Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Luns, 14 de maio de 2018 Páx. 24033

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 24 de abril de 2018 pola que se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece a competencia plena para regular e administrar o ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio), establece nos seus artigos 39 a 44 os principios xerais, obxectivos, contidos, títulos e validacións da formación profesional integrada no sistema educativo español. E, concretamente, no artigo 42 determina que o currículo das ensinanzas de formación profesional incluirá unha fase de formación práctica nos centros de traballo.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece no seu artigo 9 que a formación profesional comprende o conxunto de accións formativas que capacitan para o desempeño cualificado das diversas profesións, o acceso ao emprego e a participación activa na vida social, cultural e económica. Inclúe as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral dos traballadores, así como as orientadas á formación continua nas empresas, que permitan a adquisición e a actualización permanente das competencias profesionais.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, dispón no seu artigo 15 que o currículo dos ciclos formativos incluirá un módulo de formación en centros de traballo, que non terá carácter laboral.

O Decreto 107/2014, do 4 de setembro, polo que se regulan aspectos específicos da formación profesional básica das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo en Galicia e se establecen vinte e un currículos de títulos profesionais básicos, establece que todos os ciclos de formación profesional básica tamén incluirán un módulo de formación en centros de traballo.

Polo exposto e considerando que a formación práctica en centros de traballo ten un gran valor didáctico e pedagóxico por achegar o alumnado ao mundo sociolaboral no cal se vai desenvolver a súa futura vida profesional, cómpre incluír este programa como unha das accións que hai que promover cara ao cumprimento dos acordos sobre medidas para o crecemento do emprego en Galicia.

A mobilidade transnacional das persoas que desexan formarse ou contribuír a actividades de formación noutros países permite a mellora das competencias sociais dos individuos mediante a aprendizaxe da comunicación e a vida en sociedade, aumenta o respecto á diversidade e fomenta o aumento das competencias lingüísticas e profesionais. A realización, total ou parcial, da formación en centros de traballo noutros países contribúe á adquisición destas competencias.

No ámbito profesional, a mobilidade é un medio privilexiado de lograr un espazo de emprego e traballo europeo, xa que lle dá a cada individuo a posibilidade de adquirir coñecementos teóricos, prácticos e de comportamento e, dun xeito máis amplo, competencias e cualificacións adaptadas ao espazo sen fronteiras da Unión Europea.

Tendo en conta a importancia desta formación e coa finalidade de compensar parcialmente os gastos extraordinarios que se producen no desenvolvemento das prácticas formativas en centros de traballo para o alumnado, considérase necesario convocar axudas económicas.

Na súa virtude, e en uso das atribucións que me foron concedidas, esta Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Convocar axudas económicas para realizar a formación práctica en centros de traballo (FCT) en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento ED202A), nas seguintes modalidades:

1. Modalidade A. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao profesional básico, grao medio e grao superior de formación profesional inicial, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas formativos e que realice a FCT dentro do territorio español.

2. Modalidade B. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao profesional básico, grao medio ou grao superior de formación profesional inicial, de artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e que realice a FCT fóra do territorio español co fin de mellorar as competencias lingüísticas e profesionais.

Artigo 2. Requisitos

1. Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado matriculado en centros públicos desta comunidade autónoma e, no caso dos centros privados, o alumnado matriculado en ensinanzas concertadas coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que estea cursando o derradeiro curso dun ciclo formativo de grao profesional básico, grao medio ou grao superior de formación profesional inicial, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas formativos.

2. O alumnado que concorra a esta convocatoria de axudas deberá rematar o período de formación práctica en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2018.

3. Non poderá ter a condición de persoa beneficiaria das axudas previstas nesta orde o alumnado que incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O/a solicitante debe cumprir os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Documentación

O alumnado que reúna os requisitos para participar nesta convocatoria presentará a seguinte documentación:

– Solicitude normalizada segundo o anexo I desta orde.

– Declaración do enderezo de residencia durante o período de realización da FCT, segundo o anexo II desta orde.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento de identidade, DNI ou NIE do/da solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Artigo 5. Prazo e lugar de presentación de solicitudes

Convócanse dous períodos de presentación de solicitudes:

1. O primeiro prazo, trinta e un (31) días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para o alumnado que realizase a FCT nos períodos outubro de 2017 a marzo 2018 e nos períodos xaneiro a xuño, xaneiro a marzo e abril a xuño de 2018. Todo o alumnado deste prazo deberá rematar o período da FCT antes do 31 de agosto de 2018.

O alumnado ao cal lle corresponda realizar a FCT no período de setembro a decembro de 2018 e que anticipase o período de FCT non se acollerá a este primeiro prazo.

2. O segundo prazo será o comprendido entre o 14 de outubro e o 14 de novembro de 2018, para o alumnado de ciclos formativos ao cal lle corresponda realizar a FCT no período de setembro a decembro de 2018. Este alumnado deberá rematar obrigatoriamente o período de formación en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2018. O alumnado que teña horario flexible con autorización da dirección xeral e remate despois do 31 de decembro de 2018 acollerase á seguinte convocatoria de axudas.

3. As solicitudes, xunto co resto dos anexos requiridos, facilitarállelos ao alumnado o centro educativo en que estea matriculado no momento de realizar a formación en centros de traballo. Toda esta documentación se xerará a través da aplicación informática www.edu.xunta.es/fct, polo que os anexos desta orde só serven para efectos informativos.

4. As solicitudes, xunto co resto dos anexos, só se poderán presentar no centro educativo onde o alumnado estea matriculado no momento de realizar a formación en centros de traballo.

Artigo 6. Orzamento

O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo ao concepto orzamentario 10.50.422M.480.0 dentro do exercicio orzamentario do ano 2018, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ata un importe máximo de 800.000 € (oitocentos mil euros). Esta contía poderase incrementar na medida en que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio económico do ano 2018, de acordo co establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Se a contía total da suma das solicitudes superase o crédito de que se dispón, queda autorizada a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para axustar proporcionalmente os importes solicitados por cada solicitante, de xeito que a suma total dos importes de todos/as os/as solicitantes de Galicia non supere a contía do crédito dispoñible.

Reservarase un 75 % do orzamento para o primeiro prazo, un 25 % para o segundo e será acumulable o orzamento excedente do primeiro período para o segundo.

Artigo 7. Contía da axuda e número de xornadas

1. Contía da axuda.

a) Alumnado que realice a FCT dentro do territorio español.

a.1) Na Comunidade Autónoma:

Ata un máximo de 186 € cando se cumpran as seguintes condicións:

– O concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello do centro educativo.

– O concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello de residencia do/a alumno/a durante o período de realización da FCT.

A contía de cada alumno/a será en función do número de xornadas realizadas no módulo de FCT do ciclo correspondente.

Todo o alumnado deberá entregar cuberto o anexo II con indicación do enderezo de residencia durante o período de realización da FCT.

a.2) Fóra da Comunidade Autónoma.

Percibirán unha cantidade fixa de 200 €.

b) Alumnado que realice a FCT fóra do territorio español.

b.1) Unión Europea:

País

Contía
base

Contía
por semana

Bulgaria, Eslovaquia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, Malta, Romanía

120 €

  72 €

Alemaña, Bélxica, Chipre, Croacia, Eslovenia, Grecia, Holanda, Luxemburgo, Portugal, República Checa

180 €

120 €

Austria, Dinamarca, Finlandia, Francia, Irlanda, Italia, Reino Unido, Suecia

240 €

150 €

b.2) Non integrados na Unión Europea:

País

Contía
base

Contía
por semana

Europeos

180 €

120 €

Doutros continentes

240 €

150 €

A contía base é para todo o alumnado, con independencia das semanas de estadía no estranxeiro.

2. Número de xornadas.

O número mínimo de xornadas que se deben realizar para percibir esta axuda será do 80 % das correspondentes a cada ensinanza.

O límite máximo de xornadas obterase dividindo entre oito o número de horas do módulo de FCT que lle corresponda realizar.

Para o alumnado que realice a FCT en xornada de horario flexible, segundo o artigo 14, letra f) da Orde do 28 de febreiro de 2007, o máximo de xornadas será o correspondente ás da ensinanza que se curse e só será posible acollerse á orde de axudas que regule o período final das súas prácticas, se estas se prolongan ao longo de máis dunha convocatoria de axudas.

O alumnado que realice a FCT fóra do territorio español e non complete o número total de horas do módulo de FCT do ciclo formativo correspondente, deberá completar as restantes horas dentro do territorio español con anterioridade ou posterioridade.

O alumnado que realice a FCT fóra do territorio español e teña concedida unha axuda Erasmus + KA102, Fundación Paidea ou calquera outra que financie totalmente o período de FCT non terá dereito á axuda convocada nesta orde polas xornadas realizadas fóra do Estado español.

Ao alumnado que realice a FCT fóra do territorio español e teña concedida ou solicitada calquera outra axuda para a mesma finalidade concederáselle o 50 % da axuda correspondente ás xornadas realizadas fóra do Estado español e a parte proporcional da axuda das xornadas realizadas dentro do territorio español, sempre dentro do límite establecido no artigo 14.

Artigo 8. Documentación que tramitarán os centros

1. Os centros educativos utilizarán para a xestión destas axudas a aplicación informática que determine e subministre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e, ademais, proporcionaranlle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa todos aqueles documentos ou datos previstos nesta orde, nas distintas normas reguladoras do desenvolvemento da FCT ou nas instrucións remitidas aos centros.

2. A dirección do centro cargará os datos e tramitará todos os documentos a través da páxina web http://www.edu.xunta.es/fct, da cal se obterá unha listaxe provisional de todo o alumnado que solicitase axuda no seu centro. Esta listaxe provisional de solicitantes, coa indicación da contía que lle corresponde a cada alumno/a, asinada polo/a director/a e o/a secretario/a, deberá publicarse no taboleiro de anuncios do centro o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. O centro abrirá un prazo de dez días naturais, contados a partir da publicación da listaxe provisional, para que os e as solicitantes presenten reclamacións.

4. Unha vez que remate o prazo de reclamacións, a dirección do centro resolveraas e elaborará unha listaxe definitiva de solicitantes, asinada polo/a director/a e o/a secretario/a, que fará pública no taboleiro de anuncios do centro.

5. O centro, a través do/da coordinador/a de FCT, unha vez finalizada a formación en centros de traballo, indicará na aplicación informática o alumnado que ten dereito á axuda.

6. Posteriormente, o/a director/a e o/a secretario/a certificarán a relación do alumnado que realizou as prácticas, cos importes que lle corresponda a cada un e o total. Esta certificación será xerada na aplicación informática www.edu.xunta.es/fct unha vez que rematen todos/as os/as solicitantes o período de FCT e nunca máis tarde do 31 de agosto de 2018, para o primeiro prazo, e do 31 de decembro de 2018, para o segundo prazo.

Artigo 9. Arquivamento da documentación

1. O centro arquivará a seguinte documentación en papel como mínimo por un período de 5 anos.

a) Solicitudes orixinais (anexo I).

b) Declaracións de residencia (anexo II).

c) Copia do DNI da persoa solicitante, de ser o caso.

d) Se é o caso, declaracións responsables complementarias, segundo dispón o artigo 12, número 2, desta orde (anexo IV).

e) Certificación de realización das prácticas.

2. No caso de centros privados con ensinanzas concertadas, a aceptación de participación como entidade colaboradora na xestión das axudas (anexo III) deberase asinar e escanear para a súa remisión por correo electrónico a fct@edu.xunta.es antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 10. Adxudicación das axudas

Á vista das certificacións dos centros e do crédito dispoñible, a Dirección Xeral elaborará a correspondente proposta de adxudicación das axudas e enviaralla á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá o que proceda, e nos termos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 11. Comunicación e publicación das axudas

1. Mediante orde da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicarase o anuncio da exposición das listaxes definitivas das persoas beneficiarias, coa indicación da contía que lle corresponde a cada alumno/a, no Diario Oficial de Galicia. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición perante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Neste caso a publicación das persoas beneficiarias producirá os mesmos efectos que a notificación segundo se establece no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As persoas interesadas poderán entender desestimadas as solicitudes de non se ditar resolución expresa no prazo de cinco meses contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 12. Pagamento das axudas

1. As axudas faranse efectivas nun só pagamento directamente á persoa beneficiaria, a través da conta bancaria indicada para tal efecto.

2. A persoa beneficiaria presentará no centro, no momento da finalización da FCT, unha declaración responsable complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade (anexo IV), das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

3. A persoa beneficiaria está obrigada a comunicarlle á entidade concedente ou, se é o caso, á entidade colaboradora a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 13. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderanse acoller ao establecido no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14. Compatibilidade das axudas

Estas axudas son compatibles con outras de carácter xeral, aínda que o importe total recibido nunca poderá superar illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade subvencionada.

Artigo 15. Perda das axudas

1. A falsidade dos datos ou falsificación dos documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos dos/das solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da contía percibida, ademais das responsabilidades que procedesen, seguindo o procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

1. A persoa beneficiaria está obrigada ao reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, logo do procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. A persoa beneficiaria está obrigada a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles correspondan.

3. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, utilizarase a declaración responsable recollida no anexo IV desta orde.

4. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Alumnado, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento e informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante esta mesma secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a sxfp@edu.xunta.es.

Artigo 18. Modelos normalizados de formularios

Para calquera outro trámite distinto da presentación da solicitude, a sede electrónica da Xunta de Galicia ten ao dispor das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 19. Adaptación

Esta orde adáptase ás normas que lle son aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás que figuran no regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarios para aplicar esta orde.

Disposición derradeira segunda. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición perante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante a Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file