Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 4 de maio de 2018 Páx. 23184

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

EXTRACTO da Orde do 25 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á creación ou mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia para o ano 2018 (código de procedemento MT300A).

BDNS (Identif.): 396142.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios da subvención os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ter remitidas as contas do concello, correspondentes ao exercicio orzamentario de 2016, ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación da solicitude de axuda.

2. Que a entidade local non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención.

3. Que a entidade solicitante acredite a viabilidade do proxecto referido ao ámbito en que se pretenden realizar as actuacións obxecto da solicitude. Este requisito acreditarase mediante a certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo II.

Para os efectos desta orde entenderase que existe plena viabilidade cando as actuacións para as cales se solicita subvención non están pendentes de ningunha autorización ou licenza urbanística ou sectorial tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras, ben por dispoñer dela ou por non ser preceptiva.

Segundo. Finalidade

Esta orde, con código de procedemento MT300A, ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas aos concellos de Galicia para as seguintes actuacións:

1. Serán subvencionables os investimentos na creación ou mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais que se indican a seguir:

a) Obras de equipamentos públicos.

b) Equipamentos públicos.

c) Humanización de rúas.

d) Humanización e mellora de espazos públicos.

2. Cada concello só poderá solicitar axuda para unha actuación das descritas anteriormente. Cando o órgano tramitador observe que un concello participa en máis dunha actuación, poñerallo de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.

3. As actuacións para as que se solicite a subvención deberanse iniciar no presente exercicio 2018, e poderán estender a súa execución, tendo en conta as datas límite de xustificación que se especifican no artigo 12 da convocatoria. Para tal efecto, o período de referencia para a imputación dos gastos subvencionables será o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 31 de outubro de 2019, conforme as condicións que se especifican no artigo 12 da orde de axudas.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 25 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á creación ou mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia para o ano 2018 (código de procedemento MT300A).

Cuarto. Importe

As subvencións reguladas ao abeiro desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 2018 07 04 521A 7620 (código de proxecto 2015 00235) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, destinándose para tal finalidade un total de catro millóns trescentos oitenta e un mil cincocentos corenta e tres euros (4.381.543,00 €), distribuídos nas seguintes anualidades:

2018: 2.882.373,00 €.

2019: 1.499.170,00 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio