Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 4 de maio de 2018 Páx. 23194

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2018, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso e admisión do alumnado ás ensinanzas superiores de Deseño para o curso 2018/19.

O Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o Plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 5.1, establece que para o acceso a estas ensinanzas se requirirá cumprir os requisitos establecidos no artigo 57.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Así mesmo, o punto 4 do mesmo artigo establece que a consellería competente en materia de educación, a través da dirección xeral correspondente, convocará, organizará, desenvolverá e avaliará, con carácter anual, unha proba específica de acceso a estes estudos superiores.

Igualmente, a Orde do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas superiores de Deseño en desenvolvemento do citado Decreto 172/2015, do 29 de outubro, nos seus artigos 3, 4, 5, 6, 7, 8 e 9 regula respectivamente os requisitos xerais para o acceso, a proba específica de acceso, as características da proba específica de acceso, a proba que substitúe o requisito de titulación, a convocatoria das probas de acceso, o acceso para aspirantes con discapacidade e o acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel.

En consecuencia, procede ditar instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas superiores de Deseño para o curso 2018/19. Xa que logo, en virtude das atribucións que lle son conferidas polo Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, esta dirección xeral

RESOLVE:

Convocar as probas específicas de acceso aos estudos superiores de Deseño para o curso 2018/19, que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeiro. Acceso

1. De acordo co establecido no artigo 3 da Orde do 21 de novembro de 2016, para o acceso aos estudos superiores de Deseño, en calquera das súas especialidades, requirirase estar en posesión do título de bacharelato ou título declarado equivalente para os efectos académicos, ou ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, así como a superación da correspondente proba específica a que se refire o artigo 57.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. De conformidade co establecido no artigo 4.1 e 4.2 da Orde do 21 de novembro de 2016, a proba específica de acceso aos estudos superiores de Deseño terá por obxecto demostrar que o/a aspirante posúe a madureza, os coñecementos e as aptitudes para cursar con aproveitamento estes estudos, será única para as diferentes especialidades destes estudos superiores, e terá carácter unificado para todos os/as aspirantes. As características e a cualificación da proba específica de acceso aos estudos superiores de Deseño axustaranse ao disposto no artigo 5 da citada orde.

3. De conformidade co establecido no artigo 4.4 da Orde do 21 de novembro de 2016, a superación da proba específica de acceso faculta unicamente para a participación do/da aspirante no proceso de admisión a estas ensinanzas no curso para o que son convocadas e realizadas, en calquera dos centros do Estado nos que se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da dispoñibilidade de prazas.

4. Poderanse presentar á proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores aquelas persoas que, tendo accedido á universidade por unha vía distinta á do bacharelato, acrediten estar en posesión dun título universitario de licenciado ou graduado. Quen acredite estar en posesión dun título universitario de diplomado poderá presentarse á dita proba se o título universitario de diplomado quedou asimilado ao correspondente título universitario de grao.

5. Aquelas persoas que desexen realizar a proba específica de acceso e teñan pendente algunha das materias do bacharelato poderán inscribirse no proceso de acceso e admisión e realizar a dita proba e, no caso de superala, poderán optar á asignación da praza solicitada, unha vez estean en posesión do título de bacharelato, no prazo extraordinario de matrícula, se houber vacantes na quenda correspondente, e segundo os criterios de asignación establecidos nesta resolución.

Segundo. Acceso para aspirantes con discapacidade

1. De acordo co establecido no artigo 8 da Orde do 21 de novembro de 2016, os/as aspirantes ao acceso e admisión ás ensinanzas superiores de Deseño que presenten algunha discapacidade poderán requirir a adaptación que corresponda para a realización das probas de acceso ás ditas ensinanzas.

2. Para tal efecto, os/as aspirantes con algunha discapacidade deberán presentar, xunto coa súa inscrición no procedemento de acceso e admisión ás ensinanzas superiores de Deseño, a documentación que acredite oficialmente a súa discapacidade e unha solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda.

3. Correspóndelle ao tribunal encargado da organización, realización e cualificación de cada proba adoptar as medidas precisas e adaptar os medios e as condicións de realización da proba, co obxecto de permitir que os/as aspirantes con discapacidade poidan realizar a proba correspondente en condicións de igualdade co resto de aspirantes.

Terceiro. Acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel

De acordo co establecido no artigo 9 da Orde do 21 de novembro de 2016, en cada centro da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparta algunha das especialidades dos estudos superiores de Deseño, reservaranse adicionalmente as prazas necesarias en cada especialidade impartida, para o acceso a estas dos/das aspirantes coa condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento, e que reúna os requisitos académicos e de acceso establecidos.

Cuarto. Órganos competentes para resolver os procesos de acceso e a admisión

1. Acceso. Tribunal.

De acordo co establecido no artigo 7.3 da Orde do 21 de novembro de 2016, para a organización, a realización, a avaliación e a cualificación das probas específicas de acceso, tanto para os centros sostidos con fondos públicos como para os centros autorizados de Deseño, constituirase o tribunal que figura no anexo a esta resolución. A dirección da Escola de Arte e Superior de Deseño en que se desenvolvan as probas específicas de acceso aos estudos superiores de Deseño adoptará as medidas oportunas relacionadas coa dispoñibilidade de espazos e medios para a realización das probas, en colaboración coa presidencia do tribunal.

2. Admisión. Comisión de admisión.

Para os efectos de dar cumprimento ao establecido nesta resolución, constituirase unha comisión que supervisará o proceso de admisión do alumnado e o cumprimento das normas que o regulan, e proporá, se é o caso, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a adopción das medidas que considere adecuadas. Os membros desta comisión son os que se recollen no anexo desta resolución.

Quinto. Inscrición dos/das aspirantes ao acceso

1. A inscrición farase na secretaría da Escola de Arte e Superior de Deseño pública elixida en primeira ou única opción, ou na escola pública á que estea adscrito o centro privado autorizado de deseño correspondente, no prazo comprendido entre o día seguinte ao da publicación desta resolución e o 25 de xuño, ambos os dous incluídos. Para tal fin, os centros deberán expor nos seus taboleiros de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado, así como o número de prazas ofertadas en cada especialidade.

2. Para a formalización das solicitudes de admisión, as escolas de arte e superiores de deseño facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo para o efecto, no cal se indicará a preferencia de especialidade e escola en que se desexa cursar estas ensinanzas. Unha vez cuberto deberase presentar unha única solicitude na secretaría do centro oficial elixido, en primeiro lugar, ou centro público a que estea adscrito o centro privado autorizado de Deseño, se for o caso, xunto coa seguinte documentación: título de bacharelato ou titulación equivalente, ou certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos; título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño, no caso de optar pola quenda de acceso directo, ou título universitario que cumpra as condicións establecidas no número 4 do punto primeiro desta resolución. No caso de aspirantes que teñan pendente a superación da proba que substitúe o requisito de titulación ou algunha materia do bacharelato, farano constar na solicitude e a súa admisión quedará condicionada á superación do requisito correspondente.

3. O día 26 de xuño as escolas de arte e superiores de deseño exporán as listaxes provisionais de admitidos/as á proba específica no seu taboleiro de anuncios e na súa páxina web. Os/as aspirantes que non fosen admitidos/as ou que observen erros na listaxe poderán presentar a súa reclamación os días 27 e 28 de xuño, na secretaría da escola en que teñan presentado a súa solicitude de admisión.

4. O día 29 de xuño as escolas de arte e superiores de deseño deberán achegar á comisión de acceso, a través do correo electrónico sxapere@edu.xunta.es, a relación definitiva de inscritos/as para o acceso e admisión, ordenada alfabeticamente, con apelidos, nome, documento nacional de identidade, NIE ou pasaporte, segundo proceda; proba ou probas que deban superar, centro/especialidade dos estudos superiores de Deseño a que opte, por orde de preferencia.

5. O día 29 de xuño a relación definitiva de inscritos/as será exposta no taboleiro de anuncios de cada escola de arte e superior de deseño, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.gal.

Sexto. Acceso directo

1. De conformidade co artigo 4.3 da Orde do 21 de novembro de 2016, a porcentaxe de prazas sobre o total das ofertadas en cada especialidade para os/as aspirantes que estean en posesión dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño é do 20 %. O 80 % restante das prazas ofertadas será asignado mediante a proba específica de acceso.

2. Os/as aspirantes que opten polo acceso directo deberán formalizar igualmente a súa inscrición no proceso de acceso e admisión segundo o procedemento e calendario establecido no punto quinto desta resolución.

3. Os/as aspirantes que estean pendentes da avaliación do proxecto final ou da avaliación final de ciclo, para a obtención dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño na convocatoria de xuño do ano académico 2017/18, e, en consecuencia, non dispoñan do título antes de finalizar o prazo de inscrición, poderán, igualmente, formalizar a súa inscrición para o acceso e admisión aos estudos superiores de Deseño, e deberán presentar a certificación de ter solicitado o devandito título para a formalización da matrícula no prazo ordinario establecido nesta resolución.

4. O criterio de prelación na asignación das prazas dispoñibles para o acceso directo a cada especialidade dos estudos superiores de Deseño será o establecido pola mellor cualificación media final do expediente académico do ciclo formativo de grao superior en Artes Plásticas e Deseño alegado por cada aspirante. Cando o ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño fose cursado segundo un plan de estudos establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE) a nota calcularase segundo se dispón no artigo 9.4 da Orde do 9 de setembro de 2004 pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia; no caso de ciclos cursados segundo un plan de estudos establecido ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), a nota calcularase segundo se dispón no artigo 19.9 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño.

5. Para os efectos do cálculo da cualificación media final do expediente académico dos/das inscritos/as que soliciten acceder aos estudos superiores de Deseño aplicaranse, cando cumpra, as seguintes equivalencias, agás que no expediente académico do/da inscrito/a consten explicitamente as cualificacións numéricas das disciplinas. Neste caso serán as que se teñan en conta:

Suficiente/aprobado: 5,5.

Ben: 6,5.

Notable: 7,5.

Sobresaínte/matrícula de honra: 9,0.

6. No caso de non quedaren cubertas as prazas correspondentes ao acceso directo, estas prazas serán asignadas aos/ás aspirantes que superaron a proba específica, en cada centro.

Sétimo. Desenvolvemento das probas

1. As probas específicas de acceso desenvolveranse de acordo co establecido no artigo 5 da Orde do 21 de novembro de 2016.

2. As ditas probas levaranse a cabo o día 3 de xullo na EASD Pablo Picasso da Coruña, de acordo co seguinte horario:

Primeira parte: das 11.00 ás 13.00 horas.

Segunda parte: das 16.00 ás 20.00 horas.

1º exercicio: das 16.00 ás 18.00 horas.

2º exercicio: das 18.00 ás 20.00 horas.

3. A EASD Pablo Picasso da Coruña organizará a distribución horaria e de espazos de ocupación do tribunal que actúe nela.

Oitavo. Reclamacións e recursos

1. De acordo co establecido no artigo 32 da Orde do 21 de novembro de 2016, a cualificación das probas específicas de acceso poderá ser obxecto de reclamación perante o director ou directora do centro, quen a someterá ao tribunal avaliador correspondente. Logo de recibido o informe do tribunal, o director ou directora do centro emitirá resolución motivada ao respecto no prazo de dous días.

2. Contra a resolución do director ou directora do centro, o/a interesado/a poderá presentar recurso de alzada perante a xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria correspondente no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación. No caso de que o recurso se presente a través do centro, a dirección tramitarao xunto coa documentación correspondente nun prazo non superior a 48 horas. A resolución da xefatura territorial poñerá fin á vía administrativa.

3. Tamén poderán ser obxecto de reclamación os acordos e decisións sobre a asignación de prazas, mediante escrito fundamentado na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, dirixida á comisión de acceso, e/ou mediante correo electrónico no seguinte enderezo: sxapere@edu.xunta.es.

Noveno. Admisión do alumnado

1. Concluída a proba específica, e antes do día 6 de xullo, o tribunal publicará a listaxe de aspirantes presentados/as con expresión da cualificación final obtida na proba específica, e aspirantes non presentados/as, ordenada segundo a cualificación obtida na proba de acceso, en orde decrecente, no taboleiro de anuncios e na páxina web da EASD Pablo Picasso da Coruña, e remitirán a dita listaxe á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, para a súa publicación no portal educativo.

2. Os/as aspirantes poderán reclamar contra da cualificación obtida, segundo o establecido no punto anterior desta resolución, durante os días 9 e 10 de xullo.

3. O director da EASD Pablo Picasso deberá resolver sobre as reclamacións en contra das cualificacións e/ou sobre as solicitudes de corrección de erros recibidas, logo de informe do tribunal avaliador, e publicará o día 12 de xullo a listaxe definitiva no taboleiro de anuncios e na páxina web da EASD Pablo Picasso da Coruña, achegando a dita listaxe á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para a súa publicación no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.gal.

4. Logo da publicación da listaxe coas cualificacións definitivas dos/das aspirantes, cada escola de arte e superior de deseño remitirá á comisión de admisión a proposta de alumnos/as admitidos/as por especialidade, por quenda de acceso mediante proba específica e por quenda de acceso directo, facendo constar na dita listaxe as preferencias de especialidade e EASD sinaladas por cada aspirante, con expresión de aspirantes admitidos e aspirantes en listaxe de espera.

5. A comisión de admisión fará pública no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o día 18 de xullo, a listaxe definitiva de admitidos/as para cada escola e especialidade.

Décimo. Matrícula

1. Os/as aspirantes que obteñan praza deberán formalizar a súa matrícula entre os días 19 e 24 de xullo, ambos os dous incluídos.

2. Para a formalización das solicitudes de matrícula, as escolas de arte e superiores de deseño facilitaranlles ás persoas interesadas os modelos para o efecto. Unha vez cubertos, entregarase unha única solicitude de matrícula na secretaría da EASD, que se xuntará á documentación xa presentada polo/a aspirante. A non formalización da solicitude de matrícula no prazo estipulado, agás causas debidamente xustificadas, que valorará a dirección da EASD, implicará a perda do dereito á praza asignada para cursar estas ensinanzas no ano académico 2018/19.

3. Rematado o prazo ordinario de matrícula, o día 26 de xullo, as escolas de arte e superiores de deseño, remitirán á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a listaxe de alumnado matriculado en cada especialidade, así como relación de prazas vacantes por especialidades.

4. O día 31 de xullo a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa publicará no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, as listaxes de espera para cada EASD, por especialidade e quenda de acceso.

5. No caso de quedaren prazas vacantes, a comisión de admisión establecerá un calendario de probas extraordinarias na primeira quincena de setembro e fará públicas as vacantes nas distintas especialidades no taboleiro de anuncios dos centros e nas súas páxinas web. Estas probas realizaranse de acordo co establecido nesta resolución.

6. A posta en marcha de cada especialidade estará condicionada á existencia dun mínimo de 10 alumnos/as admitidos/as, non cuantificándose para estes efectos, o alumnado repetidor.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2018

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional
e Innovación Educativa

ANEXO

1. Tribunal encargado da redacción, realización e cualificación da proba específica de acceso aos estudos superiores de Deseño.

Tribunal titular

Tribunal suplente

Presidente/a

Esther Muñoz Mella

César Taboada Varela

Vogal 1º

Olalla Nazaret Sio Lomba

Mª del Carmen Fernández González

Vogal 2º

Mª Mercedes Vega Cerqueiro

Marisol Fernández Pérez

Vogal 3º

Mª Lourdes Acero Olaso

Diego Carracedo Costenla

Vogal 4º

Ramón Irazu Rivera

Mª Luisa Castro Dapena

2. Comisión de admisión aos estudos superiores de Deseño.

Presidente: Juan Durán Alonso.

Secretario: Gonzalo Porral Mato.

Vogal: Álvaro Ariño Roure.