Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 4 de maio de 2018 Páx. 23187

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 44/2018, do 19 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade do treito da estrada AC-133 (Fene (N-651)-Mugardos) situado entre os puntos quilométricos 10+140 e 10+950, a prol do Concello de Mugardos.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón, no artigo 9.7, que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Mugardos solicítalle á Consellería de Infraestruturas e Vivenda o cambio de titularidade do treito da estrada AC-133 (Fene (N-651)-Mugardos) comprendido entre os pp.qq. 10+140 e 10+950.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito da estrada AC-133 situado entre os pp.qq. 10+140 e 10+950, a prol do Concello de Mugardos, sempre e cando o Concello garanta o acceso rodado ao porto de Mugardos en ambos os sentidos, feito que o Concello de Mugardos certifica mediante unha resolución da Alcaldía o día 7 de novembro de 2017.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de abril de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade, a prol do Concello de Mugardos, do treito da estrada AC-133, situado entre os pp.qq. 10+140 e 10+950.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Mugardos deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade o que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Mugardos, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de abril de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda