Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 28 de maio de 2018 Páx. 26183

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 21 de maio de 2018 pola que se convoca un curso de ferramentas Notifica.gal e Rexel.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito con data do 19 de marzo de 2018, entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP); e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para a convocatoria e o desenvolvemento de actividades de formación e divulgación en materia de administración electrónica e protección de datos.

RESOLVO:

Convocar un curso de ferramentas Notifica.gal e Rexel que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos dos/das participantes

Poderán participar na acción formativa convocada nesta resolución os/as empregados/as públicos/as que presten servizo na Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional de Galicia, que se encontren en situación de servizo activo, permiso por maternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado. Esta incidencia deberá ser comunicada á EGAP con carácter inmediato.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de oito días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas nunha modalidade que inclúe teleformación, deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>

Cuarta. Criterios de selección

1. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG núm. 58, do 25 de marzo). Para o ano 2018, segundo a Resolución da Consellería de Facenda do 16 de xaneiro (DOG núm. 19, do 26 de xaneiro), comezarase pola letra G.

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos/as asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda, todo isto de acordo co disposto no artigo 40.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima de tres días naturais anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro) o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>

c) As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Seguimento da actividade formativa mixta:

a) As faltas de asistencia nas horas presenciais da actividade formativa non poderá superar o 10 % da duración desta. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade.

b) As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría na parte de teleformación da actividade pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

4. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

Sétima. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade cómpre cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia ás sesións presenciais.

– A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito ao certificado de participación na actividade.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado das tarefas e cuestionarios propostos.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e a Amtega poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a Amtega resérvanse o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e a Amtega garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV18027.

Área de coñecemento: administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa.

Nome do curso: ferramentas Notifica.gal e Rexel.

1. Obxectivos.

Formación práctica das principais novidades do Sistema de notificacións electrónicas da Xunta de Galicia-Notifica.gal e do Sistema de recepción electrónica do Sistema único de rexistro Rexel.

2. Destinatarios/as.

Persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: mixto (4 horas presenciais e 8 horas de teleformación).

Núm. de edicións: 11.

Duración: 12 horas.

Datas:

1ª edición: do 11 ao 15 de xuño, sesións presenciais na aula Amtega en San Caetano, en Santiago de Compostela o 11 e 13 de xuño, das 12.00 ás 14.00 horas.

2ª edición: do 11 ao 15 de xuño, sesións presenciais na aula da Amtega en Lugo o 11 e 13 de xuño, das 12.00 ás 14.00 horas.

3ª edición: do 11 ao 15 de xuño, sesións presenciais na aula da Amtega na Coruña o 11 e 13 de xuño, das 12.00 ás 14.00 horas.

4ª edición: do 18 ao 22 de xuño, sesións presenciais na aula da Amtega en San Caetano, en Santiago de Compostela o 18 e 20 de xuño, das 12.00 ás 14.00 horas.

5ª edición: do 17 ao 21 de setembro, sesións presenciais na aula da Amtega en Pontevedra o 17 e 19 de setembro, das 12.00 ás 14.00 horas.

6ª edición: do 17 ao 21 de setembro, sesións presenciais na aula da Amtega en San Caetano, en Santiago de Compostela o 17 e 19 de setembro, das 12.00 ás 14.00 horas.

7ª edición: do 24 ao 28 de setembro, sesións presenciais na aula da Amtega en Vigo o 24 e 26 de setembro, das 12.00 ás 14.00 horas.

8ª edición: do 24 ao 28 de setembro, sesións presenciais na aula da Amtega en Ferrol o 24 e 26 de setembro, das 12.00 ás 14.00 horas.

9ª edición: do 24 ao 28 de setembro, sesións presenciais na aula da Amtega en San Caetano, en Santiago de Compostela o 24 e 26 de setembro, das 12.00 ás 14.00 horas.

10ª edición: do 1 ao 5 de outubro, sesións presenciais na aula da Amtega en Ourense o 1 e 3 de outubro, das 12.00 ás 14.00 horas.

11ª edición: do 1 ao 5 de outubro, sesións presenciais na aula da Amtega en San Caetano, en Santiago de Compostela o 1 e 3 de outubro, das 12.00 ás 14.00 horas.

Prazas: 25 por edición.

4. Contido.

Módulo 1. Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal.

Módulo 2. Rexel. Recepción electrónica do Sistema único de rexistro. Envíos electrónicos.