Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 11 de maio de 2018 Páx. 23912

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2018 pola que se convoca un curso sobre a protección das persoas consumidoras no ámbito financeiro e do investimento.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito con data do 5 de outubro de 2017, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP) e o Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso sobre a protección das persoas consumidoras no ámbito financeiro e do investimento.

RESOLVO:

Convocar un curso sobre a protección das persoas consumidoras no ámbito financeiro e do investimento que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos do persoal participante

Persoal funcionario e laboral do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC); persoal funcionario e laboral das oficinas municipais de Información ao Consumidor (OMIC) e outro persoal das entidades locais e das asociacións de persoas consumidoras e usuarias de Galicia que realicen funcións de asesoramento ás persoas consumidoras, mediación e tramitación de reclamacións de consumo.

Segunda. Desenvolvemento da actividade de formación

A actividade formativa realizarase cos requirimentos, a duración e as condicións que para esta actividade se indique na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web https://egap.xunta.gal.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección deberán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal.

Cuarta. Criterios de selección

Terá preferencia o persoal do IGCC. Para o caso de que non se cubran as prazas co dito persoal, aplicaranse os criterios xerais da EGAP, segundo a Resolución do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo https://egap.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar no curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde o día seguinte ao da súa publicación.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días naturais anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto, poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro) o enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal.

c) As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final dela.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e o IGCC poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o IGCC resérvanse o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso no que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o IGCC garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV1825

A protección das persoas consumidoras no ámbito financeiro e do investimento

1. Obxectivos.

Formar e capacitar os distintos profesionais que interveñen no asesoramento e resolución das problemáticas das persoas consumidoras no ámbito financeiro e do investimento. Analizar e estudar os principais produtos de investimento (fondos de investimento, fondos de pensións...); os riscos destes produtos; a súa normativa reguladora; coñecer a súas principais problemáticas e os mecanismos e criterios de resolución empregados pola CNMV. Analizar e estudar as operacións de financiamento máis habituais; os diferentes medios e servizos de pagamento (efectivo, tarxetas de débito, de crédito...); as condicións aplicables ás contas e aos depósitos bancarios; as hipotecas inversas; as problemáticas máis frecuentes en relación aos produtos bancarios e os mecanismos e criterios de resolución de reclamacións empregados polo Banco de España.

2. Destinatarios/as.

Persoal funcionario e laboral do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC); persoal funcionario e laboral das oficinas municipais de Información ao Consumidor (OMIC) e outro persoal das entidades locais e das asociacións de persoas consumidoras e usuarias de Galicia que realicen funcións de asesoramento ás persoas consumidoras, mediación e tramitación de reclamacións de consumo.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 12 horas.

Edicións: 1.

Datas: 29 e 30 de maio de 2018.

Horarios: 29 de maio: das 9.00 ás 14.00 horas; 30 de maio: das 9.00 ás 14.00 horas, e das 16.00 ás 18.00 horas.

Lugar: Santiago de Compostela, aula 11 da Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, núm. 2-4.

Prazas: 50.

4. Contido.

As decisións de investimento.

Principais problemáticas dos produtos de investimento.

Operacións de financiamento.

Efectivo.

Depósitos a prazo.

Publicidade de produtos bancarios. O portal do cliente bancario.