Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 26 de abril de 2018 Páx. 22162

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

ORDE do 20 de abril de 2018 pola que se modifican os anexos II, III e VI do Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, e se regulan os procedementos de autorización, declaración responsable e comunicación final de aproveitamentos madeireiros.

A Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, contén a regulación estatal básica en materia de montes. Esta lei foi modificada pola Lei 21/2015, do 20 de xullo, que deu unha nova redacción ao artigo 37, relativo aos aproveitamentos madeireiros e leñosos. O artigo 37, actualmente en vigor, da Lei 43/2003, do 21 de novembro, distingue tres tipos de actuacións que debe realizar o titular da explotación do monte cando queira executar un aproveitamento, que son os que seguen: cando exista un instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado, o titular da explotación do monte debe remitir ao órgano forestal unha declaración responsable do aproveitamento; cando non existan tales instrumentos, o titular da explotación deberá dispoñer da preceptiva autorización administrativa previa, agás cando se trate de aproveitamentos madeireiros a quenda curta ou domésticos de menor contía, caso en que deberá efectuar unha comunicación, mediante declaración responsable. Así mesmo, o titular dun aproveitamento madeireiro ou leñoso cuxos produtos sexan obxecto de comercialización debe comunicar a contía realmente obtida ao órgano forestal autonómico no prazo máximo dun mes desde a súa finalización.

No ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobouse a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que, respectando a normativa estatal básica, estableceu unha regulación propia aplicable ao montes ou terreos forestais existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei galega 7/2012, do 28 de xuño, de montes, foi recentemente modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais, co fin de lograr unha maior simplificación administrativa. Esta última lei veu dar unha nova redacción ao artigo 92 da Lei 7/2012, que regula os aproveitamentos madeireiros suxeitos a autorización administrativa nos montes de xestión privada e engadiu un novo artigo 92 bis, que regula os aproveitamentos madeireiros suxeitos a declaración responsable nos montes de xestión privada. Así mesmo, modificou o artigo 94, que pasou a regular as disposicións comúns ao réxime administrativo dos aproveitamentos madeireiros.

A redacción actualmente en vigor do artigo 92 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, exixe que as persoas propietarias dos montes de xestión privada soliciten autorización administrativa para realizar neles aproveitamentos madeireiros cando os montes estean poboados con especies reguladas no anexo I da lei (coníferas e frondosas), cando os montes formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección, cando os montes estean afectados por algunha lexislación de protección do dominio público e cando se trate de aproveitamentos de madeira ou leña queimada susceptible de uso comercial. Esta exixencia de autorización exceptúase, ao igual que na normativa estatal básica, cando o monte estea ordenado consonte co que dispón a dita lei.

O citado artigo 92, de cara a facilitar e axilizar a xestión en favor da actividade forestal, prevé un portelo único e simplifica o réxime de autorizacións exixibles, ao prever, unha autorización única cando os aproveitamentos exixisen, ao abeiro da lexislación sectorial de aplicación, distintas autorizacións administrativas sectoriais de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. Nestes casos a competencia para outorgar a autorización única corresponde ao órgano forestal competente da Comunidade Autónoma, coa solicitude previa dos correspondentes informes aos órganos sectoriais competentes.

Por outra banda, o artigo 92 bis da Lei 7/2012, do 28 de xuño, regula os casos en que a realización dun aproveitamento nun monte de xestión privada non exixe autorización senón declaración responsable. Así, cando o aproveitamento se efectúe consonte co instrumento de ordenación ou xestión aprobado, nos casos de aproveitamentos domésticos, aproveitamentos en zonas afectadas por expropiacións, cortas de arboredo de obrigada execución consonte coa Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e nas cortas de arboredo que sexan obrigatorias cando a consellería competente en materia de montes declare a existencia dunha praga ou enfermidade forestal.

Así mesmo, e consonte coa nova redacción que a Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, lle deu ao artigo 94 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, a persoa titular dun aproveitamento madeireiro ou leñoso cuxos produtos sexan obxecto de comercialización deberá comunicar ao órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio a contía realmente obtida no prazo máximo dun mes desde a súa finalización, de acordo cos procedementos que se establezan para o efecto, consonte o disposto no artigo 104.

Segundo o que establece a disposición derradeira décimo sexta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, que modificou os artigos citados da Lei de montes de Galicia, as medidas de racionalización dos aproveitamentos madeireiros de carácter comercial producirán efectos no prazo de seis meses desde a entrada en vigor da dita lei. É dicir, a eficacia destas previsións quedou demorada ata o día 26 de abril de 2018, polo que urxe dispoñer de medios para facer efectivas estas medidas.

De cara a facer efectivas as exixencias citadas e a súa implementación eficaz e completa estase a tramitar un novo proxecto de decreto que regula de forma pormenorizada os aproveitamentos madeireiros citados e permite aplicar a autorización única nos casos previstos na lei. Porén, mentres se tramite o citado decreto resulta imprescindible regular de forma transitoria as adaptacións dos actuais modelos de solicitudes de autorizacións de corta, notificacións e comunicacións, á normativa en vigor, aprobando os modelos correspondentes ás declaracións responsables e á autorización forestal única.

Actualmente os citados modelos de solicitudes de autorización de corta, de comunicación e notificación para efectuar aproveitamentos madeireiros están regulados nos anexos do Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal. Estes anexos deben ser modificados en aplicación da nova redacción da Lei de montes de Galicia, de tal maneira que sexa posible a súa aplicación.

A disposición derradeira primeira do Decreto 50/2014, do 10 de abril, faculta a persoa titular da consellería competente en materia de montes para modificar os anexos que contén, sempre que a dita modificación estea fundamentada en calquera dos principios xerais incluídos no artigo 3 do dito decreto e na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Efectivamente, a modificación dos anexos está fundamentada na exixencia da regulación do labor das persoas propietarias e persoas titulares dos montes na execución das actuacións silvícolas e no desenvolvemento sustentable dos montes galegos, facilitando a súa conservación, así como tamén na necesidade de permitir a aplicación efectiva da regulación contida na Lei de montes de Galicia, que se dirixe ao cumprimento e respecto de tales principios.

Para facilitar tamén a aplicación da nova regulación legal transcríbense, para efectos clarificadores, aqueles supostos que conforme a dita regulación están suxeitos á declaración responsable e os que están suxeitos a autorización forestal.

En consecuencia, e en aplicación desta habilitación normativa, regúlanse mediante esta orde os modelos de solicitude de autorización para aproveitamentos madeireiros en montes de xestión privada, de declaración responsable para aproveitamentos madeireiros nos ditos montes, e de comunicación final de aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais de xestión privada.

Un elemento esencial na simplificación administrativa das cortas é a información xeolocalizada que, conforme a disposición adicional sétima da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, deben elaborar as distintas consellerías con competencias sectoriais, para facilitar que se coñeza cando os montes ou terreos forestais forman parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou cando están afectados por algunha lexislación de protección do dominio público.

Esta información xeolocalizada, que a lei sinala que deberá publicarse no portal para solicitudes de cortas privadas, cumpre a función esencial de identificar os ditos espazos suxeitos a protección, permitindo aos operadores económicos unha planificación da xestión forestal respectuosa cos ditos espazos.

En concreto, e no que se refire aos xacementos arqueolóxicos, a Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, prevé especificamente que a información xeolocalizada dos ditos xacementos arqueolóxicos identificados ata o momento na Comunidade Autónoma se publique no prazo dun ano desde a entrada en vigor de dita lei.

Neste sentido, e aínda que non se esgotou o prazo para a identificación xeolocalizada dos elementos e espazos suxeitos a protección, xa na data de entrada en vigor da simplificación administrativa a dita información xeolocalizada estará operativa cos datos facilitados polas consellerías competentes, así como por outras administracións públicas. Sen prexuízo da súa necesaria actualización, a referida información brinda un elemento esencial para que os operadores poidan identificar aqueles espazos en que as cortas exixen autorización e aqueles en que se pode presentar unha declaración responsable.

Por imperativo da lei, esta información xeolocalizada debe estar suxeita a unha permanente actualización en que colaborarán as consellerías afectadas. Por iso, en cumprimento da lei, as consellerías realizarán un esforzo permanente para que a información xeolocalizada inicialmente introducida sexa progresivamente actualizada.

Entre tanto, a información xeolocalizada que se pon en marcha desde a publicación desta orde, aínda que non estea totalmente actualizada si se presenta como a ferramenta corporativa de acceso fiable ás afeccións que nela constan, con excepción das afeccións ao patrimonio cultural de Galicia, distintas das que resulten dos plans xerais de ordenación municipal aprobados, que si están incluídas na dita información xeolocalizada.

Isto debe entenderse sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan solicitar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural un pronunciamento específico sobre a protección concreta dalgún ben do patrimonio cultural e o alcance das medidas de protección que é necesario desenvolver nun determinado predio segundo o tipo de actividade.

En virtude de todo o exposto e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto a aprobación dos modelos normalizados de solicitude de autorización, declaración responsable e comunicación final de aproveitamentos madeireiros en montes de xestión privada, que se recollen como anexos II, III e VI desta orde, que veñen modificar e substituír os actuais anexos II, III e VI do Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal.

2. Os procedementos regulados nesta orde habilitaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal e figurarán na guía de procedementos e servizos regulada na Orde do 12 de xaneiro de 2012 cos seguintes códigos:

a) Declaración responsable para aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais de xestión privada: MR604H (anexo II).

b) Autorización para aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais de xestión privada: MR604I (anexo III).

c) Comunicación final de aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais de xestión privada: MR604C (anexo VI).

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación serán os aproveitamentos madeireiros que se efectúen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

CAPÍTULO II

Disposicións comúns aos aproveitamentos madeireiros ou leñosos

Sección 1ª. Medios de intervención sobre os aproveitamentos

Artigo 3. Autorizacións e declaracións responsables de aproveitamentos forestais

1. Os aproveitamentos forestais de madeira e leña necesitan para a súa execución unha autorización ou a presentación ante a Administración forestal dunha declaración responsable, de conformidade co que establecen os artigos 92 e 92 bis da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

2. As cortas de policía, os rareos e os demais tratamentos silvícolas sen aproveitamento comercial non se consideran aproveitamentos forestais para os efectos desta orde e, xa que logo, non requiren autorización administrativa da Administración forestal nin declaración responsable.

3. Tampouco requiren autorización da Administración forestal nin declaración responsable as cortas que se realicen na zona de servidume do dominio público hidráulico, sen prexuízo dos medios de intervención administrativa que poidan establecer outras normativas que resulten aplicables.

Artigo 4. Supostos de autorizacións

1. As persoas propietarias de montes ou terreos forestais privados que desexen realizar neles aproveitamentos madeireiros e leñosos teñen que solicitar autorización da Administración forestal nos seguintes casos:

a) Cando os montes ou terreos forestais estean poboados con especies do anexo I.

b) Cando os montes ou terreos forestais formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección.

c) Cando os montes ou terreos forestais estean afectados por algunha lexislación de protección do dominio público.

d) Cando se trate de aproveitamentos de madeira ou leña queimada susceptible de uso comercial.

Se os aproveitamentos exixisen, conforme a lexislación sectorial de aplicación, autorización administrativa da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, a autorización será única, e o seu outorgamento corresponde, en todo caso, ao órgano forestal competente segundo esta orde, que valorará tanto os aspectos de carácter forestal como, de ser o caso, os derivados da lexislación sectorial que resulte de aplicación.

Para a valoración dos aspectos derivados da lexislación sectorial, o órgano forestal solicitará de maneira preceptiva informe dos órganos ou organismos competentes.

2. Exceptúanse da necesidade da autorización prevista no número anterior:

a) Os aproveitamentos en montes ordenados que se axusten ao previsto no instrumento de ordenación ou de xestión forestal aprobado pola Administración forestal.

b) Os aproveitamentos madeireiros das especies contidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, nos terreos que formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou estean afectados por algunha lexislación de protección do dominio público, sempre que mediante orde das consellerías competentes se aprobasen pregos coas condicións sectoriais a que aqueles deberán suxeitarse, salvo que se trate de aproveitamentos de madeira ou leña queimada susceptible de uso comercial. Non obstante todo o anterior, será precisa a autorización cando se trate de aproveitamentos madeireiros de piñeiro silvestre (Pinus sylvestris).

c) Os supostos recollidos no punto 4 do artigo 5.

Artigo 5. Supostos de declaración responsable

1. Nos montes ordenados, cando os aproveitamentos madeireiros e leñosos se fagan de acordo co instrumento de ordenación ou de xestión aprobado, non se precisará autorización e abondará a presentación dunha declaración responsable con carácter previo ao inicio dos traballos.

2. Fóra do caso previsto no punto anterior, os donos de predios poden realizar aproveitamentos madeireiros e leñosos de masas forestais poboadas das especies que non estean incluídas no anexo I e que non formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección nin estean afectadas por algunha lexislación de protección do dominio público, así como executar cortas a feito, rareos con aproveitamento comercial ou entresacas, presentando con carácter previo ao seu inicio unha declaración responsable de que non concorren as circunstancias que fan precisa a autorización administrativa de acordo co establecido nesta orde.

En masas forestais que cumpran os requirimentos descritos no parágrafo anterior e inclúan pés maiores nunha proporción reducida de especies incluídas no anexo I, poderase admitir o seu aproveitamento cunha declaración responsable, segundo as condicións que se determinan nesta orde. Considerarase que existe unha proporción reducida de especies incluídas no anexo I cando a proporción de especies do anexo I non supere o 10 por cento do número de pés con respecto ao total do aproveitamento. Así mesmo, consideraranse pés maiores aqueles que presenten un diámetro normal igual ou superior a 7,5 centímetros.

3. Nos terreos que formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou estean afectados por algunha lexislación de protección do dominio público, cando se aprobasen mediante orde das consellarías competentes pregos coas condicións sectoriais a que deberán suxeitarse os aproveitamentos madeireiros das especies contidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a declaración responsable do cumprimento dos requisitos contidos nos devanditos pregos substituirá a solicitude de autorización do aproveitamento. Non obstante, exixirase autorización cando a corta afecte á especie piñeiro silvestre (Pinus sylvestris).

4. Quedan de igual forma suxeitos unicamente á obriga de declaración responsable previa ao seu inicio:

a) Os aproveitamentos madeireiros e leñosos para uso doméstico.

b) Os aproveitamentos madeireiros e leñosos en zonas afectadas por unha expropiación.

c) As cortas de arboredo que sexan de obrigada execución de acordo co establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e as que se realicen para a obrigada adaptación ás distancias mínimas sinaladas no anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

d) As cortas de arboredo que sexan obrigatorias cando a consellaría competente en materia de montes declare a existencia dunha praga ou enfermidade forestal, delimite a zona afectada e dite as medidas e tratamentos fitosanitarios para o control e a loita contra a praga.

e) As cortas de arboredo implícitas nas autorizacións outorgadas pola Administración forestal con motivo da autorización dun cambio de actividade forestal a agrícola dos terreos, de conformidade co establecido no artigo 60 da Lei 7/2012, do 28 de xuño.

5. Cando os aproveitamentos requiran unicamente a presentación de declaración responsable segundo o establecido na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, non se requirirá a solicitude de informes previos sectoriais, sen prexuízo das responsabilidades en que incorrese a persoa declarante polo incumprimento das condicións contidas na declaración.

Sección 2ª. Presentación de solicitudes de autorización e declaracións responsables

Artigo 6. Lexitimación para a presentación de solicitudes de autorización e declaracións responsables

1. As solicitudes de autorización e declaracións responsables reguladas nesta orde serán presentadas pola persoa propietaria do monte ou terreo forestal obxecto do aproveitamento, ou pola persoa que represente a anterior nos termos establecidos pola lexislación do procedemento administrativo común.

2. En particular, as persoas físicas ou xurídicas que, en lugar da persoa titular, realicen a xestión ou o aproveitamento dos montes ou terreos forestais poderán solicitar as autorizacións ou presentar as declaracións responsables reguladas nesta orde cando xustifiquen debidamente a súa representación, sexa mediante un escrito de delegación expresa, contrato mercantil ou calquera outro medio de proba válido en dereito.

3. No caso das comunidades propietarias de montes veciñais en man común, as solicitudes de autorización e declaracións responsables deben incluír o acordo previo da asemblea xeral da comunidade propietaria, ben por medio da copia da acta da asemblea, ben por medio de certificación expedida pola persoa titular da secretaría da comunidade.

Artigo 7. Forma de presentación das solicitudes de autorización e declaracións responsables

1. As solicitudes de autorización e declaracións responsables reguladas nesta orde dirixiranse á persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de montes en cuxo ámbito se sitúe o monte ou o terreo forestal obxecto do aproveitamento, ou a maior superficie daquel, no caso de estar situado no ámbito de máis dunha xefatura territorial.

As aplicacións e sistemas de información que se utilicen para xestionar a tramitación destes procedementos garantirán a remisión automática por medios electrónicos das solicitudes de informe aos órganos ou organismos que correspondan en cada caso.

2. As solicitudes de autorización e declaracións responsables presentaranse, excepto para as persoas obrigadas consonte co previsto no número 3 deste artigo, preferiblemente por vía electrónica, a través dos correspondentes formularios normalizados de uso obrigatorio polos interesados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, que se axustarán aos modelos recollidos nos anexos desta orde.

3. A presentación electrónica é obrigatoria para:

a) As persoas xurídicas.

b) As entidades sen personalidade xurídica.

c) As persoas representantes dunha das anteriores.

Se algunha das persoas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

4. Para a presentación das solicitudes pode empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poden presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o correspondente formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación dos procedementos

1. As persoas interesadas deben achegar coa solicitude de autorización ou a declaración responsable a documentación que para cada suposto se especifica neste artigo, segundo o suposto de que se trate.

Non é necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada debe indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente pode requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. As persoas interesadas deben achegar xunto coa solicitude de autorización a seguinte documentación complementaria:

a) Acreditación da representación, se é o caso.

b) Plan de cortas (nos casos en que sexa preciso ao abeiro da disposición transitoria sexta da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia).

c) Acordo previo da asemblea xeral da comunidade propietaria, ben por medio da copia da acta da asemblea ou ben por medio de certificación expedida pola persoa titular da secretaría da comunidade.

d) Xustificación do aproveitamento non previsto no instrumento de ordenación ou xestión forestal dun monte incluído no Rexistro de Montes Ordenados, só se é o caso.

e) Esbozo e características técnicas das pistas ou vías de saca que se pretenden abrir, reformar, modificar, transformar ou renovar, só se é o caso.

3. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa declaración responsable:

a) Acreditación da representación, se é o caso.

b) Acordo previo da asemblea xeral da comunidade propietaria, ben por medio da copia da acta da asemblea ou ben por medio de certificación expedida pola persoa titular da secretaría da comunidade.

c) Se o motivo se refire a aproveitamentos madeireiros e leñosos en zonas afectadas por expropiación, deberase xuntar planimetría suficiente onde se sinale o obxecto de actuación.

d) Declaración de impacto ambiental favorable (se procede).

4. Nos casos de aproveitamentos en terreos que formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou que estean afectados por algunha lexislación de protección do dominio público, as persoas interesadas deben achegar, tanto no caso da solicitude de autorización como no da declaración responsable, a seguinte documentación adicional que requiren os órganos sectoriais competentes para o seu correspondente procedemento de autorización ou informe:

a) Plano catastral en que se delimite aproximadamente a zona de corta (só para afectacións a confederacións hidrográficas).

b) Reportaxe fotográfica da zona do aproveitamento (só para afectacións a confederacións hidrográficas).

c) Outra documentación que a persoa interesada considere relevante en relación co aproveitamento (se procede).

5. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración pode requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica da documentación complementaria é obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poden presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude ou da declaración responsable, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude, a declaración responsable ou a comunicación e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica, como os plans de aproveitamentos forestais, supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de xeito presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos regulados nesta orde consultaranse automaticamente os datos de identidade das persoas interesadas e, de ser o caso, daquelas que as representen.

2. No caso de que as persoas interesadas ou as que as representen se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario normalizado e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes de autorizacións e declaracións responsables

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sección 3ª. Tramitación e resolución dos procedementos de autorización

Artigo 11. Competencia para a tramitación dos procedementos

A tramitación dos procedementos de autorización regulados nesta orde corresponde á xefatura territorial da consellería competente en materia de montes en cuxo ámbito se sitúe o monte ou o terreo forestal no cal se vaia realizar o aproveitamento obxecto da solicitude, ou a maior superficie daquel, no caso de estar situado no ámbito de máis dunha xefatura territorial.

Artigo 12. Emenda das solicitudes

1. Se a solicitude de autorización non reúne os requisitos sinalados nesta orde, o órgano competente para a súa tramitación requirirá a persoa interesada para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos pola lexislación do procedemento administrativo común.

2. O prazo sinalado no parágrafo anterior pode ser ampliado prudencialmente, ata cinco días, por solicitude da persoa interesada ou por iniciativa do órgano competente para a tramitación do procedemento, cando a achega dos documentos requiridos presente dificultades especiais.

3. O prazo máximo de resolución e notificación suspenderase polo tempo que medie entre a notificación do requirimento e o seu efectivo cumprimento pola persoa interesada ou, na súa falta, polo transcurso do prazo concedido sen contestación pola súa parte.

En caso de que a persoa interesada emende a solicitude de conformidade coas instrucións contidas no requirimento, esta suspensión levantarase e o prazo de resolución e notificación volverase computar desde a data en que a emenda teña entrada no rexistro electrónico xeral da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Informes preceptivos

1. Para a valoración dos aspectos derivados da lexislación sectorial, o órgano competente para a tramitación do procedemento de autorización solicitará de maneira preceptiva informe dos órganos ou organismos competentes. As aplicacións e sistemas de información que se utilicen para xestionar a tramitación deste procedemento garantirán a remisión automática por medios electrónicos das solicitudes de informe aos órganos ou organismos sectoriais que correspondan en cada caso.

2. Se a lexislación sectorial non establece outro réxime, de non se recibir o informe a que se refire o número anterior no prazo dun mes desde a súa solicitude, entenderase favorable e proseguirá a tramitación do procedemento. O informe emitido fóra de prazo pode non ser tido en conta ao adoptar a correspondente resolución.

3. Malia o previsto no número anterior, se o órgano competente para a tramitación do procedemento considera conveniente agardar pola emisión do informe, poderá suspender motivadamente a tramitación daquel polo tempo que medie entre a solicitude do informe, que deberá comunicarse ás persoas interesadas, e a recepción do informe, que igualmente deberá ser comunicada a aquelas. Este prazo de suspensión non poderá exceder en ningún caso tres meses. En caso de non se recibir o informe no prazo indicado, proseguirá a tramitación do procedemento.

4. Os informes sectoriais conterán, de ser o caso, as condicións a que deberá suxeitarse o aproveitamento para a protección dos intereses públicos cuxa tutela teña encomendada o órgano ou organismo responsable de emitir o informe. A autorización que se outorgue incorporará expresamente esas condicións.

Nos supostos de silencio administrativo estimatorio, se os informes sectoriais se recibisen antes da produción daquel e contivesen condicións para a autorización do aproveitamento, estas consideraranse incorporadas por ministerio da lei á autorización obtida por silencio e vincularán o suxeito que as solicitase desde que teña coñecemento delas por calquera medio, incluído o certificado acreditativo do silencio producido, que as recollerá expresamente.

Artigo 14. Prazo de resolución e sentido do silencio

1. A xefatura territorial da consellería competente en materia de montes resolverá e notificará a resolución no prazo de dous meses, o cal se computará desde a data en que a solicitude de autorización tivo entrada no rexistro electrónico xeral da Xunta de Galicia.

2. Transcorrido o devandito prazo sen que se notificase a resolución, entenderase concedida a autorización solicitada, agás nos supostos en que a lexislación básica que resulte aplicable estableza de maneira expresa o contrario. No caso de denegación da autorización, a resolución deberá ser motivada.

Artigo 15. Recursos administrativos

Contra a resolución que se dite no procedemento de autorización, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de montes, de conformidade co establecido na lexislación do procedemento administrativo común.

Sección 4ª. Réxime xeral das declaracións responsables

Artigo 16. Contido e competencia para a recepción da declaración

1. As persoas que presenten as declaracións responsables reguladas nesta orde manifestarán expresamente a través do correspondente formulario normalizado de uso obrigatorio e baixo a súa responsabilidade:

a) Que cumpren cos requisitos establecidos na normativa vixente para realizar o aproveitamento forestal obxecto destas.

b) Que, de ser o caso, dispoñen da documentación que así o acredita e que a poñerán ao dispor da Administración cando lles sexa requirida.

c) Que se comprometen a manter o cumprimento das anteriores obrigacións durante o período de tempo inherente á realización do aproveitamento.

2. Así mesmo, sinalarán no devandito formulario normalizado o concreto suposto de aproveitamento forestal dos recollidos no artigo 5 que é obxecto da declaración responsable que se presenta. Cada parcela catastral que sexa obxecto de aproveitamento exixirá unha declaración responsable separada.

3. A competencia para a recepción das declaracións responsables reguladas nesta orde corresponde á xefatura territorial da consellería competente en materia de montes en cuxo ámbito se sitúe o monte ou o terreo forestal no cal se vaia realizar o aproveitamento, ou a maior superficie daquel, no caso de estar situado no ámbito de máis dunha xefatura territorial.

Artigo 17. Efectos da presentación e actuacións de comprobación

A presentación dunha declaración responsable cumprindo os requisitos establecidos nesta orde habilita desde o momento da dita presentación para a realización do aproveitamento forestal obxecto daquela, sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección que teñan atribuídas a Administración forestal e as demais administracións públicas competentes, sen prexuízo do disposto nos números 5 e 6 do artigo 5 desta orde.

Sección 5ª. Notificacións administrativas

Artigo 18. Modalidades e práctica das notificacións

1. As notificacións das resolucións e actos administrativos previstos nesta orde practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso das persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberase optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Nos casos de práctica de notificacións a persoas obrigadas a relacionarse electronicamente ou que elixisen esta opción, entenderase cumprida a obriga de notificación por parte da Administración coa posta á disposición da notificación na sede electrónica da Administración ou no enderezo electrónico habilitado único.

Sección 6ª. Obrigas das persoas que realicen os aproveitamentos

Artigo 19. Comunicación final ao remate do aproveitamento

1. En aplicación do artigo 6 do Regulamento (UE) n° 995/2010 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de outubro de 2010, polo que se establecen as obrigas dos axentes que comercializan madeira e produtos da madeira, deberá ser comunicada, no formulario normalizado recollido no anexo VI desta orde, a variación do volume ou peso do aproveitamento madeireiro ou leñoso por especie finalmente aproveitado e que supere o 15 por cento do autorizado ou declarado.

2. A comunicación final prevista neste artigo dirixirase á correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia de montes no prazo máximo de tres meses contados desde a data de finalización da execución do aproveitamento. No caso de que o aproveitamento afecte múltiples referencias catastrais, este valor subministrarase de forma desagregada para cada unha delas.

3. No caso de que as persoas físicas ou xurídicas solicitantes ou declarantes actúen en lugar da persoa titular, mediante representación previamente acreditada que se xuntará coa presentación do referido anexo VI, estarán obrigadas a comunicar á persoa titular o volume ou peso finalmente aproveitado.

4. No caso de que a comunicación final a presente un representante da persoa interesada, xunto coa comunicación deberá xuntar, como documentación complementaria, a acreditación da representación.

Disposición adicional única. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación dos procedementos regulados neste decreto, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.gal.

Disposición transitoria primeira. Vixencia da orde

Esta orde estará en vigor ata a aprobación dun novo decreto en materia de aproveitamentos que inclúa os modelos normalizados para efectuar aproveitamentos madeireiros en montes de xestión privada.

Os procedementos vixentes ata o momento de entrada en vigor desta orde (MR602A, MR603A, MR604A, MR604B) terán que coexistir cos novos procedementos regulados nesta orde durante o proceso de tramitación das solicitudes presentadas a través dos ditos procedementos. Porén, as solicitudes que se atopen en fase de borrador na aplicación informática asociada a eles no momento da entrada en vigor desta orde pasarán a ser eliminados e terán que ser iniciados de novo pola persoa solicitante segundo os novos procedementos e modelos que entren en vigor.

Disposición transitoria segunda. Pregos con condicións sectoriais

1. Ata que se aproben os pregos con condicións sectoriais a que deberán suxeitarse os aproveitamentos madeireiros das especies recollidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, nos montes ou terreos forestais que formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou estean afectados por algunha lexislación de protección do dominio público, as persoas interesadas deberán presentar a oportuna solicitude de autorización, polo que a presentación nestes casos dunha declaración responsable non as amparará na execución dos ditos aproveitamentos.

2. No momento en que mediante orde das consellerías competentes se aproben os citados pregos, habilitarase automaticamente a utilización do modelo de declaración responsable que se xunta como anexo desta orde, para que os solicitantes realicen as manifestacións relativas aos seus aproveitamentos, sen prexuízo das responsabilidades que procedan como consecuencia da inexactitude, falsidade ou omisión dos datos contidos nas ditas declaracións.

Disposición transitoria terceira. Visor de información xeolocalizada

1. Consonte co previsto na disposición adicional sétima da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e desde a entrada en vigor desta orde estará accesible no portal para solicitudes de cortas privadas da consellería competente en materia de montes (https://sede.xunta.gal/corweb) a información xeolocalizada dos espazos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados por algunha lexislación de protección do dominio público, conforme os datos subministrados polos distintos órganos competentes, de forma que permita aos operadores económicos unha planificación na xestión forestal respectuosa cos devanditos espazos, co carácter de ferramenta corporativa de acceso fiable ás afeccións que nela constan.

2. No que respecta á información xeoreferenciada das afeccións ao patrimonio cultural de Galicia, e conforme o disposto na disposición adicional décimo terceira da Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia, na data de entrada en vigor desta orde, ese carácter de ferramenta corporativa de acceso fiable só se predica dos datos que constan nos plans xerais de ordenación municipal aprobados, incorporados a esa información. Todo iso sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan solicitar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural un pronunciamento específico sobre a protección concreta dalgún ben do patrimonio cultural e o alcance das medidas de protección que é necesario desenvolver nun determinado predio segundo o tipo de actividade.

3. De conformidade coas leis citadas, a información xeolocalizada será obxecto de actualización permanente ata garantir a súa total, exacta e efectiva implementación.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file