súa formalización maniféstanse as influencias recíprocas entre distintos pobos, debido a interpretacións socioculturais e comerciais, que propiciadas polas migracións asociadas e tan presentes nas comunidades galegas, producen unha continua transformación, incorporando e transformando en propios, elementos dos bailes foráneos sempre cun xeito propio de expresión e sendo, polo tanto, o reflexo dunha identidade complexa.

– Contexto xeográfico: o ámbito xeográfico a que circunscribir o baile tradicional galego localízase no territorio da actual Comunidade Autónoma, nos territorios limítrofes onde se observaron manifestacións con semellantes características e nas cidades que protagonizaron os movementos migratorios dos galegos no século XX (especialmente Bos Aires ou A Habana).

– Referencias históricas: os datos documentados escritos sobre corpos de baile formados como tal levan á segunda metade do século XIX e principios do século XX, coa formación dos coros galegos (que aínda continúan en activo e denominados coros históricos), da man de persoas cultas que empezaron a preocuparse pola dignificación do folclore. Estes nacen como forma de asociacionismo musical e, nalgunhas ocasións, tiñan un pequeno grupo de baile que os acompañaba en diversas actuacións como en teatros ou estacións de ferrocarrís, caso das despedidas a emigrantes.

Cabe destacar tamén, falando dos movementos migratorios do século XIX, a importancia que tiveron na transmisión da cultura tradicional as sociedades de apoio creadas polos emigrantes nas súas cidades de destino, e que viñeron en confluír nas casas de Galicia no estranxeiro, que hoxe en día poboan todo o mundo. Estas casas ou centros tiveron un papel fundamental na conservación do baile tradicional galego e na súa propia creación. Con posterioridade, xa no segundo terzo do século XX, o Folclorismo tamén procura unha exaltación da cultura tradicional propia de cada rexión a nivel estatal, de mans de Coros y Danzas da Sección Feminina, mais baixo a premisa dos seus aspectos máis superficiais. Era esta unha organización de educación e formación da muller, tanto en temas políticos como en temas relixiosos, imbricada na estrutura de goberno da ditadura franquista. Nela fórmanse os «Coros y Danzas Populares de los Pueblos de España», onde se aprenden diferentes ritmos propios de cada unha das rexións españolas, mais desde a perspectiva subxectiva das mestras da disciplina, seguindo modelos e tópicos.

Ao remate da ditadura e coa desaparición da Sección Feminina, ao abeiro do novo clima político e social e un reforzado galeguismo, aqueles grupos formados no seo daquela organización continúan a súa andaina integrados en administracións locais ou ben pasan a formar novas asociacións culturais. Nestas arrinca un novo xeito de entender o folclore e comézase a pretender, por medio do traballo de investigación de campo, basear o repertorio en modos de baile máis auténticos a partir da tradición máis pura e real. Percorrendo Galicia, buscando os bailadores e músicos que mantiñan viva a tradición, realízanse gravacións, fotografíanse vestimentas e documéntanse instrumentos orixinais. Trátase dunha etapa de esplendor para a recuperación do baile tradicional galego, da música tradicional, das vestimentas orixinais, etc., o que derivou nun coñecemento moito máis fidedigno e veraz da realidade das nosas tradicións artísticas e unha transmisión dos seus valores máis próxima aos seus portadores.

– Etapas históricas: co fin de establecer un panorama documentado do baile tradicional galego no sentido descrito neste expediente, e que representa a manifestación do patrimonio cultural inmaterial vivo e relacionado coa identidade actual das súas comunidades portadoras, distínguense cinco etapas segundo o contexto social, político e económico nacional e internacional:

- Segunda metade do século XIX comezos século XX. Destaca o nacemento de importantes movementos culturais («Provincialismo», «Rexurdimento» e «Rexionalismo»), que coincide tamén coas primeiras emigracións masivas, organizadas e reguladas polo Estado cara a América, sobre todo Cuba, Brasil e Arxentina, e en que pode destacarse o proceso asociativo dos emigrantes galegos nos seus lugares de destino, sociedades de apoio en xeral e tamén con finalidades culturais (os centros gallegos). Tamén destaca a aparición das primeiras corais que levaban a cabo a súa actividade en vilas e cidades.

- 1916-1936. Etapa en que destaca un sentimento nacional galego e que se manifesta nas «Irmandades da fala» ou a «Xeración Nós», co seu traballo de defensa, cultivo e promoción do idioma e da cultura galega na busca da súa dignificación internacional.

- 1936-1975. Etapa dunha certa aculturación que é coincidente tamén con fondas transformacións socioeconómicas que producen unha quebra na cultura e manifestacións tradicionais. Xorde o «Folclorismo» e unha relación entre o folclore e o servizo ao espírito patriótico do réxime, fomentando un menosprezo do todo o tradicional, cara a unha expresión uniformada e desprovista de raizame.

- 1975-2010. Co remate da ditadura e o comezo da transición, ligada ao nacemento das autonomías na estrutura de Estado que deseña a Constitución do 1978, prodúcese o nacemento e proliferación de agrupacións folclóricas que aínda que proviñan das bases que impuxeron os grupos organizados da ditadura, evolucionan cara a unha difusión e práctica máis ligada á recolleita e o estudo das vellas tradicións, co obxectivo de dignificar e divulgar a cultura tradicional. As agrupacións compleméntanse co traballo tanto afeccionado como científico dos recolledores, persoas que en contacto coa xente de vilas e aldeas, documentan os bailes que bailaba ou lembraba a poboación máis vella.

- 2010-actualidade. Os traballos de recollida, docencia e difusión pasan a complementarse coa recuperación de festas e celebracións anuais como divertimento e a procura da normalización do baile, non como un reduto arcaico dunha sociedade perdida senón como unha actividade viva dunha sociedade dinámica e contemporánea.

4. Características técnicas:

A antropoloxía, a musicoloxía, a xeografía, fan que o baile solto en Galicia teña unhas características especiais e incluso que teña estilos diferenciados dentro da nosa propia terra.

Antigamente, nun pobo bailábase a muiñeira dun xeito e no pobo veciño doutra maneira, con outro estilo; de maneira que a riqueza de puntos, a permisividade na creación do propio baile por medio da improvisación, o grao de asimilación dos bailadores para mudar os puntos e as propias coreografías, fan do baile galego unha tipoloxía única na Península Ibérica. As migracións e os feitos socioeconómicos influíron nos costumes e, polo tanto, no baile, configurando pouco a pouco o seu carácter e personalidade característicos.

En Galicia existen numerosos bailes tradicionais que se poden dividir en dous grandes grupos: os bailes soltos e os agarrados. Esta separación faise atendendo ao contacto físico que hai entre a parella, formada por un home e unha muller: nos agarrados existe contacto físico, non sendo así nos bailes soltos.

• Bailes soltos: este grupo está formado principalmente por dúas formas de baile, dous subgrupos e as súas variantes: a muiñeira e a xota. A primeira é máis antiga que a segunda, e ambas teñen en común que se bailan por un número indeterminado de parellas con coreografía de puntos e de desprazamento de conxunto. Ademais, tanto na muiñeira como na xota non hai contacto físico entre as parellas que as executan. No tipo muiñeira destacan a muiñeira vella, muiñeira das castañolas, ribeirana, carballesa, moliñeira, nova, punteada, baixa ou danza do galo; e na xota, a xota, pateado, fandango e maneo.

* Muiñeira: a muiñeira é o baile de divertimento máis estendido de Galicia que executaban unha ou máis parellas e que tiña normalmente dúas ou tres partes: a volta, o punto e o descanso. Na volta facíanse os desprazamentos de conxunto, xeralmente en roda ou en tallón (tallón: movemento coreográfico), e o movemento sempre comezaba no sentido contrario ás agullas do reloxo. Os puntos normalmente executábanse estando os bailadores colocados en dúas filas: unha de mulleres e outra de homes en fronte. Os puntos eran iniciados por un home que, na maior parte das ocasións, ía colocado na cabezalla da súa fila (guía), e tanto o resto dos homes como mulleres estaban obrigados a seguilo. No descanso ou descanse facíanse desprazamentos laterais ou de adiante atrás, a modo de espera con movementos máis tranquilos e sosegados que servían, sen deixar de bailar, para descansar.

A súa área de localización xeográfica é toda Galicia sen excepción, habendo muiñeiras tamén en Zamora, León, Asturias ou no norte de Portugal. É un baile alegre e vivo que ten moitas variantes e denominacións en todo o país: nova, baixa, punteada, chouteira, repunteada, redonda, carballesa, ribeirana, moliñeira ou contrapaso e contradanza. É innumerable a cantidade de movementos e puntos que existen desta disciplina de baile en Galicia, xa que en aldeas veciñas xa contamos con movementos diferentes. De ritmo seis por oito, interpretábase por infinidade de instrumentos e formacións musicais: as cantaban mulleres, por exemplo, que se podían acompañar de calquera tipo de instrumento de percusión tradicional (pandeiro, pandeireta, cunchas, lata de carburo ou pimentón, pratos con dedais, etc) ou tamén ir elas acompañadas do gaiteiro e redobrante, cuarteto de gaitas, charangas ou murgas, bandas de música, etc.

* Muiñeira vella ou ribeirana: considerado o baile de divertimento máis antigo de Galicia, a muiñeira vella localízase xeográficamente na Costa da Morte e na súa área de influencia (Mariñas, Bergantiños e Terras de Soneira). Esta antiga muiñeira é un baile composto ou ben por unha parella, ou ben por dous homes e dúas mulleres, ou por tres homes e tres mulleres. A súa característica máis importante é a diferenza entre a maneira de bailar do home e da muller, así como os seus diferentes movementos. Mentres os homes bailan uns cara a os outros a modo de rifa como se dunha competición se tratase (sacando puntos, saltando, taconeando e aturuxando), as mulleres bailan con absoluta independencia facendo cos pés distintos desprazamentos, moi miúdos, describindo símbolos do infinito e distintos círculos concéntricos. Ademais, as mulleres bailan sempre sen levantar os pés do chan e no sentido contrario ás agullas do reloxo. A coreografía de conxunto é moi complicada con relación aos outros bailes de divertimento do país, sendo o máis destacable as catro posicións que facían para marcar os catro puntos cardinais (denominábase: aos «Catro ventos»). O seu ritmo era un pulso ternario con cadencia propia, e a súa música estaba interpretada por mulleres acompañadas de pandeiretas que cantaban ao mesmo tempo que acompañaban os bailadores na execución das distintas partes da coreografía do baile e dos seus movementos.

Este baile de divertimento tamén podía ser un baile de cerimonia, normalmente de voda, onde as mulleres bailaban acompañándose dunha regueifa (tipo de pan artesán), que poñían na cabeza, e que era feita de pan trigo ou de pan de ovo; adoitaban adornar a regueifa con fitas, flores, ovos e froitas cun camarín feito con dous paus cruzados na súa cima. Noutros casos bailaban con un vaso cheo de viño ou cunha botella, incluso con cestas, e facíano para amosar as súas facultades como bailadoras.

* Muiñeira das castañolas: tamén chamada, dependendo da zona: danza do galo, rabo do raposo ou rabela. Trátase dun tipo de muiñeira coetánea á muiñeira vella e, polo tanto, tamén podemos considerala un dos bailes máis antigos de Galicia. Localízase xeograficamente nas Terras de Santiago e a súa zona de influencia abarca desde Rianxo ata Santa Comba. Este baile, que poderíamos calificar como baile de cortexo, bailábano un número impar de mulleres (tres, cinco, sete, nove, etc.) e un home. Musicalmente acompañábase de gaiteiro e redobrante que tocaban unha muiñeira de ritmo seis por oito, normalmente dividida en dúas partes.

O bailador asistíase de castañolas e movíase facendo puntos e guiando os desprazamentos coreográficos do grupo de mulleres, que adoitaban estar en posición de media lúa ou en fila. As mulleres nesta danza acompañaban, con movemento moi miudiño, os desprazamentos dos puntos do home. Os desprazamentos coreográficos de conxunto eran de traxectoria sinuosa, en roda ou en tallón. Existía unha bailarina principal que se colocaba no medio das outras mulleres e adoitaba ser, en moitas ocasións, a raíña das festas.

* Xota: a xota é o baile tradicional máis popular de toda a península ibérica. En Galicia mudou para a nosa maneira de entender o movemento e, debido a isto, estruturalmente non ten diferenzas coreográficas específicas con respecto á muiñeira, a non ser o ritmo e o propio movemento de seu. Aínda que chegou a Galicia máis tarde que a muiñeira, ambas foron coetáneas e compartiron torreiro (arrimo ou espazo natural pegado ás casas) en todas as foliadas e festas do país.

A xota ten dúas ou tres partes igual que na muiñeira: volta, punto e descanse. Na volta fanse os desprazamentos de conxunto que normalmente eran en roda ou en tallón sempre no sentido contrario ás agullas do reloxo.

Os puntos fanse normalmente colocados en dúas filas, unha de mulleres e outra de homes en fronte. Os puntos eran iniciados por un home que normalmente ía colocado na cabezalla da súa fila (guía) e tanto o resto dos homes como as mulleres estaban obrigados a seguilo. No descanso ou descanse fanse desprazamentos laterais ou de adiante atrás a modo de espera con movementos máis tranquilos e sosegados que servían, sen deixar de bailar, para descansar.

O ritmo de tres por catro da xota acompañábase de distintas formacións musicais igual que a muiñeira: as mulleres que as cantaban se podían acompañar de calquera tipo de instrumento de percusión tradicional (pandeiro, pandeireta, cunchas, lata de carburo ou pimentón, pratos con dedais..., etc.), ou dun gaiteiro e redobrante, cuarteto de gaitas, charangas ou murgas, bandas de música... etc. Este baile de divertimento ten distintas denominacións dependendo da súa zona: fandango, maneo, pateado, zapateado ou cruzada.

• Bailes agarrados: existen dous tipos de bailes agarrados atendendo á súa antigüidade: por unha banda atopamos a mazurca, a polca e o chotis, e pola outra o pasodobre, o valse, a rumba e a muiñeira corrida. A súa nomenclatura e as súas particularidades caracterizan cada un destes bailes agarrados dependendo da zona, e a súa característica principal é que na maioría dos casos non hai movemento de conxunto e que cada parella baila independente das outras.

A maior parte destes bailes chegaron de fóra de Galicia, ou ben polo camiño de Santiago ou ben por moda das clases acomodadas e urbanas. O salientable é que axiña se incorporaron aos bailes do país formando parte do repertorio dos músicos e do pracer dos bailadores e bailadoras.

5. Nomenclatura básica do baile tradicional galego.

• Partes do baile: a volta e o punto. A volta refírese ao desprazamento de conxunto e o punto ao paso de baile executado na fila. Nalgúns sitios tamén existe o descanso ou descanse. Descánsase na fila, movéndose os bailadores de lado a lado coa música sen deixar de seguir o ritmo. O baile non cesa ata que o gaiteiro ou as pandereteiras deixan de tocar, e non se pode cambiar de parella ata que remate.

• Estrutura: dúas filas, unha de homes e outra de mulleres.

• Punto: os puntos son os pasos de baile, feitos cando se está no sitio coa parella. Aparte están os puntos de volta (para desprazarse en conxunto) e os descansos (acompañamento do corpo ao ritmo camiñando de dereita a esquerda ou de adiante a atrás).

• Guía: bailador que inicia os movementos. Os homes antigamente propuñan os puntos (tamén chamados mudanzas) ou movementos. Dependendo da zona iniciaba o punto o que ía diante, ou íanse alternando desde o primeiro ata o último para volver a comezar, ou iniciaban o punto indistintamente.

• Posicións do pé: plano, planta, media planta e punta.

• Puntear: é o movemento de pé ao estilo galego, significa bailar na punta do pé, co talón en alto.

6. Cronoloxía e ámbitos de desenvolvemento.

Tradicionalmente o baile tiña un protocolo de inverno e de verán. No inverno bailábase tres días da semana nos sobrados das casas ou nas cortes do gando ao caer o día á luz do candil. No verán os bailes eran ao aire libre, romarías, seráns, ruadas, foliadas, etc.

O marco temporal e espacial en que o baile tradicional galego se manifesta na actualidade non responde a un calendario ou a unha localización precisa. As condicións en que se produce na actualidade están ligadas ao ámbito de desenvolvemento das actividades das asociacións e colectivos que promoven os eventos relacionados co baile tradicional galego, ao redor de ciclos en celebracións de seráns e foliadas, asociados a eventos culturais ou festivos.

O baile tradicional é o eixo central ao redor do cal xiran varias actividades en seráns e foliadas: concursos, obradoiros de baile e artesanía galega, actuacións, torneos e xogos populares ou actividades gastronómicas relacionadas con produtos locais, días da muiñeira e festivais internacionais de folclore, en que o baile tradicional e a súa transmisión é unha mostra da salvagarda dos coñecementos e manifestacións inmateriais que se conservan e que se ten vocación de transmitir, polo seu carácter identitario e de comunidade.

O baile tradicional, fóra de que se desenvolva en calquera lugar en que unha parella ou un grupo de xente decida bailar segundo lles aprenderon e a súas propias vontades e habelencias, na actualidade difúndese no marco de eventos, xeralmente apoiados no marco de actividades públicas ou organizadas polas asociacións, en espazos relevantes da vida urbana, nas vilas e en menor medida en festividades parroquiais, en instalacións culturais como auditorios ou teatros, tanto ao longo do país como no estranxeiro en múltiples festivais de carácter tradicional e folclórico ao longo de todo o mundo, ligado ao denominado, no ámbito internacional, como músicas do mundo.

7. Aprendizaxe e transmisión.

O baile tradicional é o resultado dunha tradición que se aprende dun xeito informal, sen escola regrada. A difusión entre xeracións do baile tradicional realizouse mediante mecanismos de transmisión visual e dos factores a través dos cales esta opera:

• A continuidade: a evolución do baile que liga pasado e presente.

• A variación: xorde das achegas individuais e das influencias foráneas.

• A selección: a elección instintiva das variantes que máis gustan á comunidade.

O modo aprendizaxe do baile tradicional era a visualización e a práctica desde pequeno. Tratábase dun tipo de aprendizaxe por repetición e asimilación visual e ultrasensorial –en canto á improvisación se refire–, de maneira que os que mellor bailaban eran os mestres que ensinaban os fillos, os veciños, etc. Por exemplo, os homes cando levaban o gando e mentres este pastaba, cravaban un pau na terra e inventaban, preparaban, creaban os puntos que ían sacar logo no momento de baile. A improvisación, de novo, foi o factor que máis influíu na riqueza de movementos.

Na actualidade esta transmisión opera baixo outros parámetros, produto da mudanza socioeconómica e cultural que se produciu, que acompaña as sociedades en que se transforman as comunidades agrícolas en urbanas e se aumenta a difusión e aculturización global ligadas aos medios de comunicación masivos.

Non existe un rexistro tradicional ou partituras escritas que permitan coñecer con precisión o antigo xeito de bailar ao estilo tradicional galego. Sendo a improvisación a particularidade máis sobresaínte a nivel creativo dentro do folclore nacional –xa que cada bailador foi modificando os puntos coñecidos e adaptándoos ao seu estilo persoal–, non é posible recuperar de forma idéntica antigos movementos, se ben este non é o seu valor esencial. Na actualidade, e co traballo nas últimas décadas das persoas que recollían e documentaban o testemuño dos informantes e da poboación de máis idade, procurase un coñecemento das coreografías ao estilo antigo, buscando unha meirande autenticidade e un incremento do repertorio.

8. Función social e significado cultural.

O baile tradicional é unha expresión plástica, estética e emocional de carácter persoal e que se celebra en comunidade, unha expresión corpórea e artística que se circunscribe a uns parámetros e regras de carácter moi xeral, pero que de forma básica é unha celebración, un acto de ledicia e unha expresión que define a quen baila na súa singularidade e tamén como pertencente a una comunidade, e que así se reflicte nas súas particularidades e características diferenciadoras do resto de comunidades. Esta ferramenta identitaria cobrou especial relevancia para o caso galego como instrumento da Galicia emigrada, especialmente durante o século XX, expresando mediante o baile as festas representativas do calendario galego alí onde estivesen. Bailábase e báilase en torno a actividades sociais e celebracións relixiosas, así como se bailaba en xuntanzas de traballos artesanais, en celebracións do ciclo vital dos individuos, en acontecementos sociais da comunidade ou en ofrendas de carácter relixioso ou espiritual.

Na actualidade continúase a bailar en reunións sociais de carácter festivo, en foliadas en que os bailadores e bailadoras se dan cita para desfrutar da música e do baile e se continúan mantendo vivas moitas das danzas de tipo gremial e relixioso máis ancestrais. A evolución do baile tradicional é o testemuño vivo da evolución das comunidades que o asimilan, o transforman e o enriquecen, abrindo modos e modas, reflexo de como a arte bailada tradúcese desde o corazón do tempo que muda.

O baile tradicional galego resulta asemade un exercicio colaborativo e de necesaria comunicación entre xeracións de bailadores, en que se defende a capacidade de participación social con independencia das condicións particulares de cada individuo, e mesmo ensalzando tales diferenzas como enriquecedoras do grupo.

9. Outros elementos relacionados co baile tradicional.

O baile pode producirse sen necesidade de ningún outro complemento que non sexa a peza musical. Se ben cómpre destacar que a súa transmisión e difusión está especialmente ligada tamén á do traxe e o adorno, os instrumentos musicais e outros adobíos e manifestacións de interese que cómpre recoñecer e ligar a esta manifestación.

• O aturuxo: unha manifestación vocal, tamén chamado atruto, aturuto, aturulo, agrúo, agrú, grixido ou ufido, que é un grito antigo, gutural, agudo, forte e prolongado que ten un remate volteado. Emíteno dun só alento os intérpretes ou o público que está a mirar o baile nun momento indeterminado, no decurso dunha peza musical ou cantada, rompendo a monotonía rítmica e avivando a alegría propia do baile de conxunto.

• Os instrumentos musicais: case todos os instrumentos que se usaron para facer música en Galicia están intimamente relacionados co baile tradicional do país, xa que eran os bailadores os que, dalgunha maneira, escollían a formación musical que máis lles gustaba para bailar. Os músicos ou tocadores adaptábanse ao gusto destes. Entre os instrumentos tradicionais, que en calquera caso merecen un estudo de seu e coa suficiente extensión e documentación, cómpre destacar en relación co baile os seguintes:

* Percusión: estes instrumentos servían para facer os distintos ritmos dos bailes e acompañaban tanto as cancións específicas para o baile como a outros instrumentos que levaban a parte melódica (pandeireta, pandeira, pandeiro, ferreñas, cunchas, tamboril, caixa, bombo, bombo con pratos, ferriños, lata de pimentón, lata de carburo, botella de anís, tello con fouce, tarrañolas, tixola con chave, petos e taconeos no chan, palmas, pitos e castañolas).

* Corda: instrumentos que levaban a parte melódica e que tocaban sós ou acompañados de cancións e percusións (rabel, violín e zanfona).

* Vento: eran os máis prezados para tocar ao aire libre ou en lugares amplos e levaban a parte melódica dos distintos ritmos (gaita e requinta –para as formacións máis antigas–, e clarinete, acordeón –diatónico e piano–, saxo, tuba e trombón para as formacións máis modernas: charanga-murga).

• O traxe tradicional: o traxe é a indumentaria que expresa as características etnográficas da comunidade que o porta. A vestimenta pode ter un uso cotián ou ser deseñada para eventos especiais; en todo caso, varía segundo sexo, idade, condición social, estado civil e situación económica. O traxe tradicional está tan ligado ao baile que poderíamos dicir que forma un conxunto. É tanta a súa dependencia mutua, que segundo a moda de levar certas pezas do noso traxe ou a forma de poñelas, influiu dunha maneira clara no movemento do bailarín ou bailarina; polo tanto, a influencia da vestimenta na coreografía e nos puntos do baile reflíctese nas distintas comarcas e rexións de Galicia que adoitaban vestir dunha maneira similar.

Un exemplo claro da influencia dunha peza de roupa sería o calzado: non é o mesmo bailar con zocas, zocos, chancas, con zapato ou descalzo. O calzado marca a técnica de colocación dos pés e, polo tanto, a colocación do resto do corpo.

É de subliñar tamén o caso específico dos traxes de muller, pois segundo foron pasando os tempos e vindo outras modas, as mulleres comezaron a usar roupas máis lixeiras de peso e máis cómodas, mudando o baile, saltando máis e bailando máis alto, tanto de expresión como de intención.

ANEXO II

Medidas de salvagarda

O artigo 1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, ten como obxectivo a protección, conservación, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia constituído polos bens e manifestacións inmateriais que, polo seu valor, deban ser considerados como de interese para a cultura galega a través do tempo e, tamén por aqueles bens e manifestacións inmateriais de interese para Galicia en que concorra algún dos valores sinalados e que se encontren en Galicia, con independencia do lugar en que se creasen. O artigo 9.3 da devandita lei establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e nalgúns casos os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural; e concretamente na alínea a), nos seus puntos 4 e 5, establécese a pertenza ao patrimonio intanxible das artes do espectáculo, en especial a danza e a música, as representacións, xogos e deportes, así como os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos.

Asemade, o artigo 91 dispón que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

As medidas xerais de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial comprometen as administracións públicas para garantir a súa viabilidade, nomeadamente a súa identificación, documentación, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización.

É conveniente o arquivamento e sistematización dos documentos relacionados con este patrimonio cultural para poder ter unha comprensión máis eficaz e completa del, e a súa difusión debe ser incorporada ao ensino tanto formal como o non regulamentado, para mellorar a súa transmisión.

As administracións públicas comprometerán entre as súas actividades, no relativo ás súas competencias, responsabilidades e dispoñibilidades orzamentarias, as medidas que correspondan co rexistro, difusión e valoración do baile tradicional galego, coas accións que permitan a súa permanencia coa busca dunha funcionalidade activa na sociedade e unha imaxe positiva e representativa das súas comunidades e do pobo galego en xeral.

Con este obxecto, ademais das medidas de carácter xeral para a investigación, documentación, inventario e rexistro das diferentes manifestacións de carácter inmaterial e os bens mobles e inmobles asociados a ela, proponse o desenvolvemento das seguintes medidas específicas de salvagarda do baile tradicional:

1. Órgano de xestión para as medidas de salvagarda do baile tradicional.

Consonte o establecido no artigo 71 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para cada ben do patrimonio cultural inmaterial que sexa declarado de interese cultural, poderá establecerse o recoñecemento ou a creación dun órgano de xestión específico que, por resultar representativo das comunidades e organizacións recoñecidas, estea lexitimado para propoñer e establecer as medidas de salvagarda que resulten máis adecuadas para a conservación e transmisión dos seus valores culturais. Os portadores do patrimonio inmaterial deben ser os seus xestores principais a través de persoas, comunidades ou organizacións que teñan unha representación lexítima e a vontade da súa continuidade e transmisión, polo que a Administración debe reservar a súa actividade neste eido en materia de apoio e asesoramento.

Enténdese como portador o depositario da memoria, habelencia técnica e recoñecida capacidade para a execución do baile ou para a súa transmisión e difusión, máis aló do recoñecemento de todas as persoas anónimas que durante séculos mantiveron o baile tradicional vivo. Por iso, e posto que algunhas entidades amosaron o seu interese e a súa disposición tanto para promover esta declaración como para seguir coa tarefa de estudo e difusión, estímase que deben ser recoñecidas as seguintes asociacións: Xacarandaina Asociación Cultural (A Coruña), Cantigas e Agarimos (Santiago de Compostela), Etnográfico das Mariñas (Ferrol), O Fiadeiro (Vigo) e a Asociación Cultural «Cantigas e Flores» (Lugo). Así mesmo, co obxecto de ofrecer asesoramento técnico e apoio organizativo, estímase que deben formar parte do órgano de xestión persoas de recoñecido prestixio que poidan mellorar a eficacia e o alcance das medidas de salvagarda propostas, e persoal responsable en diferentes aspectos relacionados coa difusión da actividade artística.

• Obxectivos e tarefas do órgano de xestión.

Para os efectos das funcións e medidas de salvagarda recollidas nesta resolución, o órgano de xestión terá a consideración de órgano asesor segundo o determinado no artigo 7.2.g) da devandita Lei 5/2016, do 4 de maio. Sen prexuízo do establecido no devandito artigo 71, e sen que a relación supoña unha limitación pechada ou excluínte de todas aquelas actividades que poidan redundar na mellor salvagarda da manifestación, os obxectivos e tarefas específicas deste órgano de xestión, que contarán co apoio técnico e organizativo da Administración autonómica, serán:

* Propoñer o recoñecemento de mestras e mestres do baile tradicional galego, co consentimento das persoas interesadas.

* Colaborar na elaboración dun censo de portadores, en especial das organizacións e asociacións que teñan entre os seus obxectivos o estudo, transmisión e difusión do baile tradicional e os seus elementos asociados.

* Informar sobre o valor cultural de bailes concretos ou danzas que soliciten o recoñecemento ou medidas de salvagarda concretas como integrantes do patrimonio cultural inmaterial de Galicia.

* Informar sobre os documentos técnicos que poidan elaborarse sobre o baile tradicional galego para os efectos de estudar e documentar os seus tipos e características sempre que así se solicite.

* Informar ou propoñer o estudo, documentación e difusión doutros elementos e manifestacións do patrimonio cultural, material ou inmaterial, relacionados co baile, para os efectos do establecemento dunha clasificación, medidas de protección ou salvagarda que poidan resultar necesarios.

* Representar os portadores da manifestación do patrimonio cultural inmaterial con respecto e conforme os criterios e desexos que estes manifesten no eido da súa interpretación e salvagarda.

• Proposta de composición.

O órgano de xestión estará composto por un número mínimo de cinco membros, que acrediten o seu coñecemento da materia, con voz e voto, sen prexuízo de que poidan asistir e ser asistidos polas persoas que se considere necesario en función dos obxectos ou tarefas que se desenvolvan nun momento concreto, e en que os portadores da manifestación ostenten unha maioría dos membros.

Estímase que unha composición axeitada, sen prexuízo da que resulte do proceso de información pública ou de que esta poida ser variada pola propia decisión do órgano de xestión, sería:

* Tres persoas en representación de asociacións que na actualidade se destacasen na defensa e difusión do baile tradicional. Como promotoras deste recoñecemento e con base aos traballos previos realizados proponse a incorporación dun representante de cada unha das seguintes asociacións: Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos, sen prexuízo de que no futuro roten ou varíen a súa composición, segundo os parámetros de funcionamento que poidan establecerse.

* Unha persoa de prestixio recoñecido no ámbito do baile tradicional galego, nomeada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

* Unha persoa do persoal da Administración autonómica dos departamentos competentes na difusión e produción cultural e artística.

2. Censo de mestres, portadores e de asociacións do baile tradicional.

Para o coñecemento e difusión dos portadores do saber e a tradición do baile galego, así como para promover outras medidas de fomento para a súa salvagarda, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural xestionará un censo de mestres, portadores e de asociacións do baile tradicional, de rexistro voluntario, en que as persoas, comunidades ou agrupacións serán anotadas, logo do informe do órgano de xestión, que avaliará a correspondencia do seu saber e actividade coa salvagarda do baile tradicional.

O devandito censo, entendido como unha sección do Censo do Patrimonio Cultural de Galicia, conterá información sobre as persoas e a súa biografía relacionada co baile, incluída a súa idade e ámbito xeográfico, así como, de ser o caso, a referencia ao rexistro audiovisual do seu coñecemento. A anotación no censo requirirá sempre o consentimento explícito das persoas afectadas, agás no caso da recollida e rexistro de documentación antiga en que exista referencia a persoas xa falecidas e que recollan simplemente os datos de interese para a salvagarda do baile tradicional.

O Censo de mestres, portadores e de asociacións do baile tradicional será obxecto de continua actualización, e as súas incorporacións serán anunciadas no Diario Oficial de Galicia e difundidas por medio das tecnoloxías da información e a comunicación, segundo o establecido no artigo 14 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Posto que a función do censo é documentar e difundir os valores culturais dos portadores e asociacións do baile tradicional, a incorporación non suporá, en ningún caso, a cesión dos dereitos, obrigas ou responsabilidades dos incluídos nin implicará obrigas nin responsabilidades subsidiarias para a Administración das súas actividades ou tarefas.

3. Bens mobles.

Como medida de salvagarda complementaria, e vistas as consideracións que o órgano de xestión do baile tradicional como ben de interese cultural, poderá promoverse o estudo e documentación dos bens mobles asociados a esta manifestación, en especial os recollidos nesta resolución, en concreto as vestimentas, as alfaias e outros afeites e adobíos relacionados co baile, así como os instrumentos musicais, ou elementos identificativos dos grupos, agrupacións ou asociacións, como bandeiras, pendóns ou estandartes.

Tamén poderán ser de interese polo seu valor cultural relacionados co baile tradicional as imaxes, coleccións, fondos e arquivos bibliográficos ou documentais que teñan unha inmediata relación co seu estudo, historia ou a das persoas, asociacións ou agrupacións relevantes na súa promoción e salvagarda.

4. Investigación.

Investigación e recollida doutras manifestacións inmateriais relacionadas co baile tradicional, en concreto as danzas e representacións ligadas a ciclos anuais ou festividades relixiosas, con especial mención á terminoloxía asociada e as súas peculiaridades e significación social e colectiva, ou as pezas e composicións musicais que as acompañan.

En calquera caso, os devanditos traballos poderán estenderse, na medida en que a información dispoñible ou os indicadores sobre a eficacia das medidas de salvagarda o aconsellen, á identificación de bens mobles e inmobles relacionados co baile tradicional galego (lugares, instalacións, edificios...).

5. Difusión.

A información, rexistros e censos que se elaboren, así como outra información sobre actividades de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial do baile tradicional, será posta ao dispor de calquera persoa interesada a través das plataformas dixitais institucionais da Xunta de Galicia, sen prexuízo de que poida chegarse a acordos necesarios para que toda a información, ou parte dela, poida ser empregada por asociacións, grupos ou colectivos cos mesmos obxectivos de protección, conservación e difusión do patrimonio cultural.

Así mesmo, procurarase a colaboración destas organizacións na elaboración das medidas de salvagarda, no monitoreo da súa eficacia e na necesaria revisión e implementación de medidas complementarias de salvagarda que se conclúan como necesarias.

6. Outras actividades de salvagarda.

Recoñécense como actividades que colaboran a salvagarda da manifestación do patrimonio cultural inmaterial do baile tradicional galego aquelas que promovan o encontro e participación ao redor das celebracións e os lugares propios, en especial as ruadas, foliadas e romarías, así como os encontros e seráns centrados nas mostras do baile, así como todas aquelas actividades culturais que se centren nas persoas portadoras do saber e das súas singularidades e características biográficas, tanto con carácter científico como de divulgación.

Ampliar e difundir este coñecemento debe colaborar, así mesmo, a que os procesos de ensino e aprendizaxe sexan máis auténticos e baseados realmente na transmisión tradicional ou nos termos que resulten máis adecuados para a conservación dos seus valores.

Os traballos dirixidos á descrición e rexistro do baile galego, en especial das persoas que son portadoras das súas modalidades e experiencias máis antigas e menos coñecidas, son unha ferramenta esencial para a súa salvagarda, permitindo o seu coñecemento e difusión. O mecanismo de rexistro dixital que albergue a historia, as imaxes e as gravacións para a súa conservación é un proceso do máximo interese como actividade de salvagarda.