Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 8 de maio de 2018 Páx. 23629

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2018 pola que se anuncian os actos en conmemoración do Día das Letras Galegas.

Un dos fins da EGAP, establecido no artigo 3 da Lei 14/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, é a difusión e normalización da lingua galega. Coa finalidade de conmemorar o día das Letras Galegas, e especialmente este ano á figura de María Victoria Moreno Márquez,

RESOLVO:

Anunciar a celebración dos actos en conmemoración do Día das Letras Galegas conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas de 2018 á escritora de literatura infantil e xuvenil María Victoria Moreno Márquez (1939-2005). A EGAP, como institución pública galega, súmase á homenaxe desta insigne escritora en lingua galega organizando un acto literario, seguido da inauguración dunha mostra de arte, así como dunha viaxe de interese cultural.

2. Persoas destinatarias.

No acto literario e posterior inauguración da mostra de arte poderá participar calquera persoa interesada. Á viaxe cultural terá acceso só o persoal empregado público ao servizo de calquera das administracións públicas de Galicia (ata 50 prazas). No caso de se presentaren máis solicitudes que prazas, terá preferencia o persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia.

3. Desenvolvemento.

3.1. O día 16 de maio, ás 12.00 horas, no salón de actos da EGAP, celebrarase un acto literario no que a escritora Fina Casalderrey impartirá unha conferencia en relación coa vida e obra da autora homenaxeada e o músico Emilio Rúa interpretará dúas composicións propias baseadas nos seus textos. Ao finalizar o acto, inaugurarase a Mostra de Arte das Letras Galegas, en que persoal empregado público da Administración autonómica exhibirá na sede da EGAP, ata o vindeiro 15 de xuño, as súas creacións artísticas.

3.2. O día 17 de maio terá lugar unha viaxe de interese cultural polos escenarios onde transcorreu unha boa parte da vida da autora agasallada. O programa e o percorrido poderanse consultar na páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/).

4. Inscrición.

As persoas interesadas en participar no acto literario deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/). O prazo estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ata as 23.00 horas do día 13 de maio de 2018.

Unha vez formalizada a inscrición a que se refire o punto anterior, as persoas interesadas en participar na viaxe cultural deberán, ademais, enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, no cal indiquen o seu nome, apelidos e datos de contacto, así como o seu vínculo de pertenza a calquera das administracións públicas de Galicia.

A inscrición na viaxe implica a obrigatoriedade de asistir ao acto literario. Para a selección da viaxe cultural terase en conta a data e a hora de recepción do correo electrónico.

5. Información sobre a selección.

Na epígrafe desta actividade da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas.

Poderase obter calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 41 e 981 54 62 39.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública