Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 4 de maio de 2018 Páx. 23274

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol

EDICTO (602/2017).

No procedemento de referencia ditouse a resolución do teor literal seguinte:

«Sentenza 338/2017.

Ferrol, 29 de novembro de 2017.

Vistos os autos garda e custodia número 602/2017 por Montserrat Matos Salgado, xuíza substituta do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol, seguidos ante este por instancia de Inés Santos Iglesias, que actúa representada pola procuradora Sra. García García e asistida polo letrado Sr. Díaz Mosquera, contra Óscar José Martínez Gayoso, en situación de rebeldía procesual, con intervención do Ministerio Fiscal.

Antecedentes de feito.

Primeiro. A procuradora Sra. García García, na representación indicada, presentou demanda sobre garda e custodia o 17.7.2017, onde, despois de expoñer os feitos e os fundamentos de dereito que considerou de aplicación, rematou solicitando a atribución da garda e custodia do menor para a nai, con réxime de visitas para o pai consistente en estar en compañía do seu fillo Asier os venres alternos de 17.00 horas a 19.00 horas, que terá lugar no punto de encontro Camiña Social, e pensión de alimentos con cargo a este de 200 euros mensuais.

A devandita demanda, admitida a trámite polo Decreto do 21.7.2017, foi contestada o 5.9.2017 polo Ministerio Fiscal.

O demandado non compareceu ao emprazamento e declarouse a súa rebeldía procesual en dilixencia de ordenación do 31.10.2017.

Segundo. No acto da vista celebrado o 28.11.2017, unha vez practicada a proba declarada pertinente, a parte demandante ratificou o seu escrito e o Ministerio Fiscal adheriuse á súa petición a excepción do réxime de visitas, que entende que non procede pola actitude do pai ao non fomentar relación ningunha co seu fillo e ás contribucións de carácter económico, que pide que se establezan en contía de 90,00 euros mensuais.

Terceiro. Na substanciación do presente procedemento observáronse as prescricións legais, quedando os autos sobre a mesa de quen decide o 28.11.2017 para ditar a oportuna resolución.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Antes de entrar a resolver o obxecto do presente procedemento sobre garda e custodia do menor froito da relación entre demandante e demandado, así como contribucións económicas do proxenitor non custodio, deben realizarse unhas consideracións previas sobre as cuestións que se van debater.

En primeiro lugar debe sinalarse que conforme o disposto no artigo 91 do Código civil que nas sentenzas de nulidade, separación ou divorcio, ou en execución destas, o xuíz, en defecto de acordo dos cónxuxes ou, en caso de non aprobación deste, determinará conforme os artigos seguintes as medidas que deban substituír as xa adoptadas.

O artigo 94 do Código civil establece: “O proxenitor que non teña consigo os fillos menores ou incapacitados gozará do dereito de visitalos, comunicar con eles e telos na súa compañía. O xuíz determinará o tempo, modo e lugar do exercicio deste dereito, que poderá limitar ou suspender se se deren graves circunstancias que así o aconsellen ou se incumpriren grave ou reiteradamente os deberes impostos pola resolución xudicial.”

Así mesmo, tamén debe estarse ao preceptuar no artigo 158.1 e 4 CC.

Dispón o artigo 93 CC en canto á contribución dos proxenitores ás cargas económicas e pensións alimenticias: “O xuíz, en todo caso, determinará a contribución de cada proxenitor para satisfacer os alimentos e adoptará as medidas convenientes para asegurar a efectividade e acomodación das prestacións ás circunstancias económicas e necesidades dos fillos en cada momento (...)”. E o artigo 142 do Código civil di: “Enténdese por alimentos todo o que é indispensable para o sustento, habitación, vestido e asistencia médica. Os alimentos comprenden tamén a educación e instrución do alimentista, mentres sexa menor (...)”. Así mesmo, o artigo 148 CC, en canto á exixibilidade dos devanditos alimentos.

Conforme o disposto no citado artigo 93 e no artigo 146 do Código civil, as prestacións alimenticias a fixar nos preitos matrimoniais ou outros de análogas características deben acomodarse ás circunstancias e dispoñibilidades económicas do núcleo familiar e as necesidades dos fillos, sen prexuízo de ter que valorar igualmente as circunstancias tales como o status social en que ata o momento da ruptura convivencial se desenvolveu a vida familiar, o que loxicamente comporta uns ou outros gastos para as atencións dos fillos, sendo igualmente importante a apreciación de que tras a ruptura dos pais as economías dun e outro deben estreitarse ao afrontar por separado gastos que antes se compartían, o que igualmente afecta os fillos.

Segundo. Na súa consideración e do resultado da proba practicada no acto de xuízo e a que figura en autos, interrogatorio da partes e documental, con respecto á garda e custodia do fillo menor de idade e o réxime de visitas deste, asumindo na súa integridade as alegacións do Ministerio Fiscal no acto da vista, en consonancia co disposto no artigo 92 e 94 do CC, debe corresponder a atribución da garda e custodia á nai, con patria potestade compartida.

Como acertadamente refire o Ministerio Fiscal, a actual situación de Asier, de dous anos de idade, cuxa vinculación coa nai é indubidable pois fíxose cargo dos seus coidados desde o seu nacemento, avoca á atribución da súa garda e custodia a esta, con patria potestade compartida, sen establecemento de réxime de visitas para o pai, o cal desatendeu as súas funcións de proxenitor, sen buscar o contacto ou relación co seu fillo, cunha desafección manifesta durante estes 2 anos, nos cales foi evidente a desidia nas súas funcións tuitivas, resultando mesmo prexudicial para o descendente o establecemento dun réxime de visitas, que por outra parte, a teor da actitude mostrada polo pai ata a data, carece de sentido, todo iso sen prexuízo de que poida acceder á vía do artigo 775 LAC, para o caso de solicitarse unha modificación de medidas para a alteración do acordado no día de hoxe.

Terceiro. En canto aos pronunciamentos de carácter especificamente económico e en atención á proba practicada, enténdese proporcionada e acorde cos intereses das partes e do fillo menor común, a cantidade de 90,00 euros mensuais a favor deste, proposto polo Ministerio Fiscal, en concepto de contribución por parte do pai aos gastos de educación e sostemento do descendente citado, por considerarse axeitada ás necesidades económicas do menor e atendendo á capacidade económica do proxenitor, pois do interrogatorio de Inés coñécese que vén de pasar un período en prisión e ten como único ingreso a prestación subsidiaria de desemprego (425,00 euros).

Cuarto. Con relación ás custas procesuais, vista a estimación parcial da demanda e a especial natureza das cuestións discutidas neste proceso, non se realiza especial pronunciamento ao respecto.

Vistos os preceptos citados, concordantes e demais de xeral aplicación.

Decido que, estimando parcialmente a demanda de garda e custodia formulada por Inés Santos Iglesias, que actúa representada pola procuradora Sra. García García e asistida polo letrado Sr. Díaz Mosquera, contra Óscar José Martínez Gayoso, en situación de rebeldía procesual, con intervención do Ministerio Fiscal, debo acordar e acordo:

• Garda e custodia do menor, Asier Martínez Santos, para a nai, con patria potestade compartida entre ambos os proxenitores, sen establecemento de réxime de visitas a favor do pai.

• En concepto de pensión alimenticia a favor da menor, o pai deberá aboar a suma de 90,00 euros mensuais, que se actualizará anualmente de acordo co IPC e que se ingresará na conta bancaria da entidade que designe a demandante, dentro dos cinco primeiros días de cada mes.

• Non se efectúa especial pronunciamento sobre custas procesuais, vista a natureza do proceso.

Notifíquese a presente sentenza ás partes coa mención expresa de que contra ela cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial, que deberá interpoñerse no prazo de vinte días desde a súa notificación.

Así o pronuncia manda e asina, Montserrat Matos Salgado, xuíza substituta do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol e o seu partido».

E como consecuencia do ignorado paradoiro de Óscar José Martínez Gayoso, expídese o presente edicto para que sirva de cédula de notificación.

Ferrol, 16 de abril de 2018

A letrada da Administración de xustiza