Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 24 de maio de 2018 Páx. 25757

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 3 de maio de 2018 pola que se convocan os Premios da Cultura Galega para o ano 2018.

Con data do 24 de setembro de 2010 creáronse os Premios da Cultura Galega co obxecto de apoiar o labor creativo na Comunidade e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade.

Mediante esta orde establécense as bases que rexerán a concesión dos Premios da Cultura Galega e convócanse para o ano 2018.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria

Convócanse os Premios da Cultura Galega en todas as súas modalidades para o ano 2018 (código do procedemento CT142A).

1. Premio Cultura Galega de Letras.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada coa literatura galega, con méritos especiais ao desenvolvemento de novos recursos e, no plano expresivo, na construción dunha linguaxe propia, na creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas, tanto nos soportes convencionais como nos virtuais e outras formas experimentais coa escrita, así como calquera outro aspecto que contribúa a fortalecer o sistema literario galego e a súa imaxe pública.

2. Premio Cultura Galega de Artes Plásticas.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada ás artes plásticas galegas, con méritos especiais no que atinxe ao desenvolvemento de recursos expresivos, investigación de linguaxes propias, innovación no plano creativo a partir de materiais convencionais ou de soportes virtuais e experimentais, creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas ou calquera outro aspecto que contribúa a enriquecer a creación plástica galega e a súa imaxe pública.

3. Premio Cultura Galega de Artes Escénicas.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades cunha traxectoria vinculada ás artes escénicas galegas meritoria en canto a recursos escénicos, investigación de linguaxes propias, innovación no plano creativo, creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas ou calquera outro aspecto que contribúa a ampliar a representación escénica de Galicia e a súa imaxe pública. Nesta categoría terase en conta a obra realizada en soporte físico ou virtual e incluiranse propostas teóricas ou proxectos de especial interese creativo ou innovador que sirvan de referencia para a evolución escénica de Galicia.

4. Premio Cultura Galega de Música.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada á creación ou á promoción da música galega. Valorarase especialmente a achega para reforzar a imaxe desta arte como creadora dunha linguaxe galega de calidade, con personalidade propia e con capacidade para se integrar nos escenarios internacionais.

5. Premio Cultura Galega de Audiovisual.

Dirixido a persoas ou entidades con traxectoria vinculada á creación, á promoción ou á difusión da creación audiovisual galega, con méritos especiais no desenvolvemento de novos recursos e no plano expresivo, na construción de linguaxes propias e na capacidade de intercambio con outras sociedades e culturas.

6. Premio Cultura Galega de Lingua.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades de ampla traxectoria no ámbito da promoción da lingua galega. Valorarase o desenvolvemento de obras e de iniciativas destinadas a afianzar o uso e a valoración social do idioma propio de Galicia.

7. Premio Cultura Galega de Patrimonio Cultural.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades que presenten unha traxectoria meritoria vinculada á protección, conservación e difusión do patrimonio cultural galego, material e inmaterial, en calquera medio ou campo de actuación.

8. Premio Cultura Galega de Proxección Exterior.

Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada á difusión cultural de Galicia no exterior que contribúan a proxectar, dentro e fóra do territorio galego, a riqueza e valor da cultura galega en calquera campo e a través de calquera medio convencional ou virtual.

Artigo 2. Obxecto e contido dos premios

1. Concederase un único premio en cada unha das modalidades descritas no artigo anterior e non poderá recaer máis dun premio na mesma persoa ou entidade en modalidades distintas.

2. O premio consistirá nunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por un artista galego de recoñecido prestixio e nun diploma acreditativo.

Artigo 3. Candidaturas

1. Poderán ser candidatas as persoas, colectivos ou entidades que se distingan pola súa traxectoria vinculada ao obxecto da modalidade correspondente de acordo co sinalado no artigo 1.

Na data de formalización da candidatura as persoas propostas como candidatas teñen que estar vivas e os colectivos e entidades obxecto das candidaturas deben ter actividade.

2. As candidaturas só poderán ser presentadas por institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio, sen que os candidatos se poidan postular a si mesmos.

Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (código do procedemento CT142A).

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. É preceptivo engadir no formulario normalizado de solicitude (anexo I) da orde os méritos das candidaturas cunha xustificación de entre 15 e 20 liñas descritivas.

Artigo 5. Documentación

1. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude (anexo I), a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación da persoa que asine en nome da entidade.

b) Dossier informativo complementario (no caso de que o consideren oportuno).

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Prazo de formalización das candidaturas

1. O prazo de presentación de candidaturas será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

2. Non serán admitidas en ningún caso candidaturas presentadas fóra do prazo e da forma establecidos na presente orde.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

A decisión do xurado en que se resolva a concesión dos premios farase pública a través da páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido e enténdense rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Xurado

1. O xurado estará formado por un máximo de 11 membros de acordo coa seguinte composición:

a) Presidente: o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

b) Vogais: o presidente do Consello da Cultura Galega ou persoa designada por el; o reitor dunha universidade galega, ou persoa designada por el, que na presente edición será a Universidade da Coruña; o presidente da Real Academia Galega ou persoa designada por el; o presidente da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario ou persoa designada por el; o secretario xeral de Cultura; a secretaria xeral de Igualdade e catro persoas de recoñecido prestixio no eido da cultura, designadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Actuará como secretario un funcionario ou funcionaria da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, con voz e sen voto.

2. A designación dos membros do xurado publicarase no prazo máximo de vinte días desde a publicación desta orde na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nesta orde e ao disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 12. Resolución

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución aos candidatos non poderá exceder os cinco meses contados desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O vencemento do citado prazo de 5 meses sen que se notifique a resolución expresa faculta a persoa interesada para entender como desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 13. Entrega dos premios

Os Premios da Cultura Galega 2018 entregaranse no marco dun acto institucional organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Disposición adicional primeira. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas representantes mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades co obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico ao seguinte enderezo sxt.cultura.educacion@xunta.gal.

Disposición adicional segunda

Esta orde está excluída da aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, conforme o establecido no seu artigo 4.1.a).

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file