Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 28 de maio de 2018 Páx. 26039

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 51/2018, do 22 de marzo, polo que se regula a formación do persoal que realiza actividades de mantemento hixiénico-sanitario de instalacións susceptibles de propagar a lexionelose, do persoal que realiza prácticas de tatuaxe, micropigmentación e piercing, así como calquera outra práctica de decoración corporal que implique a perforación da pel, mucosas ou tecidos, e do persoal operador de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta.

I

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, recolle o mandato xeral de que as administracións públicas sanitarias orienten as súas actuacións á promoción da saúde e á prevención das enfermidades, e prever, no seu artigo 24, de carácter básico, que as actividades públicas e privadas que directa ou indirectamente poidan ter consecuencias negativas para a saúde, serán sometidas polos órganos competentes a limitacións preventivas de carácter administrativo, de acordo coa normativa básica do Estado.

A formación do persoal que realiza as actividades de mantemento de instalacións susceptibles de propagar a lexionelose, as prácticas de tatuaxe, micropigmentación, piercing e outras prácticas de decoración corporal que impliquen a perforación da pel, mucosas ou tecidos, así como do persoal operador de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta, ten sido obxecto de atención tanto pola normativa estatal coma autonómica, tendo en conta a posible repercusión de tales actividades sobre a saúde das persoas.

En virtude da Orde SCO/317/2003, do 7 de febreiro, regulouse o procedemento para a homologación dos cursos de formación do persoal que realiza as operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións obxecto do Real decreto 909/2001, do 27 de xullo. O dito real decreto foi derrogado polo Real decreto 865/2003, do 4 de xullo, polo que se establecen os criterios hixiénico-sanitarios para a prevención e control da lexionelose, o cal, no seu artigo 13, na súa redacción orixinaria, prevía que todo o persoal que traballase en operacións de mantemento hixiénico-sanitario, pertencese a unha entidade ou servizo externo contratado ou fose persoal propio da instalación, debería realizar os cursos que para tal efecto homologase o Ministerio de Sanidade e Consumo por proposta das comunidades autónomas correspondentes, de acordo coa Orde SCO/317/2003, do 7 de febreiro, citada.

Neste contexto normativo ditouse, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Orde do 14 de abril de 2004, de regulación da formación do persoal que realiza operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións susceptibles de propagar a lexionelose e o procedemento para a autorización das entidades de formación.

No eido da formación na práctica de tatuaxes, micropigmentación, piercing, así como calquera outra práctica de decoración corporal que implique a perforación da pel, mucosas ou tecidos, o Decreto 13/2004, do 15 de xaneiro, polo que se establecen os requisitos e condicións sanitarias mínimas aplicables ás prácticas de tatuaxes, micropigmentacións e piercing, recolleu no seu artigo 8 e no seu anexo II previsións sobre a formación das persoas aplicadoras de tales técnicas. Esta materia foi obxecto de desenvolvemento pola Orde do 22 de xullo de 2004 de regulación da formación do persoal que realiza prácticas de tatuaxe, micropigmentación e piercing e o procedemento para a autorización das entidades de formación.

Polo que respecta á formación do persoal de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta, en desenvolvemento das previsións contidas no Real decreto 1002/2002, do 27 de setembro, polo que se regula a venda e utilización de aparellos de bronceado mediante radiacións ultravioleta, ditouse, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 253/2004, do 7 de outubro, polo que se regulan as actividades de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta, que adedicou á materia de formación os seus artigos 4 e 5 e o seu anexo I. Estas previsións foron desenvolvidas pola Orde do 2 de decembro de 2004, de regulación da formación do persoal dos centros de bronceado e o procedemento para a autorización das entidades de formación.

O 28 de decembro de 2006 entrou en vigor a Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior. Segundo o espírito da citada directiva, a mera invocación do interese xeral non abonda para xustificar a exixencia a priori de determinadas autorizacións, posto que o control administrativo pode levarse a cabo mediante a presentación dunha declaración responsable.

A dita directiva foi incorporada ao dereito español pola Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, e a Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

Por outra banda, a Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, establece no seu artigo 3 que «ningunha disposición de carácter xeral, actuación administrativa ou norma de calidade que se refira ao acceso ou ao exercicio de actividades económicas poderá conter condicións nin requisitos que teñan como efecto directo ou indirecto a discriminación por razón de establecemento ou residencia do operador económico». O artigo 16 da citada lei contén o principio de libre iniciativa económica, de xeito que «o acceso ás actividades económicas e o seu exercicio será libre en todo o territorio nacional e só se poderá limitar segundo o establecido nesta lei e ao disposto na normativa da Unión Europea ou en tratados e convenios internacionais».

Este principio reflíctese no artigo 18 da mesma Lei 20/2013, do 9 de decembro, cando considera como actuacións limitativas das liberdades de establecemento e libre circulación o establecemento de «requisitos de obtención dunha autorización, homologación, acreditación, avaliación, certificación, distinción ou recoñecemento, de presentación dunha declaración responsable ou comunicación ou de inscrición nalgún rexistro para o exercicio da actividade no territorio dunha autoridade competente distinta da autoridade de orixe».

Conforme ao artigo 5 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, e, no mesmo sentido, de acordo co artigo 17 da Lei 20/2013, do 9 de decembro, a imposición dun réxime de autorización efectuarase por lei e responderá aos principios de non discriminación, necesidade e proporcionalidade, de xeito que en ningún caso, o acceso a unha actividade de servizos ou o seu exercicio se suxeitarán a un réxime de autorización cando sexa suficiente unha comunicación ou unha declaración responsable do prestador.

II

Tendo en conta a normativa regulamentaria que disciplina a actividade formativa nos eidos concretos a que se refire a presente disposición, así como os cambios normativos que se acaban de citar, cómpre axustar aquela a fin de simplificala e racionalizala, eliminando aqueles trámites autorizatorios que resultan innecesarios por non incidir significativamente na mellora das garantías da actividade, nin da salvagarda do interese público protexido, que pode ser satisfeito mediante outros réximes de intervención administrativa sen necesidade de condicionar a priori o exercicio da actividade formativa.

Con esta finalidade, a presente disposición substitúe a autorización de entidades de formación pola presentación dunha declaración responsable por parte das persoas titulares das ditas entidades de formación, así como a facilitación de documentación á Administración en caso de requirimento, e a comunicación de cursos, e establece como anexos os contidos mínimos da formación nos distintos eidos de actividade a que esta norma se refire.

No que atinxe ao persoal que realiza operacións de mantemento hixiénico-sanitario de instalacións susceptibles de propagar a lexionelose, e tendo en conta a ausencia dunha regulación específica sobre a capacitación do dito persoal no Real decreto 830/2010, do 25 de xuño, este decreto recolle a formación prevista na Orde SCO/317/2003, do 7 de febreiro.

Por outra banda, en cumprimento do disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, na propia Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, tamén se prevé a presentación das declaracións responsables e da comunicación de inicio de cursos por medios telemáticos na sede electrónica da Xunta de Galicia, presentación que será obrigatoria para aqueles suxeitos mencionados nos números 2 e 3 do artigo 14 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Introdúcense tamén outras novidades a que cómpre facer referencia, como son a creación dun rexistro común de entidades de formación hixiénico-sanitaria, o que supón a modificación do Decreto 253/2004, do 7 de outubro, polo se regulan as actividades de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta, tal e como se recolle na disposición derradeira primeira do presente decreto, co obxecto de adaptalo á súa nova finalidade, tendo en conta a exclusión das entidades de formación do rexistro preexistente.

III

O presente decreto estrutúrase en vinte e tres artigos, divididos en cinco capítulos.

O capítulo I, relativo ás disposicións xerais, regula o obxecto e o ámbito de aplicación da norma, que comprende a formación do persoal que realice as operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións que poidan ser susceptibles de converterse en focos para a propagación da lexionelose, as prácticas de tatuaxe, micropigmentación, piercing así como calquera outra práctica de decoración corporal que implique a perforación da pel, mucosa ou tecidos e as actividades de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta.

Tamén forman parte do capítulo I as exclusións da realización desta formación que atinxen ao persoal que probe estar en posesión dun título universitario, título de formación profesional ou cualificación profesional que acredite a obtención das competencias e coñecementos axeitados para a realización das actuacións hixiénico-sanitarias nos correspondentes ámbitos de actividade.

O capítulo II recolle a regulación da presentación da declaración responsable, as condicións das entidades de formación e as alteracións ou falsidades dos datos declarados, así como a referencia á protección de datos.

O capítulo III, refírese á formación e a súa acreditación.

O capítulo IV está integramente dedicado ao rexistro de entidades de formación hixiénico sanitaria.

O capítulo V contén as condicións de inspección, control e o réxime sancionador.

O texto complétase con tres disposicións adicionais relativas aos supostos de exención de presentación da declaración responsable, ao recoñecemento de certificados e á posibilidade de modificación do formulario normalizado publicado no Diario Oficial de Galicia, respectivamente; unha disposición derrogatoria; catro disposicións derradeiras, relativas á modificación do Decreto 253/2004, do 7 de outubro, polo se regulan as actividades de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta, á modificación do Decreto 13/2004, do 15 de xaneiro, polo que se establecen os requisitos técnicos e condicións sanitarias mínimas aplicables ás prácticas de tatuaxe, micropigmentacións e piercing, ao desenvolvemento e aplicación e á entrada en vigor do decreto, respectivamente.

Tamén forman parte integrante da disposición normativa un total de oito anexos.

O anexo I contén o modelo de declaración responsable das entidades de formación do persoal que realiza actividades de mantemento hixiénico-sanitario de instalacións susceptibles de propagar a lexionelose, do persoal que realiza prácticas de tatuaxe, micropigmentación, piercing así como calquera outra práctica de decoración corporal que implique a perforación da pel, mucosas ou tecidos, e do persoal operador de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta.

O anexo II contén o modelo de comunicación de inicio de cursos para o persoal encargado da realización de actividades de mantemento hixiénico-sanitario de instalacións susceptibles de propagar a lexionelose, do persoal que realiza prácticas de tatuaxe, micropigmentación, piercing así como calquera outra práctica de decoración corporal que implique a perforación da pel, mucosas ou tecidos, e do persoal operador de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta.

O anexo III establece as autorizacións para a consulta de títulos oficias.

O anexo IV determina os requisitos para a formación hixiénico-sanitaria do persoal que actúa nas instalacións de risco de propagación da lexionelose.

O anexo V establece os requisitos da formación hixiénico-sanitaria do persoal que realiza prácticas de tatuaxe, micropigmentación e piercing e outras prácticas de decoración corporal que impliquen a perforación da pel, mucosas ou tecidos.

O anexo VI establece os requisitos da formación hixiénico-sanitaria do persoal operador de aparellos de bronceado mediante radiacións ultravioleta.

O anexo VII establece os requisitos da formación en modalidade de teleformación semipresencial.

Finalmente, o anexo VIII describe o contido do ficheiro correspondente ao Rexistro de entidades de formación hixiénico-sanitaria.

Na súa virtude, por proposta conxunta dos conselleiros de Sanidade e de Economía, Emprego e Industria, co referendo do vicepresidente e conselleiro de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e dous de marzo de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. O presente decreto ten por obxecto regular, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a formación do persoal que realiza actividades de mantemento hixiénico-sanitario de instalacións susceptibles de propagar a lexionelose, do persoal que realiza prácticas de tatuaxe, micropigmentación e piercing, así como calquera outra práctica de decoración corporal que implique a perforación da pel, mucosas ou tecidos, e do persoal operador de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta.

2. En concreto, neste decreto regúlase o réxime de declaración responsable das entidades de formación, os requisitos, responsabilidades e as obrigas destas, as condicións mínimas e o contido da formación, así como a creación do rexistro de entidades de formación hixiénico-sanitaria, a través dos seguintes procedementos:

SA701C. Inicio de actividade, cesamento de actividade e modificación da actividade de formación do persoal encargado da realización de actividades de mantemento hixiénico-sanitario de instalacións susceptibles de propagar a lexionelose, prácticas de tatuaxe, micropigmentación, piercing e outras prácticas de decoración corporal que impliquen a perforación da pel, mucosas ou tecidos, e manexo de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta.

SA701D. Inicio de cursos para o persoal encargado da realización de actividades de mantemento hixiénico-sanitario de instalacións susceptibles de propagar a lexionelose; prácticas de tatuaxe, micropigmentación, piercing e outras prácticas de decoración corporal que impliquen a perforación da pel, mucosas ou tecidos, e manexo de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. O disposto neste decreto resultará de aplicación á formación do persoal que realice as seguintes actividades:

a) Operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións incluídas no ámbito de aplicación do Real decreto 865/2003, do 4 de xullo, polo que se establecen os criterios hixiénico-sanitarios para a prevención e control da lexionelose. De conformidade co previsto no artigo 2.3 do Real decreto 865/2003, do 4 de xullo, quedan excluídas as instalacións situadas en edificios dedicados ao uso exclusivo en vivenda, agás aquelas que afecten o ambiente exterior destes edificios. Non obstante, e ante a aparición de casos de lexionelose, as autoridades sanitarias poderán exixir que se adopten as medidas de control que se consideren axeitadas.

b) Prácticas de tatuaxe, micropigmentación e piercing, así como calquera outra práctica de decoración corporal que implique a perforación da pel, mucosas ou tecidos, en establecementos incluídos no ámbito de aplicación do Decreto 13/2004, do 15 de xaneiro, polo que se establecen os requisitos técnicos e condicións sanitarias mínimas aplicables ás prácticas de tatuaxes, micropigmentacións e piercing. De conformidade coa disposición adicional segunda do citado Decreto 13/2004, do 15 de xaneiro, quedan excluídas as actividades consistentes na perforación da orella que se realice con sistema de cravar e abrochar de forma automática, estériles e dun só uso.

c) Actividades de aplicación de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta en centros de bronceado situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Queda excluído do ámbito de aplicación deste decreto o persoal que realice as operacións a que se refire o número anterior cando probe estar en posesión das titulacións que se indican:

a) Para persoal que realiza actividades de mantemento hixiénico-sanitario de instalacións susceptibles de propagar a lexionelose, quen estea en posesión dun título universitario de diplomado, licenciado, graduado en cuxo programa de estudos se inclúan os contidos formativos recolleitos no anexo IV do presente decreto; pola posesión dun título de formación profesional ou dun certificado de profesionalidade que acredite as unidades de competencia correspondentes á cualificación profesional SEA492_2 Mantemento hixiénico-sanitario de instalacións susceptibles de proliferación de microorganismos nocivos e a súa diseminación por aerosolización-Nivel 2 e SEA251_3 Xestión de servizos para o control de organismos nocivos-Nivel 3.

b) Para persoal que realiza prácticas de tatuaxe, micropigmentación e piercing, así como calquera outra práctica de decoración corporal que implique a perforación da pel, mucosas ou tecido, quen estea en posesión dun título universitario de diplomado, licenciado, ou graduado en cuxo programa de estudos se inclúan os contidos formativos recolleitos no anexo V do presente decreto ou do título de formación profesional de técnico superior en Estética Integral e Benestar.

Para o persoal que realice exclusivamente prácticas de tatuaxe, quen dispoña dun certificado de profesionalidade que acredite as competencias correspondentes á cualificación profesional IMP024_3 de Maquillaxe integral.

Para o que realice exclusivamente prácticas de micropigmentación, quen dispoña dun certificado de profesionalidade que acredite as competencias correspondentes á cualificación profesional IMP024_3 de Maquillaxe integral ou da cualificación profesional IMP182_3 de Bronceado, maquillaxe e depilación avanzada.

c) Para persoal operador de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta, quen estea en posesión dun título universitario de diplomado, licenciado ou graduado en cuxo programa de estudos se inclúan os contidos formativos recolleitos no anexo VI do presente decreto; pola posesión dun título de formación profesional de técnico superior en Estética Integral e Benestar ou dun certificado de profesionalidade que acredite as competencias correspondentes á cualificación profesional IMP182_3 de Bronceado, maquillaxe e depilación avanzada.

3. As disposicións deste decreto non serán de aplicación cando as actividades referidas nas alíneas b) e c) do número 1 se realicen en centros, servizos ou establecementos sanitarios debidamente autorizados.

CAPÍTULO II

Declaración responsable, entidades de formación e protección de datos

Artigo 3. Definicións

1. Para os efectos do previsto neste decreto, entenderase por:

a) Entidade de formación. É a entidade legalmente constituída que, cumprindo os requisitos regulados no presente decreto, imparte cursos de formación ao persoal que realiza algunha das actividades previstas no número 1 do artigo precedente.

b) Responsable da instalación ou establecemento. As persoas ou entidades titulares das instalacións ou establecementos en que preste servizos o persoal que realice as actividades previstas no número 1 do artigo precedente serán os responsables do cumprimento da normativa que lles sexa de aplicación e disporán da documentación que acredite a formación que se impartise ao persoal que realice calquera daquelas actividades.

2. Cando o mantemento das instalacións corra a cargo de empresas externas ao titular, estas serán as responsables do cumprimento da normativa e disporán da documentación que acredite a formación impartida ao persoal encargado do mantemento.

Artigo 4. Requisitos das entidades formadoras

As entidades que se dediquen á formación do persoal que realice as operacións a que se refire este decreto deberán dispoñer dos espazos necesarios para o desenvolvemento das accións formativas, cun programa de formación e cos recursos materiais e humanos axeitados para impartir os contidos previstos, así como cun sistema que posibilite a actualización constante do persoal docente en relación cos avances científicos e técnicos propios de cada sector.

Artigo 5. Declaración responsable

1. A presentación dunha declaración responsable por parte das entidades de formación permitirá a estas a organización e impartición da formación desde o día da súa presentación, sen prexuízo das facultades administrativas de comprobación, control e inspección.

2. As entidades de formación presentarán o modelo de declaración responsable establecido no anexo I, dirixido ao órgano superior con competencia en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade. As declaracións responsables deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para aqueles suxeitos mencionados nos números 2 e 3 do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Se algún deses suxeitos presenta a declaración responsable presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica, e en tal caso considerarase como data de presentación a que corresponda á data da emenda.

Para a presentación das declaracións responsables poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas físicas que non estean obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as declaracións responsables presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Documentación

1. Xunto coa declaración responsable entregarase a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da representación.

b) No caso de que a persoa declarante sexa unha persoa xurídica, copia certificada da súa constitución e certificación da súa inscrición no Rexistro Mercantil, de ser o caso.

c) No caso de modificación dos datos declarados, xustificante da dita modificación.

2. Non será necesario presentar os documentos que xa tivesen sido presentados anteriormente sempre que non conste a oposición expresa da persoa interesada á consulta dos datos ou á obtención dos documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente requirirá a persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para comparalo coa copia electrónica presentada. A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados legalmente á presentación electrónica. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realizase a emenda.

As persoas físicas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da declaración responsable, indicarase o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada e o número de expediente se se dispón del.

4. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas.

a) NIF da entidade declarante.

b) DNI/NIE da persoa declarante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Comunicación de cada actividade formativa

1. As entidades de formación deberán comunicar á xefatura territorial da consellería con competencia en materia de sanidade da provincia onde se pretenda realizar a parte teórica e/ou presencial da formación o inicio do curso de que se trate, cun mínimo dunha semana de antelación; para iso cubrirán o anexo II, que se poderá presentar nas mesmas condicións que se especifican nos dous artigos precedentes.

2. Xunto coa comunicación incorporarase a documentación prevista no anexo II deste decreto, e, ademais:

a) Documento acreditativo da representación, no caso de que a persoa comunicante sexa distinta da que consta na declaración responsable.

b) Cando o comunicante é unha persoa xurídica, copia certificada da súa constitución e certificación da súa inscrición no Rexistro Mercantil, se é o caso.

c) Nos supostos de actividades na modalidade de teleformación semipresencial, na primeira edición do curso presentarase a correspondente guía didáctica da persoa usuaria.

3. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa representante, no caso de ser diferente á persoa que realizou a declaración de inicio de actividade.

b) No caso de entidades legalmente establecidas noutras comunidades autónomas ou en Estados membros da Unión Europea, a comunicación á xefatura territorial incluirá a documentación acreditativa.

c) DNI/NIE das persoas relatoras.

d) Título oficial universitario das persoas relatoras.

e) Título oficial non universitario das persoas relatoras.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa ou persoas declarantes. Consonte o establecido no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a persoa interesada non consigna a súa oposición expresa á consulta ou á comprobación de datos persoais, así como á obtención de documentos, presumirase que o autoriza.

2. As declaracións e comunicacións das entidades interesadas acompañarán os documentos e as informacións determinadas no presente decreto, agás que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a entidade interesada poderá acollerse ao establecido na letra d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente requirirá á persoa declarante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

Artigo 9. Alteración nos datos declarados ou cesamento de actividade

As entidades de formación virán obrigadas a comunicar no prazo dun mes as variacións que se produzan respecto dos datos declarados, así como os supostos de cesamento de actividade. Para tal efecto, usarán o modelo que se establece como anexo I deste decreto.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos realizaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se realicen ou deixen de realizar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico realizará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Imposibilidade de continuación da actividade

A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore á declaración responsable, a non presentación ante a Administración competente da declaración responsable, a non comunicación da realización das actividades formativas nos casos previstos no artigo 7.2.a) desde decreto, ou a non presentación da documentación que fose requirida, determinarán a imposibilidade de continuar co exercicio da actividade desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas a que houber lugar.

CAPÍTULO III

Da formación e a súa acreditación

Artigo 13. Da formación

1. A formación do persoal a que se refire o artigo 2 cumprirá os respectivos criterios recollidos nos anexos IV, V e VI, os cales teñen carácter de mínimos.

2. A dita formación poderase impartir de forma presencial ou semipresencial, de conformidade co contido formativo mínimo establecido no anexo VII, sen prexuízo das necesarias prácticas presenciais correspondentes.

Artigo 14. Acreditación da formación

A superación da formación a que se refire este decreto acreditarase mediante certificación individual, expedida pola entidade de formación, que deberá incluír, como mínimo, a seguinte información:

a) Identificación do alumno/a (nome, apelidos e documento nacional de identidade ou documento identificativo equivalente).

b) Denominación do curso.

c) Entidade de formación e número de inscrición no Rexistro de Entidades de Formación Hixiénico-Sanitaria, e entidade promotora do curso, se for o caso.

d) Número de horas teóricas e prácticas.

e) Data de expedición.

f) Sinatura da persoa coordinadora do curso ou da persoa titular da entidade de formación.

g) Selo da entidade de formación.

h) Programa de formación coas horas correspondentes.

CAPÍTULO IV

Rexistro de entidades de formación hixiénico-sanitaria

Artigo 15. Rexistro de entidades de formación hixiénico-sanitaria

1. Créase o Rexistro de entidades de formación hixiénico-sanitaria, no cal se inscribirán as entidades que impartan formación ao persoal que realice as actividades hixiénico-sanitarias a que se refire o presente decreto.

2. O dito rexistro, que ten natureza administrativa, dependerá organicamente do órgano superior competente en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade. Sen prexuízo do anterior, manterase a debida coordinación e intercambio de información co Rexistro de centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta da Comunidade Autónoma de Galicia, dependente da consellería con competencias en materia de industria.

3. Terán carácter público os seguintes datos do rexistro:

a) Nome comercial das entidades de formación inscritas.

b) Enderezo postal.

c) Teléfono.

d) Correo electrónico.

4. A protección de datos persoais vinculados ao dito rexistro rexerase pola Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e as súas disposicións de desenvolvemento.

5. A información exixida no artigo 20.2 da citada Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, atópase recollida no anexo VIII.

Artigo 16. Finalidade do rexistro

O Rexistro de entidades de formación hixiénico-sanitaria ten os seguintes fins:

a) Dispor da información básica das entidades de formación.

b) Servir como instrumento para o exercicio das facultades de inspección e control que teñen atribuídas as autoridades sanitarias.

c) Servir de instrumento de coordinación no exercicio das funcións administrativas de control, co obxecto de que a prestación dos ditos servizos a desenvolva o persoal cualificado, debidamente formado e sen afectación para a saúde das persoas.

Artigo 17. Organización do rexistro

A información do Rexistro de entidades de formación hixiénico-sanitaria estruturase nas seccións seguintes:

a) Sección de formación en actividades de mantemento das instalacións susceptibles de propagar a lexionelose.

b) Sección de formación en actividades de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta.

c) Sección de formación en actividades de tatuaxe, micropigmentación, piercing así como calquera outra práctica de decoración corporal que implique a perforación da pel, mucosas ou tecidos.

Artigo 18. Contido

O Rexistro de entidades de formación hixiénico-sanitaria conterá os seguintes datos básicos respecto de cada entidade de formación:

a) Nome ou razón social da entidade.

b) Número de identificación fiscal.

c) Enderezo, teléfono, fax e correo electrónico.

d) Apelidos, nome e número de documento nacional de identidade ou documento identificativo equivalente, da persoa titular ou representante da entidade de formación.

e) Número de inscrición no rexistro.

Artigo 19. Número de asento de inscrición

Ao asento de inscrición de cada entidade asignaráselle un número de asento formado por tres partes: de dous, cinco e un díxito, co seguinte significado:

a) Dous díxitos correspondentes á provincia en que a entidade teña o seu domicilio:

1º. 15 A Coruña.

2º. 27 Lugo.

3º. 32 Ourense.

4º. 36 Pontevedra.

5º. 01 Entidades constituídas noutras partes do territorio nacional que impartan formación na Comunidade Autónoma de Galicia.

6º. 00 Entidades constituídas noutro Estado da Unión Europea que impartan formación na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cinco díxitos correspondentes ao número de asento rexistral que se asigne á entidade de formación.

c) Un díxito correspondente ao código de actividade da sección do rexistro que corresponda.

1º. «1»: Sección de formación en actividades de mantemento das instalacións susceptibles de propagar a lexionelose.

2º. «2»: Sección de formación en actividades de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta.

3º. «3»: Sección de formación en actividades de tatuaxe, micropigmentación, piercing así como calquera outra práctica de decoración corporal que implique a perforación da pel, mucosas ou tecidos.

Artigo 20. Procedemento de inscrición

1. A inscrición no rexistro dunha entidade de formación realizarase de oficio a partir da declaración responsable presentada de conformidade co previsto no anexo I.

2. Unha vez recibida a declaración responsable, o órgano superior competente en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade disporá a inscrición da entidade de formación no rexistro, outorgándolle o correspondente número de asento.

3. A inscrición levarase a cabo de oficio no prazo máximo dun mes, contado a partir da presentación da declaración responsable ou da comunicación da acción formativa no caso de entidades que teñan o seu domicilio fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, e comunicaráselle á entidade inscrita.

Artigo 21. Modificación e cancelación de inscricións

1. Cando a variación nos datos declarados que comunique unha entidade de formación se refira a datos que figuren no rexistro, o órgano superior competente en materia de saúde pública procederá a efectuar a correspondente modificación rexistral.

2. Cando unha entidade de formación comunique o cesamento da súa actividade, o órgano superior competente en materia de saúde pública procederá á cancelación de oficio da súa inscrición no rexistro. Así mesmo, procederá a cancelación de oficio da inscrición das entidades que incumpran a obriga de comunicar o cesamento da súa actividade e cuxa inactividade constate a Administración, logo de audiencia daquelas, así como no suposto no que o cesamento da actividade se produza como consecuencia da comprobación pola Administración da inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, dos datos declarados, ou pola non presentación pola entidade da documentación requirida para acreditar o cumprimento do declarado.

3. Para efectos da modificación dos asentos, as entidades de formación interesadas comunicarán calquera cambio que se produza nos datos declarados, así como a súa vontade de causaren baixa ou cancelaren a inscrición, presentando o documento que figura como anexo I.

CAPÍTULO V

Inspección e réxime sancionador

Artigo 22. Inspección e control

No eido do sector público autonómico de Galicia, e sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais, a consellería competente en materia de sanidade levará a cabo as funcións de inspección das entidades de formación, así como o control do cumprimento das obrigas exixibles a estas. O persoal funcionario ao seu servizo que desenvolva tales funcións de inspección e control poderá:

a) Realizar inspeccións ou controis periódicos ás entidades de formación, en relación co cumprimento das obrigas e requisitos exixibles no desenvolvemento da súa actividade formativa.

b) Supervisar calquera das accións formativas realizadas polas entidades de formación.

Artigo 23. Réxime sancionador

O réxime sancionador será o previsto na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. Tamén será aplicable, no que proceda, a concreción regulamentaria dos tipos previstos na Lei 14/1986, do 25 de abril, contida no Real decreto 865/2003, do 4 de xullo, polo que se establecen os criterios hixiénico-sanitarios para a prevención e control da lexionelose, e no Decreto 13/2004, do 15 de xaneiro, polo que se establecen os requisitos técnicos e condicións sanitarias mínimas aplicables ás prácticas de tatuaxes, micropigmentacións e piercing.

Disposición adicional primeira. Exención de presentación da declaración responsable

1. As entidades de formación que na data de entrada en vigor deste decreto dispuxeren da correspondente autorización da consellería competente en materia de sanidade, inscribiranse de oficio no Rexistro de entidades de formación hixiénico-sanitaria e estarán exentas da presentación da declaración responsable prevista na presente disposición, sen prexuízo da obriga de comunicar as alteracións ou cambios que se produzan na súa actividade, así como o cesamento desta e o inicio de cursos segundo anexos I e II.

2. As entidades de formación legalmente establecidas noutras comunidades autónomas ou noutros Estados membros da Unión Europea poderán exercer a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia sen necesidade de presentaren a declaración responsable do anexo I, pero sen prexuízo da obriga de comunicaren o inicio dos cursos nos termos previstos no presente decreto.

Disposición adicional segunda. Recoñecemento de certificados

Para os efectos da acreditación da correspondente formación, recoñeceranse os certificados de formación expedidos por entidades de formación legalmente establecidas noutras comunidades autónomas ou na Unión Europea, nos termos previstos na normativa comunitaria e estatal que resulte aplicable.

Disposición adicional terceira. Adaptación e actualización dos modelos normalizados

De conformidade co artigo 33 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, os modelos normalizados contidos nos anexos I, II e III poderán ser modificados co obxecto de mantelos adaptados e actualizados. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria a súa nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria primeira. Réxime transitorio

1. Os procedementos de autorización de entidades iniciados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto tramitaranse e resolveranse pola normativa vixente no momento da presentación da solicitude correspondente. Non obstante, a persoa interesada poderá, con anterioridade á resolución, desistir da súa solicitude e optar pola aplicación das previsións contidas no presente decreto.

2. A eventual revisión ou avaliación da normativa reguladora do procedemento de autorización non poderá constituír elemento para a non concesión das inscricións solicitadas.

Disposición transitoria segunda. Inscrición de entidades xa inscritas no Rexistro de centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta da Comunidade Autónoma de Galicia

As entidades de formación que na data de entrada en vigor deste decreto consten inscritas como tales no Rexistro de centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta da Comunidade Autónoma de Galicia, inscribiranse de oficio no Rexistro de entidades de formación hixiénico-sanitaria cun número de asento de inscrición conforme co previsto no artigo 19 deste decreto, e estarán exentas da presentación da declaración responsable prevista neste decreto, sen prexuízo da obriga de comunicar as alteracións ou cambios que se produzan na súa actividade así como o cesamento desta e o inicio de cursos segundo anexos I e II.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango en canto se opoñan ao establecido neste decreto e, en particular, as seguintes:

a) Orde do 14 de abril de 2004 de regulación da formación do persoal que realiza operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións susceptibles de propagar a lexionelose e o procedemento para a autorización das entidades de formación.

b) Orde do 22 de xullo de 2004 de regulación da formación do persoal que realiza prácticas de tatuaxe, micropigmentación e piercing e o procedemento para a autorización das entidades de formación.

c) Orde do 2 de decembro de 2004 de regulación da formación do persoal dos centros de bronceado e o procedemento para autorización das entidades de formación.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 13/2004, do 15 de xaneiro, polo que se establecen os requisitos técnicos e condicións sanitarias mínimas aplicables ás prácticas de tatuaxe, micropigmentacións e piercing

O Decreto 13/2004, do 15 de xaneiro, polo que se establecen os requisitos técnicos e condicións sanitarias mínimas aplicables ás prácticas de tatuaxe, micropigmentacións e piercing, queda modificado como segue:

Un. O artigo 8 queda modificado como segue:

«As persoas que realicen tatuaxes, micropigmentacións, piercing, así como calquera outra práctica de decoración corporal que implique a perforación da pel, mucosas ou tecidos, disporán dun nivel de coñecementos suficientes para realizar unha prevención efectiva dos riscos para a saúde asociados ás actividades obxecto deste decreto. Para estes efectos, deberán estar en posesión da formación prevista para a realización das ditas actividades no Decreto 51/2018, do 22 de marzo, polo que se regula a formación do persoal que realiza actividades de mantemento hixiénico-sanitario de instalacións susceptibles de propagar a lexionelose, do persoal que realiza prácticas de tatuaxe, micropigmentación e piercing así como calquera outra práctica de decoración corporal que implique a perforación da pel, mucosas ou tecidos, e do persoal operador de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta».

Dous. Suprímese o anexo II.

Disposición derradeira segunda. Modificación do Decreto 253/2004, do 7 de outubro, polo se regulan as actividades de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta

O Decreto 253/2004, do 7 de outubro, polo se regulan as actividades de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta, queda modificado como segue:

Un. O artigo 1 queda redactado como segue:

«Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto establecer as funcións dos distintos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en materia de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta, regular os requisitos de funcionamento dos centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta, e crear o Rexistro de centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta da Comunidade Autónoma de Galicia».

Dous. O número 2 do artigo 2 queda redactado como segue:

«2. No eido do sector público autonómico de Galicia, e sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais, a consellería competente en materia de sanidade levará a cabo as funcións de inspección das entidades de formación, así como o control do cumprimento das obrigas dos operadores de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta, a comprobación da formación do seu persoal, e a inscrición das entidades de formación no Rexistro de entidades de formación hixiénico-sanitaria, creado polo Decreto 51/2018, do 22 de marzo, polo que se regula a formación do persoal que realiza actividades hixiénico-sanitarias de mantemento das instalacións susceptibles de propagar a lexionelose, de tatuaxe, micropigmentación, piercing, así como calquera outra práctica de decoración corporal que implique a perforación da pel, mucosas ou tecidos, e de centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta. Así mesmo, corresponde á dita consellería a vixilancia e control das condicións hixiénico-sanitarias dos centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta e da prohibición da utilización dos aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta cando as persoas consumidoras ou usuarias sexan menores de dezaoito anos.

Tres. O artigo 3 queda redactado como segue:

«Artigo 3. Comunicación do inicio da actividade

A persoa física ou xurídica titular do centro de bronceado presentará, con carácter previo ao inicio da actividade, a declaración a que se refire o artigo 6 do Real decreto 1002/2002, do 27 de setembro, na cal conste a descrición técnica dos aparellos de bronceado e materiais de que dispoñen, así como a relación do persoal operador destes e a súa formación específica nesta materia.

A dita declaración farase a través das persoas titulares das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de industria da provincia en que se atope o centro, mediante o modelo normalizado que figura no anexo II-a deste decreto.

Esta declaración actualizarase cada vez que se produza unha modificación nos datos que contén».

Catro. O artigo 4 queda redactado como segue:

«Artigo 4. Formación de operadores de aparellos de bronceado

A formación do persoal operador dos aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta rexerase polo disposto no Decreto 51/2018, do 22 de marzo, polo que se regula a formación do persoal que realiza actividades de mantemento hixiénico-sanitario de instalacións susceptibles de propagar a lexionelose, do persoal que realiza prácticas de tatuaxe, micropigmentación, piercing así como calquera outra práctica de decoración corporal que implique a perforación da pel, mucosas ou tecidos, e do persoal operador de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta».

Cinco. Suprímese o artigo 5 e o anexo I.

Seis. O artigo 6 queda redactado como segue:

«Artigo 6. Rexistro de centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Créase o Rexistro de centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta da Comunidade Autónoma de Galicia.

O dito rexistro ten natureza administrativa e depende organicamente da consellería competente en materia de industria, e será xestionado polas súas xefaturas territoriais.

Terán carácter público os seguintes datos do rexistro:

a) Nome comercial do centro.

b) Enderezo postal do centro.

2. Apróbase o Regulamento do Rexistro de centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta da Comunidade Autónoma de Galicia, que se inclúe como anexo II, así como o seu contido tal como se define no anexo III deste decreto».

Sete. O número 2 do artigo 7 queda redactado como segue:

«2. As revisións serán realizadas por un organismo de control habilitado para actuar no campo de instalacións con aparellos de bronceado mediante radiacións ultravioletas».

Oito. O anexo II queda redactado como segue:

«ANEXO II

Regulamento do Rexistro de centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 1. Obxecto

Este regulamento ten por obxecto regular o Rexistro de centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Este regulamento será de aplicación aos centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta, entendendo como tales os definidos no artigo 2 do Real decreto 1002/2002, do 27 de setembro.

Artigo 3. Fins

O Rexistro de centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta da Comunidade Autónoma de Galicia ten os seguintes fins:

a) Dispor da información básica dos centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta.

b) Servir de instrumento de coordinación entre as distintas consellerías nas actuacións relacionadas co bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta e, en concreto, coa seguridade das máquinas de radiacións ultravioleta, a prestación dos ditos servizos e a saúde das persoas.

Artigo 4. Organización do rexistro

O Rexistro de centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta da Comunidade Autónoma de Galicia estrutúrase nunha única sección, relativa aos centros existentes no seu ámbito territorial.

Artigo 5. Contido

O Rexistro de centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta da Comunidade Autónoma de Galicia terá os seguintes datos básicos:

a) Nome ou razón social da entidade propietaria do centro.

b) Número de identificación fiscal

c) Enderezo social, teléfono, fax e enderezo de correo electrónico da entidade propietaria.

d) Apelidos, nome e número de documento nacional de identidade ou documento identificativo equivalente, da persoa titular ou representante da entidade de formación.

e) Número de identificación do centro, que coincidirá co de inscrición no rexistro.

f) Nome comercial do centro.

g) Datos de localización do centro: enderezo, teléfono, fax e enderezo de correo electrónico.

h) Actividade económica principal e actividades secundarias do centro, se for o caso.

i) Persoa responsable do centro.

j) Relación do persoal con formación acreditada para operar con aparellos de radiacións ultravioleta.

k) Relación e características técnicas de cada un dos equipamentos de radiación ultravioleta, especificando número de serie, marca, modelo, fabricante e data de instalación.

Artigo 6. Procedemento de inscrición

1. A inscrición no rexistro dun centro de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta realizarase de oficio a partir da declaración que acredite a descrición técnica dos aparellos e materiais de que dispón. A dita declaración dirixirase á persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de industria da provincia en que se atope o centro, segundo o modelo incluído no anexo II-a do Decreto 253/2004, do 7 de outubro.

2. A persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de industria procederá a efectuar a inscrición no rexistro, outorgándolle o correspondente número de asento.

Artigo 7. Número de asento de inscrición

Ao asento de inscrición de cada entidade asignaráselle un número formado por dúas partes: de dous e cinco díxitos, co seguinte significado:

a) XX: díxitos correspondentes á provincia en que se efectúe a inscrición.

b) YYYYY: díxitos correspondentes ao número de asento rexistral asignado ao centro na correspondente provincia.

Artigo 8. Modificación de datos

Calquera modificación ou cambio nas circunstancias acreditadas nos documentos presentados sobrevida con posterioridade á inscrición deberase comunicar ao órgano da Administración que efectuou a inscrición, no prazo dun mes desde que se produza a dita modificación ou cambio, sen que tal circunstancia supoña a necesidade de efectuar novamente a declaración a que se refire o artigo 6.

Artigo 9. Cancelación de inscricións

A comunicación do cesamento de actividade do centro comportará a cancelación da súa inscrición no rexistro».

Nove. O anexo III queda redactado como segue:

«ANEXO III

Rexistro de centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta da Comunidade Autónoma de Galicia

Nome e descrición do ficheiro

Rexistro de centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta da Comunidade Autónoma de Galicia.

Finalidade

Dispor da información básica dos centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta existentes na Comunidade Autónoma de Galicia e servir de instrumento de coordinación das distintas consellerías nas actuacións relacionadas co bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta e, en concreto, coa seguridade das máquinas de radiacións ultravioleta, a prestación dos citados servizos e a saúde das persoas.

Finalidade e usos previstos

Control das actividades dos centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta e do cumprimento dos requisitos de seguridade dos aparellos de radiación.

Órgano responsable do ficheiro

Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Persoas e colectivos sobre os cales se pretenden obter datos

Entidades propietarias de centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta, representantes legais destas, persoas responsables dos centros e persoal operador dos aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta.

Servizos ou unidades ante os cales se poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición

Xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Nivel do ficheiro

Básico.

Procedencia e procedemento de recolla de datos

Declaración realizada polas persoas responsables dos centros.

Tipos de datos de carácter persoal (categorías de datos)

Datos previstos no artigo 5 do Regulamento do Rexistro de centros de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta da Comunidade Autónoma de Galicia.

Encargado do tratamento

Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Sistema de tratamento

...

Comunicacións e cesións de datos

As que poidan requirir outros órganos da Administración para a finalidade propia do rexistro.

Transferencias internacionais de datos a terceiros países

Non se prevén.

Estrutura básica

Sección única.

Dez. Suprímese a disposición derradeira primeira.

Disposición derradeira terceira. Desenvolvemento normativo

Autorízanse as persoas titulares das consellerías con competencias en materia de industria e sanidade para ditaren, no eido das súas respectivas competencias, cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do disposto neste decreto no relativo á organización e ás materias propias dos seus departamentos.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de marzo de dous mil dezaoito.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Requisitos para a formación hixiénico-sanitaria do persoal que actúa nas instalacións que poidan ser susceptibles de converterse en focos para a propagación da lexionelose

A determinación dos requisitos formativos terá en conta o previsto na Orde SCO/317/2003, do 7 de febreiro.

1. O curso de formación inicial terá unha duración de 25 horas co seguinte programa de formación:

1º. Importancia sanitaria da lexionelose (tres horas):

– Bioloxía e ecoloxía do axente causal.

– Cadea epidemiolóxica da enfermidade.

– Sistemas de vixilancia epidemiolóxica.

– Instalacións de risco.

2º. Ámbito lexislativo (tres horas):

– Introdución ás bases xurídicas da responsabilidade das empresas na prestación de servizos para a prevención da lexionelose, incluíndo a formación actualizada dos seus traballadores e traballadoras.

– Normativa relacionada coa prevención e control da lexionelose, as substancias e preparados perigosos, auga de consumo humano, pesticidas e biocidas, instalacións térmicas de edificios e verteduras industriais.

3º. Criterios xerais de limpeza e desinfección(tres horas):

– Coñecementos xerais da química da auga.

– Boas prácticas de limpeza e desinfección.

– Tipos de produtos: desinfectantes, antiincrustantes, antioxidantes, neutralizantes etc.

– Rexistro de produtos. Desinfectantes autorizados.

– Outros tipos de desinfección: físicos e fisicoquímicos.

4º. Saúde pública e saúde laboral (dúas horas):

– Marco normativo.

– Riscos derivados do uso de produtos químicos.

– Danos para a saúde derivados do uso de produtos químicos. Medidas preventivas.

5º. Instalacións de risco incluídas no ámbito de aplicación da normativa de referencia (catro horas):

– Deseño, funcionamento e modelos.

– Programa de mantemento e tratamento.

– Toma de mostras.

– Controis analíticos.

6º. Identificación de puntos críticos. Elaboración de programas de control (dúas horas):

7º. Prácticas (sete horas):

– Visitas ás instalacións.

– Tomas de mostras e medicións in situ.

– Interpretación da etiqueta de produtos químicos.

– Preparación de disolucións de produtos a distintas concentracións.

– Formalización de follas de rexistro de mantemento.

8º. Avaliación:

Proba escrita sobre os contidos do curso (1 hora).

2. O persoal deberá realizar unha actualización da formación cada 5 anos, cunha duración mínima de 10 horas, co obxecto de adecuar os seus coñecementos aos avances científico-técnicos dos contidos do programa do curso inicial, polo que incluirá a actualización dos seus coñecementos sobre a lexislación vixente en materia de saúde pública e saúde laboral, identificación dos puntos críticos e elaboración de programas de control. O programa de formación manterase actualizado na páxina web da consellería competente en sanidade.

3. O programa de formación será impartido por docentes que teñan formación e experiencia profesional acreditada e axeitada aos contidos establecidos no programa de formación, así como experiencia práctica en mantemento de instalacións con risco de propagar a lexionelose.

ANEXO V

Requisitos mínimos da formación hixiénico-sanitaria do persoal que realiza prácticas de tatuaxe micropigmentación e piercing e outras prácticas de decoración corporal que impliquen a perforación da pel, mucosas ou tecidos

1. O curso de formación inicial terá unha duración de 25 horas co seguinte programa de formación, que incluirá tamén formación práctica de todo o aprendido e proba escrita:

1º. Pel e mucosas:

– Anatomía e fisioloxía básica da pel e as mucosas.

2º. Microbioloxía básica:

– Concepto de infección.

– Microorganismos patóxenos e oportunistas.

– Microorganismos de transmisión hemática.

– Microorganismos de transmisión cutánea.

3º. Conceptos de desinfección e asepsia:

– Desinfección de pel e mucosas.

– Campos cirúrxicos.

4º. Enfermidades de transmisión hemática:

– Hepatite.

– Sida.

5º. Riscos destes procedementos.

6º. Prevención e protección persoal:

– Recomendacións xerais.

– Limpeza de mans.

– Protección de feridas e lesións da pel.

– Vacinas.

– Seguridade no traballo.

7º. Medidas preventivas na aplicación de tatuaxe, micropigmentación e piercing:

– Normas sanitarias.

– Pautas de actuación ante posibles complicacións: vómitos, afogamento, síncope etc.

– Soporte vital básico.

8º. Locais e instalacións:

– Condicións hixiénico-sanitarias.

– Limpeza e desinfección dos locais.

9º. Utensilios e material de uso:

– Aparellos de tatuaxe.

– Agullas e xiringas.

– Rasuramento e afeitado.

– Limpeza e desinfección dos utensilios.

10º. Residuos:

– Concepto.

– Tipoloxía.

– Xestión.

11º. Esterilización e desinfección:

– Métodos de esterilización.

– Métodos de desinfección.

2. O persoal deberá realizar unha actualización da formación cada 10 anos, cunha duración mínima de 10 horas, co obxecto de adecuar os seus coñecementos aos avances científico-técnicos dos contidos do programa do curso inicial. O programa de formación manterase actualizado na páxina web da consellería competente en sanidade.

3. O programa de formación será impartido por docentes que teñan formación e experiencia profesional acreditada e axeitada aos contidos establecidos no programa de formación, así como experiencia práctica.

ANEXO VI

Requisitos mínimos da formación hixiénico-sanitaria do persoal operador de aparellos de bronceado mediante radiacións ultravioleta

1. O curso de formación inicial terá unha duración de 25 horas co seguinte programa de formación, que incluirá proba escrita e prácticas:

I. Módulo de coñecementos físico-técnicos:

Tema 1. Natureza e características físicas das radiacións ultravioleta (UV).

Tema 2. Clasificación dos aparellos emisores de radiacións ultravioleta. Aparellos de bronceado con fins estéticos.

II. Módulo de coñecementos sanitarios:

Tema 3. Estrutura e función da pel.

Tema 4. Efectos biolóxicos da radiación ultravioleta. Concepto de fototipo.

Tema 5. Efectos adversos das radiacións UV: fotosensibilización, fotoenvellecemento, fotocarcinoxénese.

Tema 6. Contraindicacións para a exposición ás radiacións UV: afeccións conxénitas, enfermidades previas, tratamentos médicos e outras.

Tema 7. Normas de seguridade e fotoproteción da persoa usuaria.

Tema 8. Condicións hixiénico-sanitarias.

Tema 9. Educación sanitaria da persoa usuaria.

III. Módulo de normativa:

Tema 10. Lexislación da Unión Europea, estatal e autonómica sobre radiacións UV.

Tema 11. Prevención de riscos laborais.

IV. Módulo de formación práctica:

Tema 12. Manexo e prácticas de aparellos de bronceado.

2. O persoal deberá realizar unha actualización da formación cada 10 anos, cunha duración mínima de 10 horas, co obxecto de adecuar os seus coñecementos aos avances científico-técnicos dos contidos do programa do curso inicial. O programa de formación manterase actualizado na páxina web da consellería competente en sanidade.

3. O programa de formación será impartido por docentes que teñan formación e experiencia profesional acreditada e axeitada aos contidos establecidos no programa de formación, así como experiencia práctica.

ANEXO VII

Requisitos da formación en modalidade de teleformación semipresencial

1. Criterios e referencias.

As entidades que legalmente podan impartir a formación do persoal que realiza actividades de mantemento hixiénico-sanitario de instalacións susceptibles de propagar a lexionelose, do persoal que realiza prácticas de tatuaxe, micropigmentacións, piercing así como calquera outra práctica de decoración corporal que implique a perforación da pel, mucosas ou tecidos, e do persoal operador de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta, poderán desenvolver cursos na modalidade de teleformación semipresencial, os cales deben realizarse tendo en conta todo o disposto na normativa en vigor.

2. Elaboración dunha guía didáctica da persoa usuaria para teleformación.

Para a impartición dos cursos na modalidade de teleformación semipresencial deberá elaborarse unha guía didáctica da persoa usuaria para teleformación, na cal se detalle:

– A planificación didáctica e da avaliación.

– A metodoloxía de aprendizaxe.

– As titorías.

– O seguimento.

– E os instrumentos de:

i. Xestión.

ii. Participación e de.

iii. Avaliación con especificación de:

1º. As horas que dedicará o/a profesor/a-titor/a.

2º. A súa dispoñibilidade.

3º. As horas que dedicará o alumnado.

– A sistemática da avaliación.

Esta guía didáctica formará parte do material que entregará a entidade formadora á Administración na primeira edición do curso que se dea por teleformación e entregarase, así mesmo, en cada edición ao alumnado para a comprensión do seu funcionamento.

Tanto a dita guía como o desenvolvemento das edicións que se impartan mediante teleformación semipresencial recollerán os requisitos aquí descritos:

3. Teleformación. Actividades presenciais.

A teleformación é unha modalidade de formación en que as accións formativas se desenvolverán na súa totalidade, ou en parte, combinadas con formación presencial, a través das tecnoloxías da información e comunicación, posibilitando a interactividade de alumnos/as, titores/as formadores/as e recursos situados en distinto lugar.

A proba de avaliación final será presencial.

Haberá de garantir como mínimo un 20 % de horas presenciais do total de horas lectivas, incluída no cómputo de presenciais a proba de avaliación final, así:

– Para un curso de 25 horas, haberá un mínimo de 5 horas presenciais.

– Para un curso de 10 horas, haberá un mínimo de 2 horas presenciais.

O alumnado realizará estas horas presenciais de forma obrigatoria aplicando as habilidades adquiridas durante o desenvolvemento da acción formativa, e un dos principais obxectivos é que coñezan de primeira man os riscos que leva o uso destas prácticas/produtos/aparellos e os procedementos e medidas de seguridade que se deben utilizar para a súa prevención.

Nas horas presenciais establecidas deberán abordar as actividades de carácter práctico relacionadas, como mínimo, coas unidades temáticas que nos programas se detallen como de prácticas. No caso de que a normativa específica estableza un número de horas maior do mínimo recollido neste procedemento primará o número de horas da normativa específica (por exemplo, nos cursos de persoal que realiza operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións susceptibles de propagar a lexionelose, a normativa especifica 7 horas para a parte práctica, polo que a duración da parte práctica engadindo a hora do exame presencial será en total de 8 horas e non 5 como di o criterio xeral).

Na documentación do curso e na guía didáctica deberán constar detalladamente os lugares e horarios previstos para a realización das correspondentes horas presenciais, incluíndo o exame de avaliación final.

Os lugares onde se desenvolva a formación presencial deberán ser adecuados, contar con aulas e espazo suficiente e co equipamento e instalacións necesarias para levar a cabo a actividade.

4. Módulos formativos.

Os cursos que se realizacen mediante teleformación semipresencial corresponderanse co contido dos programas establecidos na súa normativa correspondente.

A documentación completa das unidades didácticas estará a disposición das persoas e da inspección na plataforma de teleformación, xunto á documentación de apoio e a requirida para os casos prácticos, así como os exercicios de avaliación continua.

5. Titores/as-formadores/as.

Na planificación da acción formativa establecerase un mínimo de dedicación do/a titor/a formador/a de 10 horas semanais por cada 20 alumnos/as, incluíndo actividades presenciais.

– A dedicación do/a titor/a será, en todos os casos e como mínimo, a asignada polo programa en relación coa totalidade das unidades temáticas que imparta.

As persoas formadoras contarán coa capacitación suficiente e, en todo caso, coa formación exixida na lexislación de referencia.

6. Plataforma de teleformación.

A entidade formadora disporá dunha plataforma de teleformación ou virtual de aprendizaxe que asegure a xestión dos contidos e o seguimento e avaliación das persoas participantes.

A plataforma debe ter capacidade suficiente para xestionar e garantir a formación do alumnado, así como a dispoñibilidade dun servizo técnico de mantemento.

Deberá ser accesible a través dun servidor con capacidade suficiente para o acceso simultáneo de todas as persoas usuarias previstas, garantindo un largo de banda da plataforma que se manteña uniforme. Así mesmo, deberá estar dotada das ferramentas básicas de xestión de contidos, comunicación e colaboración, seguimento e avaliación.

– Ferramentas de comunicación síncronas ou asíncronas.

– Ferramentas de xestión que permitan un seguimento do proceso de aprendizaxe do alumnado: control continuo dos alumnos, mediante o rexistro da asistencia (coñecer o número de accesos e o momento en que se producen), as achegas (coñecer o grao de participación do alumnado) e os coñecementos (avaliación continua).

A plataforma contará, ademais, cun perfil específico de usuario de control e seguimento para facilitar o acceso ás xefaturas territoriais co fin de que lle permitan realizar o seguimento das accións formativas, nos termos especificados, e débese comunicar ás ditas xefaturas o enderezo URL de acceso ao curso, así como a clave de usuario e o contrasinal.

A plataforma soportará un rexistro dos contactos co alumnado que xeren as distintas ferramentas.

O número de horas de conexión do alumnado aos módulos formativos accesibles a través da plataforma será o total do estipulado como horas lectivas de cada curso, restando as presenciais, en cada caso.

Para 25 horas, 5 horas presenciais e 20 horas de conexión. Para 10 horas, 2 horas presenciais e 8 horas de conexión.

7. Aprendizaxe activa. Participación nos foros.

A entidade garantirá que as persoas participantes utilicen as diferentes ferramentas do curso potenciando a interactividade e a retroalimentación do proceso e obrigando a que o alumnado se implique activamente na aprendizaxe.

Esta garantía suporá a existencia de ferramentas que permitan desenvolver unha variedade de metodoloxías formativas que inclúan recursos que integren contidos en diferentes formatos multimedia: páxinas web con esquemas, gráficos, audios, animacións, ligazóns de interese.

A plataforma incluirá como ferramenta obrigatoria a creación de foros, como instrumento esencial de participación.

A actividade no foro deberá ser promovida e coordinada polo/a profesor/a titor/a.

A través destes foros de discusión o alumnado poderá consultar as súas achegas, as dos seus compañeiros e compañeiras e titores/as a cada un dos grupos de discusión creados, e as mensaxes enviadas aparecerán organizadas para a súa rápida localización.

A participación tanto a través dos foros como, se for o caso, do chat, quedará detallada na guía didáctica do alumnado.

A plataforma soportará un rexistro dos contactos co alumnado que xeren as distintas ferramentas, especialmente os foros, no cal se evidencie o grao e a forma da súa participación.

8. Avaliación continua e actividades para a aprendizaxe.

A plataforma de teleformación deberá estar dotada coas ferramentas de avaliación adecuadas que permitan realizar unha avaliación en continuo.

A avaliación en continuo poderá consistir en tests de resposta múltiple e propostas de casos prácticos vinculados a cada unha das unidades temáticas.

Estas ferramentas de avaliación deberán ter carácter sumativo, no sentido de que ao finalizar cada módulo o alumnado poda realizar unha avaliación que deberá ser superada para continuar avanzando.

Realizaranse actividades tipo, exercicios ou casos prácticos en cada unha das unidades didácticas para que o alumnado poida interrelacionar os conceptos aprendidos. Estas actividades deberán realizarse e entregarse ao/á profesor/a-titor/a a través da plataforma para cada módulo formativo antes de continuar ao seguinte e antes de realizar a avaliación de cada unidade temática.

Así mesmo, a plataforma estará dotada con ferramentas de personalización que permitan ao alumnado coñecer o seu propio progreso.

9. Requisitos mínimos de asistencia e participación para a superación do curso.

Os requisitos mínimos de asistencia e participación avalados polos rexistros correspondentes incluirán, entre outros, os seguintes aspectos, que serán determinantes para a consecución do certificado de aproveitamento:

1º. Ter empregado como mínimo, de forma controlada, as horas denominadas lectivas na lexislación de referencia, en teleformación, para cada un dos cursos, restando o total de horas presenciais que se planificaron en cada edición.

2º. Entrar no chat e no foro ou outros recursos participativos, como se debe establecer na guía didáctica para o alumnado.

3º. Ter realizado actividades tipo, exercicios ou casos prácticos en cada unha das unidades didácticas, antes de realizar a avaliación de cada unidade temática e superar, polo menos, un 75% do total das actividades propostas no curso.

4º. Ter realizado a avaliación correspondente a cada unidade temática con, polo menos, un 5 sobre 10 no 100 % delas.

Todos estes requisitos deberán de poder ser comprobados a través da plataforma virtual de aprendizaxe.

10. Exame presencial final.

Para realizar o exame presencial final o/a alumno/a terá que asistir presencialmente ás horas prácticas de carácter obrigatorio e superar os requisitos mínimos de asistencia e participación sinalados no número anterior, avalados polos rexistros correspondentes. Para a obtención do certificado de aptitude do curso ten que superar polo menos cun 5 sobre 10 este exame.

11. Control oficial.

Para os efectos do control oficial da impartición da teleformación semipresencial, as entidades comunicarán ás xefaturas territoriais da consellería competente en materia de sanidade correspondente a seguinte información:

– Remisión da guía didáctica un mes antes da primeira edición do curso que se vaia realizar por teleformación.

– Comunicación de cada unha das edicións destes cursos cunha semana de antelación á súa realización cubrindo o anexo II deste decreto.

– Comunicación do enderezo URL á plataforma de aprendizaxe, a clave de usuario e o contrasinal na notificación de cada edición. Este acceso deberá permitir o seguimento e control das actividades dos alumnos nos termos descritos no número 9.

ANEXO VIII

Rexistro de entidades de formación hixiénico-sanitaria

Nome e descrición do ficheiro

Rexistro de entidades de formación hixiénico-sanitaria

Finalidade

Dispor da información básica das entidades que impartan formación ao persoal que realice operacións de mantemento das instalacións susceptibles de propagar a lexionelose, realice actividades de tatuaxe, micropigmentación, piercing así como calquera outra práctica de decoración corporal que implique a perforación da pel, mucosas ou tecidos, ou preste servizos nos centros de bronceado artificial como operador/a de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta, co obxecto de que a prestación dos ditos servizos a desenvolva persoal cualificado, debidamente formado e sen afectación para a saúde das persoas.

Usos previstos

Control da formación hixiénico-sanitaria recibida polo persoal encargado de realizar operacións de mantemento das instalacións susceptibles de propagar a lexionelose, de realizar actividades de tatuaxe, micropigmentación, piercing así como calquera outra práctica de decoración corporal que implique a perforación da pel, mucosas ou tecidos, ou preste servizos nos centros de bronceado artificial como operador/a de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta.

Órgano responsable do ficheiro

Consellería de Sanidade.

Persoas e colectivos sobre os cales se pretenden obter datos

Persoa titular ou representantes das entidades de formación hixiénico-sanitaria do persoal que realice operacións de mantemento das instalacións susceptibles de propagar a lexionelose, realice actividades de tatuaxe, micropigmentación e piercing, así como calquera outra práctica de decoración corporal que implique a perforación da pel, mucosas ou tecidos ou preste servizos nos centros de bronceado artificial como operador/a de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioleta.

Servizos ou unidades ante os cales se poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición

Órgano superior competente en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade.

Nivel do ficheiro

Básico.

Procedencia e procedemento de recolla de datos

Declaración responsable presentada polos responsables das entidades de formación.

Tipos de datos de carácter persoal (categorías de datos)

Datos de carácter identificativo das persoas titulares ou representantes da entidade de formación.

Encargado do tratamento

Unidade con competencia en saúde pública da consellería competente en materia de sanidade.

Sistema de tratamento

Telemático

Comunicacións e cesións de datos

As que poidan requirir outros órganos da Administración no exercicio das súas competencias e relacionadas directamente coa finalidade propia do rexistro.

Transferencias internacionais de datos a terceiros países

Estrutura básica

Sección única.