Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 28 de maio de 2018 Páx. 26086

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 11 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

A responsabilidade social empresarial (RSE) implica no plan de negocio da empresa a conciencia de velar pola satisfacción e cumprimento das expectativas de todos os grupos de interese cos que interactúa, sendo un concepto que está de plena actualidade e desenvolvemento no tecido económico e social actual que, sen dúbida, é moi beneficioso para o progreso da nosa sociedade, e contribúe á mellora da calidade e competitividade empresarial.

Por outra banda, a cidadanía demanda, cada vez máis, información sobre o comportamento das empresas, polo que cada vez é máis decisiva a incorporación da dimensión social e ambiental na xestión das empresas polo que repercute na súa reputación.

É por isto que, a través do programa de axudas e incentivos recollido nesta orde a Consellería de Economía, Emprego e Industria fomenta a RSE, e tamén como unhas das súas modalidades, a igualdade de xénero no ámbito laboral, a corresponsabilidade e a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, das persoas traballadoras, en equilibrio coas necesidades organizativas da empresa, apoiando a elaboración e implantación de plans de igualdade, a adopción de medidas de flexibilización temporal ou espacial da xornada e do horario do traballo, dando cumprimento ao establecido pola Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e ao Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

O establecemento deste programa de axudas vén, ademais, cumprir co recollido na Axenda 20 para o Emprego da Xunta de Galicia, que ten, entre os seus retos, acadar un emprego de calidade, para o que a cultura empresarial da RSE xoga un papel fundamental.

Así mesmo, determinadas liñas de axuda desta orde están cofinanciadas polo PO FSE Galicia 2014-2020, en concreto, baixo o seu eixe temático 8, destinado a promover a sustentabilidade e a calidade no emprego, na súa prioridade de investimento 8.4, dedicada a promover a igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos, incluídos o acceso ao emprego, a progresión da carreira profesional, a corresponsabilidade, a conciliación da vida laboral e a vida privada e a promoción de igual remuneración por igual traballo e co obxectivo específico 8.4.2 (Re) integrar e manter no mercado laboral as persoas con dependentes ao seu cargo, a través de medidas de conciliación da vida persoal e laboral, e fomentar a igualdade de xénero no ámbito formativo, educativo e laboral.

Á Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Secretaría Xeral de Emprego, con base no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, que establece a súa estrutura orgánica, correspóndelle a execución das competencias en materia de RSE e o impulso e desenvolvemento das políticas de igualdade laboral e de fomento da adopción de medidas de corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, familiar e laboral nas empresas.

Polo exposto, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Secretaría Xeral da Igualdade, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Obxecto, ámbito de aplicación e financiamento

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras, para o ano 2018, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas e incentivos a pemes e micropemes, incluídas persoas traballadoras autónomas con traballadores a cargo, para implantar sistemas de xestión de RSE (TR357B), a igualdade laboral (TR357C), así como para adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral (TR357D), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Período

Poderán ser subvencionables as accións que se realicen entre o día 1 de xaneiro de 2018 para as que se concede a axuda ou incentivo, e ata a data de final do prazo de xustificación das actividades, establecido no artigo 35. Este período non se estenderá máis alá do 31 de decembro de 2018.

Artigo 3. Liñas das axudas

Esta orde de convocatoria estrutúrase en tres liñas de axudas:

Liña I: certificacións de RSE (TR357B). Subvencionarase a obtención dunha certificación ou informe de verificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares en materia de responsabilidade social empresarial. Poderán ser as que se relacionan ou equivalentes: empresa familiarmente responsable-EFR (conciliación), certificación de implantación de plans de igualdade, Global Reporting Initiative (GRI); United Nations Globlal Compact (Pacto Mundial); ISO 19600, SGE 21, Global Accountability 1000 (AA 1000); EMAS, ISO 14000 (ambiente), OSHAS 18000 (seguridade e saúde laboral); SA 8000, IQNet SR10, BEQUAL (discapacidade).

Liña II: elaboración e implantación de plans de igualdade (TR357C) nos termos e nos ámbitos definidos no artigo 68 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, tanto de xeito voluntario como en cumprimento da obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa.

Liña III: conciliación da vida laboral, familiar e persoal (TR357D) que, pola súa vez, comprende tres subliñas:

Subliña III.1. Incentivos para fomento do teletraballo: incentivarase a adopción de acordos laborais de teletraballo.

Subliña III.2. Incentivos para o fomento da flexibilidade horaria. Incentivarase a adopción de acordos laborais de flexibilidade horaria.

Subliña III.3. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo.

Artigo 4. Financiamento e normativa reguladora

O orzamento total desta orde de axudas ascende a 1.314.102 €.

1. A concesión das axudas da liña I realizarase con cargo á aplicación 09.40.324A.474.1, código de proxecto 2016 00300, por un importe total de 155.880 €.

2. No caso da liña II, a concesión das axudas realizarase con cargo á aplicación 09.40.324A.474.1, código de proxecto 2016 00300, por un importe total de 400.000 €.

3. No caso da liña III, subliña 1, a concesión dos incentivos realizarase con cargo á aplicación 09.40.324A.474.0, con código de proxecto 2016 00299, por un importe total de 316.611 €.

4. No caso da liña III, subliña 2, a concesión dos incentivos realizarase con cargo á aplicación 09.40.324A.474.0, con código de proxecto 2016 00299, da Secretaría Xeral de Emprego, por un importe total de 316.611 €.

5. No caso da liña III, subliña 3, a concesión das axudas realizarase con cargo á aplicación 09.40.324A.771.0, con código de proxecto 2016 298, por un importe total de 125.000 €.

6. Se unha vez atendidas as solicitudes presentadas nas liñas I e II quedase remanente nalgunha delas, poderase incrementar o crédito dunha destas liñas co crédito sobrante doutra.

7. Se unha vez atendidas as solicitudes presentadas nas subliñas 1 e 2 da liña III, quedase remanente nalgunha delas, poderase incrementar o crédito dunha destas subliñas co crédito sobrante doutra.

8. A liña III, subliñas 1 e 2 están cofinanciadas nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do PO FSE Galicia 2014-2020, número CCI 2014ES05SFOP009, aprobado pola decisión da Comisión Europea do 8 de decembro de 2015, e en particular, no obxectivo temático 8 «promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral»; prioridade de investimento 8.4 «a igualdade entre homes e mulleres en todas as áreas, incluído o acceso ao emprego e á carreira profesional e á conciliación da vida laboral e a privada, así como a promoción do salario igualitario pola realización do mesmo traballo»; obxectivo específico 8.4.2 «(Re) integrar e manter no mercado laboral as persoas con dependentes ao seu cargo, a través de medidas de conciliación da vida persoal e laboral, e fomentar a igualdade de xénero no ámbito formativo, educativo e laboral». Este cofinanciamento farase constar nas resolucións de concesión. Aos programas destas subliñas seralles de aplicación o Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo (DOUE L 347, do 20 de decembro), o Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Social Europeo (FSE). E, en todo caso, respectaranse as condicións establecidas no artigo 13 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE, así como a normativa estatal de subvencionalidade dos gastos do período 2014-2020 (Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020).

9. As solicitudes e a súa tramitación e concesión axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 8/2017, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III

1. As empresas solicitantes poderán ser pemes, micropemes ou persoas traballadoras autónomas, que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea, con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude de axudas, e deberán contar cun mínimo de 5 persoas traballadoras.

Tamén poderán presentar solicitude as empresas con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia que deberán ter contratado nesta comunidade autónoma un mínimo de 8 persoas.

2. As entidades solicitantes deben atoparse ao corrente das súas obrigacións tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración xeral da comunidade autónoma, con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento.

3. No caso da liña II, as solicitantes deberán atoparse nalgún dos supostos seguintes:

a) Empresas que implanten dunha maneira voluntaria un plan de igualdade nos termos exixidos para os plans legalmente obrigatorios.

Para estes efectos, enténdese voluntaria a implantación do plan cando a empresa o pactase coa representación legal de traballadoras e traballadores.

b) Cando a empresa implante, en cumprimento da obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa, un plan de igualdade nos termos exixidos para os plans legalmente obrigatorios.

Os plans de igualdade elaborados deberán ser acordados coa representación legal do seu persoal, no caso de habela, ou coas persoas traballadoras, e prever a súa participación no seu desenvolvemento.

4. Para efectos destas axudas, terán a consideración de pemes as empresas que ocupan a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual no excede os 43 millóns de euros.

Para os efectos de determinar o número de persoas traballadoras na empresa, atenderase ao número de persoas traballadoras por conta allea na data da presentación da solicitude.

5. Deberán cumprir os requisitos xerais exixidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. No caso de grupos de empresas, ou empresas vinculadas, só se poderá presentar a solicitude da axuda por unha única empresa, e soamente se tramitará aquela que teña o primeiro número de entrada no rexistro administrativo.

7. Así mesmo, non se outorgarán axudas a empresas ou grupos empresariais que xa fosen beneficiarios destas axudas, polos mesmos conceptos, en anos anteriores. Non obstante, na liña III (conciliación) non se concederán axudas ás empresas que foron beneficiarias pola cantidade máxima subvencionable, en convocatorias anteriores.

8. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades sen ánimo de lucro nin as entidades públicas.

CAPÍTULO II

Liña I. Certificacións de RSE (TR357B)

Artigo 6. Contía da axuda

Será o pagamento do 80 % dos custos que leve consigo o proceso de certificación ou verificación cun máximo de 3.000 € por empresa ou grupo de empresas.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Factura pro forma ou orzamento detallados dos custos para a obtención da certificación para a que se solicita a subvención.

b) Se se tratase dunha persoa xurídica, deberá achegar, ademais, a copia da escritura notarial ou documento similar, que acredite a representación da persoa que actúa e asina a solicitude.

CAPÍTULO III

Liña II. Elaboración e implantación de plans de igualdade (TR357C)

Artigo 8. Contía da axuda

O pagamento do 80 % dos custos cun máximo de 1.500 € nas empresas de ata 20 persoas traballadoras, e ata 3.000 € nos demais supostos, dos custos que leve consigo o proceso de elaboración e implantación do plan de acordo co procedemento establecido no artigo 5 do Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a promoción da igualdade nas empresas e a integración do principio de igualdade nas políticas de emprego.

Artigo 9. Actividades que hai que incentivar. Plan de igualdade

O Plan de igualdade, que deberá ter unha vixencia determinada, constará, como mínimo, dos seguintes contidos:

a) Unha diagnose previa da situación da empresa, desde a perspectiva de xénero, que incluirá necesariamente, respecto do último ano e diferenciando por sexo, os seguintes aspectos:

1º. Avaliación dos postos de traballo.

2º. A análise da composición do persoal por grupos profesionais e centros de traballo, de ser o caso, desagregando os datos por sexo e tipos de contrato.

3º. Xornada laboral: tipo de xornada e duración en número de horas.

4º. Estrutura salarial e extrasalarial. No caso de existiren en complementos retributivos, deberán definirse os requisitos para acadalos.

5º. Outras cuestións: responsabilidades familiares, medidas de conciliación, formas de prevención do acoso sexual e por razón de sexo e comunicación e publicidade.

b) Obxectivos de mellora coherentes co resultado da diagnose.

c) Medidas e accións concretas adecuadas para a consecución dos obxectivos establecidos.

d) Indicadores e delimitación temporal das actuacións para poder efectuar o seu seguimento e control periódico.

Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa na que consten as actividades previstas de cada unha das fases para a elaboración e implantación do Plan acompañándose dunha estrutura inicial do Plan cos contidos especificados no artigo 9 desta orde e cun cronograma.

b) Factura pro forma ou orzamento detallados de acordo aos conceptos subvencionables relacionados no artigo 5 do Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a promoción da igualdade nas empresas e a integración do principio de igualdade nas políticas de emprego.

c) Se se tratase dunha persoa xurídica deberá achegar, ademais, a copia da escritura notarial ou documento similar, que acredite a representación da persoa que actúa e asina a solicitude.

CAPÍTULO IV

Liña III. Conciliación da vida laboral, familiar e persoal (TR357D)

Subliña 1. Incentivos económicos para o fomento do teletraballo

Artigo 11. Requisitos específicos das empresas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as empresas que, alén de cumpriren cos requisitos do artigo 5 desta orde, non pertenzan aos sectores da denominada Tecnoloxía da Información e a Comunicación (desde agora TIC) da economía e que:

a) Formalicen polo menos, un acordo de teletraballo, por un período de tempo non inferior a dous anos, cunha persoa xa vinculada á empresa por contrato laboral e xornada completa, cunha antigüidade de polo menos un ano, e/ou

b) Contraten ex novo persoal na modalidade de teletraballo a xornada completa e asinen coa persoa traballadora un acordo que regule esta situación por un período de tempo non inferior a dous anos.

Artigo 12. Requisitos do acordo de teletraballo

1. O teletraballo xa forme parte da descrición inicial do posto de traballo ou se inicie posteriormente, debe en ambos os casos documentarse mediante o «acordo individual de teletraballo», e o paso ao teletraballo non modificará as condicións laborais da persoa traballadora.

2. O acordo de teletraballo debe indicar, de forma separada e numerada, o seguinte contido:

2.1. Que a súa finalidade é a conciliación da vida laboral, familiar e persoal.

2.2. Establecer a comparativa, en forma de táboa ou outra forma similar, na que se poidan comparar as condicións laborais do posto ou postos de teletraballo, coas condicións das persoas que presten o seu traballo nas instalacións da empresa da mesma ou similar categoría, nas que necesariamente se deberán expoñer as retribucións e xornadas de traballo duns e outros, así como as vacacións, licenzas e permisos.

2.3. Fixar un número mínimo de horas de dedicación ao teletraballo que non poderá ser inferior ao 50 % da xornada semanal ordinaria.

2.4. O lugar onde se vai teletraballar. O método de traballo polo que fixará o sistema formalizado de traballo: quen supervisa o traballo, tipos de supervisión, supostos nos que a persoa teletraballadora deberá acudir ás instalacións da empresa e forma de comunicación.

2.5. Establecer o reembolso ou compensación dos custos variables, tales como electricidade, teléfono, material de oficina, funcionamento do equipo, ou seguros derivados da realización de traballo.

2.6. Que a propiedade dos equipos informáticos, hardware e software, utilizados no teletraballo, así como o seu mantemento corresponden á empresa.

2.7. Establecer o sistema de prevención de riscos laborais, debendo a empresa facilitar ás persoas teletraballadoras e a quen exerza a súa representación legal e no caso de non existir estas, á totalidade dos traballadores e traballadoras do cadro de persoal da empresa, información sobre as condicións de seguridade e saúde laboral en que deba prestarse o teletraballo.

Artigo 13. Contía dos incentivos

As axudas consistirán nun incentivo de 3.000 euros por persoa traballadora cun acordo de teletraballo, ben por adaptación do contrato que teña na empresa ou ben pola realización dun novo contrato para unha persoa non vinculada á empresa, co límite máximo de 12.000 euros por empresa.

O incentivo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas nas que a taxa de ocupación feminina é polo menos igual á masculina.

Subliña 2. Incentivos económicos para o fomento da flexibilidade horaria

Artigo 14. Requisitos específicos das empresas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias, as empresas que, alén de cumprir cos requisitos do artigo 5, establezan nun convenio colectivo de empresa, ou mediante un acordo entre a empresa e quen exerza a representación legal das persoas traballadoras ou no seu defecto, coa totalidade do cadro de persoal, medidas de flexibilidade horaria. Entre as que poderá acordarse calquera medida de flexibilidade como, sistemas de compensación de días e horas, xornada laboral continua ou semana laboral comprimida, traballo a tempo parcial, permisos especiais no caso de emerxencias familiares e por un período non inferior a dous anos. No caso de persoas traballadoras autónomas deberán acordalo con todo o persoal traballador por conta allea.

Artigo 15. Requisitos do acordo de flexibilidade horaria

O acordo adoptado deberá detallar as medidas que se van implantar, tales como días, horas e supostos nos que se aplicará, segundo o número de persoas asinantes, de xeito que queden reflectidas as melloras propostas con respecto da situación anterior e o compromiso de que as ditas medidas manteranse durante, cando menos, dous anos.

Artigo 16. Contía dos incentivos

As axudas consistirán nun incentivo de 3.000 euros por persoa traballadora beneficiada, co límite máximo de 12.000 euros por empresa.

O incentivo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas nas que a taxa de ocupación feminina é polo menos igual á masculina.

Subliña 3. Axudas para a adquisición de elementos tecnolóxicos
que posibiliten o teletraballo

Artigo 17. Empresas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as empresas que conten cos requisitos do artigo 5 desta orde, que non pertenzan a sectores TIC da economía e que sexan beneficiarias das axudas previstas na subliña 1 da liña III.

Artigo 18. Actividades subvencionables

1. Será subvencionable a adquisición de elementos tecnolóxicos físicos tales como: computador persoal, medios materiais para o acceso a internet e todos aqueles periféricos necesarios para as tarefas para desenvolver: webcam, impresora, escáner e demais compoñentes de hardware necesarios para a implantación efectiva do teletraballo, coa finalidade de fomentar o uso de tecnoloxías da información e comunicación (TIC) como unha medida de conciliación laboral, persoal e familiar.

2. Non será subvencionable o software nin outro tipo de gasto distinto do sinalado. Así mesmo, non serán subvencionables os tributos e impostos indirectos susceptibles de repercusión (IVE) de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Artigo 19. Contía das axudas

1. As axudas consistirán nunha subvención de ata o 80 % do investimento, e por unha soa vez, co tope de 1.500 euros por persoa traballadora beneficiada e co límite máximo de 5.000 euros por empresa.

2. A intensidade da axuda verase incrementada nun 10 % para aquelas empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa, cando menos, igual á masculina.

Artigo 20. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1. Documentación xenérica:

Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida aos 30 días de contado anteriores á data de presentación da solicitude.

2. Documentación específica:

a) Subliña 1: memoria explicativa das actuacións que se vaian realizar para establecer o teletraballo, na que deberá especificarse a identificación das persoas coas que se vai subscribir un acordo de teletraballo e a forma de selección.

b) Subliña 2: memoria explicativa das actuacións que se vaian realizar para establecer a flexibilidade horaria, que deberá expoñerse en forma de táboa comparativa, na que se poidan examinar as condicións laborais existentes antes do acordo de flexibilidade que se pretende implantar e as melloras propostas.

c) Subliña 3: factura pro forma ou orzamento da acción para a que se solicita a subvención.

CAPÍTULO VI

Competencia e procedemento

Artigo 21. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas previstas nesta orde, corresponderalle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 22. Forma e lugar de presentación de solicitudes (anexos I, II ou III)

1. As solicitudes das distintas liñas desta orde deberán formalizarse por separado para cada unha destas e, de ser o caso, por cada unha das subliñas.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas solicitantes presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a corrección.

Para a presentación das solicitudes, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As persoas traballadoras autónomas, que exercen unha actividade económica, teñen a suficiente capacidade económica e técnica para poder relacionarse coas administracións públicas de xeito telemático; ademais, considérase que a presentación electrónica suporá un importante aforro de tempo e recursos materiais, tanto para a persoa solicitante como para a propia Administración.

Polo tanto, no caso de solicitantes que sexan persoas físicas (persoas traballadoras autónomas), e conforme o artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación e o artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as solicitudes tamén se presentarán obrigatoriamente por medios electrónicos.

Artigo 23. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

Artigo 24. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa solicitante, se é o caso.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) Certificado de débedas expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria.

e) Certificado de débedas expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social.

f) Certificado de débedas expedido pola consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

g) Alta no imposto de actividades económicas (IAE).

2. No caso das axudas previstas nas subliñas 1 e 2 da liña III, o solicitante autorizará ao Organismo Intermedio do PO FSE Galicia 2014-2020, actualmente, a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos para consultar a información relativa ao cumprimento do mantemento dos requisitos do emprego ou da actividade.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 25. Prazo de presentación

1. O prazo para a presentación de solicitudes rematará nun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. A este efecto, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no DOG.

3. Se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 27. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas solicitadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas solicitadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a referida secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, mediante unha comunicación á seguinte dirección: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dx.politica.financeira.tesouro.fondos.europeos.facenda@xunta.gal.

Artigo 28. Instrución

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Secretaría Xeral de Emprego, que realizará as actuacións necesarias para a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, o Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, requirirá á entidade solicitada para que, nun prazo máximo improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos coa advertencia de que, se así non o fixese, considerarase desistida da súa petición, despois da resolución que deberá ser pronunciada nos termos previstos no artigo 21 da devandita lei.

3. O procedemento de concesión dos incentivos e subvencións recollidos nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No caso da liña II, unha vez recibida a documentación de solicitude, o Servizo de Igualdade da Secretaría xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria emitirá informe para os efectos de determinar se a proposta de plan de igualdade reúne os requisitos exixidos nesta orde de convocatoria e na normativa específica de igualdade.

Artigo 29. Avaliación das solicitudes

1. Unha vez instruídos os expedientes pasarán, para o seu exame, á Comisión de Avaliación que informará ao órgano instrutor, quen elevará a proposta á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, quen por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, será quen resolva poñendo fin á vía administrativa.

2. A Comisión de Avaliación estará formada pola persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, quen a presidirá, a persoa titular do Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral, un/unha xefe/a de sección do Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral, que actuarán como vogais, e unha persoa funcionaria designada pola presidencia da comisión, que actuará como secretario/a. Poderá solicitarse a intervención como asesor dunha persoa designada pola Unidade do Servizo de Igualdade da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

3. A dita comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan a ela a persoa que exerza a presidencia, ou persoa na que delegue, un ou unha vogal e o secretario ou secretaria. Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Avaliación teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñan non puider asistir, será substituída por un funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

4. A Comisión de Avaliación, de maneira motivada, poderá requirir das entidades solicitantes información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 30. Criterios de avaliación

1. A comisión de valoración examinará as solicitudes debidamente presentadas, dentro de cada liña e de cada subliña, consonte os criterios e a ponderación que a seguir se relacionan:

a) Segundo o tipo de empresas (de 0 a 4 puntos):

Micropemes e autónomos: 4 puntos.

Pequenas empresas: 2 puntos.

Medianas empresas: 0 puntos.

b) Segundo a taxa de estabilidade do persoal da entidade (de 0 a 4 puntos): entenderase por tal a porcentaxe de persoas traballadoras fixas sobre o total do cadro de persoal da entidade:

Menos do 20 %, 0 puntos.

Do 20 % ata o 30 %, 1 punto.

Máis do 30 % ata o 50 %, 2 puntos.

Máis do 50 % ata o 80 %, 3 puntos.

Máis do 80 % ou máis, 4 puntos.

c) Incidencia no contorno xeográfico no que se desenvolve a actuación: cun máximo de 2 puntos no caso de que a entidade solicitante teña o centro de traballo no que se desenvolva a súa acción nun municipio rural. Son municipios rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Cambre, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Barbadás, Poio e Vigo.

d) Só para o caso da liña II:

1º. Polas melloras contidas nos plans de igualdade que superen a normativa vixente:

– Ata dúas medidas: 2 puntos.

– Tres ou máis medidas: 4 puntos.

2º. Pola existencia de medidas de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero: 4 puntos.

e) Só para o caso da liña III:

Polo período de tempo polo que se establecen os acordos de teletraballo ou flexibilidade horaria, en cómputo anual e superior ao mínimo de dous anos: 2 puntos por ano, ata un máximo de 6 puntos.

2. No caso de empate na puntuación obtida, determinarase como criterio de desempate, a orde establecida nos propios criterios de valoración sinalados no punto 1 deste precepto. No caso de persistir o empate, terase en conta a data de presentación da solicitude.

Artigo 31. Resolución e recursos

1. Despois da fiscalización da proposta polo órgano interventor da consellería, o órgano concedente pronunciará a correspondente resolución que se lles notificará ás empresas solicitantes.

2. Consonte o sinalado no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta que se trata dun procedemento baixo o réxime de concorrencia competitiva, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os 5 meses. Transcorrido este prazo sen que se pronunciase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude.

3. As resolucións que se pronuncien neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que pronunciou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. As empresas comunicarán a resolución de concesión destas axudas solicitadas ás persoas representantes das persoas traballadoras, ou ao recadro total do cadro de persoal se non houbese esa representación, indicando a actividade subvencionada e a contía concedida.

5. As resolucións que se pronuncien neste procedemento deberán comunicar ás empresas beneficiarias dos incentivos, o importe destes e informar sobre o seu carácter de minimis, facendo referencia expresa ao Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro).

6. Nas resolucións de concesión das subvencións cofinanciadas con fondos europeos, comunicarase a obrigatoriedade da contabilidade separada ou dun código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas de contabilidade nacional, en cumprimento do artigo 125 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, que regula as funcións da autoridade de xestión, e que no seu punto 4.b), establece que a dita autoridade deberá garantir que as beneficiarias das operacións manteñan este sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado a todas as transaccións relacionadas cunha operación.

7. Por estar as axudas das subliñas 1 e 2 da liña III cofinanciadas polo PO FSE Galicia 2014-2020, na resolución de concesión destas, informarase a empresa beneficiaria de que a axuda está cofinanciada polo PO FSE Galicia 2014-2020, con concreción do eixe, obxectivo temático, prioridade de investimento, obxectivo específico e porcentaxe de cofinanciamento de que se trate. Así mesmo, a resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación da entidade beneficiaria, contía da subvención e obrigacións que correspondan á entidade beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

Artigo 32. Práctica das notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 33. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 34. Forma de pagamento e xustificación

1. Unha vez notificada a resolución definitiva, as entidades solicitadas dispoñerán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. O pagamento efectuarase a favor das empresas beneficiarias, de modo nominativo e único, pola súa totalidade e despois de que acrediten os gastos e pagamentos realizados ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como incentivo ou subvención.

3. En todo caso, a forma de xustificación deberá axustarse ao previsto nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en ningún caso, serán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Artigo 35. Prazo de xustificación

O prazo de presentación da xustificación das axudas concedidas rematará o 31 de outubro de 2018, agás que na resolución de concesión se estableza, motivadamente, unha data posterior.

Artigo 36. Documentación acreditativa

O pagamento das subvencións e dos incentivos quedará condicionado á presentación da documentación que corresponda, relacionada nos puntos seguintes:

1. Documentación xenérica:

1.1. Documento acreditativo de que a empresa comunicou ás persoas representantes legais das persoas traballadoras a resolución administrativa de concesión dos incentivos e axudas solicitadas. No caso de que non haxa representantes legais, a comunicación debe realizarse a todas as persoas traballadoras da empresa. Para deixar constancia de que a dita comunicación foi recibida, as persoas destinatarias deberán identificarse nela co seu DNI, nome, apelidos e sinatura.

1.2. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, segundo o anexo IV desta orde.

1.3. Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, sometidas ao réxime de minimis durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, segundo o anexo V desta orde.

2. Documentación específica:

2.1. Para a liña I:

1º. Certificación ou informe de verificación ou validación emitidos por entidade certificadora acreditada polo estándar ou norma implantada.

2º. Facturas xustificativas do gasto realizado e xustificantes do seu pagamento.

3º. No caso de que a certificación dun plan de igualdade sexa emitido polo Servizo de Igualdade da Secretaría xeral de Emprego deberá achegarse número de rexistro no Regcon (Rexistro Administrativo de Acordos e Convenios Colectivos de Galicia) polo que se acredite o depósito do acordo de empresa sobre o Plan de igualdade, de acordo co establecido na disposición adicional segunda ou no artigo 2.1.f) do Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, segundo se trate da letra a) ou b) do artigo 5.3 desta orde, respectivamente.

2.2. Para a liña II, plans de igualdade:

1º. Plan de igualdade e a solicitude da súa certificación polo Servizo de Igualdade da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2º. Número de rexistro no Regcon (Rexistro Administrativo de Acordos e Convenios Colectivos de Galicia) polo que se acredite o depósito do acordo de empresa sobre o Plan de igualdade, de acordo co establecido na disposición adicional segunda ou no artigo 2.1.f) do Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, segundo se trate da letra a) ou b) do artigo 5.3 desta orde, respectivamente.

3º. Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida aos 30 días inmediatamente anteriores á data de xustificación das axudas.

2.3. Para a liña III:

1º. No caso de teletraballo:

a) Copia cotexada dos documentos de alta na Seguridade Social e do contrato correspondente onde figuren as cláusulas específicas da súa inclusión como persoa teletraballadora, segundo o artigo 13 do Estatuto dos traballadores, xa se trate dun contrato ex novo, ou se trate dunha modificación do contrato de traballo dunha persoa xa vinculada á empresa.

b) Sistema empregado para o seguimento e avaliación das tarefas de teletraballo, tales como, de existir, os partes diarios elaborados por parte da persoa teletraballadora onde quede constancia das actividades desenvolvidas, así como informes que a persoa teletraballadora envía ao seu departamento, coas tarefas desempeñadas e os obxectivos conseguidos cada día que desempeña a súa actividade desde o seu domicilio.

2º. No caso de flexibilidade horaria:

a) Diario oficial de publicación ou número de rexistro no Regcon (Rexistro Administrativo de Acordos e Convenios Colectivos) de inscrición do acordo de empresa sobre flexibilidade. No caso de que a empresa careza de convenio colectivo propio e se lle aplique un convenio colectivo sectorial que non recolla un sistema de flexibilidade: acordo de empresa coa representación legal das persoas traballadoras ou, no caso de que non haxa a dita representación, con todas as persoas traballadoras da empresa.

b) No caso de que a empresa teña convenio colectivo propio que non recollese sistema de flexibilidade, acordo da comisión negociadora do propio convenio.

c) Sistema empregado para o seguimento e avaliación das tarefas, tales como, de existir, os partes diarios elaborados pola persoa traballadora onde quede constancia das actividades e horas desenvolvidas durante o día, así como os informes coas tarefas e horas desempeñadas e os obxectivos conseguidos cada día que desempeña a súa actividade.

d) Memoria onde se reflicta o grao de cumprimento das medidas incentivadas, así como o compromiso de que as ditas medidas se manterán durante, cando menos, dous anos.

Para ambos os supostos:

1º) Documento acreditativo de que a empresa conta cun sistema de contabilidade separada ou cun código contable adecuado, por ser incentivos cofinanciados polo PO FSE Galicia 2014-2020. Para estes efectos, deberán achegar un extracto da contabilidade da entidade beneficiaria que permita verificar a contabilidade separada do ingreso dos incentivos con indicación de que este ingreso procede do Fondo Social Europeo.

2º) Enchemento dos datos na aplicación informática Participa1420, co obxecto, entre outros, de acreditar e dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e de resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, e dos indicadores específicos establecidos de conformidade co artigo 27.4 e 96.2.b) incisos II e IV do Regulamento (UE) núm. 1303/2013. Os datos relativos aos indicadores de produtividade e de resultados achegaranse, de forma obrigatoria, no modelo que figura na páxina web cuxo acceso se lles comunicará coa resolución de concesión.

3º. Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida aos 30 días inmediatamente anteriores á data de xustificación das axudas.

2.4. Para a liña III: conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Subliña III: subvención para a adquisición de elementos tecnolóxicos para teletraballo:

1º. Facturas dos gastos para os que se concede a axuda, acompañados dos xustificantes bancarios acreditativos do pagamento.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que a empresa beneficiaria da subvención presentase a documentación exixida, requiriráselle para que a presente no prazo improrrogable de 10 días. Así mesmo, cando a Secretaría Xeral de Emprego na comprobación da subvención, aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola beneficiaria, poñerao no seu coñecemento e concederalle un prazo de 10 días para a súa corrección. A falta de presentación da xustificación ou a non corrección no prazo establecido neste parágrafo, comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención (artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

4. Non poderá realizarse, en ningún caso, o pagamento da subvención en canto a empresa beneficiaria non figure ao día do cumprimento das súas obrigacións tributarias, estatais e autonómicas, e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

CAPÍTULO VII

Obrigacións, compatibilidade, seguimento e control

Artigo 37. Prohibicións, incompatibilidades e concorrencia

1. A entidade solicitante non poderá atoparse incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, circunstancia que se xustificará mediante a declaración contida no anexo I desta orde.

2. As subvencións da liña I, da liña II e da subliña 3 da liña III son compatibles coas axudas concedidas por outros entes públicos ou privados, tendo en conta que, en ningún caso, o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de incentivos previstos nesta.

3. Os incentivos das subliñas 1 e 2 da liña III recollidos nesta orde son incompatibles con outras axudas concedidas por outros entes públicos ou privados para a mesma finalidade.

4. Unha entidade non poderá solicitar para a mesma persoa traballadora os incentivos das subliñas 1 e 2 da liña III.

5. Os gastos cofinanciados polos fondos comunitarios poderán acollerse a axudas procedentes doutro instrumento financeiro comunitario sempre que non exista solapamento a nivel de gasto.

Artigo 38. Obrigacións das beneficiarias

Son obrigacións das entidades beneficiarias as que se detallan no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial as seguintes:

1. Acreditar con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se atopa ao corrente das súas obrigacións tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

2. Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención.

3. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigacións asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos. En especial, e dado que os incentivos concedidos ao abeiro das subliñas 1 e 2 da liña III desta orde están cofinanciadas polo PO FSE Galicia 2014-2020, as persoas ou entidades beneficiarias deberán manter unha pista de auditoría suficiente, manter de forma separada na contabilidade o ingreso da axuda percibida e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. O comenzo dese prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

5. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, funcións para as que poderá designar, mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, a persoal técnico ou funcionario da devandita consellería; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do PO FSE Galicia 2014-2020, incluídas as visitas sobre o terreo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

6. No caso das axudas concedidas ao abeiro das subliñas 1 e 2 da liña III, cumprir coas medidas de comunicación e información establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do 17 de decembro. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia ao Fondo Social Europeo e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio do fondo a través dun cartel dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

7. No caso das axudas concedidas ao abeiro das subliñas 1 e 2 da liña III, realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados previstos no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE e dos indicadores específicos establecidos no artigo 27.4 e 96.2.b) incisos II e IV do Regulamento (UE) núm. 1303/2013. Neste sentido, na súa cobertura deberase respectar o principio de integridade dos datos:

a) Os indicadores de produtividade relativos unicamente ás persoas participantes, por cada entidade solicitante, deberanse referir á data de contado anterior ao comezo do período da acción subvencionada, flexibilidade ou teletraballo.

b) Os indicadores de resultado inmediato, relativos ás devanditas persoas participantes, deberanse cubrir de maneira previa á xustificación e, en todo caso, nas catro semanas seguintes á finalización da acción que corresponda, conforme os modelos de follas de seguimento relacionadas para cada liña no artigo 36.2.3 desta convocatoria.

c) Os indicadores de resultado a longo prazo, tamén relativos ás persoas participantes, deberanse cubrir transcorridos seis meses desde que remate a actividade.

Artigo 39. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destes incentivos e axudas, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación segundo o establecido no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 40. Perda do dereito ao cobramento

Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial das axudas no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 41. Reintegro

1. No caso de que a entidade beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Economía, Emprego e Industria iniciará o procedemento de reintegro total ou parcial da axuda concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007, e no seu regulamento, aprobado mediante Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) O incumprimento total da actividade para a que se concedeu o incentivo ou do deber de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedisen dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

c) O incumprimento das obrigas sinaladas no artigo 38.3 desta orde dará lugar ao reintegro da totalidade do incentivo ou da subvención concedida.

d) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

e) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

f) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro parcial do 5 % da axuda concedida.

g) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

h) O incumprimento da obriga sinalada no artigo 38.4 desta orde dará lugar ao reintegro do 2 % do incentivo ou da subvención concedida.

i) O incumprimento da obriga sinalada en artigo 38.6 desta orde dará lugar ao reintegro do 2 % do incentivo ou da subvención concedida.

j) A obrigación de reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

k) Na liña II, a denegación da emisión do certificado solicitado ao Servizo de Igualdade da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria dará lugar ao reintegro total da subvención.

Artigo 42. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na que conste a data de ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 43. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento das liñas de actuación.

2. Para realizar as devanditas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean ao seu dispor para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións e dos incentivos concedidos para os remates programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. Durante o ano natural seguinte á concesión da axuda para a elaboración e implantación de plans de igualdade (liña II), o órgano xestor requirirá á empresa beneficiaria a certificación emitida polo Servizo de Igualdade da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Así mesmo, unha vez transcorrido o primeiro ano desde a aprobación do Plan de igualdade, a empresa beneficiaria deberá achegar unha memoria onde se recollan as accións desenvolvidas que estaban incluídas no plan.

Artigo 44. Axudas baixo condicións de minimis

1. As axudas establecidas nesta orde están sometidos ao réxime de axudas de minimis; por tanto, non poderán exceder dos límites cuantitativos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Por tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector de transporte por estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas, terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro.

Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo establécese no Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

b) As axudas concedidas ás empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) As axudas concedidas ás empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

1º. Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas solicitadas.

2º. Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade desta repercutan aos produtores primarios.

d) As axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Disposición adicional. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obrigación e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas empresas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas pronunciadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para pronunciar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file