Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Martes, 15 de maio de 2018 Páx. 24188

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 27 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento TR341R).

O Real decreto lexislativo 3/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de emprego, establece no seu artigo 3.2 que, de conformidade coa Constitución española e cos seus estatutos de autonomía, corresponde ás comunidades autónoma, no seu ámbito territorial, o desenvolvemento da política de emprego, o fomento do emprego e a execución da lexislación laboral e dos programas e medidas que lles fosen transferidos. Así mesmo, o artigo 38 sinala que os servizos e programas de políticas activas de emprego os deseñarán e desenvolverán as comunidades autónomas no ámbito das súas competencias, tendo en conta os contidos comúns establecidos na normativa estatal de aplicación.

Con base no anteriormente exposto, e no marco establecido no artigo 40 da Constitución española; nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia Europea de Emprego, de acordo coa Axenda 20 para o Emprego, co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

No título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo (BOE do 12 de xullo), dedicado ao fomento e á promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e prestarase especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas, entre as cales as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente.

No título IV do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade (DOG nº 32, do 17 de febreiro de 2016), regúlase o apoio á conciliación e á corresponsabilidade.

No Real decreto lei 11/1998, do 4 de setembro, polo que se regulan as bonificacións de cotas á Seguridade Social dos contratos de interinidade que se celebren con persoas desempregadas para substituír as persoas traballadoras durante os períodos de descanso por maternidade, adopción e acollemento (BOE do 5 de setembro), e no artigo 38 da Lei 20/2007 regúlanse as bonificacións tanto da persoa autónoma durante o período de baixa de maternidade como da persoa desempregada que a substitúe durante ese período.

Por outra banda, hai que ter en conta que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo a Xunta de Galicia aposta por impulsar o traballo autónomo, como un xeito máis de incorporación ao mercado de traballo, motivo polo cal se establecen estas axudas sen concorrencia entre as persoas solicitantes e sen necesidade de valorar e resolver conxuntamente as solicitudes presentadas, sen que por iso se produza un menoscabo dos principios de igualdade e obxectividade na asignación das subvencións previstas e con pleno respecto aos principios de eficacia e eficiencia na xestión do gasto público.

En Galicia, a Estratexia do Emprego Autónomo 2017-2020, dentro da Axenda 20 para o Emprego da Xunta de Galicia, ten como misión principal apoiar as persoas e as empresas na creación de emprego estable e de calidade e procurar que ese emprego se manteña, e recoñece a necesidade de prestar unha especial atención ás circunstancias especiais e diferenciais do autónomo e, en concreto, axudar tamén á promoción da conciliación da vida laboral e persoal da persoa traballadora autónoma. Está incluída esta medida dentro do reto 2 de mellora da calidade como a acción 10: Axudas á conciliación por maternidade ou paternidade.

Así mesmo, de acordo co disposto no Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

En canto ao procedemento de concesión:

Establecese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que, de acordo coa finalidade e co obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 9 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xuño.

Polo exposto, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Asesoría Xurídica e da Intervención Xeral, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o cal foron establecidos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública das axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que, unha vez finalizada a súa baixa por maternidade ou paternidade, contraten unha persoa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR341R).

2. Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria destas axudas para o ano 2018.

CAPÍTULO II

Bases reguladoras

Artigo 2. Obxecto das bases reguladoras

1. Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que, unha vez finalizada a súa baixa por maternidade ou paternidade, contraten unha persoa para ampliar a súa conciliación da vida familiar e laboral.

2. Mediante a presente axuda permitirase que a persoa traballadora por conta propia obteña unha compensación durante dezaseis (16) semanas máis para a contratación dunha persoa, para favorecer a conciliación da súa vida persoal e laboral e facilitar a continuidade do seu proxecto empresarial.

Artigo 3. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis e ao disposto nesta orde.

Artigo 4. Acción subvencionable e importe da subvención

1. Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma, unha vez rematada a súa baixa por maternidade ou paternidade, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos na presente orde.

2. Serán subvencionables as contratacións que, cumprindo cos requisitos enumerados no parágrafo anterior, se realicen entre o 1 de novembro de 2017 e o 30 de setembro de 2018.

3. O importe da subvención para compensar esta contratación será do 100 % da cota empresarial da Seguridade Social, incluída a de accidentes de traballo e enfermidades profesionais correspondente á persoa contratada durante un máximo de dezaseis (16) semanas.

Artigo 5. Financiamento

1. A concesión das subvencións previstas para o ano 2018 nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

En virtude do anterior, no exercicio económico de 2018 as subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C 470.6, código de proxecto 2017 00021, cun crédito de 500.000,00 euros, que figura na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2018.

2. Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

3. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. Se o orzamento asignado non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos, terase en conta a data en que se presentase a correspondente solicitude, de acordo co previsto no artigo 11 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora.

Artigo 6. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras que estean dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social de persoas traballadoras por conta propia ou autónomos que, segundo o anexo I, teñan o seu centro de traballo (ou domicilio social, no caso de carecer deste) na Comunidade Autónoma de Galicia, que gozasen dunha baixa por maternidade ou paternidade e que, no prazo dos quince (15) días seguintes ao da súa finalización, contraten unha persoa traballadora por conta allea.

2. Tamén serán beneficiarias as sociedades que realicen unha contratación nas mesmas condicións que no parágrafo anterior con respecto aos autónomos societarios

Artigo 7. Requisitos e obrigas das persoas beneficiarias

1. Para ter dereito á subvención, previamente a persoa traballadora autónoma debe ter estado de baixa por maternidade ou paternidade.

2. No prazo dos quince (15) días naturais seguintes ao da finalización da baixa por maternidade ou paternidade débese realizar un contrato de calquera modalidade.

3. Estar ao día nas obrigas tributarias coa Administración do Estado e coa Comunidade Autónoma de Galicia, así como coa Seguridade Social.

4. Realizar a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Cumprir as obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. A persoa beneficiaria estará obrigada a comunicar, de xeito inmediato, calquera variación ou extinción das condicións que lle deron dereito a percibir estas axudas.

7. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das subvencións.

Artigo 8. Exclusións

Exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde:

1. Os contratos realizados co cónxuxe, cos ascendentes, cos descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da persoa solicitante. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e as fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con ela, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo. Tampouco será aplicable esta exclusión pola contratación de fillos maiores de 30 anos con especiais dificultades para a súa inserción laboral e que teñan unha discapacidade recoñecida nos termos da disposición adicional décima da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.

2. As persoas ou entidades en que concorran os motivos de exclusión previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponderalle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de novembro de 2017 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación da orde. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde terán o prazo dun mes desde a data da contratación subvencionada. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 11. Solicitudes

1. En relación coa presentación de solicitudes, as entidades beneficiarias a que vai dirixida esta orde de subvencións son as persoas autónomas que exercen unha actividade económica e dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento en calquera actividade comercial que realicen. A presentación electrónica suporá un importante aforro de tempo e recursos materiais na súa tramitación, tanto para a persoa solicitante como para a propia Administración. Polo tanto, as solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. Se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Para garantir que as persoas que carecen de medios para relacionarse telematicamente coa Administración, e de acordo co previsto no artigo 13.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poidan presentar no rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento, a persoa solicitante poderá contar, entre outros, coa asistencia efectiva da Rede de técnicos de emprego de Galicia da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 12. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 13. Consentimentos e autorizacións

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. As persoas interesadas deberán achegar xunto coas solicitudes os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Atriga, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

5. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

6. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

7. Así mesmo, autoriza o órgano xestor a comprobar, segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a alta como persoa traballadora autónoma e a contratación da persoa contratada.

8. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, como responsable do ficheiro, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou no seguinte enderezo electrónico: lopd.industria@xunta.gal.

Artigo 15. Documentación que se debe presentar

A solicitude deberase presentar no modelo que figura como anexo I a esta orde, xunto coa seguinte documentación:

• No suposto de actuar mediante representante, poder suficiente de actuar en nome da persoa ou entidade solicitante.

• Informe de vida laboral do código conta de cotización correspondente ao mes en que se realiza a contratación da persoa traballadora pola cal se solicita subvención.

• Relación nominal de persoas traballadoras e recibo de liquidación de cotización da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, xunto co seu pagamento bancario dos meses xa pagados no momento da presentación, referente á persoa contratada obxecto da subvención.

• Resolución da Seguridade Social en que indique o período de baixa por maternidade ou paternidade.

Artigo 16. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa solicitante e da representante.

c) Vida laboral da persoa traballadora autónoma.

d) Presentación do contrato que se vai subvencionar no Servizo Público de Emprego.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 17. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 18. Procedemento e criterios de avaliación das solicitudes

Establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas, senón que a concesión das axudas se realizará pola comprobación da concorrencia, na persoa solicitante, dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario, conforme o previsto no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos de emprego e da formación profesional ocupacional, e o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Instrución

O órgano instrutor do procedemento será o Servizo de Emprego Autónomo, que formulará a proposta de resolución, tras comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención, sen que interveña unha comisión de valoración.

Artigo 20. Resolución e recursos

1. A resolución dos expedientes das axudas reguladas na presente orde, unha vez fiscalizadas pola Intervención delegada, correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. O prazo para resolver e notificar é de 3 meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Antes da resolución da concesión e se non se presentou con anterioridade, é preciso que se entregue o recibo de liquidación de cotización do primeiro mes da contratación, debidamente pagado.

4. Notificada a resolución polo órgano competente, as persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 21. Práctica da notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. A notificación por medios electrónicos entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Anticipos de pagamento

Realizaranse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei. O pagamento anticipado só procede no caso de que aínda non rematase o pagamento dos gastos da Seguridade Social.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, nos casos en que aínda non rematase o pagamento dos gastos da Seguridade Social do contrato subvencionado.

Para iso calcularanse os pagamentos xa realizados no momento da resolución, elevando a dita cantidade ás dezaseis (16) semanas subvencionadas ou ao período do contrato se este é inferior, cantidade que será a máxima subvencionable.

a) Anticiparase ata o 100 % do importe da subvención concedida.

b) Os beneficiarios quedarán exonerados da constitución de garantía, conforme o establecido na letra i) do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 23. Xustificación e pagamento

1. De non achegarse con anterioridade, a xustificación da subvención debe realizarse mediante a achega da documentación prevista no parágrafo seguinte. O prazo para entregar esta documentación será ata o último día do mes seguinte ao pagamento á Seguridade Social do último importe subvencionable; se o prazo xeral antes indicado xa estivese vencido na data da concesión da axuda, darase un prazo de dez (10) días para a xustificación.

2. Documentación xustificativa para a subvención:

a) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis. Ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo II).

b) Nóminas aboadas da contratación subvencionada.

c) Relación nominal de persoas traballadoras e recibo de liquidación de cotización da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, xunto co seu pagamento bancario dos meses xa pagados que non se teñan achegado con anterioridade.

3. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 24. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas nos diferentes programas de fomento da contratación por conta allea convocados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como por outras que polos mesmos conceptos poidan outorgar as administracións públicas.

2. Estas axudas son compatibles coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60 % do custo salarial anual correspondente ao contrato que se bonifica.

Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

• No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Economía, Emprego e Industria iniciará o procedemento de reintegro total ou parcial da axuda concedida e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento, aprobado mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

• Así mesmo, procederá o reintegro parcial no caso de que os pagamentos realizados á Seguridade Social fosen inferiores á cantidade pagada anticipadamente.

• De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedisen dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

c) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

d) A obriga do reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 26. Réxime das axudas

1. As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de única empresa establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

2. Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

b) Ás empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) Ás que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

1º. Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

2º. Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade dela se repercuta aos produtores primarios.

d) Ás empresas que realizan actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Artigo 27. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogada a Orde do 17 de outubro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde e as súas convocatorias anuais.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file