Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Mércores, 23 de maio de 2018 Páx. 25451

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 4 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dirixidos a persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento TR353B).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Economía, Emprego e Industria asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde pois, a esta consellería, para o exercicio de 2018, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as cales están as medidas dirixidas a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego, do Programa nacional de reformas, do Sistema nacional de garantía xuvenil, do respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE) e no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de galicia.

As recomendacións da UE en materia de emprego van encamiñadas a que os estados membros deben, en prol dunha maior flexibilidade, descentralizar a xestión das políticas de emprego, de forma que estas se acheguen e adecuen ás necesidades concretas de cada territorio e á realidade do mercado de traballo local coa fin de lograr unha estratexia de acción común. Estas directrices fan especial fincapé na importancia de que todas as persoas reciban unha boa oferta de emprego, educación continua, formación de aprendiz ou período de prácticas nun prazo de catro meses tras quedaren desempregados ou remataren a educación formal.

Pola súa vez, debe terse en conta que o Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, aprobado polo Parlamento galego o 11 de maio de 2016, fixa como eixe 1, a «Empregabilidade e crecemento intelixente», que recolle un modelo integral de desenvolvemento coa finalidade de superar a situación laboral previa á crise e a creación de postos de traballo sustentables. Dentro do dito eixe 1 recóllese como prioridade de actuación o aumento da empregabilidade e produtividade das persoas traballadoras de Galicia a través da formación e innovación constante, que, pola súa vez, marca, como un dos seus obxectivos estratéxicos ou prioritarios, o da mellora da calidade da formación profesional para o emprego, e como un dos eixes que agrupa os obxectivos estruturais, o da formación e o das oportunidades de emprego.

Na Axenda da Competitividade «Galicia Industria 4.0», aprobada polo Consello da Xunta o 13 de maio de 2015, recóllese a formación das persoas como un dos compoñentes necesarios do programa de reforzo das persoas e das organizacións, así como a necesidade de que o sistema formativo se oriente ás necesidades da industria, de maneira que cómpre que se impartan accións formativas vinculadas con certificados de profesionalidade vinculados coa Industria 4.0.

No informe sobre a Axenda 20 para o emprego, que se abordou no Consello de Goberno da Xunta de Galicia do 3 de marzo de 2016, incluíuse, como reto 2 a formación e capacitación como pancas de cambio.

A redución do desemprego xuvenil constitúe un dos retos máis importantes para o período de programación 2014-2020. Para facerlle fronte implementouse a Iniciativa de emprego xuvenil, con fondos específicos e complementarios do Fondo Social Europeo, regulada así no artigo 22.1 do Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro.

Para a Xunta de Galicia a redución da taxa de desemprego xuvenil constitúe unha das súas prioridades e o centro de atención das diferentes medidas postas en marcha en materia de políticas activas de emprego.

Neste sentido, a Estratexia de emprendemento e emprego para a mocidade establece, entre outras medidas, a extensión dos programas formativos dirixidos á obtención de certificados de profesionalidade coa finalidade de mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional das mozas e mozos incluídos no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil que nin estudan, nin traballan, nin reciben formación, e impedir que a situación de desemprego se prolongue no tempo, xa que, deste xeito, se reducen as posibilidades dunha reincorporación óptima ao mercado de traballo. Trátase, en definitiva, de prever no posible e, se é o caso, de minimizar os períodos de desemprego obxectivo de especial importancia para a mocidade.

A este obxectivo responde o Sistema nacional de garantía xuvenil regulado no título IV, capítulo I, da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, e o Real decreto lei 6/2016, do 23 de decembro, de medidas urxentes para o impulso do Sistema nacional de garantía xuvenil.

Como unha das medidas para a súa implementación, concíbense estes programas a través da posta en funcionamento de programas mixtos de emprego e formación (obradoiros de emprego) que, promovidos por entidades locais, están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas de dezaoito ou máis anos incluídos no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social. Estas persoas deberán estar inscritas na base de datos do Sistema nacional de garantía xuvenil en Galicia e acreditar previamente o cumprimento dos requisitos de acceso ao programa.

Nestes obradoiros de emprego será obrigatoria a impartición dun módulo formativo de igualdade de xénero co obxectivo de promover unha actitude máis igualitaria entre mulleres e homes. Partindo do coñecemento da situación real, con este módulo preténdese concienciar os alumnos e alumnas na problemática da desigualdade que afecta as mulleres e, en concreto, no ámbito laboral, dándolles a coñecer e favorecer a aplicabilidade do principio da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no devandito ámbito.

Asi mesmo, esta orde dá continuidade á senda iniciada na regulación en convocatorias anteriores, onde se establecía como requisito para poder acceder ás axudas para aqueles concellos pequenos que non cheguen a unha media de paro rexistrado no ano 2017 superior a 500 persoas que necesariamente deberán «asociarse ou coordinarse» con outros concellos limítrofes para poderen acceder ás axudas para a posta en funcionamento dun obradoiro de emprego. Dado que esta orde establece como requisito para aqueles concellos pequenos a necesidade de asociarse ou mancomunarse para poderen optar á concesión das axudas, cabe entender como cumprida a finalidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013, polo que se aproban os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal.

Así mesmo, valorarase que os concellos se acollan á iniciativa Doing Business Galicia. Trátase dun protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias co obxectivo de fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.

Nesta convocatoria de 2018, a distribución provincial de créditos para o financiamento destes programas realizarase tendo en conta o número de persoas inscritas por provincia no Sistema nacional de garantía xuvenil na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

O financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde realizarase con cargo á aplicación 09.41.322A.460.2 (proxecto 2018 00017) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 aprobados mediante a Lei 8/2017, do 26 de decembro, por un importe de 1.726.540 euros. Para o exercicio de 2019, as subvencións financiaranse con cargo á mesma aplicación e código de proxecto ou equivalente polo importe de 1.726.540 euros.

Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, número CCI2014ES05M90P001, cofinanciado cunha porcentaxe do 91,89 % pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo, en particular:

– Eixe 5. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas, nin participan en actividades de educación e formación, en particular no contexto da garantía xuvenil.

– Prioridade de investimento 8.2. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas nin participan en actividades de educación nin formación, así como os mozos que corren o risco de sufrir exclusión social e os procedentes de comunidades marxinadas, en particular no contexto da garantía xuvenil.

– Obxectivo específico 8.2.2. Reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais das persoas mozas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación.

– Medida 8.2.2.5. Programa escolas obradoiro e casas de oficios e programas mixtos de emprego-formación.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e a Federación Galega de Municipios e Provincias e obtidos os informes favorables da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Intervención Xeral e autorizada polo Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do día 26 de abril de 2018, a concesión de anticipos das axudas e subvencións reguladas nesta orde, así como o seu carácter plurianual e, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Obxecto, definición e persoas beneficiarias

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2018, en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade, das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas mixtos de emprego e formación (obradoiros de emprego), dirixidos a mellorar a ocupabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os obradoiros de emprego configúranse como programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza á súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

3. A súa programación integrarase, na medida do posible e conforme os itinerarios de inserción profesional que se definan, en proxectos que dean resposta ás demandas do mercado de traballo e sexan capaces de activar o desenvolvemento territorial, xerar riqueza e, consecuentemente, crear postos de traballo.

Artigo 2. Persoas beneficiarias participantes

1. Poderán ser persoas beneficiarias participantes deste programa aquelas persoas mozas inscritas e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 90.1.a) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

Ademais, deberán manter o cumprimento dos requisitos exixidos na Lei 18/2014 modificada polo Real decreto lei 6/2016 do 23 de decembro, con carácter previo a participar nos obradoiros de emprego.

2. Para poder participar neste programa é imprescindible cumprir os requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato para a formación e aprendizaxe, co obxecto de estar vinculada mediante un contrato de tales características ao proxecto, durante toda a duración do proxecto, de acordo co previsto no artigo 11.2 e na disposición adicional segunda do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

3. Se a formación que se vai impartir no proxecto vai dirixida á obtención de certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 2 ou 3, garantirase que o perfil do alumnado se adecúe aos requisitos sinalados nos reais decretos que regulan os ditos certificados.

Artigo 3. Beneficiarias da subvención: entidades promotoras

1. Os proxectos que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos:

– Polos concellos de Galicia, as mancomunidades de concellos e as entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades cuxa titularidade corresponda integramente a elas.

2. As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos e, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2017 superior a 500 persoas no ámbito territorial do concello ou concellos limítrofes da mesma provincia que concorran agrupados nos cales se realicen as actuacións.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude ou as actuacións previstas no proxecto engloben, cando menos, tres concellos limítrofes da mesma provincia, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.

3. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 4. Duración

1. Os proxectos terán unha duración de seis meses, así como unha única etapa de formación en alternancia co traballo ou a práctica profesional, que estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.

2. Transcorrido o prazo de duración previsto na resolución de aprobación do proxecto, o proxecto considerarase finalizado.

3. A data límite para o inicio dos proxectos será o 30 de setembro de 2018.

CAPÍTULO II

Contidos formativos

Artigo 5. Formación en alternancia nos proxectos

1. Durante o desenvolvemento do proxecto, o alumnado traballador, recibirá formación profesional para o emprego, segundo o plan formativo incluído na memoria exixida no artigo 17.2.d) desta orde, alternándoa coa práctica profesional. A formación adecuarase, na medida do posible e en función do oficio ou posto de traballo que se vai desempeñar, aos contidos mínimos establecidos nos reais decretos que regulen os certificados de profesionalidade das correspondentes ocupacións, de acordo co establecido no número 1 do artigo 11 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, modificado polo Real decreto 189/2013, do 15 de marzo.

2. Desde o inicio da súa participación no proxecto, o alumnado será contratado pola entidade promotora na modalidade do contrato para a formación e aprendizaxe.

3. Durante esta etapa os alumnos e alumnas percibirán as retribucións salariais que lle correspondan de conformidade co previsto na normativa aplicable e nesta orde.

4. A duración dos contratos de traballo subscritos co alumnado-traballador non poderá exceder a data de remate do proxecto.

Artigo 6. Formación complementaria

1. Nos proxectos impartirase a formación complementaria que determine o Servizo Público de Emprego incluíndo, en todo caso, as materias de alfabetización informática e sensibilización ambiental.

2. Tamén se impartirá un módulo de sensibilización en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, tendo en conta a vulnerabilidade que as mulleres teñen no ámbito laboral e a importancia das medidas dirixidas a combater os esteorotipos de xénero e a segregación na educación e na formación, que teñen unha grande incidencia na empregabilidade das mulleres mozas.

3. En todos os proxectos se impartirá a formación en materia de prevención de riscos laborais correspondente á ocupación que se vai desempeñar, téndose en conta, se é o caso, os contidos recollidos no correspondente certificado de profesionalidade.

4. O contido dos ditos módulos incluirase dentro do plan formativo exixido no artigo 17.2.d) desta orde, de acordo cos contidos e tempo de impartición que, se é o caso, estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral respectando o disposto no artigo 26 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Artigo 7. Orientación, información profesional, formación empresarial e asesoramento

1. O alumnado, durante todo o proceso formativo, recibirá orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial, para o que as entidades promotoras dos proxectos contarán co persoal para o efecto.

2. Ao remate da actividade do proxecto, as entidades promotoras prestarán asesoramento ao alumnado participante, tanto para a busca de emprego por conta allea como para o establecemento por conta propia. Para iso actuarán, se é o caso, mediante as súas propias unidades ou organismos de orientación e asesoramento, en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria. No caso de existiren iniciativas emprendedoras de autoemprego, poderase promover a súa inclusión en viveiros de empresas ou en actuacións similares. Con esta finalidade, as entidades promotoras poderán solicitar á antedita consellería e a outras administracións públicas as axudas establecidas para os distintos programas de apoio á creación de emprego.

Artigo 8. Educación básica

1. Para o alumnado participante que non acadase os obxectivos da Educación Secundaria Obrigatoria previstos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e de conformidade co disposto no artigo 11.2.d) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, organizaranse programas específicos coa finalidade de proporcionarlles unha formación básica e profesional que lles permita incorporarse á vida activa ou proseguir os seus estudos nas distintas ensinanzas reguladas na antedita lei orgánica e, especialmente, mediante as probas de acceso correspondentes.

2. O disposto no parágrafo anterior tamén será aplicable aos alumnos e alumnas que non posúan o título de graduado escolar, por ter este os mesmos efectos profesionais que o de graduado en Educación Secundaria, segundo establece a disposición adicional trixésimo primeira da referida lei orgánica.

Artigo 9. Certificacións e diplomas

1. Finalizada a súa participación no proxecto, o alumnado recibirá un certificado, expedido pola entidade promotora, nos termos recollidos no artigo 11.2.e) do texto refundido da lei do estatuto dos traballadores e no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, no cal constará a duración en horas da súa participación no programa, así como o nivel de formación teórico-práctica adquirido e os módulos formativos cursados.

2. Este certificado poderá servir, total ou parcialmente, se for o caso, e logo dos requisitos que se determinen, para solicitar o certificado de profesionalidade previsto no Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, modificado polo Real decreto 189/2013, do 15 de marzo.

3. A Consellería de Economía, Emprego e Industria concederá aos alumnos e alumnas uns diplomas en que se recollerá a duración da súa participación no proxecto, de conformidade co modelo e as instrucións que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

CAPÍTULO III

Selección e contratación

Artigo 10. Procedemento de selección do alumnado

1. A selección do alumnado será realizada por un grupo de traballo mixto constituído para tal fin por representantes da Consellería de Economía, Emprego e Industria e da entidade promotora. A presidencia do grupo de traballo mixto recaerá na persoa representante da Consellería que para o efecto sexa designada pola respectiva xefatura territorial.

Na selección teranse en conta, en todo caso, criterios como a idade, a experiencia laboral previa, a permanencia no desemprego ou o nivel de cualificación, priorizando aquelas persoas mozas que non recibisen previamente atención por parte do Sistema nacional de garantía xuvenil e a aqueles que estean máis próximos a cumprir a idade máxima prevista no dito sistema, todos eles determinados no artigo 105.3 da Lei 18/2014, do 15 de outubro.

Cando a formación que se vaia impartir no proxecto estea dirixida á obtención de certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 2 ou 3, as persoas candidatas deberán cumprir cos requisitos de acceso sinalados nos reais decretos que regulan os ditos certificados.

Para a selección do alumnado-traballador, o grupo de traballo mixto determinará o perfil das persoas candidatas, os baremos e probas que poidan aplicarse, se é o caso, e os requisitos mínimos que aquelas deben cumprir, con suxeición ao previsto na citada Lei 18/2014, do 15 de outubro, e no Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020.

As bases de selección deberán publicarse na páxina web do Programa operativo de emprego xuvenil (http://garantiaxuvenil-des.conselleriadefacenda.gal/), así como na páxina web da entidade promotora.

Artigo 11. Procedemento de selección do persoal de dirección, docente e administrativo

1. A selección do persoal de dirección, docente e administrativo participante no proxecto que se vai poñer en funcionamento será realizada por un grupo de traballo mixto constituído para tal fin por representantes da Consellería de Economía, Emprego e Industria e da entidade promotora. A presidencia do grupo de traballo mixto recaerá na persoa representante da Consellería que para o efecto sexa designada pola respectiva xefatura territorial.

2. A este grupo corresponderalle establecer os criterios de selección de todo o persoal de dirección, docente e administrativo, mediante a aprobación das correspondentes bases reguladoras, nas cales deberán respectarse os requisitos e criterios de selección establecidos nesta orde e nas instrucións e circulares da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral que a desenvolvan, procurando a maior adaptabilidade das persoas seleccionadas ás ocupacións e ás particulares circunstancias de dificultade destas. As actuacións do grupo de traballo no procedemento de selección estarán presididas polos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración, eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos, igualdade e non discriminación.

Unha vez aprobadas as bases reguladoras do proceso de selección do persoal de dirección, docente e administrativo, deberán ser expostas ao público nos taboleiros de anuncios da oficina de emprego que tramite a oferta de emprego e da entidade promotora do proxecto, na páxina web da entidade promotora e na páxina web do Programa operativo de emprego xuvenil (http://garantiaxuvenil-des.conselleriadefacenda.gal/).

3. Rematados os procedementos de selección, o grupo de traballo preparará a relación das persoas seleccionadas como persoal directivo, docente e administrativo, e elaborará unha acta, por duplicado exemplar, de todo o actuado e remitirá un exemplar á entidade promotora para o seu cumprimento e outro á xefatura territorial da Consellería.

4. Na selección do persoal de dirección, docente e administrativo, o grupo de traballo mixto establecerá o procedemento selectivo e pode utilizar oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego, convocatoria pública ou ambas.

5. Así mesmo, corresponderá ao grupo de traballo mixto determinar o perfil, as características e os requisitos que cumprirán as persoas candidatas, elaborar as convocatorias, establecer os baremos e, se é o caso, as probas que poidan aplicarse, preparar as ofertas de emprego que se tramitarán á oficina de emprego, se proceder. Así mesmo, encargarase de difundir as convocatorias a través dos medios de comunicación que se determinen.

6. A selección definitiva deberase realizar entre as persoas preseleccionadas pola oficina de emprego e as solicitudes presentadas á convocatoria pública, se é o caso, considerando, na medida do posible, tres candidatos ou candidatas por posto.

7. Terán preferencia as persoas que en igualdade de condicións de cumprimento do perfil requirido se atopen en situación de desemprego.

Artigo 12. Contratación

1. O alumnado seleccionado será contratado pola entidade promotora, desde a súa incorporación ao proxecto, a través da modalidade de contrato de traballo para a formación e aprendizaxe que levará implícitas as seguintes particularidades:

a) De acordo co disposto no número 1 da disposición adicional segunda do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, non será de aplicación o límite de idade, nin o de duración establecido, respectivamente, no artigo 11.2.a) e b) do dito estatuto. Así mesmo, nestes contratos as situacións de incapacidade temporal, risco durante o embarazo, maternidade, adopción ou acollemento, risco durante a lactancia e paternidade non interromperán o cómputo de duración do contrato.

b) En función do previsto na disposición adicional segunda do citado texto refundido, os contratos para a formación e aprendizaxe subscritos cos alumnos e alumnas destes proxectos non cotizarán nin estarán protexidos pola continxencia de desemprego.

2. A entidade promotora contratará o persoal de dirección, docente e administrativo que fose seleccionado e figure como tal nas actas do grupo de traballo mixto, a través da modalidade de contratación que considere máis axeitada.

3. Os contratos de traballo formalizaranse por escrito no modelo oficial correspondente, código 421-Formación, e debe facerse constar a súa pertenza ao programa de obradoiros de emprego, a denominación do proxecto para o cal se formaliza e, se é o caso, o número da oferta de emprego utilizada. Serán mecanizados e comunicados ao Servizo Público de Emprego de Galicia a través do aplicativo Contrat@ indicando a súa pertenza ao programa de obradoiros de emprego, por medio dunha opción específica que figura na epígrafe «Datos específicos do contrato». Unha vez indicada esta opción, aparecerá un despregable que permitirá elixir, de entre varias opcións, as correspondentes a «Alumno/Traballador» e «Persoal», que se empregarán, respectivamente, para o alumnado e o persoal directivo, docente e administrativo do obradoiro.

Artigo 13. Incidencias e reclamacións

1. As incidencias e reclamacións que se poidan suscitar, derivadas dos procesos de selección, serán resoltas polo grupo de traballo mixto, sen que caiba ulterior recurso en vía administrativa.

2. Calquera que sexa o sistema de selección utilizado, seguiranse os criterios e procedementos establecidos polo Servizo Público de Emprego para a cobertura de ofertas de emprego, polo que non será de aplicación a normativa establecida para os procedementos de selección do persoal das distintas administracións públicas, aínda cando a entidade promotora sexa unha entidade pública. Neste último caso, o persoal directivo, docente, administrativo e os mozos e mozas seleccionados/as non se considerarán incluídos nos correspondentes cadros de persoal ou relacións de postos de traballo e, consecuentemente, non será precisa oferta de emprego público previa.

CAPÍTULO IV

Procedemento para a concesión de subvencións

Artigo 14. Solicitudes. Prazo de presentación

1. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 15. Comprobación de datos

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa que en nome e representación da entidade solicita a concesión da subvención.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I e achegar os documentos correspondentes. Excepcionalmente, se algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

3. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

4. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a suministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

5. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 16. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Economía, Emprego e Industria, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal.

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos, cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dx.politica.financeira.tesouro.fondos.europeos.facenda@xunta.gal.

Artigo 17. Documentación

1. De carácter xeral: xunto coa solicitude (anexo I) deberá anexar a seguinte documentación complementaria:

a) A que acredite a personalidade xurídica da entidade solicitante, tendo en conta que se é unha mancomunidade, consorcio ou calquera outro tipo de asociacións dos concellos galegos ou algunha das entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local, deberá achegarse, segundo proceda, norma ou acordo de creación ou estatutos publicados no diario oficial correspondente, que se poden substituír por unha certificación expedida para tal efecto.

b) A que acredite o apoderamento suficiente de quen actúa en nome e representación da entidade solicitante. Esta circunstancia farase constar mediante copia da norma ou acordo de nomeamento publicada no correspondente diario oficial ou mediante certificación expedida para o efecto.

c) Certificación expedida polo secretario ou secretaria da entidade promotora en que se recolla o acordo de aprobación do proxecto e de solicitude de subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria, adoptado polo órgano competente ou, se é o caso, as certificacións das aprobacións por cada un dos concellos participantes no proxecto e, se procede, do convenio de colaboración asinado entre eles para o efecto.

d) Declaración asinada pola persoa representante legal en que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións, solicitadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou para a mesma finalidade, polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais, segundo o modelo que se xunta como anexo I. No caso dunha asociación de concellos, ademais da citada declaración asinada polas persoas representantes legais do concello solicitante, cada unha do resto das persoas representantes legais dos concellos asociados deberá presentar unha declaración en que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións, solicitadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou para a mesma finalidade, polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais, segundo o modelo que se xunta como anexo II.

e) Certificado da persoa titular da secretaría, interventor ou interventora, ou cargo equivalente en que consten as fontes de financiamento da parte do custo do proxecto que non sexa subvencionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como unha declaración responsable da entidade solicitante de que dispón da experiencia, aptitude e capacidade administrativa, financeira e operativa necesarias para cumprir as condicións da axuda.

2. De carácter específico: ademais da indicada no punto anterior, as entidades promotoras dos proxectos deberán xuntar a seguinte documentación:

a) Certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou cargo equivalente da entidade promotora, que acredite a titularidade xurídica de cada un dos obxectos de actuación e a súa dispoñibilidade para realizar as obras ou a prestación dos servizos previstos no proxecto. No caso de titularidade privada, documento de cesión para o seu uso público por un período de tempo non inferior a vinte e cinco anos.

b) Certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou cargo equivalente da entidade promotora, que conteña a relación de todas as autorizacións administrativas que sexan exixibles atendendo á natureza xurídica e ao réxime de protección dos obxectos sobre os cales se pretende actuar con ocasión do desenvolvemento do proxecto ou, se for o caso, que faga constar que non son necesarias.

c) Autorizacións administrativas relacionadas no certificado descrito na alínea anterior.

d) Memoria do proxecto para o cal se solicita a subvención segundo o modelo que se xunta como anexo III, na cal se recollerán os seguintes aspectos:

• Descrición detallada da obra ou servizo que se vai realizar ou prestar, indicando o destino previsto para a súa utilización posterior. No caso de que a obra que se vai executar o requira, achegarase proxecto básico asinado por persoal técnico competente. O dito proxecto constará, cando menos, de memoria descritiva, planos xerais e orzamento con estimación global por capítulos.

• Plan formativo por especialidades en relación co proxecto de obra ou servizo que se vai desenvolver, de xeito que se estableza a correspondencia entre o plan formativo por especialidades e as unidades de obra ou servizos. Os itinerarios formativos adecuaranse, na medida do posible, ao establecido nos reais decretos dos correspondentes certificados de profesionalidade ou, na súa falta, especificaranse os módulos formativos da ocupación, indicando o número de horas e os seus contidos teórico-prácticos.

• Cada itinerario formativo deberá incluír a denominación dos módulos que o integran e a súa duración, o obxectivo xeral do módulo e os contidos teórico-prácticos.

• Orzamento e financiamento do proxecto, detallado segundo o disposto no artigo 18 desta orde.

• Datas previstas de comezo e finalización da actividade do proxecto.

e) Se é o caso, documentación acreditativa de adhesión á iniciativa Doing Business Galicia.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

No suposto de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos na forma prevista no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electrónicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

Artigo 18. Contido do orzamento dos proxectos

Para os efectos do previsto no artigo 17.2.d) desta orde, o orzamento do proxecto presentarase subdividido en:

1. Orzamento de gastos segundo o seguinte detalle:

a) Custos totais derivados da contratación do persoal de dirección, docente, administrativo e da contratación do alumnado participante, recollendo os ditos custos de xeito individualizado.

b) Custos máximos totais derivados do funcionamento e xestión do obradoiro de emprego:

• Medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.

• Amortización de instalacións e equipamentos. Cando a entidade promotora achegue, para o desenvolvemento do proxecto, bens (equipamentos e instalacións) amortizables, xuntarase unha relación valorada destes, incluíndo as cotas de amortización que deriven da aplicación das táboas de coeficientes de amortización anualmente establecidas.

• Viaxes do alumnado-traballador para a súa formación.

• Material de oficina.

• Aluguer de elementos de transporte, instalacións, maquinaria e equipamentos, excluído o leasing.

• Se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da actuación profesional do persoal do obradoiro de emprego durante todo o funcionamento do proxecto, quedando a Consellería de Economía, Emprego e Industria exonerada de calquera responsabilidade ao respecto.

• Outros gastos directos necesarios para o desenvolvemento do proxecto.

2. Orzamento de ingresos: expresará a parte financiada pola entidade promotora e por outros posibles organismos ou entidades colaboradoras, así como a parte para a que se lle solicita financiamento á Consellería de Economía, Emprego e Industria. De ser o caso, tamén se farán constar os posibles ingresos previstos como consecuencia, e sempre que se cumpra o establecido no artigo 31 desta orde, do alleamento de bens producidos ou servizos prestados polo obradoiro de emprego.

Artigo 19. Instrución e emenda

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Orientación e Promoción Laboral competente en materia de emprego da xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria competente por razón do territorio.

2. Se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos exixidos pola lexislación específica aplicable requirirase e entidade solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, considerarase desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de conformidade co establecido no artigo 68 da mesma lei.

Artigo 20. Avaliación de solicitudes. Comisión Central de Valoración

1. Os expedientes, unha vez completos, serán remitidos, no prazo de 15 días, xunto co informe técnico emitido pola xefatura territorial e no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, á Comisión Central de Valoración para o seu estudo e informe nunha única fase.

2. Para estes efectos a Comisión Central de Valoración estará composta pola persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, que a presidirá; e serán vogais as persoas responsables das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e actuará como secretario a persoa titular da Subdirección Xeral de Orientación Laboral, con voz pero sen voto.

Se por calquera causa no momento en que a Comisión Central de Valoración teña que examinar as solicitudes algunha das persoas que a compoñen non puider asistir, será substituída pola persoa que sexa designada pola persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 21. Criterios de valoración dos proxectos

1. Na valoración dos proxectos de obradoiros de emprego teranse en consideración os seguintes criterios:

a) Que o proxecto conteña actividades relacionadas co fomento das TIC e a economía dixital, ata un máximo de 14 puntos. O total dos puntos dividirase entre o número de especialidades impartidas. Os puntos que corresponden a cada especialidade outorgaranse cando o seu obxecto principal estea comprendido no ámbito das TIC ou da economía dixital. Se esta dedicación só afecta a parte da formación da especialidade, distribuiranse en función das horas que correspondan ás ditas materias.

b) Accións formativas dirixidas á obtención de certificados de profesionalidade, ata 10 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Número de módulos conducentes a certificados de profesionalidade nivel 1: por un módulo (1 punto); por dous módulos (3 puntos); por 3 ou máis módulos (5 puntos).

• Número de módulos conducentes a certificados de profesionalidade nivel 2: por un módulo (3 puntos); por dous módulos (5 puntos); por 3 ou máis módulos (8 puntos).

• Número de módulos conducentes a certificados de profesionalidade nivel 3: por un módulo (5 puntos); por dous módulos (8 puntos); por 3 ou máis módulos (10 puntos).

c) Calidade do proxecto, atendendo ás actuacións que se van realizar e a súa adecuación para a cualificación e adquisición de experiencia profesional do alumnado-traballador e dos beneficios sociais que se prevexa xerar, ata 10 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Proxectos considerados de baixa calidade, ata 0 puntos.

• Proxectos considerados de calidade media, ata 5 puntos.

• Proxectos considerados de alta calidade, ata 10 puntos.

d) Participación no proxecto do tecido empresarial existente no territorio en que se implantará. Xustificarase documentalmente que a formación e experiencia laboral previstas se axustan ás necesidades das empresas indicando expresamente a viabilidade da inserción laboral (6 puntos).

e) Proxectos promovidos por un concello resultante da fusión de dous ou máis nos 10 anos anteriores á data de publicación da orde (30 puntos). Cando resulte de aplicación o presente criterio non serán de aplicación os recollidos nas dúas alíneas seguintes referidos a agrupación de concellos.

f) Proxectos promovidos por dous ou máis concellos agrupados: 10 puntos.

g) Para concellos que concorran agrupados valórase o número de persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito territorial dos concellos agrupados en que se desenvolva o proxecto na data de remate da presentación de solicitudes, ata 10 puntos de acordo coa seguinte escala:

• Proxectos promovidos por unha agrupación de concellos que teña entre 0 e 10 mozos e mozas inscritos, 0 puntos

• Proxectos promovidos por unha agrupación de concellos que teña entre 11 e 25 mozos e mozas inscritos, 3 puntos.

• Proxectos promovidos por unha agrupación de concellos que teña entre 26 e 50 mozos e mozas inscritos, 5 puntos.

• Proxectos promovidos por unha agrupación de concellos que teña entre 51 e 100 mozos e mozas inscritos, 8 puntos.

• Proxectos promovidos por unha agrupación de concellos que teña máis de 100 mozos e mozas inscritos, 10 puntos.

h) Adhesión ao convenio Doing Business Galicia (20 puntos). No caso de que o proxecto estea promovido por varios concellos, outorgarase a puntuación en función da porcentaxe de concellos adheridos ao convenio Doing Business Galicia.

i) Achegas da entidade promotora ou doutras entidades colaboradoras, que deberán estar certificadas polo interventor ou interventora ou cargo equivalente da entidade promotora, especialmente cando estas achegas diminúan a subvención que poida conceder a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ata 5 puntos. Para tal efecto, terase en conta o esforzo investidor en cada caso, de acordo coa seguinte escala:

• Proxectos en que a achega económica das promotoras estea comprendida entre 5.000 e 20.000 €: 1 punto.

• Proxectos en que a achega económica das promotoras estea comprendida entre 20.001 e 45.000 €: 3 puntos.

• Proxectos en que a achega económica das promotoras sexa superior a 45.000 €: 5 puntos.

j) Entidades solicitantes que non promovesen proxectos de obradoiros de emprego para persoas mozas financiados con fondos POEX durante os tres anos inmediatamente anteriores, 5 puntos.

2. Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas terán preferencia aquelas solicitudes en que se utilice a lingua galega na execución dos proxectos. No caso de que se manteña o empate, concederase a axuda atendendo á orde de presentación da solicitude.

3. O número máximo de alumnos e alumnas dos obradoiros de emprego que se concedan con cargo á presente orde será de 16. Non se concederá a axuda para obradoiros de emprego de menos de 10 alumnos.

Artigo 22. Notificación electrónica

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica: Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). De acordo coa normativa vixente en materia desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán en ningún caso efectos de notificación practicada.

3. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite, co cal seguirá o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

4. Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

Artigo 23. Resolución

1. Dentro dos cinco meses seguintes ao remate do prazo de presentación de solicitudes, cumpridos os trámites previstos no artigo 20 desta orde, emitida a proposta de resolución polo órgano instrutor e fiscalizada esta pola respectiva intervención, a persoa responsable da xefatura territorial, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ditará e notificará á entidade solicitante a resolución que proceda.

2. A resolución favorable conterá, como mínimo, os seguintes puntos:

a) Finalidade e obxectivos básicos do proxecto, número e características das persoas beneficiarias, e, se é o caso, especialidades que se impartirán.

b) Subvención outorgada con cargo aos orzamentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para o financiamento dos gastos sinalados no artigo 27 desta orde, debendo facerse constar que o seu importe ten o carácter de estimado.

c) Duración do proxecto e datas previstas para o seu comezo.

d) Referencia a que a Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, mediante a Iniciativa de emprego xuvenil, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, eixe prioritario 5, prioridade de investimento 8.2, obxectivo específico 8.2.2, medida 8.2.2.5, cofinanciará a subvención concedida nunha porcentaxe do 91,89 %.

e) A puntuación obtida na valoración do proxecto.

f) Calquera outra especificación que se coide oportuna en cada caso concreto. En particular determinarase se os «Outros gastos directos necesarios para o desenvolvemento do proxecto» que sinala o artigo 18.1.b) desta orde se consideran subvencionables ou non.

Deberá informarse a entidade promotora de que a aceptación da subvención implicará a súa aparición na lista pública de operacións cos nomes dos beneficiarios ou beneficiarias, regulada no anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013, que será obxecto de publicación electrónica ou por outros medios, segundo dispón o artigo 115.2 do citado regulamento.

Así mesmo, informarase para os efectos de difusión pública e seguindo as previsións contidas na normativa aplicable (anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro de 2013) que deberá identificar convenientemente as actividades, obras e servizos que desenvolva o proxecto subvencionado, especialmente a través de publicidade estática realizada por medio de valos, carteis ou paneis que, colocados en lugar visible, tamén informarán do cofinanciamento do obradoiro de emprego pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil. Así mesmo, o dito cofinanciamento deberá ser posto en coñecemento das persoas que participen no proxecto. Tamén deberá facer unha breve descrición da operación na súa páxina web destacando o apoio financeiro da Unión Europea a través do FSE.

Tamén na resolución de concesión se establecerán as condicións da axuda a que quedan sometidos os beneficiarios derivadas da aceptación da subvención, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución.

3. Transcorrido o prazo de cinco meses sen que se notificase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Sen prexuízo do previsto no artigo 39 desta orde, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou subvención e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

Potestativamente, con anterioridade á interposición do antedito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, se dito acto for expreso; se non o for, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Todo o anterior é sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

6. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, no Diario Oficial de Galicia, na páxina web oficial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, na páxina web do Programa operativo de emprego xuvenil (http://garantiaxuvenil-des.conselleriadefacenda.gal/) e no rexistro de subvencións, de acordo co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

7. A medida que se vaian xerando dispoñibilidades de crédito como consecuencia de posibles minoracións, renuncias, anulacións ou modificacións nas subvencións concedidas, o órgano instrutor poderá realizar novas propostas de concesión de proxectos continuando coa orde de prelación fixada pola Comisión Central de Valoración ata esgotar o novo crédito.

Artigo 24. Modificacións do proxecto

1. Calquera modificación que implique un cambio dos obxectivos e actuacións básicas do proxecto que sexan considerados como substanciais deberá ser solicitada segundo o procedemento indicado no artigo 17.2.d). Para estes efectos terán a consideración de substanciais aquelas modificacións que supoñan un cambio no obxecto de actuación que afecte máis do 50 % da programación dos traballos programados nos correspondentes itinerarios formativos ou que impliquen a necesidade de cambiar as especialidades formativas.

2. De teren as modificacións o dito carácter de substanciais, as xefaturas territoriais remitirán as solicitudes, cando o informe técnico sexa favorable, á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para que esta informe sobre a procedencia da modificación pretendida. A súa resolución corresponde ás persoas responsables das xefaturas territoriais, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Os mencionados cambios deberán responder a causas excepcionais debidamente xustificadas que así o exixan.

3. As solicitudes de modificacións non esenciais non precisarán do informe da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para seren resoltas pola xefatura territorial. Da resolución que se dite enviarase copia á dita dirección xeral para a súa constancia.

CAPÍTULO V

Financiamento e gastos subvencionables

Artigo 25. Financiamento da subvención

1. O programa será financiado a través das subvencións que conceda a Consellería de Economía, Emprego e Industria con cargo á aplicación 09.41.322A.460.2 (proxecto 2018 00017) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 aprobados mediante a Lei 8/2017, do 26 de decembro, por un importe de 1.726.540 euros. Para o exercicio de 2019, as subvencións financiaranse con cargo á mesma aplicación e código de proxecto ou equivalente polo importe de 1.726.540 euros. Este importe poderá ser incrementado ou minorado como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas do Sistema nacional de garantía xuvenil, así como nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será proporcional ao número de persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil en función das solicitudes presentadas e aprobadas.

Artigo 26. Convenios de colaboración

As entidades promotoras poderán subscribir convenios de colaboración con outras entidades públicas ou privadas mediante os cales se comprometan a achegar parte do custo do proxecto, descontando estas achegas da subvención que poida conceder a Consellería de Economía, Emprego e Industria. Esta circunstancia farase constar na memoria prevista no artigo 17.2.d) desta orde e comunicarase á Consellería de Economía, Emprego e Industria no momento en que formalicen se as ditas achegas se recibiron con posterioridade ao momento da solicitude da axuda e, por tanto, non constan na dita memoria.

Artigo 27. Gastos que se subvencionarán

1. As axudas e subvencións que conceda a Consellería de Economía, Emprego e Industria para cada proxecto, e que se determinarán na resolución que o aprobe destinaranse exclusivamente a sufragar os seguintes gastos:

a) Os de formación profesional para o emprego e, se é o caso, educación básica durante a duración do proxecto.

b) Os salariais derivados dos contratos de traballo que se subscriba co alumnado.

2. En ningún caso, o importe da subvención concedida poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo do proxecto.

3. O importe das cantidades efectivas que se aboarán estará en función do valor dos módulos, do salario mínimo interprofesional e das cotizacións á Seguridade Social vixentes no momento de asinar o contrato de traballo, do número de alumnos e alumnas participantes e da xustificación dos gastos subvencionados.

Artigo 28. Subvención para custos de formación profesional para o emprego.

1. Consideraranse como gastos de formación profesional para o emprego e, se é o caso, de educación básica, susceptibles de seren subvencionados:

a) Os gastos derivados da contratación do persoal directivo, docente e administrativo.

b) Os medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.

c) As viaxes ou visitas de carácter didáctico.

d) Gastos de viaxes do persoal directivo e docente do proxecto para asistir a reunións ou xornadas convocadas ou autorizadas, expresamente e por escrito, pola persoa titular da xefatura territorial. O importe subvencionado non excederá o importe das axudas de custo establecidas para o persoal funcionario público da Xunta de Galicia do grupo equivalente.

e) Útiles e ferramentas, sendo subvencionables todos os que resulten imprescindibles para o desenvolvemento das prácticas do alumnado e cuxo custo unitario de adquisición sexa inferior a 300 euros.

f) Alugamento de elementos de transporte, instalacións, maquinaria e equipamentos, excluído o leasing, que resulten necesarios para a formación dos alumnos e alumnas, cando non dispoña a entidade promotora dos necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo.

g) Combustible necesario para o funcionamento da maquinaria utilizada polo alumnado.

h) Gastos de elaboración dos carteis oficiais e vestiario do persoal participante no obradoiro.

i) Se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da actuación profesional do persoal do obradoiro de emprego durante o funcionamento do proxecto, co que a Consellería de Economía, Emprego e Industria queda exonerada de calquera responsabilidade ao respecto.

j) Gastos de reparación de maquinaria e equipamentos sempre que se produza durante o desenvolvemento do obradoiro e como consecuencia do uso dado polas persoas participantes nel.

k) Outros gastos vinculados de forma directa co obradoiro necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo que fosen autorizados na resolución de concesión.

2. Non poderán financiarse con cargo á subvención concedida:

a) As indemnizacións por morte ou de acción social previstas nos convenios colectivos das entidades promotoras e as correspondentes a traslados, suspensións, despedimentos ou cesamentos, así como o importe do pagamento da retribución correspondente ao período das vacacións anuais non disfrutadas durante do proxecto formativo.

b) Os gastos de investimento tales como a adquisición de inmobles, instalacións, maquinarias e equipamentos.

c) Os alugamentos de edificios, locais, naves, aulas ou o seu acondicionamento, sempre que non sexa resultado da práctica profesional do alumnado-traballador participante.

d) Os gastos financeiros xerados por avais, anticipos bancarios ou análogos.

Artigo 29. Cálculo do importe da subvención para custos de formación profesional para o emprego

1. Para os efectos do previsto no artigo anterior, o cálculo da subvención efectuarase por hora/alumno de formación e por módulos:

a) Módulo A: mediante este módulo compensaranse os gastos salariais do persoal directivo, docente e administrativo que fose seleccionado e contratado, incluídos os orixinados polas cotas da Seguridade Social por conta da persoa empregadora, derivados de continxencias comúns e profesionais, Fondo de Garantía Salarial, desemprego e formación profesional.

b) Módulo B: con este módulo compensaranse os demais gastos enumerados no número 1 do artigo anterior.

2. Para esta convocatoria establécese un importe de 3,42 euros/hora/participante para o módulo A e de 0,94 euros/hora/participante para o módulo B.

3. A contía dos anteditos módulos é única para toda a duración do proxecto aínda que se desenvolva en dous exercicios anuais distintos, e será a que corresponda á data de inicio.

4. O importe do módulo A ten en consideración a relación dun ou dunha docente a xornada completa para cada oito alumnos ou fracción.

O importe da subvención prevista para gastos de formación e funcionamento será o equivalente ao resultado de multiplicar o valor dos módulos A e B polo número de alumnos e alumnas e polo total de horas, 160 horas por mes de duración do proxecto, considerando a xornada completa.

Artigo 30. Subvención para custos salariais do alumnado-traballador

Nos contratos para a formación e aprendizaxe que a entidade promotora subscriba cos alumnos e alumnas participantes nos obradoiros de emprego, a Consellería de Economía, Emprego e Industria subvencionará o 100 % do salario mínimo interprofesional vixente no momento do inicio do obradoiro, incluída a parte proporcional dunha paga extraordinaria. Así mesmo, tamén subvencionará a totalidade das cotas por conta da persoa empregadora correspondentes á Seguridade Social, Fondo de Garantía Salarial e Formación Profesional previstas para os ditos contratos na súa normativa específica.

Artigo 31. Produción de bens e servizos

Cando os proxectos, no desenvolvemento da súa actividade, produzan bens que sexan susceptibles de comercialización, poderán allearse, sempre que non se incorra en competencia desleal e se dispoña das autorizacións necesarias. Os ingresos procedentes de tales alleamentos ou da prestación de servizos descontaranse do importe que se vaia pagar pola subvención.

CAPÍTULO VI

Pagamento e xustificación da subvención

Artigo 32. Pagamento da subvención

1. Corresponde ás xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria o pagamento das subvencións concedidas, logo das solicitudes das entidades promotoras, no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

2. Unha vez iniciado o proxecto, e despois da xustificación do comezo mediante a oportuna certificación emitida en tal sentido pola entidade promotora, aboarase a esta, en concepto de anticipo, unha cantidade equivalente ao 50 % do importe total da subvención do proxecto, sempre que a devandita cantidade non supere o importe correspondente á anualidade do ano 2018.

3. Antes do 1 de marzo de 2019 a entidade promotora presentará a xustificación do anticipo da anualidade de 2018, comprensiva dos gastos realizados ata o 31 de decembro de 2018 da forma e cos requisitos previstos no artigo seguinte referido á liquidación.

4. O 50 % ou a porcentaxe que resulte restante aboarase á entidade promotora unha vez rematado o proxecto, xustificados todos os gastos e presentada a acta de liquidación do expediente nos termos dispostos nos artigos 33 e 34 desta orde.

5. Unha vez recibidos os fondos, a entidade promotora deberá remitir á xefatura territorial correspondente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, por cada un dos ingresos, unha certificación acreditativa da súa recepción.

6. As entidades beneficiarias, antes de cada recepción de fondos, deberán achegar unha declaración responsable complementaria de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Seguridade Social e de non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

7. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, a entidade beneficiaria presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para o mesmo proxecto ou finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Artigo 33. Forma de xustificación

1. A xustificación realizarase mediante o sistema de custo real e de conformidade co previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e o artigo 6 da Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020. A entidade promotora remitirá á correspondente xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria os xustificantes dos gastos e dos pagamentos efectuados. A xustificación presentarase segundo o detalle indicado nos modelos que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, e non se poderán efectuar compensacións entre os distintos conceptos. Así mesmo, xuntarase relación dos pagamentos realizados con identificación das persoas perceptoras, detalle das cantidades aboadas e a data do seu pagamento.

2. A xustificación por horas realizadas nos obradoiros de emprego deberá efectuarse mediante unha relación do alumnado-traballador participante no período que se xustifica, con expresión das súas datas de alta e baixa, xunto coas copias dos seus contratos de traballo e partes de baixa na Seguridade Social.

Para a xustificación dos custos salariais dos alumnos e alumnas participantes, que se efectuará en función dos contratos efectivamente formalizados e pola duración do período que se xustifica, será necesario achegar a documentación indicada no parágrafo anterior xunto coas nóminas, seguros sociais e xustificantes do seu pagamento.

3. Para a xustificación dos custos salariais e de seguridade social, tanto do alumnado-traballador como do persoal directivo, docente e administrativo de apoio, as entidades beneficiarias presentarán os documentos xustificativos, individualizados, dos gastos efectuados xunto cos documentos bancarios correspondentes (extracto ou cargo bancario), así como unha certificación expedida polo secretario ou secretaria, ou cargo equivalente, en que se relacionen todos os xustificantes individualizados dos gastos realizados, así como a data do seu pagamento.

Tendo en conta que a axuda vai destinada a sufragar os custos da formación profesional para o emprego, non será subvencionable ningún custo que non teña relación coa actividade formativa dos alumnos, tales como os relacionados con ausencias por enfermidade e accidente con baixa laboral (IT), por enfermidade e accidente sen baixa laboral, por adopción, por acollemento, por enfermidade de familiares, por coidado de fillos, por falecemento, por matrimonio, por maternidade ou paternidade, por lactancia, asistencia a cursos non relacionados co proxecto formativo, exames, consultas médicas e calquera outro gasto que non se corresponda coa actividade formativa vinculada ao desenvolvemento do obradoiro, tanto do persoal directivo, docente e de apoio como do alumnado.

Nos casos de gastos de persoal non subvencionables, deberá excluírse tamén a parte proporcional das cotizacións á Seguridade Social que proceda.

Para iso deberá levarse un control de partes de horario e asistencia que deixe constancia de tales feitos e que será presentado xunto coa documentación exixida para a xustificación dos proxectos.

4. Respecto á xustificación dos gastos comprendidos no módulo B, as entidades promotoras deberán presentar unha certificación expedida polo secretario ou secretaria, ou cargo equivalente, en que conste o nome e o NIF do acredor/a, o número e, se é o caso, serie da factura, concepto, importe, data de emisión da factura e do seu pagamento, acompañado das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, así como os documentos acreditativos dos pagamentos realizados.

5. No caso de que non se xustifique segundo o previsto nos puntos anteriores, procederase á reclamación das cantidades non xustificadas de conformidade co procedemento establecido para o efecto.

6. A xustificación final de gastos presentarase dentro dos dous meses seguintes ao remate do obradoiro e, en todo caso, antes do 1 de xuño de 2019.

Artigo 34. Liquidación do expediente

1. Dentro dos dous meses seguintes ao remate do proxecto e en todo caso, antes do 1 de xuño de 2019, a entidade promotora remitirá á xefatura territorial correspondente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, nos modelos que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, a seguinte documentación:

a) Memoria final en que se reflictan as actuacións desenvolvidas e se relacionen detallados todos os custos, subvencionados ou non, imputados ao desenvolvemento do obradoiro, seguindo a estrutura do modelo de orzamento de gastos incluído no anexo III da orde.

b) Acta de liquidación e cadro-resumo de xustificantes de gastos.

c) Copia cotexada dos certificados de aproveitamento nos cales conste o número de horas da formación recibida e a cualificación final, entregados ao alumnado participante no proxecto.

2. No prazo dos dous meses seguintes ao remate do proxecto deberán presentar a documentación acreditativa do mantemento do sistema de contabilidade separada, segundo as instrucións que se publican na web institucional da Xunta de Galicia, na ligazón http://traballo.xunta.es/cofinanciamento-fse.

3. As entidades promotoras tamén deberán facilitar, dentro dos dous meses seguintes ao remate do proxecto, a información que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores comúns e específicos, tanto de produtividade como de resultado inmediato e a longo prazo, previstos nos anexos I e II do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao FSE e á Iniciativa de emprego xuvenil.

Con iso trátase de coñecer cales son as características das persoas participantes antes de iniciaren a súa participación na operación cofinanciada cos fondos europeos (indicadores de produtividade sobre entidades/participantes) e cales son as que presentan no momento do remate da súa implicación coa operación (indicadores de resultado inmediato sobre participantes). Ademais, preténdese coñecer cales son as características que presentan as persoas participantes aos 6 meses desde a finalización da súa implicación coa operación cofinanciada (indicadores de resultado a longo prazo sobre participantes).

Para dar cumprimento aos devanditos requisitos de información, desde o organismo intermedio proporciónase a aplicación informática Participa 1420, que permite o rexistro de todos os indicadores comúns e específicos tanto de produtividade como de resultado inmediato e a longo prazo, garantindo a integridade dos datos e a depuración automática da información. Proporciona, ademais, orientación e facilitará o cumprimento dos requisitos de información a todas as persoas usuarias que interveñen no desenvolvemento das operacións cofinanciadas e que xogan distintos roles no proceso de subministración e validación da información, ao mesmo tempo que ofrece un sistema global de explotación de información que se empregará tanto na xestión como no seguimento e a avaliación.

A entidade beneficiaria adquirirá a condición de intermediario colaborador. As tarefas do intermediario colaborador serán basicamente o rexistro de participantes e a súa asociación á operación que desenvolven, e a xestión da recolla da información requirida sobre os devanditos participantes. Ademais, a entidade beneficiaria deberá asociarse a si mesma como un participante (entidade) na operación para proporcionar a información recollida no cuestionario de produtividade sobre entidades requirida pola normativa aplicable.

Para acceder á aplicación deberá dirixirse ao seguinte enderezo, introducindo os datos de usuario e contrasinal recibidos a través de correo electrónico xerado no momento en que fose dado de alta:

https://participa1420.conselleriadefacenda.es/Participa1420

4. No prazo indicado de dous meses deberá presentarse, así mesmo, a documentación acreditativa do cumprimento das obrigas en materia de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro de 2013, a que fai referencia o artigo 38.2.a) desta orde, mediante achegas de fotocopias da documentación utilizada, fotografías dos carteis expostos, indicación da páxina web, etc.

A actualización destes datos poderá ser requirida pola Administración aos 6 meses de rematar o proxecto, co fin de dar cumprimento aos indicadores de resultado a longo prazo.

5. Despois de verificada a xustificación presentada e, en caso de acordo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria dará a súa conformidade aos documentos antes sinalados, e procederá ao aboamento das cantidades previstas no artigo 32.4 desta orde. No suposto de desconformidade ou discrepancia, a xefatura territorial descontará do pagamento do 50 % restante as cantidades non xustificadas.

6. Revisada a xustificación, e de existir un saldo positivo a favor da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a xefatura territorial iniciará o procedemento establecido para o reintegro das cantidades non xustificadas.

7. En todo caso, no prazo dos tres meses posteriores á finalización da actividade do proxecto, a xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria remitirá á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral a acta de liquidación e cadro-resumo de xustificantes de gastos, sinalados no punto 1, alínea b) deste artigo.

Artigo 35. Subvención máxima xustificable

A subvención máxima que se pode admitir como xustificada, por gastos de formación e funcionamento, para cada un dos módulos A e B non poderá exceder o que resulte de multiplicar o número de horas realizadas polo importe de cada módulo. Para estes efectos, tamén serán consideradas como horas efectivas as do alumnado-traballador que abandone o proxecto polo tempo comprendido entre a data da súa baixa e, se é o caso, o remate do proxecto.

De igual xeito, asimilaranse ás horas de formación efectivamente impartidas as correspondentes aos períodos de vacacións anuais retribuídos desfrutados durante o período de duración do proxecto polos alumnos e alumnas participantes, establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 36. Compatibilidade da axuda

Esta axuda é compatible con calquera axuda e subvención concedida para o mesmo proxecto e finalidade polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos.

CAPÍTULO VII

Obrigas, seguimento e control

Artigo 37. Obrigas

As entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde, ademais de cumprir as obrigas establecidas pola normativa aplicable con carácter xeral ás axudas e subvencións públicas, deberán:

a) Realizar as actividades para as cales se concede a subvención, de conformidade coas disposicións previstas nesta orde e nas resolucións, instrucións ou circulares que a desenvolvan.

b) Acondicionar e dotar as instalacións de xeito que reúnan as condicións de seguridade e saúde laboral que permitan o normal desenvolvemento das actividades formativas desde o inicio do proxecto.

c) Formar os participantes nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais contidas no plan formativo e contratar os alumnos e alumnas participantes na modalidade contractual e pola duración prevista no artigo 4 desta orde, e formalo nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais ou oficios obxecto do programa.

d) Acreditar ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria a realización das actividades e o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión da axuda ou subvención, achegando a documentación que lles sexa requirida co fin de comprobar o cumprimento das obrigas que derivan da dita concesión.

e) Satisfacer, ao seu vencemento, as obrigas económicas que deriven do funcionamento do proxecto subvencionado, especialmente as de carácter salarial, con independencia de que se percibise con anterioridade a subvención concedida.

f) Someterse ás actuacións de supervisión e control que en calquera momento poidan acordar os servizos competentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria ou da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, tanto no relativo ao desenvolvemento das accións formativas como á súa xestión e tramitación administrativa, así como as previstas no artigo 11.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Tamén ás de control financeiro que corresponden á Intervención xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como do Tribunal de Contas relativas ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do Fondo Social Europeo, que comprenderán as oportunas visitas sobre o terreo, e ás que poidan corresponder, no suposto de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo, á Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas.

g) Dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como aqueles estados contables e rexistros específicos que sexan exixidos por esta orde, coa identificación e conta separada ou epígrafe específica da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións realizadas, para garantir a rastrexabilidade dos pagamentos e o seguimento da pista de auditoría.

h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, por canto poden ser obxecto das actuacións de comprobación e control. A data de certificación dos gastos á Comisión Europea será publicada no Diario Oficial de Galicia.

i) Comunicar á Consellería de Economía, Emprego e Industria a obtención doutras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto ou finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional, no momento de presentar a solicitude así como con ocasión da xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do derradeiro pagamento.

j) Procurar a inserción laboral posterior das persoas desempregadas participantes nos proxectos, ben como traballador ou traballadora por conta allea ou ben mediante a súa constitución en traballadores ou traballadoras autónomos ou por conta propia.

k) Respectar as normas de subvencionabilidade do gasto financiado polo FSE, reguladas na Orden ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE durante o período de programación 2014-2020 e mediante os artigos 69 e 125 do Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 decembro de 2013, e o artigo 13 do Regulamento (UE) 1304/2013, do 17 de decembro de 2013, así como as que se diten no seu desenvolvemento para o período 2014-2020.

l) Aceptar a súa inclusión na lista de beneficiarios publicada segundo o disposto no artigo 115, número 2 do Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 de decembro .

m) Comunicar a todas as persoas que participan no proxecto que os custos derivados da súa realización son cofinanciados polo Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil, nun 91,89 %, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, para o período 2014-2020.

n) Cumprir con cantas obrigas deriven da normativa de aplicación do cofinanciamento polo FSE e a Iniciativa de emprego xuvenil, de conformidade co establecido no artigo seguinte.

o) Remitir á xefatura territorial correspondente da Consellería de Economía, Emprego e Industria copia cotexada dos certificados de aproveitamento, nos cales conste o número de horas da formación recibida e a cualificación final, entregados ao alumnado participante no proxecto.

p) Garantir o cumprimento do principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no deseño e desenvolvemento do proxecto.

q) Procurar, na execución do obradoiro, un uso non sexista da linguaxe e velar por transmitir unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes.

Artigo 38. Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo: seguimento

1. Esta convocatoria de axudas enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil, cofinanciado pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020.

2. Coa finalidade de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos cofinanciados polo FSE e a Iniciativa de garantía xuvenil, ao abeiro do Programa operativo de emprego xuvenil do período 2014-2020, mediante as subvencións reguladas nesta orde, a entidade promotora deberá someterse, segundo a normativa europea que resulte de aplicación, ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) Relacionadas coas medidas de información e publicidade:

• Cumprir coas medidas de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro de 2013. En concreto:

Para os efectos de difusión pública, deberán identificar convenientemente as actividades, obras e servizos que desenvolva o proxecto subvencionado, especialmente a través de publicidade estática realizada por medio de valos, carteis ou paneis que, colocados en lugar visible, tamén informarán do cofinanciamento do obradoiro de emprego pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil. Así mesmo, o dito cofinanciamento deberá ser posto en coñecemento das persoas que participen no proxecto.

Tamén deberán facer unha breve descrición da operación na súa páxina web destacando o apoio financeiro da Unión Europea a través do FSE.

b) Relacionadas coas verificacións administrativas e sobre o terreo, e sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e na presente orde:

• Levar un sistema de contabilidade separada ou código contable adecuado en relación con todos os gastos subvencionados.

• Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro do ano seguinte á presentación da certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (CE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

Artigo 39. Incumprimento de obrigas. Reintegro da subvención

1. O incumprimento total ou parcial por parte da entidade beneficiaria das obrigas establecidas nesta orde, así como na demais normativa aplicable e, con carácter xeral, ás axudas e subvencións públicas que se outorguen con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, orixinará, tendo en consideración a natureza e causas do incumprimento, e se é o caso, a súa incidencia na formación e cualificación profesional do alumnado-traballador participante, o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas en concepto de axudas ou subvencións máis os xuros de demora nas condicións e de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo do establecido no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se reintegrará determinarase de acordo cos seguintes criterios de graduación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento das obrigas de presentación de documentación exixida para a xustificación dos gastos: no caso de que non se presente ningunha documentación, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado e, no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que se reintegrará será proporcional ao gasto non xustificado.

d) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 38.2.a): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

e) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada establecida no artigo 38.2.b): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

f) Incumprimento da obriga de manter unha pista de auditoría suficiente establecida no artigo 38.2.b): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

g) Incumprimento da obriga de comunicar á respectiva xefatura territorial as ausencias por enfermidade e accidente con baixa laboral (IT), por enfermidade e accidente sen baixa laboral, por adopción, acollemento, enfermidade de familiares, coidado de fillos/as, falecemento, matrimonio, maternidade ou paternidade, asistencia a cursos non relacionados co proxecto formativo, exames e consultas médicas tanto do persoal docente como do alumnado: o importe que se reintegrará será igual ao gasto imputado a estas situacións.

h) Incumprimento da obriga de realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións establecida no artigo 38.2.c): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

3. As xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria facilitarán información aos consellos provinciais de emprego dos incumprimentos das entidades promotoras que dean lugar ao reintegro total ou parcial das axudas concedidas.

Artigo 40. Asesoramento, seguimento e avaliación

1. As xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria son os órganos encargados de realizar as tarefas de supervisión, coordinación, asesoramento, seguimento e control da xestión dos proxectos, así como das axudas e subvencións concedidas.

2. Ademais de tramitar e resolver o expediente de solicitude e, de ser o caso, transferir os fondos correspondentes, deben realizar, na forma e cos procedementos que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, as seguintes actuacións:

a) Asistencia, apoio e asesoramento técnico e administrativo tanto á entidade promotora na preparación do proxecto como no seu desenvolvemento na realización das actividades para as cales se concede a subvención, para lograr o éxito do proxecto: creación de emprego, cualificación, adquisición de experiencia e inserción laboral, así como a correcta realización e desenvolvemento do traballo e actividades previstas.

b) Seguimento da xestión obtendo dos proxectos a información referente aos alumnos e alumnas participantes, persoal directivo, docente e administrativo de apoio e calquera outro dato que se considere de interese para o seguimento puntual da xestión, especialmente daqueles que serviron de base para a concesión da subvención.

c) Control das axudas e subvencións concedidas e liquidación do expediente.

d) Control dos resultados obtidos. Para estes efectos as entidades promotoras, aos dous meses da súa finalización, deberán presentar información dos indicadores de produtividade sobre as entidades e as persoas participantes a que se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, de acordo co modelo que estará dispoñible na páxina web do Programa operativo de emprego xuvenil (http://garantiaxuvenil.xunta.es).

A actualización destes datos poderá ser requirida pola Administración aos seis meses de rematar o proxecto, co fin de dar cumprimento aos indicadores de resultado a longo prazo.

Disposición adicional primeira. Plurianualidade das axudas

O 50 % do importe total das axudas para cada proxecto terá o carácter de plurianual, de conformidade co preceptuado polo artigo 58.1.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no acordo do Consello da Xunta de Galicia, adoptado na súa sesión do día 26 de abril de 2018.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa responsable da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos e nos xefes e xefas territoriais, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro e sancionador sinaladas nos títulos II, III e IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa responsable da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente, e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego ou, na súa falta, de conformidade co disposto no decreto da estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición adicional terceira. Réxime de infraccións e sancións

As entidades beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, de conformidade co previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file