Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 8 de maio de 2018 Páx. 23571

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

CORRECCIÓN DE ERROS. Orde do 16 de marzo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente aos exercicios de 2018 e 2019 (código de procedemento TR301K).

Advertidos erros no texto da dita orde, publicada no Diario Oficial de Galicia número 61, do 27 de marzo de 2018, cómpre efectuar a seguinte corrección:

Substituír no artigo 2 o texto:

«As accións que poden ser obxecto de financiamento son aquelas referidas á formación para a obtención de competencias clave, de certificados de profesionalidade e idiomas previstas no anexo I, así como os módulos transversais e complementarios que se impartan asociados aos anteriores».

Polo seguinte:

«As accións que poden ser obxecto de financiamento son aquelas que se determinen no anexo I de cada convocatoria, así como os módulos transversais e complementarios que se impartan asociados ás anteriores».

Substituír no artigo 4 o texto:

«Para cada número de censo poderanse solicitar, como máximo, dúas edicións dunha mesma especialidade, agás naqueles casos en que se trate de accións formativas incluídas no anexo II (competencias clave, docencia para a formación profesional para o emprego, metal, naval e automoción) caso en que poderán solicitarse ata seis edicións.

De se tratar de especialidades formativas recollidas nos anexos III, Industria 4.0, e IV, Especialidades formativas máis demandadas, poderán solicitarse ata catro edicións».

Polo seguinte:

«Para cada número de censo poderanse solicitar, como máximo, dúas edicións dunha mesma especialidade, agás naqueles supostos en que se trate de accións formativas incluídas no anexo II, caso en que poderán solicitarse ata seis edicións.

De se tratar de especialidades formativas recollidas nos anexos III e IV, poderán solicitarse ata catro edicións».

Substituír no artigo 27 o texto:

«2. As accións formativas estarán constituídas polas especialidades formativas (certificados de profesionalidade, competencias clave, idiomas) e polo/os módulo/os transversais e complementarios a que se refire esta orde».

Polo seguinte:

«2. As accións formativas estarán constituídas polas especialidades e polo/s módulo/s transversais e complementarios a que se refire esta orde».