Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 3 de maio de 2018 Páx. 22993

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2018 pola que se convocan probas para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

Primeiro. Obxecto

O obxecto desta resolución é a convocatoria das probas para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas e a súa expedición.

As probas rexeranse polo establecido nesta resolución e nas bases xerais recollidas na Orde do 21 de abril de 2010 (DOG núm. 78, do 27 de abril).

Os códigos dos procedementos regulados son PR471A e PR472A.

Segundo. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas interesadas deberán achegar coa súa solicitude a seguinte documentación:

a) Xustificante do ingreso da taxa, co selo da entidade bancaria con indicación da data.

b) Copia do xustificante, de ser o caso, de ter unha discapacidade igual ou superior ao 33 %, no suposto que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

c) Dúas fotografías tamaño carné de identidade co nome e apelidos escritos no dorso.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados con anterioridade. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formación da propostas de resolución.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se debe presentar de forma electrónica supere os tamaños máximo establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Terceiro. Comprobación de datos

Para a tramitación do procedemento PR471A (anexo I) consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Situación de desemprego.

c) Discapacidade igual ou superior ao 33 %, no suposto de ser expedido pola Xunta de Galicia.

d) Certificado de inexistencia de antecedentes penais.

e) Certificación de aptitude dos niveis de lingua galega oral, iniciación ou perfeccionamento ou equivalentes (Celga 1, 2, 3, 4).

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberan indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Cuarto. Taxa

Conforme dispón a Lei 6/2003, do 9 de setembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo a modificación introducida pola Lei de orzamentos para o ano 2011, a taxa por participación nas probas para obter a certificación acreditativa da habilitación, será de 50,90 euros, que serán ingresados, mediante o modelo xeral de autoliquidación de taxas, ao cal poden acceder desde a páxina web da Axencia Tributaria de Galicia (www.atriga.es).

No caso de non ter certificado dixital poderá pagar de forma presencial na entidade colaboradora (das cales existe unha listaxe pública nesa mesma páxina web), ou telematicamente con tarxeta bancaria. No caso de ter certificado dixital, poderá pagar accedendo á oficina virtual.

As/os aspirantes deberán cubrir, nas partes habilitadas para o efecto no referido modelo de autoliquidación de taxas, tanto se o pagamento se fai de xeito presencial na entidade colaboradora, coma telematicamente a través da oficina virtual da Axencia Tributaria de Galicia, os seguintes códigos:

Consellería de: Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Código: 04.

Delegación de Pontevedra.

Código: 40.

Servizo de Academia Galega de Seguridade Pública.

Código: 19.

Taxa: denominación: Participación nas probas para obter certificación acreditativa da habilitación.

Código: 30.48.01.

Total: 50,90 euros.

Ademais, as/os aspirantes cubrirán os seus datos persoais nas partes reservadas para tal fin no devandito modelo.

Están exentos do pagamento desta taxa:

1. As/os aspirantes que figuren inscritas/os como desempregados/as no Instituto Nacional de Emprego, que poderán autorizar a comprobación desta situación pola Administración, ou presentar o certificado acreditativo dela.

2. As/os aspirantes que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 %, acreditando documentalmente tal situación, agás no caso de que a situación de discapacidade fose expedida pola Xunta de Galicia, en tal suposto pode autorizar a súa consulta ou ben presentar tal certificación.

A falta de xustificación do pagamento íntegro da taxa por dereitos de exame, dentro do prazo de presentación de solicitudes, determinará a exclusión da/do aspirante do proceso, sen que sexa posible emendar tal deficiencia nun momento posterior.

Quinto. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes do procedemento PR471A presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sexto. Admisión

A admisión dos aspirantes realizarase nos prazos e na forma prevista no artigo 5 das bases xerais.

Sétimo. Data, tribunal cualificador e lugar de realización

A data e composición do tribunal cualificador das probas correspondentes a esta convocatoria coñeceranse na resolución que faga pública a relación definitiva de aspirantes admitidas/os á súa realización.

As probas realizaranse na sede da Agasp (avda. da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra).

Oitavo. Información aos/as interesados/as

Sobre esta convocatoria, poderase obter información adicional, na Academia Galega de Seguridade Pública, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (https://agasp.xunta.gal).

b) No enderezo electrónico formacion.agasp@xunta.gal

c) No teléfono da Agasp 886 20 61 10.

d) No Servizo de Formación en Seguridade Pública na Agasp (avda. da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra).

Noveno. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolucion, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nos ficheiros denominados «persoal de control de acceso PR471A» e «persoal de control de acceso PR472A» cuxo obxecto é xestionar estes procedementos, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable do ficheiro «persoal de control de acceso PR471A» é Academia Galega de Seguridade Pública. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Agasp, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: avda. da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra ou a través dun correo electrónico a agasp@xunta.gal.

O órgano responsable do ficheiro «persoal de control de acceso PR472A» é a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: r/ Roma, 25-27. As Fontiñas, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a emerxencias.interior@xunta.gal.

Décimo. Expedición da habilitación do persoal de control de acceso

As/os aspirantes que superen as probas deberán presentar una solicitude dirixida á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior axustado ao modelo normalizado que figura como anexo II desta resolución (código PR472A) xunto co xustificante de ter aboada a correspondente taxa, para que lle sexa expedida a habilitación prevista no artigo 6 do Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, necesaria para desenvolver a función de control de acceso, xunto co distintivo que os identifique e acredite como persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

As solicitudes poderán presentarse segundo o establecido na disposición cuarta desta resolución no prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación definitiva das/os aspirantes que superaron as probas no Diario Oficial de Galicia.

O pagamento da taxa poderá facerse en calquera das modalidades previstas na disposición terceira desta resolución e deberanse cubrir os seguintes códigos no modelo de autoliquidación:

Consellería de: Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Código: 04.

Delegación de Servizos Centrais.

Código: 13.

Servizo de Interior e Espectáculos Públicos.

Código: 20.

Taxa: denominación: expedición e renovación da habilitación.

Código: 30.48.02.

Total: 5,98 euros.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación.

A Estrada, 20 de abril de 2018

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

missing image file
missing image file