Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 7 de maio de 2018 Páx. 23449

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 30 de abril de 2018 pola que se modifica a Orde do 25 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos desta consellería.

A Orde do 25 de xaneiro de 2012 regula a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica, das diferentes secretarías xerais, dalgunhas direccións xerais e das xefaturas territoriais, no ámbito dos servizos centrais e periféricos correspondentes.

O artigo 1 desta orde establece que se delegan na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica as seguintes atribucións: c) As funcións que, como órgano de contratación, lle corresponden á persoa titular da consellería de acordo coa lexislación vixente, excepto nos casos en que estean expresamente delegadas noutros órganos.

A Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014 (LCSP), establece novas exixencias formais de tramitación de contratos menores, e configura a necesidade de formar un expediente máis completo que o previsto na regulación anterior, ao tempo que lles encomenda aos órganos de contratación novas responsabilidades de control e comprobación de cumprimento de determinados límites formais e cuantitativos de contratación a través deste tipo de procedemento.

Co obxecto de configurar as unidades administrativas en que se estrutura a consellería como unidades funcionais consonte as previsións da nova LCSP, é necesario dotalas, a través da técnica administrativa da delegación de competencias, de responsabilidades autónomas na adxudicación de contratos menores, de xeito que poidan asumir tarefas de control da contratación menor que se desenvolva dentro do seu ámbito competencial.

A pretensión que se persegue con esta orde é a de acadar unha maior eficacia na tramitación e control de determinadas categorías de contratos públicos para adaptar a estrutura organizativa da consellería ás novas exixencias normativas.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; os artigos 6, 38, 43.3 e 44 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 25 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

A Orde do 25 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria queda modificada como segue:

Engádese unha alínea d) ao artigo 2, en relación coas atribucións delegadas na persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura, que queda redactada da seguinte forma:

«d) Exercer, dentro do seu ámbito de competencias, as funcións que lle corresponden á persoa titular da consellería como órgano de contratación, en relación cos contratos cualificados menores consonte a normativa vixente en materia de contratación pública».

Modifícase o artigo 2 bis, en relación coas atribucións delegadas na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 2 bis. Delegacións na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural as seguintes atribucións:

a) Exercer, dentro do seu ámbito de competencias, as facultades que a normativa en materia de patrimonio cultural lle atribúe á persoa titular da consellería en relación cos expedientes do ámbito competencial de cultura.

b) Exercer, dentro do seu ámbito de competencias, as funcións que lle corresponden á persoa titular da consellería como órgano de contratación, en relación cos contratos cualificados menores consonte a normativa vixente en materia de contratación pública».

Engádese unha alínea d) ao artigo 3, en relación coas atribucións delegadas na persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que queda redactada da seguinte forma:

«d) Exercer, dentro do seu ámbito de competencias, as funcións que lle corresponden á persoa titular da consellería como órgano de contratación, en relación cos contratos cualificados menores consonte a normativa vixente en materia de contratación pública».

Engádese unha alínea d) ao artigo 4, en relación coas atribucións delegadas na persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades, que queda redactada da seguinte forma:

«d) Exercer, dentro do seu ámbito de competencias, as funcións que lle corresponden á persoa titular da consellería como órgano de contratación, en relación cos contratos cualificados menores consonte a normativa vixente en materia de contratación pública».

Engádese unha alínea c) ao artigo 5, en relación coas atribucións delegadas na persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que queda redactada da seguinte forma:

«c) Exercer, dentro do seu ámbito de competencias, as funcións que lle corresponden á persoa titular da consellería como órgano de contratación, en relación cos contratos cualificados menores consonte a normativa vixente en materia de contratación pública».

Engádese unha alínea f) ao artigo 6, en relación coas atribucións delegadas na persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, que queda redactada da seguinte forma:

«f) Exercer, dentro do seu ámbito de competencias, as funcións que lle corresponden á persoa titular da consellería como órgano de contratación, en relación cos contratos cualificados menores consonte a normativa vixente en materia de contratación pública».

Engádese unha alínea f) ao artigo 7, en relación coas atribucións delegadas nas persoas titulares das xefaturas territoriais, que queda redactada da seguinte forma:

«f) Exercer, dentro do seu ámbito de competencias, as funcións que lle corresponden á persoa titular da consellería como órgano de contratación, en relación cos contratos menores e outros contratos que se tramiten polo procedemento aberto simplificado previsto no artigo 159.6 da Lei de contratos do sector público, nos casos en que o correspondente gasto sexa imputable ao capítulo II do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación y Ordenación Universitaria