Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 24 de maio de 2018 Páx. 25754

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 30 de abril de 2018, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 399943.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index):

Primeiro. Beneficiarios

As universidades do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e os centros do CSIC e do IEO radicados en Galicia, sempre que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita entidade.

Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinalados no parágrafo anterior que presenten como candidatas persoas co grao de doutor que cumpran, na data de peche da convocatoria, as condicións que se indican para cada tipo de axuda nos anexos I e II, segundo a modalidade a que opten.

Segundo. Obxecto

O apoio á etapa posdoutoral mediante dúas modalidades:

– Modalidade A: axudas para a ampliación da especialización no estranxeiro do persoal investigador doutor e a súa reincorporación na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante un contrato de dous anos de duración para a realización de estadías no estranxeiro e un contrato de retorno dun ano de duración na Comunidade Autónoma de Galicia. As solicitudes presentadas por unha universidade do SUG que propoñan persoas candidatas de nacionalidade española que presenten un plan de estadías de dous anos en EUA optarán a contar co apoio da Comisión Fulbright e ter a condición de bolseiras Fulbright.

– Modalidade B: axudas para posibilitar a continuación da súa formación e establecer unha traxectoria investigadora propia, para as persoas que obtiveron unha praza nunha universidade do SUG na convocatoria de 2014 do Programa de axudas de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral do Plan I2C, que permaneceron nel ata o 28 de abril de 2018 e que obtiveron unha avaliación positiva, e para as persoas investigadoras da convocatoria de 2013 que, por circunstancias especiais, tivesen concedido o aprazamento da avaliación e que obteñan unha avaliación positiva, mediante un contrato de dous anos de duración nunha universidade do SUG.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 9.138.800 €: 7.078.800 € para a modalidade A e 2.060.000 € para a modalidade B.

Na modalidade A poderanse conceder ata 51 axudas (a previsión inicial é de 45 en universidades do SUG, das cales ata 10 poden obter a condición de bolseiras Fulbright, e 6 no resto de entidades beneficiarias). O importe máximo de cada axuda é de 49.900 € anuais, que inclúe tres conceptos:

1. O financiamento dun contrato dun máximo de 48.400 € brutos anuais durante a fase de estadía e de 38.000 € brutos anuais durante a fase de retorno.

2. Un complemento anual por axuda destinado ás entidades beneficiarias para cubriren os gastos asociados á contratación e para o seguro durante o período de estadía de 1.500 € anuais durante a fase de estadía e de 1.000 € anuais durante a fase de retorno.

Na modalidade B poderanse conceder 20 axudas. O importe total máximo de cada axuda é de 49.000 € anuais, que inclúe tres conceptos:

1. O financiamento dun contrato posdoutoral dun máximo de 38.000 € brutos anuais.

2. Unha axuda complementaria, por cada persoa contratada para o establecemento dunha liña propia de investigación, de 5.000 € para o ano 2018 e de 10.000 € para os anos 2019 e 2020.

3. Un complemento anual por axuda, destinado ás universidades beneficiarias para cubriren os gastos asociados á contratación, de 1.000 € anuais.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2018

Román Rodríguez González

Francisco Conde López

Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Conselleiro de Economía, Emprego e Industria e presidente da Axencia Galega de Innovación