Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 22 de maio de 2018 Páx. 25288

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

EXTRACTO da Orde do 2 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario.

BDNS (Identif.): 398762.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Para seren beneficiarias das axudas publicadas nesta orde as entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser unha entidade privada sen ánimo de lucro cuxo fin estatutario principal sexa a realización de actividades de apoio e axuda ao colectivo a que se dirixen os programas de atención sociosanitaria para os que se solicita subvención: alcohol, alcohol e outras adicións sen substancia, ludopatía, dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral e enfermidade de párkinson.

Para estes efectos, considerarase enfermidade rara aquela que ten unha prevalencia menor de 5 casos por cada 10.000 habitantes na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Estar legalmente constituída, polo menos con dous anos de anterioridade con respecto á data de publicación desta convocatoria, coa excepción das federacións recentemente constituídas que estean integradas maioritariamente por asociacións cunha antigüidade que sexa superior aos dous anos. Así mesmo, deberá estar inscrita no rexistro administrativo correspondente.

c) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia; enténdese como tal a presenza física e o domicilio social nela, e comprometerse, así mesmo, a desenvolver as actividades subvencionadas dentro do seu territorio.

d) Ter un horario mínimo de atención ao público de 20 horas semanais, destinadas a dar información e prestar axuda dun xeito prioritario aos colectivos afectados.

e) Dispoñer de estrutura técnica e capacidade suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos no programa presentado, así como experiencia operativa na súa implementación.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras e convocar subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario. Os devanditos programas están destinados á realización de actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas ao alcoholismo, alcoholismo e outras adicións sen substancia, ludopatía, dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral e enfermidade de párkinson.

A súa finalidade é aumentar a autonomía, paliar as posibles limitacións e favorecer a rehabilitación e integración das persoas que compoñen os ditos colectivos.

As actividades subvencionables desagréganse nas seguintes liñas de axuda:

Liña A. Orientada a desenvolver programas de carácter sociosanitario destinados á realización de actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas á ludopatía, ao alcoholismo e/ou ao alcoholismo e outras adiccións sen substancia:

a) Ludopatía:

Programas sociosanitarios de rehabilitación en persoas afectadas por ludopatía.

b) Alcoholismo e/ou alcoholismo e outras adicións sen substancia:

1º. Programas sociosanitarios de apoio á abstinencia en persoas non sometidas a tratamento ambulatorio.

2º. Programas sociosanitarios de prevención de recaídas dirixidos a pacientes que se atopen en tratamento ambulatorio.

Liña B. Orientada a desenvolver programas de carácter sociosanitario destinados á realización de actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas afectadas por dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral e enfermidade de párkinson:

1º. Programas de rehabilitación fisioterápica.

2º. Programas de rehabilitación logopédica.

3º. Programas de rehabilitación cognitiva.

4º. Programas de terapia ocupacional.

5º. Programas de apoio psicolóxico.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 2 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario.

Cuarto. Contía

O crédito inicial da convocatoria é de 239.000 € (douscentos trinta e nove mil euros) con cargo á aplicación 5001.413A.481.21, con código de proxecto 201400027, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

O crédito inicial sinalado distribúese para as liñas de axuda recollidas na convocatoria da seguinte maneira:

Liña A: 119.500 €.

Liña B: 119.500 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

Para poder ser beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo da orde e que estará dispoñible tanto na guía de procedementos (https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos) como na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código SA803A.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2018

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade