Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 4 de maio de 2018 Páx. 23160

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 25 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á creación ou mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia para o ano 2018 (código de procedemento MT300A).

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a quen corresponden as competencias e funcións en materia de medio ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, conservación da natureza, conforme o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia nos termos sinalados na Constitución española.

O artigo 10 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, establece que corresponde á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo a realización de actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

O modelo territorial galego caracterízase pola súa diversidade, pois xunto ás sete grandes cidades que concentran, na súa área de influencia, o 57 % da poboación galega, conflúen, por unha banda, un conxunto de vilas de pequeno e mediano tamaño que contribúen ao equilibrio territorial e á cohesión social e, por outra banda, un importante número de entidades singulares de poboación de tamaño desigual e de tipo diferente, distribuídas polo territorio de maneira dispersa, que dotan dunha especial singularidade o espazo rural da nosa comunidade autónoma.

O conxunto de vilas dispersas pola nosa xeografía, articulan e centralizan a vida económica, social e cultural do territorio que se atopa baixo a súa área de influencia. Constitúen verdadeiros motores de dinamización social e económica ao se converteren en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.

A súa influencia vén determinada por diversos factores como accesibilidade ao núcleo, o nivel de servizos, equipamentos e actividades de lecer que subministra ao conxunto da poboación, e o seu papel como centro comercial para a economía da zona.

A finalidade perseguida é a de humanizar as vilas e cidades galegas, atendendo á realidade sociodemográfica de cada unha delas, aplicando unha nova visión sobre as nosas urbes enfocada no futuro e nas persoas.

Polo tanto é preciso acometer actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas, servizos e equipamentos e, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación, perseguindo os seguintes obxectivos:

1. Promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos con criterios de sustentabilidade económica, ambiental e social.

2. Mellorar os equipamentos e as dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos, para ofrecer unha oferta de calidade e adecuada ás necesidades da poboación, co fin de incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos da nosa comunidade autónoma.

3. Fomentar a conservación e posta en valor do patrimonio cultural e histórico das vilas.

De acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta orde tramítase na modalidade de concorrencia non competitiva, de xeito que as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito dispoñible. A elección deste procedemento de concesión de axudas vén xustificado pola propia natureza destas e a súa concesión vén determinada polo cumprimento por parte dos concellos dos requisitos establecidos na propia orde.

En virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá a convocatoria pública, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas aos concellos de Galicia para a creación e mellora de infraestruturas e equipamentos, e se procede á convocatoria para o ano 2018.

O procedemento de concesión destas axudas tramítase mediante o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e a prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

A xestión das subvencións obxecto desta convocatoria, realizarase de acordo cos principios establecidos no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios da subvención os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ter remitidas as contas do concello, correspondentes ao exercicio orzamentario de 2016, ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación da solicitude de axuda.

2. Que a entidade local non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención.

3. Que a entidade solicitante acredite a viabilidade do proxecto referido ao ámbito en que se pretenden realizar as actuacións obxecto da solicitude. Este requisito acreditarase mediante a certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo II.

Para os efectos desta orde entenderase que existe plena viabilidade cando as actuacións para as cales se solicita subvención non están pendentes de ningunha autorización ou licenza urbanística ou sectorial tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras, ben por dispoñer dela ou por non ser preceptiva.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos na creación ou mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais que se indican a seguir:

a) Obras de equipamentos públicos.

b) Equipamentos públicos.

c) Humanización de rúas.

d) Humanización e mellora de espazos públicos.

2. Cada concello só poderá solicitar axuda para unha actuación das descritas anteriormente. Cando o órgano tramitador observe que un concello participa en máis dunha actuación, poñerallo de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.

3. As actuacións para as que se solicite a subvención deberanse iniciar no presente exercicio 2018, e poderán estender a súa execución, tendo en conta as datas límite de xustificación que se especifican no artigo 12 desta convocatoria. Para tal efecto, o período de referencia para a imputación dos gastos subvencionables será o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 31 de outubro de 2019, conforme as condicións que se especifican no artigo 12 desta orde de axudas.

En ningún caso serán obxecto de axuda:

a) A adquisición de terreos.

b) Os proxectos de redes de luz pública que consistan unicamente na substitución de lámpadas ou luminarias; ou aqueles destinados á colocación, substitución ou reparación de elementos e pezas illadas en mobiliario ou equipamentos.

c) Adquisición ou substitución de equipos para tratamento e xestión de residuos sólidos urbanos, que non formen parte de xeito conxunto en proxectos relativos ás actuacións c) e d) do número 1 do presente artigo.

Artigo 4. Crédito e importe máximo das subvencións

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 2018 07 04 521A 7620 (código de proxecto 2015 00235) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, destinándose para tal finalidade un total de catro millóns trescentos oitenta e un mil cincocentos corenta e tres euros (4.381.543,00 euros), distribuídos nas seguintes anualidades:

2018: 2.882.373,00 euros.

2019: 1.499.170,00 euros.

2. A axuda económica que se conceda acadará ata a porcentaxe establecida no parágrafo 3 deste artigo, co límite máximo de cincocentos mil euros (500.000 euros) por concello (IVE engadido), ata o esgotamento do crédito a que se refire o punto anterior.

3. A axuda económica concederase de conformidade co establecido nos artigos 7 e 8 da presente orde e poderá chegar a acadar unha porcentaxe do investimento realizado polo concello, ata que se esgote o crédito conforme o seguinte:

a) Concellos cunha poboación inferior ou igual a 5.000 habitantes o 100 % do investimento.

b) Concellos con máis de 5.000 e ata 20.000 habitantes o 80 % do investimento.

c) Concellos con máis de 20.000 e ata 50.000 habitantes o 70 % do investimento.

d) Os concellos de máis de 50.000 habitantes o 50 % do investimento.

Para estes efectos, considerarase o número de habitantes o recollido no último padrón municipal aprobado polo Real decreto 1039/2017, do 15 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas a 1 de xaneiro de 2017.

4. No caso de producirse o esgotamento do crédito orzamentario correspondente á anualidade 2019, poderá resolverse a concesión de subvencións respecto daquelas solicitudes referidas unicamente a actuacións que se executen integramente no exercicio 2018, sempre que non estivese esgotado o crédito da dita anualidade 2018. Os beneficiarios deberán contemplar as actuacións e o seu cofinanciamento na mesma anualidade orzamentaria que o órgano concedente da axuda.

5. Unha vez esgotada a contía máxima fixada no número 1 deste artigo, así como, de ser o caso, os aumentos de crédito efectuados, publicarase o esgotamento da contía máxima fixada e acordarase a inadmisión das posteriores solicitudes; a dita publicación efectuarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Artigo 5. Ampliación de crédito

Sen prexuízo do establecido no artigo 4, existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; neste caso, o órgano concedente procederá a publicala nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde cando o incremento derive:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias, financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) No suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

Artigo 6. Iniciación e prazo de presentación de solicitude

1. Para acollerse a estas axudas, os concellos presentarán solicitude dirixida á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo segundo o modelo que figura como anexo I a esta orde.

2. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través de formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a presentación electrónica.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a presentación electrónica.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algúns dos documentos que se presenten de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

6. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Declaración responsable asinada pola persoa representante da entidade local solicitante, incluída no anexo I desta orde, segundo proceda, en que se faga constar o conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b) Certificación da persoa que ostenta a titularidade da secretaría da entidade local (anexo II), na cal se faga constar:

b.1) O acordo do órgano competente da entidade local polo cal se solicita a subvención para as actuacións que se pretenden executar ao abeiro desta orde, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

O acordo estará referido a todas as actuacións que integran o proxecto, polo que se deberá consignar a denominación e o orzamento de cada unha, así como o orzamento total.

O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

b.2) A remisión das contas da entidade local ao Consello de Contas de Galicia, correspondentes ao exercicio orzamentario de 2016. No certificado quedará acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo cal se consignará a data de remisión ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas en que non se faga constar a dita data de remisión. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

b.3) A viabilidade do proxecto referido ao ámbito en que se pretenden realizar as actuacións obxecto da solicitude.

c) Memoria xustificativa da necesidade das actuacións para as cales solicitan subvención, asinada pola persoa representante da entidade local.

d) Nas solicitudes para obras deberá achegarse o proxecto ou anteproxecto da/s obra/s que se vaian realizar co seguinte contido mínimo:

Memoria explicativa.

Orzamento detallado.

Planos a escala suficiente.

e) Nas solicitudes para equipamento deberá achegarse unha memoria explicativa dos equipamentos para os cales se solicita subvención, asinada pola persoa representante da entidade solicitante, que conterá a descrición e orzamento detallado do equipamento solicitado.

7. O defecto nas solicitudes seralles notificado ás entidades solicitantes pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo máximo e improrrogable de dez días para emendar os erros ou omisións, con indicación de que, de non facelo así, se lles terá por desistidos da súa petición, logo da resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 7. Instrución

1. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas.

2. As resolucións de concesión poderán ditarse sucesivamente, de forma individual para cada unha das solicitudes presentadas, a medida que se vaia verificando que toda a documentación que exixe o artigo 6.6 da presente orde, é correcta e está completa, ata o esgotamento do crédito consignado na correspondente partida orzamentaria.

3. O órgano instrutor do procedemento será a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e elevará as sucesivas propostas de concesión á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, quen resolverá.

Artigo 8. Resolución, notificación e modificación

1. O prazo para resolver e notificar os procedementos iniciados en virtude desta orde será dun mes, contado a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. Será causa de denegación da concesión da subvención o esgotamento do crédito consignado para estes efectos na partida orzamentaria fixada na presente orde.

3. A resolución notificaráselles a todos os concellos interesados, na forma prevista no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Segundo o establecido no artigo 23.5 da mesma lei, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima aos interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Contra a resolución expresa ditada ao abeiro da presente orde, os concellos interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo.

5. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Artigo 9. Aceptación

1. O concello beneficiario disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención de conformidade co artigo 21.5 da Lei de subvencións.

3. Os concellos beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

4. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

Artigo 10. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Proceder ao reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos no artigo 12 desta orde.

c) Incumprimento da obriga de achegar os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.

d) Incumprimento da obriga de destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, durante un período mínimo de cinco anos.

e) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.

5. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa do sector público e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, sen prexuízo do establecido no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos artigos 9.c) e 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. Serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.

6. Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concede esta subvención durante un período mínimo de cinco anos e proceder ao reintegro das cantidades percibidas no caso de incumprimento desta obriga. A axuda só será definitiva se non sofre antes de transcorridos cinco anos do seu remate unha modificación que afecte a natureza do investimento.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

8. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme coa disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 11. Contratación

1. As entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións que integran o proxecto subvencionado e que constitúe o obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración concedente.

2. A tramitación da contratación das obras, equipamentos ou servizos será realizada polas entidades beneficiarias conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, e serán as entidades locais contratantes as responsables directas das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.

En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos artigos 9.c) e 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

3. Nos supostos previstos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, á prestación do servizo ou á entrega do ben, salvo que polas especiais características do gasto subvencionable non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

4. A entidade beneficiaria deberá acreditar as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.

A elección deberá realizarse consonte criterios de eficiencia e economía e, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. De non recaer nesta, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección do/da adxudicatario/a.

Artigo 12. Xustificación e pagamento

1. As entidades beneficiarias deberán executar as actuacións subvencionadas e presentar a conta xustificativa, dentro dos prazos determinados na resolución de concesión da axuda e o consecuente recoñecemento das obrigas conforme o establecido no artigo 8 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, segundo o seguinte procedemento:

1.1. Para as axudas que contemplen só a anualidade de 2018, o prazo de execución material das actuacións será o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2018, e o prazo de presentación da documentación será ata o 15 de decembro de 2018.

1.2. Para as axudas cuxa contía se distribúa nas anualidades de 2018 e 2019, observaránse as seguintes regras:

a) Para a xustificación do importe da anualidade de 2018, o prazo de execución material das actuacións será o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2018, e o prazo de presentación da documentación será ata o 15 de decembro de 2018.

b) Para a xustificación da anualidade de 2019, o prazo de execución material das actuacións será o comprendido entre o 1 de decembro de 2018 e o 31 de outubro de 2019, e o prazo de presentación da documentación será ata o 15 de novembro de 2019.

2. A conta xustificativa estará integrada polos seguintes documentos:

a) Declaración responsable asinada polo representante do concello beneficiario segundo o modelo do anexo III desta orde, en que se faga constar:

O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

De haber outros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, deberá incluírse unha relación detallada de tales ingresos ou subvencións con indicación do importe e da súa procedencia.

Que o concello beneficiario non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que as entidades locais beneficiarias están ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non son debedoras por resolución de procedemento de reintegro.

b) Certificación emitida no modelo do anexo IV polo/a secretario/a do concello beneficiario relativa:

Á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, na cal se faga constar de forma detallada: o cumprimento da finalidade da subvención e os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.

Que, segundo informe da intervención municipal, se tomou razón na contabilidade do gasto correspondente á execución do proxecto subvencionado.

Que, segundo informe do/a secretario/a do concello, a contratación das obras, equipamentos ou servizos se realizou consonte a normativa de contratación do sector público.

Nos supostos previstos no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deberá facerse constar:

As tres ofertas que deben solicitar, de conformidade co establecido no artigo 48.2.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 10 desta orde.

Que se cumpriu o establecido nos artigos 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, e 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, especialmente que a elección entre as ofertas recaeu na proposta económica máis vantaxosa.

3. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 e 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 13. Libramento das subvencións

1. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento dos fondos, sempre que o beneficiario cumpra a obriga de executar o proxecto que fundamentou a concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Concorrencia de axudas e subvencións públicas

Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axuda, ingresos ou recursos para a mesma finalidade. Non obstante, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o custo da actuación subvencionada.

Artigo 16. Incumprimento de obrigas

No caso de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da dita lei, a entidade beneficiaria comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquela, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 18. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación.

O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Lázaro, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a sxt.mot@xunta.gal

Artigo 19. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 20. Información relativa á orde de convocatoria

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

b) Nos seguintes teléfonos:

Para consultas técnicas sobre os proxectos e documentación relativa a estes: 981 54 43 82, 981 54 45 47.

Para consultas de tipo administrativo e xestión: 981 54 43 89, 981 54 43 71.

c) No enderezo electrónico: sxurb@xunta.gal

Disposición derradeira primeira

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispor gastos, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Disposición derradeira cuarta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file