Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 30 de maio de 2018 Páx. 26498

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos.

O Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), creouse polo artigo 31 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, como un ente de dereito público dos previstos no artigo 12.1.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

A lei citada crea o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), coa intención de que sexa o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade.

Así mesmo, co ánimo de potenciar a calidade da produción alimentaria galega, o Ingacal nace coa vocación de ser un instrumento para a canalización da actividade de investigación e desenvolvemento tecnolóxico no eido alimentario, que supla os déficits que nesta materia se producen na nosa comunidade autónoma.

En desenvolvemento da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, publicouse o Decreto 259/2006, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, que regula as dúas liñas fundamentais de actuación deste instituto, unha no devandito ámbito da calidade alimentaria e outra no desenvolvemento de actividades de investigación e promoción da innovación tecnolóxica no sector agrario.

O Instituto Galego da Calidade Alimentaria está adscrito á Consellería do Medio Rural, en virtude do Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, en cumprimento do establecido no artigo 31.2 da referida Lei 2/2005.

Pola súa banda, a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral da Comunidade Autónoma (Lofaxga) regula por primeira vez, dun modo conxunto, estruturado e ordenado, a organización e o réxime xurídico da Administración autonómica e das entidades que van integrar o sector público autonómico.

A Lofaxga regula, xunto coa Administración xeral da Comunidade Autónoma, dúas categorías de entidades instrumentais: as entidades públicas instrumentais (organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e consorcios) e outras entidades instrumentais integrantes do sector público (sociedades mercantís públicas e fundacións do sector público). A lei regula as características esenciais de cada tipo de entidade, así como as peculiaridades do seu réxime, e dota a Comunidade Autónoma dun marco normativo completo.

Neste marco normativo, a Lofaxga establece a necesidade de que se adapten aos novos tipos de entidades instrumentais todas aquelas entidades instrumentais con personalidade xurídica propia creadas por lei antes da súa entrada en vigor e que contaban con distintos réximes de organización e funcionamento. En concreto, e respecto do Ingacal, a súa disposición transitoria terceira establece que as normas de organización e funcionamento do Instituto Galego da Calidade Alimentaria deberán adecuarse ao disposto nesa lei para as axencias públicas autonómicas, adecuación que se acomete mediante o presente decreto da Xunta de Galicia.

Débese sinalar que tamén a propia Lofaxga prevé no seu artigo 47.3 que a creación de novas entidades instrumentais non pode supoñer, en ningún caso, unha duplicación dos servizos públicos que xa sexan prestados pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que a creación ou adaptación debe ir acompañada das previsións necesarias para proceder a suprimir ou restrinxir debidamente a competencia doutros órganos preexistentes.

Cómpre agora, aproveitando a adecuación do Ingacal á Lofaxga a través da creación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dotala de todos os instrumentos que lle permitan cumprir a súa verdadeira finalidade: por unha banda, ser o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade e, por outra, potenciar a calidade da produción alimentaria galega, concentrando as actividades investigadoras e de desenvolvemento tecnolóxico no eido alimentario para suplir os déficits que nesta materia se produzan na nosa comunidade autónoma e establecendo como obxectivo principal da súa actividade investigadora responder aos retos científicos e tecnolóxicos aos cales se enfrontan os sectores agroforestal e agroalimentario, vinculados á mellora da súa competitividade.

Por iso, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria vai asumir as funcións que desenvolvía o Servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria, da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, en liña do disposto na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, ao cualificar este ente como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos.

Así mesmo, para facer efectivo o mandato legal contido no artigo 32 da Lei 2/2005, referido ao obxecto do Ingacal como instrumento de actuación da Xunta de Galicia en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico no sector alimentario, pasan a integrarse na Axencia os centros de investigación da Consellería e a Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal cos seus servizos competentes en materia de formación e de transferencia tecnolóxica.

As súas actividades supoñen tanto o estudo e a indagación nas necesidades e inquedanzas do sector agroforestal promovendo a investigación nas materias que este demande, como a divulgación dos resultados da investigación e a innovación, formando as persoas destinatarias destas actividades, motivo polo cal tamén se integran nesta axencia as competencias en materia de formación e transferencia tecnolóxica, así como os centros de formación que, ata agora, dependían da Dirección Xeral de Ordenación Forestal.

Por outra parte, tendo en conta o sinalado na disposición adicional quinta da Lofaxga, o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal) cambiará a súa denominación para non inducir a confusión, por facer referencia a outra entidade instrumental do sector público, e pasa a denominarse Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Así pois, mediante este decreto dáse cumprimento ao parágrafo primeiro da disposición adicional quinta e ao parágrafo quinto da disposición transitoria terceira da devandita Lei 16/2010, do 17 de decembro.

A adaptación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e a aprobación dos seus estatutos, incorporados como anexo, constitúen o obxecto do presente decreto, que consta dun artigo único, once disposicións adicionais, cinco disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.

O estatuto estrutúrase en 55 artigos agrupados en nove capítulos:

O capítulo I recolle as disposicións xerais, con referencia á natureza da Axencia como unha entidade pública instrumental das previstas no título III da Lofaxga, ao seu réxime xurídico e normativa de aplicación, á condición de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma, aos seus principios básicos de actuación e ás funcións que desenvolve.

O capítulo II ocúpase da organización da Axencia. Estrutúrase en cinco seccións: a primeira regula os órganos de goberno (Consello Reitor e Presidencia); a segunda, o órgano executivo (a Dirección); a terceira, o órgano consultivo da Axencia (o Consello Asesor da Dirección); a cuarta contén a estrutura administrativa, con referencia aos órganos administrativos e ás correspondentes funcións e, finalmente, a sección quinta regula a Comisión de Control e Seguimento.

O capítulo III regula o contrato plurianual de xestión e o plan de acción anual da Axencia.

O capítulo IV regula o réxime do persoal da Axencia, con referencia aos procedementos de selección e aos mecanismos de ordenación dos postos de traballo.

O capítulo V recolle o réxime patrimonial e de contratación da Axencia.

O capítulo VI refírese ás regras e aos actos da Axencia, á competencia para ditalos e ao réxime de recursos que procede contra estes.

O capítulo VII contén o réxime económico-financeiro e orzamentario, con referencia aos ingresos, ao orzamento, ao réxime de contabilidade e aos mecanismos de control da xestión económico-financeira.

O capítulo VIII regula a modificación dos estatutos e o capítulo IX a extinción da Axencia.

Así pois, de acordo co anteriormente exposto, por iniciativa da conselleira do Medio Rural, e segundo a disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, por proposta conxunta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e do conselleiro de Facenda, de acordo co Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de abril de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único. Obxecto

Este decreto ten por obxecto, en virtude do previsto na disposición transitoria terceira e na disposición adicional quinta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia:

a) O cambio de denominación do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), que pasa a denominarse Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), e a súa constitución como axencia pública autonómica.

b) A adaptación dos estatutos do Instituto Galego da Calidade Alimentaria ás normas de organización e funcionamento das axencias públicas autonómicas contidas na antedita lei que se insiren como anexo a este decreto.

c) A adscrición de órganos e unidades administrativas da Consellería do Medio Rural á Axencia Galega da Calidade Alimentaria, segundo consta nas disposicións deste decreto.

Disposición adicional primeira. Constitución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e supresión do Instituto Galego da Calidade Alimentaria

1. A constitución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria producirase coa celebración da sesión constitutiva do Consello Reitor, que terá lugar dentro do prazo de tres meses desde a entrada en vigor deste decreto, data esta última a partir da cal se realizarán todas as actuacións conducentes á súa adaptación organizativa e de funcionamento.

2. A nova axencia subrógase en todas as relacións xurídicas, os bens, dereitos e obrigas do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, asumindo as súas competencias e funcións legalmente atribuídas.

Disposición adicional segunda. Adscrición de unidades administrativas do ente de dereito público Instituto Galego da Calidade Alimentaria

1. Quedarán adscritas á axencia pública Agacal, no momento da súa constitución, as unidades administrativas de nivel orgánico inferior a servizo, previstas na relación de postos de traballo do ente de dereito público Ingacal que se transforma, ou instrumento equivalente que desenvolva tarefas inherentes ás competencias asumidas pola nova axencia.

2. A adscrición efectuarase aos órganos da estrutura orgánica previstos nos estatutos da axencia pública autonómica Agacal segundo se dispoña mediante resolución da Presidencia desta efectuada no momento da súa constitución.

Os postos de traballo correspondentes ás unidades administrativas que son obxecto de adscrición continuarán subsistentes e serán retribuídos con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia.

Disposición adicional terceira. Incorporación do persoal laboral do Instituto Galego da Calidade Alimentaria

1. A Axencia subrogarase nos contratos do persoal laboral do ente público Ingacal que preste servizos na axencia pública Agacal na data da súa constitución.

2. O persoal laboral fixo que se incorpore á Axencia poderase integrar voluntariamente como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, logo de tramitación do procedemento de integración previsto no título II do Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes de sector público autonómico de Galicia que serán obxecto de creación, adaptación e extinción, sempre que cumpran os requisitos previstos no dito decreto.

3. O persoal laboral propio de carácter temporal e indefinido non fixo de Ingacal pasará a ocupar postos de traballo da Axencia co mesmo réxime e condicións que tiña no mencionado ente e co recoñecemento dos servizos prestados para os efectos de antigüidade, ata que as súas prazas se provexan polos sistemas regulamentarios consonte a normativa de función pública e sen prexuízo das causas de extinción da relación laboral previstas na lexislación sectorial.

4. O procedemento de integración do persoal laboral fixo do ente público Ingacal iniciarase por proposta da Consellería do Medio Rural no prazo dos tres meses seguintes á constitución da Axencia.

5. Este persoal integrarase funcionalmente na organización do traballo da axencia pública Agacal.

Disposición adicional cuarta. Asunción de funcións e competencias en materia de investigación, formación e calidade agroalimentaria

1. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria asumirá, desde a súa constitución, as funcións e competencias atribuídas, en materia de formación, innovación e investigación e en materia de innovación tecnolóxica, á Dirección Xeral de Ordenación Forestal.

2. Tamén asumirá, desde a súa constitución, as funcións e competencias en materia de promoción da calidade agroalimentaria atribuídas á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

3. A Axencia subrogarase en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas derivados do exercicio das ditas competencias.

Disposición adicional quinta. Adscrición de órganos e unidades da Consellería do Medio Rural

1. Mediante resolución da Presidencia da Axencia quedarán adscritas a esta, no momento da súa constitución, as unidades administrativas con nivel orgánico inferior a servizo previstas na relación de postos de traballo da Consellería do Medio Rural correspondentes á Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal da Dirección Xeral de Ordenación Forestal.

Especificamente, a Axencia asumirá desde a súa constitución o control, a xestión e a administración dos seguintes centros:

a) Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Abegondo-A Coruña) do cal depende a Estación Experimental de Gandaría de Montaña de Marco da Curra (Monfero-A Coruña), a Estación Experimental Agrogandeira da Pobra do Brollón (A Pobra do Brollón-Lugo) e a Estación Experimental Agrícola de Baixo Miño en Salceda de Caselas (Salceda de Caselas-Pontevedra);

b) Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Leiro-Ourense), da cal depende a Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia (Pontevedra);

c) Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Abegondo-A Coruña);

d) Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Pontevedra).

2. Mediante resolución da Presidencia da Axencia quedarán adscritas a esta, no momento da súa constitución, as unidades administrativas con nivel orgánico inferior a servizo previstas na relación de postos de traballo da Consellería do Medio Rural correspondentes ao Servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria da Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

3. As adscricións sinaladas nos puntos anteriores efectuaranse aos órganos da estrutura orgánica previstos nos estatutos da Axencia segundo se dispoña mediante resolución da súa presidencia.

4. As persoas titulares da subdirección e servizos que se adscriben á Axencia continuarán como titulares dos novos órganos creados nesta coas mesmas funcións.

Disposición adicional sexta. Adscrición de persoal da Dirección Xeral de Ordenación Forestal e da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

1. O persoal funcionario de carreira e persoal laboral fixo que ocupe postos de traballo que se adscriben á Axencia pasará a desempeñar as súas funcións na Axencia Galega da Calidade Alimentaria, co mesmo réxime e nas mesmas condicións que tiñan cando dependían da Dirección Xeral de Ordenación Forestal ou da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, con efectos desde a súa constitución.

2. O persoal interino e o persoal laboral temporal que se adscriben á Axencia no momento da súa entrada en funcionamento pasará a desempeñar as súas funcións na nova axencia, co mesmo réxime e nas mesmas condicións que tiñan cando dependían da Dirección Xeral de Ordenación Forestal e da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, e baixo o mesmo vínculo temporal, con efectos desde a súa constitución.

3. O persoal laboral indefinido que estea prestando servizos nos postos que se adscriban á Axencia, de acordo co indicado no número 1, incorporarase a esta co mesmo réxime e nas mesmas condicións que teña no momento da súa incorporación.

4. Este persoal integrarase funcionalmente na organización do traballo da axencia pública Agacal e dependendo dos órganos da súa estrutura, segundo se determine mediante resolución da Presidencia.

Disposición adicional sétima. Primeiro contrato plurianual de xestión

O Consello Reitor da Axencia, no prazo de tres meses seguintes á súa constitución, aprobará a proposta do primeiro contrato plurianual de xestión da Axencia. En canto se produza a aprobación deste contrato plurianual, a actuación da Axencia someterase ao réxime xurídico e principios de actuación recollidos nos estatutos que se aproban mediante este decreto.

Disposición adicional oitava. Adscrición dos edificios do Pazo de Quián e Palleira en Sergude (Boqueixón)

1. Adscríbense á Axencia Galega da Calidade Alimentaria os edificios do Pazo de Quián e Palleira en Sergude (Boqueixón), onde queda establecida a sede da Axencia.

2. Así mesmo, adscríbense á Axencia Galega da Calidade Alimentaria os centros de traballo onde desenvolven as súas actividades o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, o Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán e os centros de formación e experimentación agraria e as subestacións experimentais recollidos neste estatuto.

3. Tamén quedan adscritos á Axencia os bens que na data da súa posta en funcionamento se encontren, por calquera título, afectos ao desenvolvemento das súas competencias, sen necesidade de declaración expresa.

Disposición adicional novena. Referencias normativas ao Instituto Galego da Calidade Alimentaria

As mencións que a normativa vixente realiza ao ente de dereito público Instituto Galego da Calidade Alimentaria entenderanse realizadas á axencia pública autonómica Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Disposición adicional décima. Perspectiva e igualdade de xénero

No exercicio das funcións establecidas neste decreto, así como no funcionamento da Axencia, teranse en conta a perspectiva de xénero e o principio de igualdade entre mulleres e homes, así como o cumprimento do establecido no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, que aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Disposición adicional décimo primeira. Inventario

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria realizará o primeiro inventario dos bens que se lle adscriben e dos que poida adquirir para o inicio da súa actividade antes de que transcorra un ano desde a súa posta en funcionamento.

Disposición transitoria primeira. Servizos comúns

Os servizos comúns da Consellería do Medio Rural continuarán exercendo, en relación coa Axencia, as competencias que tiñan atribuídas respecto do persoal da consellería que se adscribe á Axencia ata que aquela dispoña dos servizos propios necesarios para acadar a súa autonomía.

Disposición transitoria segunda. Órganos do Instituto Galego da Calidade Alimentaria

1. O Consello de Dirección regulado polo Regulamento do Instituto Galego da Calidade Alimentaria aprobado mediante o Decreto 259/2006, do 28 de decembro, continuará no desenvolvemento das súas funcións ata que se constitúa o Consello Reitor da Axencia.

2. Mentres non se nomee unha persoa titular da Dirección da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, o cargo será exercido pola mesma persoa titular do posto ao cal o Consello de Dirección do Instituto Galego de Calidade Alimentaria lle viña atribuíndo a dirección da entidade.

3. O Consello Asesor regulado polo Regulamento do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, aprobado mediante o Decreto 259/2006, do 28 de decembro, continuará no desenvolvemento das súas funcións ata que se constitúa o Consello Asesor da Axencia.

Disposición transitoria terceira. Delegacións de funcións e competencias

Unha vez constituída a Axencia, adoptaranse os novos acordos de delegación e, entre tanto, as delegacións de funcións e competencias do Consello de Dirección e da Presidencia do ente de dereito público Instituto Galego da Calidade Alimentaria na persoa titular da Presidencia e na persoa titular da Dirección, outorgadas pola Resolución do 5 de setembro de 2012, de delegación de competencias do Consello de Dirección na persoa titular da Dirección do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, e pola Resolución do 24 de abril de 2013, de delegación de competencias da Presidencia na persoa titular da Dirección do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, entenderanse feitas a favor das persoas titulares, respectivamente, da Presidencia e da Dirección da axencia pública autonómica Axencia Galega da Calidade Alimentaria, mentres non as modifique o Consello Reitor nin se opoñan ao previsto no estatuto da Axencia.

Disposición transitoria cuarta. Relación de postos de traballo

Ata a elaboración e aprobación, logo de negociación cos representantes das organizacións sindicais do ámbito da Dirección Xeral de Función Pública, da relación de postos de traballo inicial da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, manterase como instrumento de ordenación dos seus recursos humanos a relación de postos de traballo dos órganos e dos centros de investigación da Consellería do Medio Rural que se adscriben á Axencia e o cadro de persoal do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, coas dotacións existentes no momento da posta en funcionamento da Axencia.

Disposición transitoria quinta. Réxime transitorio dos procedementos

Os expedientes iniciados polo ente de dereito público Instituto Galego da Calidade Alimentaria ou polos órganos ou centros de investigación que se adscriben á Axencia, e non resoltos antes da súa posta en funcionamento, resolveraos o órgano competente da axencia pública autonómica Axencia Galega da Calidade Alimentaria, de acordo coa atribución de competencias establecidas polos estatutos.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogado o Decreto 259/2006, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Instituto Galego da Calidade Alimentaria.

2. Queda derrogado o artigo 14 do Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural.

3. Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural

O Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, queda modificado como segue:

Un. O número 1 do artigo 11 queda redactado como segue:

«Artigo 11. Dirección Xeral de Ordenación Forestal

1. Á Dirección Xeral de Ordenación Forestal correspóndelle o exercicio das competencias inherentes á ordenación, ao fomento e á mellora da produción forestal, e as medidas de prevención e defensa contra os incendios forestais.

En relación coas actuacións comprendidas dentro destes ámbitos competenciais, supervisará e inspeccionará os proxectos de obras e a súa execución material, tanto nos supostos de adxudicación como nos de execución pola Administración.

Como Administración ou órgano forestal, no ámbito das súas competencias e baseada en métodos de xestión integrada de pragas, velará pola protección dos montes promovendo as medidas de prevención, protección e tratamento, tanto silvícolas como sanitarias, que favorezan a súa vitalidade e a utilización de axentes biolóxicos que impidan o incremento das poboacións de axentes nocivos, así como o control e certificación de sementes, materiais forestais de reprodución e producións forestais.”

Dous. A letra e) do número 1 do artigo 15 queda redactada como segue:

«e) Así mesmo, compétenlle a ordenación, o fomento e os procedementos relacionados coas industrias agroalimentarias, así como todo o relacionado coa promoción e o fomento dos produtos agroalimentarios, as propostas de denominacións de orixe e de calidade do sector agroalimentario e o control da calidade comercial dos alimentos».

Tres. O artigo 18 queda redactado como segue:

«Artigo 18. Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria

1. Á Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria compétenlle a ordenación, o fomento, a coordinación, o asesoramento e a vixilancia das industrias agroalimentarias, a promoción e o fomento da comercialización dos produtos agroalimentarios, as propostas de recoñecemento das denominacións de orixe e de calidade do sector agroalimentario, así como a vixilancia do prestixio das xa recoñecidas e a inspección e defensa contra as fraudes á calidade alimentaria.

2. Para o desenvolvemento das ditas funcións conta cos seguintes servizos:

a) Servizo de Industrialización e Comercialización, que exercerá as accións de ordenación e fomento das industrias agroalimentarias e a promoción e o fomento da comercialización dos produtos agroalimentarios.

b) Servizo de Control da Calidade Alimentaria, que desenvolverá todas as actuacións en materia de defensa contra as fraudes á calidade alimentaria, así como as relativas á coordinación dos traballos do persoal que realiza funcións de inspección nesa materia».

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería do Medio Rural para ditar as disposicións xerais necesarias para a execución e o cumprimento do disposto neste decreto no relativo á organización e materias propias da súa consellería.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o 30 de maio de 2018.

Santiago de Compostela, cinco de abril de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatuto da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza e adscrición

1. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (en diante, a Axencia) é unha axencia pública autonómica que se encadra dentro das entidades instrumentais do sector público autonómico reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. A Axencia está adscrita á consellería da Xunta de Galicia competente en materia de agricultura (en diante, a consellería de adscrición); ten personalidade xurídica propia, patrimonio e tesouraría propios e autonomía na súa xestión nos termos establecidos por estes estatutos e pola demais normativa vixente de aplicación.

Artigo 2. Obxecto

O obxecto da Axencia é o seguinte:

1. Constituírse no instrumento básico de actuación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade.

2. Investigar e realizar o desenvolvemento tecnolóxico no sector agroalimentario.

3. Desenvolver as actividades de I+D+I nos sectores agrario, gandeiro e forestal, dentro do marco das competencias que a esta axencia lle atribúen estes estatutos.

4. Realizar aquelas outras actuacións relacionadas coas actividades anteriores que determine a consellería de adscrición cos medios e persoal que a ela se adscriben.

Artigo 3. Réxime xurídico

1. A Axencia axustará a súa actuación ao establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na normativa financeira e orzamentaria da Comunidade Autónoma de Galicia; ao establecido no presente estatuto e nas súas normas de desenvolvemento e, supletoriamente, ao previsto nas normas aplicables ás entidades públicas instrumentais da Administración autonómica.

2. Ademais, a Axencia réxese polo establecido na Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, en todo o que non fose modificado pola lexislación citada no punto anterior.

3. Para o desenvolvemento das súas actuacións no ámbito da I+D+I, a Axencia réxese, ademais, pola lexislación básica do Estado nesta materia; pola Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e pola Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, ou normas que as substitúan.

Artigo 4. Condición de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

1. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores dela dependentes, polo que está obrigada a realizar os traballos que aquela ou estes lle encomenden no ámbito das súas funcións e nos termos fixados nestes estatutos.

2. As relacións da Axencia cos poderes adxudicadores dos cales é medio propio e servizo técnico teñen natureza instrumental e non contractual, e articularanse a través de encargos ou das encomendas de xestión previstas na lexislación de contratos do sector público, polo que, para todos os efectos, as ditas relacións son de carácter interno, dependente e subordinado. As encomendas ou encargos de xestión retribuiranse mediante tarifas e comportarán a facultade do órgano que os efectúa de ditar instrucións necesarias para a súa execución.

3. A Axencia non poderá participar nos procedementos para a adxudicación de contratos convocados polos poderes adxudicadores dos cales sexa medio propio e servizo técnico. Porén, cando non concorra ningún licitador poderáselle encargar a execución da actividade obxecto de licitación pública.

Artigo 5. Potestades administrativas e relacións con outras administracións públicas

1. Correspóndelle á Axencia o exercicio das potestades administrativas precisas para o cumprimento dos seus fins e funcións, de acordo coa lexislación aplicable e dentro das competencias que este estatuto e, se é o caso, outras normas lle atribúan.

2. As relacións da Axencia cos órganos da Administración autonómica e das restantes administracións públicas ás cales dea lugar o exercicio das competencias e funcións establecidas neste estatuto serán atribución da Presidencia da Axencia no marco que estableza o Consello Reitor.

3. A Presidencia poderá delegar o desenvolvemento ordinario das ditas relacións na persoa titular da Dirección e noutros órganos da Axencia, nos termos previstos na lexislación vixente.

Artigo 6. Sede

A Axencia terá a súa sede institucional no Pazo de Quián, Sergude (Boqueixón-A Coruña).

Artigo 7. Principios básicos de actuación

A Axencia respectará na súa actuación os principios de xestión transparente por obxectivos; de servizo á cidadanía, ás institucións e á sociedade no seu conxunto; de obxectividade; de eficacia e eficiencia e, especificamente, os seguintes:

a) Principio de transparencia e participación, entendidos, respectivamente, como a rendición de contas á cidadanía e como o compromiso de consulta e participación das persoas interesadas na realización dos seus traballos.

b) Principios de autonomía e responsabilidade, entendidos, respectivamente, como a capacidade da Axencia de xestionar con autonomía os medios postos ao seu dispor para acadar os obxectivos comprometidos e como a súa disposición a asumir as consecuencias derivadas dos resultados acadados.

c) Principios de cooperación interadministrativa e participación institucional, entendidos como a disposición activa a colaborar con outras administracións e institucións.

d) Principio de calidade e mellora continua, entendido como o compromiso sistemático coa autoavaliación e a utilización de modelos que permitan establecer áreas de mellora.

e) Principio de incorporación transversal da perspectiva de xénero e do obxectivo da igualdade efectiva de homes e mulleres en toda a actividade da Axencia.

Artigo 8. Transparencia na xestión

1. Sen prexuízo das demais obrigas de información á cidadanía establecidas na lexislación vixente e daquelas outras que o órgano de dirección considere oportunas, a Axencia publicará na súa páxina web corporativa información actualizada sobre os seguintes aspectos:

a) O contrato de xestión da Axencia, o plan de acción anual, o informe xeral de actividade e as contas anuais, acompañadas do informe de auditoría de contas.

b) As redes de coñecemento e intercambio de información que impulse e, se é o caso, outras que existan no territorio de Galicia.

c) Os recursos públicos destinados pola Xunta de Galicia ás políticas que desenvolva a Axencia e, se é o caso, condicións e formas de acceso a eles.

d) Outros recursos públicos ou privados destinados a similares fins e dispoñibles no ámbito de Galicia, dos cales a Axencia teña coñecemento.

e) Os procedementos e medios de acceso dos interesados aos servizos da Axencia e os dereitos que para ese efecto lles correspondan.

2. A publicación dos documentos a que se refire o número anterior deberase realizar nun prazo dun mes desde a súa aprobación polo órgano que en cada caso lle corresponda, e garantirase a accesibilidade a esta información segundo o establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 9. Funcións en materia de calidade alimentaria

Correspóndelle á Axencia, en virtude do establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, o desenvolvemento das seguintes funcións en materia de calidade alimentaria:

a) Realizar actuacións de control e certificación dos produtos acollidos ás denominacións xeográficas de calidade e, en xeral, ás distintas figuras de protección da calidade alimentaria do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia ás cales fai referencia o título III da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, ou calquera outra de interese xeral para a Comunidade Autónoma que se lle encargue.

b) Executar cantos controis se lle encarguen en relación coa calidade e a etiquetaxe dos produtos alimentarios, así como coas condicións das materias primas e a rastrexabilidade da produción alimentaria.

c) Promover e defender a calidade dos produtos amparados polas denominacións e indicativos de calidade.

d) Realizar estudos e preparación da documentación para o recoñecemento de novas denominacións xeográficas e doutras figuras de protección da calidade que se consideren de interese xeral para a Comunidade Autónoma.

e) Prestar todo tipo de servizos de asesoramento e xestión aos consellos reguladores das denominacións xeográficas de calidade e aos órganos de xestión doutras figuras de protección da calidade alimentaria.

f) Efectuar, logo da formalización do correspondente acordo, aqueles traballos relacionados coa certificación de produtos que lle sexan solicitados por un consello regulador ou outra entidade titular dunha figura de protección da calidade, como análises fisicoquímicas ou organolépticas, inspeccións e verificacións.

g) Actuar como auditor externo dos consellos reguladores e demais entidades xestoras de figuras de calidade dos produtos alimentarios aos cales se refire o artigo 3 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, para os efectos do control oficial da cadea alimentaria en relación cos programas vinculados á calidade diferencial que establece a normativa específica, e actuar como órgano de control das distintas entidades de certificación de produtos alimentarios que operen na Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Desempeñar as funcións relacionadas coa xestión en materia da artesanía alimentaria, tales como control do uso do indicativo da artesanía, xestión do rexistro de artesanía alimentaria, comprobación do cumprimento dos requisitos para a obtención da condición de artesán e empresa artesanal, e elaboración das normas técnicas de cada produto derivado da artesanía alimentaria, no marco da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

i) Realizar os encargos que, no ámbito das súas competencias en materia de calidade alimentaria, lle efectúe a Administración xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 10. Funcións en materia de investigación

Correspóndelle á Axencia, en virtude do establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, o desenvolvemento das seguintes funcións en materia de investigación:

1. Determinar e canalizar as demandas científico-técnicas e analíticas do sector agrario e alimentario de Galicia, tendo en conta as súas necesidades, mediante procedementos eficaces de participación dos axentes socioeconómicos afectados nas distintas áreas de traballo.

2. Impulsar as actividades de I+D+I nos sectores agrario e alimentario de Galicia.

3. Asesorar a consellería con competencias en materia de medio rural nas funcións de coordinación da investigación en materia agraria.

4. Promover e executar os traballos de investigación nas materias agrícolas, gandeiras e forestais, tanto respecto das actividades de produción e transformación como respecto do cumprimento das boas prácticas agrarias e outros requirimentos dos procesos produtivos primarios nas explotacións gandeiras, de mellora xenética e sanidade agrícola, gandeira e forestal, as relativas á conservación dos recursos xenéticos, á ecoloxía e silvicultura das especies forestais, á propagación, prevención e defensa contra os incendios forestais e ao impacto das actividades do sector agrario sobre o medio. Para o cumprimento desta finalidade poderá solicitar recursos materiais e humanos que poidan ser asignados por calquera das administracións públicas no marco de plans de investigación e desenvolvemento tecnolóxico e innovación.

5. Propiciar e facilitar a transferencia e a adopción dos resultados obtidos nas investigacións publicando e divulgando os resultados dos ensaios e proxectos de experimentación, así como a dirección e elaboración das estatísticas en materia agraria en coordinación co Instituto Galego de Estatística.

6. A través dos seus laboratorios realizará as seguintes funcións:

a) Atender a demanda de análises químicas de alimentos, bebidas, solos, fertilizantes, augas de rega e produtos de alimentación animal.

b) Investigar a presenza de residuos de produtos fitosanitarios en alimentos, bebidas e en alimentación animal.

c) Diagnosticar enfermidades e a presenza de pragas nos cultivos herbáceos, leñosos e forestais.

d) Realizar análises no ámbito da sanidade vexetal.

e) Emitir certificados de exportación de bebidas e tamén realizar informes e recomendacións que teñan que ver coas análises realizadas.

7. Fomentar a introdución de sistemas de rastrexabilidade e, en xeral, desenvolver todo tipo de actividades que fagan progresar a tecnoloxía, a calidade e a competitividade do sector agroindustrial galego.

8. Establecer fórmulas específicas de recrutamento, formación e actualización do persoal investigador, nos ámbitos agrario e alimentario, así como as de intercambio e colaboración con outros centros de investigación rexionais, nacionais e internacionais.

9. Participar en institucións e foros nacionais e internacionais para a consecución dos fins da Axencia.

10. Promover ou participar directamente nas operacións concretas de desenvolvemento nas cales se dean as circunstancias de interese territorial ou estratéxico, insuficiente participación dos axentes socioeconómicos e a necesidade de estruturar ou reestruturar un ámbito produtivo vinculado ao sector alimentario e que lle sexan encomendadas.

11. Poñer en valor as distintas actuacións tecnolóxicas e investidoras incluídas nos puntos anteriores ou as que deriven do acervo de coñecementos da Axencia, mediante as fórmulas adecuadas de divulgación ou comercialización, así como as de participación e implicación dos distintos subsectores nas actuacións propias, sen menoscabo das funcións de divulgación e promoción que neste ámbito poida desenvolver a consellería de adscrición.

12. Conservar o patrimonio xenético tradicional de Galicia das especies de produción agroforestal.

13. Promover a mellora xenética do material vexetal de produción agroforestal.

14. Exercer calquera outra función técnica, material ou xurídica que se lle encomende en relación cos seus obxectivos, ou calquera outra que lle atribúa a lexislación vixente, así como realizar os encargos que, no ámbito das súas competencias en materia de investigación, lle efectúe a Administración xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 11. Funcións en materia de formación

Correspóndelle á Axencia, en virtude do establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, o desenvolvemento das seguintes funcións en materia de formación:

a) Desenvolver, mediante as fórmulas adecuadas de divulgación, as distintas actuacións tecnolóxicas e investigadoras incluídas nos artigos anteriores.

b) Programar a formación agraria, nos seus aspectos de ensinanzas regradas e non regradas, tanto das persoas agricultoras, gandeiras e silvicultoras como das súas asociacións e agrupacións, así como daquelas persoas que queiran acceder no futuro á titularidade ou xerencia de calquera explotación agraria ou forestal.

c) Coordinar os centros de formación e experimentación agraria.

d) Coordinar e facer o seguimento dos cursos de formación realizados no ámbito agrario.

e) Realizar os encargos que, no ámbito das súas competencias en materia de formación, lle efectúe a Administración xeral da Comunidade Autónoma.

CAPÍTULO II

Organización

Sección 1ª. Órganos de goberno

Artigo 12. Órganos de goberno da Axencia

1. Os órganos de goberno da Axencia son:

a) A Presidencia.

b) O Consello Reitor.

2. Na designación das persoas titulares e membros dos órganos de goberno da Axencia atenderase ao principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.

Artigo 13. A Presidencia

1. A Presidencia da Axencia correspóndelle á persoa titular da consellería de adscrición.

2. Correspóndelle á persoa titular da Presidencia:

a) Desempeñar a máxima representación institucional da Axencia.

b) Ordenar a convocatoria do Consello Reitor, fixar a orde do día e presidir as súas sesións.

c) Velar pola consecución dos obxectivos asignados á Axencia.

d) Propoñer a adopción das disposicións regulamentarias necesarias para a organización e o funcionamento da Axencia.

e) Subscribir con entidades públicas e privadas, en nome da Axencia, convenios de colaboración excluídos da lexislación de contratos do sector público, sen prexuízo da súa posible desconcentración.

f) Exercer as funcións delegadas polo Consello Reitor.

g) Dirimir co seu voto os empates.

h) Visar as actas e os certificados dos acordos do Consello Reitor.

i) Cantas outras atribucións sexan inherentes á presidencia dun órgano colexiado.

3. A persoa titular da Presidencia poderá delegar aquelas funcións propias que considere oportunas e sexan susceptibles de delegación, de conformidade coa lexislación vixente.

4. No caso de ausencia, exercerá as súas funcións a persoa que ocupe a Dirección.

5. O cargo de presidente/a non é un cargo retribuído.

Artigo 14. Composición do Consello Reitor

1. O Consello Reitor é o órgano colexiado de goberno da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Estará integrado polos seguintes membros:

a) Presidente/a: a persoa titular da Presidencia da Axencia.

b) A persoa titular da Dirección da Axencia.

c) Sete vogais, nomeados/as pola persoa titular da consellería de adscrición, de acordo coa seguinte distribución:

1º. Unha persoa representante da consellería competente en materia de facenda, por proposta da persoa titular desta, de entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección.

2º. Catro persoas representantes da consellería de adscrición, de entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección con competencias en propostas de denominacións de orixe e outros distintivos de calidade e industrias agroalimentarias, produción agropecuaria, produción forestal e desenvolvemento rural.

3º. Dúas persoas de entre os órganos da Axencia, con rango de xefatura de servizo, con competencias en investigación agraria e en formación agraria.

2. A persoa que ocupe a Secretaría do Consello Reitor será designada e nomeada por este por proposta da Presidencia entre o persoal que presta servizos na Axencia ou na consellería de adscrición. A persoa titular da Secretaría asistirá ás reunións con voz pero sen voto.

3. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou cando concorra outra causa legal xustificada:

a) As persoas titulares das vogalías serán substituídas, se é o caso, polas súas respectivas persoas suplentes, propostas pola mesma persoa ou entidade que propuxese as persoas titulares.

b) A persoa titular da Secretaría será substituída pola persoa nomeada polo Consello Reitor para estes efectos.

4. Poderán asistir ás sesións do Consello Reitor, como invitadas, as persoas que sexan convocadas pola persoa titular da Presidencia en calidade de expertas, cuxo ditame e/ou asesoramento sexa relevante, en relación coas materias incluídas na orde do día, sen que pola súa participación adquiran a condición de membros dese órgano nin teñan voto de cara á toma de decisións.

Artigo 15. Atribucións do Consello Reitor

Correspóndenlle ao Consello Reitor as seguintes atribucións:

a) Aprobar a proposta do contrato de xestión da Axencia.

b) Aprobar os obxectivos e plans de acción anuais e plurianuais da Axencia e os criterios cuantitativos e cualitativos de medición do cumprimento dos devanditos obxectivos e do grao de eficiencia na xestión, no marco establecido polo contrato de xestión.

c) Aprobar o anteproxecto de orzamentos anuais e da contracción de obrigas de carácter plurianual dentro dos límites fixados no contrato de xestión.

d) O seguimento, a supervisión e o control superiores da actuación da entidade e da xestión da persoa titular da Dirección, e a exixencia das responsabilidades que procedan.

e) Aprobar as contas anuais, acompañadas do informe da auditoría de contas e, se é o caso, a distribución do resultado do exercicio, consonte a lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Aprobar un informe xeral anual da actividade correspondente ao ano inmediatamente anterior e cantos extraordinarios considere necesarios sobre a súa xestión, coa valoración dos resultados obtidos e a consignación das deficiencias observadas.

g) O nomeamento do persoal directivo, por proposta motivada da Dirección, logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e función pública respecto da fixación das retribucións.

h) Autorizar contratos laborais de duración determinada ou delegar esta función, sen menoscabo dos informes preceptivos favorables dos centros directivos competentes en materia orzamentaria e de función pública que establece a lexislación vixente.

i) Aprobar a proposta de relación de postos de traballo da Axencia e as súas modificacións, logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e función pública.

j) A aprobación das propostas de modificación de estatutos e a aprobación das normas de réxime interno.

k) A aprobación da iniciativa de creación ou participación en sociedades mercantís e fundacións con carácter previo ao procedemento establecido no artigo 104 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 93.2 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

l) O nomeamento do secretario ou secretaria do Consello Reitor por proposta da persoa titular da Presidencia.

m) As demais que se lle atribúan na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, neste estatuto ou noutras disposicións aplicables.

Artigo 16. Funcionamento do Consello Reitor

1. O funcionamento e o réxime aplicable ao Consello Reitor axustarase ao previsto nas normas reguladoras das axencias públicas autonómicas e ao presente estatuto, e ao establecido na lexislación básica de réxime xurídico das administracións públicas, sen prexuízo das normas internas de que se poida dotar para o seu funcionamento.

2. O Consello Reitor reunirase cando sexa necesario para o desenvolvemento das funcións da Axencia e, cando menos, cada seis meses, logo de convocatoria da persoa titular da Presidencia.

3. A pertenza ao Consello Reitor non será retribuída.

Sección 2ª. Órgano executivo

Artigo 17. Órgano executivo

É órgano executivo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria a Dirección.

Artigo 18. A Dirección

1. A Dirección é o órgano executivo da Axencia ao cal lle corresponde a súa xestión ordinaria.

2. A persoa responsable da Dirección será nomeada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellería de adscrición, entre as persoas que reúnan os requisitos de solvencia académica, profesional, técnica ou científica necesarios para o exercicio do cargo, e experiencia acreditada na xestión pública. Terá a consideración de alto cargo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, con rango de director xeral.

Artigo 19. Funcións da Dirección

A Dirección ten as seguintes atribucións:

a) Elaborar propostas de modificación dos estatutos da Axencia e proxectos de normas de réxime interior da Axencia e, se é o caso, das unidades adscritas.

b) Elaborar o proxecto de plan anual de actividades da Axencia e a súa memoria explicativa.

c) Elaborar a proposta de relación de postos de traballo da Axencia e as súas propostas de modificación.

d) Impulsar, orientar, coordinar e inspeccionar os departamentos, os servizos e as unidades adscritas á Axencia e ditar as instrucións e circulares relativas ao seu funcionamento.

e) Autorizar as modificacións orzamentarias e incorporar o remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, conforme o establecido no artigo 83 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

f) Dispoñer os créditos e as dotacións, os recoñecementos das obrigas, e autorizar e ordenar os pagamentos da Axencia dentro dos límites que lle correspondan.

g) Elaborar o informe anual sobre a actuación e a xestión da Axencia.

h) Propoñerlle ao Consello Reitor o nomeamento, de acordo cos criterios de profesionalidade, mérito e capacidade, do persoal directivo, así como o seu cesamento.

i) Propoñer a resolución dos recursos administrativos e das reclamacións de responsabilidade patrimonial.

j) Actuar como órgano de contratación da Axencia.

k) Elaborar a proposta dos obxectivos, dos plans de acción anuais e plurianuais da Axencia e dos criterios cuantitativos e cualitativos de medición do cumprimento dos devanditos obxectivos e do grao de eficiencia na xestión, no marco establecido polo contrato de xestión.

l) Exercer a xefatura do persoal da Axencia e formalizar os contratos laborais de duración determinada necesarios para o funcionamento da Axencia, previamente autorizados polo Consello Reitor.

m) Elaborar o anteproxecto de orzamentos da Axencia, así como render as contas correspondentes.

n) Executar os acordos da Presidencia e do Consello Reitor e exercer as funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas ou delegadas.

ñ) As demais que se lle atribúan na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento do sector público autonómico de Galicia, neste estatuto ou noutras disposicións aplicables, así como calquera outra competencia da Axencia non encomendada a outro órgano dela.

Sección 3ª. Órgano consultivo

Artigo 20. Consello Asesor da Dirección

1. O Consello Asesor da Dirección é o órgano de consulta e asesoramento da Axencia.

2. O Consello Asesor da Dirección estará composto por:

a) A persoa titular do Departamento de Coordinación Administrativa da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

b) A persoa titular da Área de Formación, Investigación e Promoción da Calidade Alimentaria.

c) As persoas titulares das xefaturas dos departamentos de Innovación Tecnolóxica, Formación e de Promoción da Calidade Agroalimentaria e as que exerzan a dirección dos centros de investigación.

d) A persoa titular da Dirección - Xerencia da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne (CTC).

e) A persoa titular da subdirección xeral con competencias en industrias e calidade alimentaria.

f) Unha persoa designada de común acordo polos consellos reguladores das distintas denominacións de calidade.

3. A Presidencia do Consello Asesor correspóndelle á persoa titular da Dirección da Axencia, que será substituída pola persoa titular da Área de Formación, Investigación e Promoción da Calidade Alimentaria da Axencia no caso de ausencia, enfermidade, vacante ou outra causa legal.

4. O Consello Asesor terá unha reunión ordinaria unha vez ao trimestre.

5. A Secretaría do Consello Asesor correspóndelle, con voz pero sen voto, a quen teña ese cargo no Consello Reitor, e será substituída da forma prevista para o Consello Reitor.

6. A pertenza ao Consello Asesor da Dirección non será retribuída.

Artigo 21. Funcións do Consello Asesor

O Consello Asesor ten as seguintes funcións:

a) Asesorar a Dirección da Axencia en materia de fomento, promoción e impulso da calidade dos produtos alimentarios galegos.

b) Impulsar e fomentar a colaboración entre os distintos consellos reguladores e outros órganos de xestión das denominacións de calidade.

c) Asesorar en materia de incardinación das medidas de promoción dos produtos alimentarios de desenvolvemento rural, ambiental, turismo, gastronomía, artesanía e cultural.

d) Emitir ditames sobre propostas que presente a Administración, o sector ou os consumidores, con incidencia na elaboración ou calidade dos produtos alimentarios.

e) Propoñer accións en materia de coordinación da investigación con outros organismos públicos de investigación.

f) Propoñerlle actuacións á Dirección en cuestións técnicas, científicas e de transferencia tecnolóxica relacionadas cos sectores agrario, forestal e alimentario.

g) Impulsar a elaboración do plan anual de actividades da Axencia e a súa memoria explicativa.

h) Asesorar a Dirección na elaboración da proposta de relación de postos de traballo da Axencia e as súas propostas de modificación.

i) Asesorar a Dirección na elaboración do informe anual sobre a actuación e a xestión da Axencia.

j) Impulsar a elaboración da proposta dos obxectivos, dos plans de acción anuais e plurianuais da Axencia e dos criterios cuantitativos e cualitativos de medición do cumprimento dos devanditos obxectivos e do grao de eficiencia na xestión, no marco establecido polo contrato de xestión.

Sección 4ª. Estrutura administrativa

Artigo 22. Estrutura administrativa

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, para o exercicio das súas competencias, contará co Departamento de Coordinación Administrativa, co nivel orgánico de servizo, e coa Área de Formación, Investigación e Promoción da Calidade Alimentaria, así como cos órganos administrativos seguintes que teñen nivel orgánico de servizo:

a) Departamento de Innovación Tecnolóxica.

b) Departamento de Formación.

c) Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

d) Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

e) Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia.

f) Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia.

g) Departamento de Promoción da Calidade Agroalimentaria.

Artigo 23. Departamento de Coordinación Administrativa

1. Para o desempeño das funcións da Dirección, esta contará co Departamento de Coordinación Administrativa, con nivel orgánico de servizo, e exercerá as súas funcións baixo a dependencia xerárquica da Dirección.

2. Correspóndenlle a este servizo as funcións de soporte, coordinación e colaboración nas funcións que corresponden á Dirección nas seguintes materias:

a) Coordinar a contratación pública da entidade.

b) Coordinar os órganos e as unidades da entidade, ditar as disposicións, as instrucións e as circulares de funcionamento e comunicación entre os distintos órganos desta.

c) Coordinar a inspección dos órganos e unidades da entidade, así como a supervisión dos procedementos de xestión da entidade.

d) Elaborar os informes que lle solicite a persoa titular da Dirección Xeral.

e) Coordinar a xestión ordinaria da entidade, as funcións relativas aos recursos humanos, incluídas a xestión da relación de postos de traballo, o asesoramento ao Consello Reitor na fixación das retribucións e a condución das avaliacións periódicas de desempeño e cumprimento de obxectivos.

f) Elaborar, de acordo coas directrices fixadas pola Dirección, o plan de acción anual sobre a base dos recursos dispoñibles e de acordo co contrato plurianual.

g) Coordinar todos os traballos encamiñados á certificación das denominacións de calidade diferenciada, incluíndo a organización, programación, dirección e execución dos traballos de inspección, control e certificación e todas as cuestións que lle encomende a Dirección en relación cos produtos acollidos a denominacións de calidade diferencial, así como colaborar cos órganos correspondentes da consellería competente en materia de produtos agroalimentarios de calidade, na redacción da normativa técnica reguladora do funcionamento das ditas denominacións.

Artigo 24. Área de Formación, Investigación e Promoción da Calidade Alimentaria

Para o desenvolvemento das funcións da Axencia, contará coa Área de Formación, Investigación e Promoción da Calidade Alimentaria, órgano con nivel equivalente ao de subdirección xeral e con dependencia da Dirección, á cal lle corresponden as funcións de:

a) Programación e coordinación da formación agraria e a divulgación dos resultados da investigación agraria e alimentaria para conseguir a incorporación das innovacións tecnolóxicas aos sistemas produtivos primarios e de transformación, así como a realización de estudos, publicacións e estatísticas agrarias.

b) Promoción, impulso e programación da investigación en materia agraria.

c) Coordinación dos distintos centros de investigación e laboratorios en materia agraria, tendo en conta os obxectivos, programas e instrumentos dos plans galegos de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación vixentes en cada momento en Galicia.

d) Impulso e execución dos traballos de investigación nas materias asignadas e, en colaboración coa dirección xeral competente, atención ás demandas de análises relativas á seguridade alimentaria vexetal e á acreditación do bo estado das augas e solos de cultivo.

e) A promoción e o fomento dos produtos agroalimentarios galegos con indicacións de calidade.

Artigo 25. Departamento de Innovación Tecnolóxica

O Departamento de Innovación Tecnolóxica asumirá as seguintes funcións:

a) Publicar e divulgar os resultados experimentais e a adopción das innovacións tecnolóxicas en colaboración cos outros departamentos ou servizos de Agacal e da consellería competente en materia agraria.

b) Asesorar o sector agrícola e forestal nas cuestións de innovacións e uso das novas tecnoloxías.

c) Dirixir e elaborar as estatísticas en materia agraria, en coordinación co Instituto Galego de Estatística, así como coordinar as publicacións e edicións audiovisuais que se realicen.

d) Realizar as funcións que lle encomenden en relación cos observatorios de prezos de produtos agrarios.

Artigo 26. Departamento de Formación

Correspóndenlle ao Departamento de Formación as seguintes funcións:

a) A organización e execución da formación das persoas agricultoras, gandeiras e silvicultoras, así como das súas asociacións e agrupacións, empresas de servizos agrarios e forestais, e industrias agropecuarias e agroalimentarias, nos seus aspectos de ensinanzas regradas e non regradas.

b) A formación do persoal dependente da consellería competente en materia agraria respecto das súas funcións técnicas, en colaboración, se é o caso, con outros departamentos ou entidades da Administración con competencias en materia de formación de persoal e sen menoscabo das competencias atribuídas a estas entidades.

c) A coordinación e o seguimento dos cursos de formación realizados no ámbito de actuación dos servizos centrais e periféricos en materia agraria e dos organizados por entidades privadas no marco que especifique a correspondente normativa.

d) A coordinación dos seguintes centros de formación e experimentación agraria que se integran orgánica e funcionalmente na nova axencia:

1º. Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias.

2º. Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo.

3º. Centro de Formación e Experimentación Agraria de Lourizán.

4º. Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos.

5º. Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude.

6º. Centro de Formación e Experimentación Agraria de Becerreá.

Artigo 27. Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

1. Correspóndelle a este centro o exercicio das funcións de investigación, innovación e transferencia, especialmente en todas as materias agrarias, incluídas a agricultura, a gandaría e os aproveitamentos do medio natural, desde os puntos de vista da produción, da conservación e mellora xenética, da sanidade e o benestar, e da industria agroalimentaria, de xeito compatible co medio e a biodiversidade agraria e no contexto dunha economía baixa en carbono.

2. Correspóndenlle tamén a este centro a coordinación e a dirección das seguintes unidades integradas orgánica e funcionalmente na nova axencia:

a) O Banco de Recursos Fitoxenéticos Agrarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A Estación Experimental de Gandaría de Montaña de Marco da Curra.

c) A Estación Experimental Agrogandeira da Pobra do Brollón.

d) A Estación Experimental Agrícola de Baixo Miño.

Artigo 28. Centro de Investigación Forestal de Lourizán

1. O Centro de Investigación Forestal de Lourizán exerce todas as funcións que lle sexan encomendadas en materia de investigación, innovación e transferencia forestal.

2. As súas principais funcións son as seguintes:

a) A mellora da produtividade e multifuncionalidade dos espazos forestais.

b) O incremento da calidade dos bens, servizos e produtos forestais.

c) A promoción da sustentabilidade dos ecosistemas forestais fronte ás perturbacións na xestión dos recursos forestais.

d) A conservación, mellora e selección dos recursos xenéticos forestais.

3. Correspóndenlle a este centro a coordinación e a dirección do Banco de Recursos Fitoxenéticos das Especies Forestais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 29. Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia

1. Exerce as funcións en materia de investigación, experimentación e transferencia tecnolóxica do sector vitivinícola.

2. As súas principais funcións son as seguintes:

a) A investigación, innovación, formación e transferencia desde os puntos de vista da produción, conservación e mellora xenética, e dos relativos á sanidade e á elaboración de viños e os seus derivados.

b) A realización de análises oficiais do sector vitivinícola na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Correspóndenlle a esta estación a coordinación e a dirección do Banco de Recursos Fitoxenéticos (de variedades de vide e recursos microbianos vinícolas) e da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía (EEVE).

Artigo 30. Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia

1. Correspóndelle a este laboratorio a realización de análises alimentarias e agrarias. Nestes aspectos é o laboratorio de referencia da Comunidade Autónoma.

2. Concretamente, as súas principais funcións refírense á realización de análises fisicoquímicas de alimentos, bebidas, fertilizantes, augas de rega, alimentación animal e solos.

3. Tamén lle corresponde a función de ser o laboratorio de referencia en sanidade vexetal e nas análises de residuos de pesticidas.

Artigo 31. Departamento de Promoción da Calidade Agroalimentaria

Correspóndenlle a este departamento a xestión, a elaboración e o seguimento dos programas de promoción e fomento dos produtos agroalimentarios galegos con indicacións de calidade.

Sección 5ª. Comisión de Control e Seguimento

Artigo 32. Composición e réxime de funcionamento da Comisión de Control e Seguimento

1. A Comisión de Control e Seguimento sobre o desenvolvemento do contrato de xestión estará composta polos seguintes membros:

a) Unha persoa representante da Axencia.

b) Unha persoa representante da consellería de adscrición do ente.

c) Unha persoa representante da consellería que ten as competencias en materia de facenda.

d) Unha persoa representante da consellería que ten as competencias en materia de avaliación e reforma administrativa.

2. En ningún caso os membros da Comisión de Control e Seguimento serán coincidentes cos membros do Consello Reitor da Axencia, coa excepción dos membros que sexan invitados ás sesións en calidade de expertos.

3. A Presidencia da Comisión de Control e Seguimento exerceraa a persoa representante da consellería que ten competencias en materia de facenda.

4. A Secretaría da Comisión exerceraa unha persoa da Axencia designada pola Presidencia, a cal actuará neste caso con voz pero sen voto, e dará comunicación de todas as propostas e acordos tanto ao Consello Reitor coma ao órganos titulares das consellerías da Administración autonómica que forman parte da Comisión.

5. Os membros da Comisión serán designados pola persoa titular da entidade ou por cada unha das consellerías con presenza na Comisión, de entre o seu persoal técnico con rango de subdirector/a xeral ou xefe/a de servizo ou equivalente.

6. Sempre que se xustifique debidamente, poderanse exixir coñecementos técnicos relacionados coas materias que se van tratar na Comisión como requisito para formar parte dela.

7. Os membros da Comisión poderán asistir cunha persoa asesora sempre que os asuntos que cómpre tratar o xustifiquen.

Artigo 33. Atribucións da Comisión de Control e Seguimento

1. Correspóndelle á Comisión de Control e Seguimento o exercicio das seguintes funcións:

a) Informar o Consello Reitor, coa periodicidade que este decida e cando menos unha vez ao semestre, sobre o desenvolvemento e a execución do contrato de xestión.

b) Analizar os resultados da xestión económico-financeira a través da información que, de forma periódica, lle deberán proporcionar os órganos xestores.

c) Informar o Consello Reitor sobre a execución do orzamento e sobre as modificacións orzamentarias que, se é o caso, sexan aprobadas pola Dirección.

d) Solicitar información sobre os sistemas de control e procedementos internos establecidos para asegurar o debido cumprimento das disposicións legais e demais normas aplicables, así como coñecer os informes de auditoría de contas e informes adicionais sobre funcionamento do control interno, e propoñer ao Consello Reitor as estratexias encamiñadas a corrixir as deficiencias observadas.

e) Informar, excepto nos gastos de persoal e capital, sobre as variacións dos orzamentos por riba do inicialmente orzado, mesmo na contía global cando sexan financiadas cos recursos propios da Axencia e se destinen directamente a fins da Axencia con dotación orzamentaria.

f) Informar o Consello Reitor sobre os asuntos que este lle solicite.

2. O funcionamento da Comisión de Control e Seguimento axustarase ao disposto no seu regulamento de réxime interno, na normativa reguladora do procedemento administrativo común e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3. A condición de membro da Comisión de Control e Seguimento da Axencia, ou a participación na dita comisión, non xerará ningún dereito de retribución.

CAPÍTULO III

O contrato plurianual de xestión e o plan de acción anual

Artigo 34. O contrato plurianual de xestión. Natureza e finalidade

1. A Axencia contará cun contrato plurianual de xestión, como instrumento para regular a actividade da Axencia e as relacións recíprocas entre esta e a Administración xeral da Comunidade Autónoma, no marco da lexislación xeral e específica vixente durante o seu período de aplicación.

2. As propostas dos contratos plurianuais de xestión serán aprobadas e tramitadas polo Consello Reitor da Axencia no último trimestre do período plurianual de aplicación do último contrato plurianual de xestión vixente.

3. Cada contrato plurianual de xestión aprobarase para períodos de vixencia de catro anos coincidentes cos exercicios orzamentarios.

4. A aprobación final do contrato plurianual de xestión terá lugar mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería de adscrición e das competentes nas materias de administracións públicas e de facenda, nun prazo máximo de tres meses contados desde a data de aprobación polo Consello Reitor da Axencia da correspondente proposta de contrato plurianual de xestión. No caso de non ser aprobado neste prazo, manterá a súa vixencia o contrato plurianual vixente.

Artigo 35. Contido do contrato plurianual de xestión

1. O contrato plurianual de xestión ten que conter, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) O seu período de vixencia.

b) Os obxectivos que se persigan, tanto estratéxicos coma específicos, e os plans necesarios para acadalos, con especificación dos marcos temporais correspondentes, dos proxectos asociados a cada unha das estratexias e dos seus prazos temporais.

c) Os resultados que se pretenden obter, así como os indicadores para avalialos e o seu escenario plurianual.

d) O marco de actuación en materia de xestión de recursos humanos da Axencia, que comprenderá a determinación das necesidades de persoal durante a vixencia do contrato, incluíndo a previsión máxima do cadro de persoal, a natureza e as características dos postos de traballo da Axencia e o seu réxime de retribucións.

e) A determinación dos recursos persoais, materiais e orzamentarios que a Administración autonómica debe soportar para a consecución dos obxectivos da Axencia, establecendo o seu escenario plurianual.

f) Os efectos asociados ao grao de cumprimento dos obxectivos establecidos no que atinxe á exixencia de responsabilidade pola xestión dos órganos executivos e do persoal directivo.

g) Se é o caso, a contía da masa salarial destinada ao complemento de produtividade ou concepto equivalente do persoal laboral, segundo o establecido na Lei da función pública, nas leis anuais de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, así como na demais normativa aplicable á dita materia. A contía dos complementos de produtividade determinarase con base no procedemento e nos termos aprobados no contrato plurianual de xestión, estará vinculada estritamente ao grao de cumprimento dos obxectivos fixados, e para a súa aprobación e aplicación será necesario contar co informe previo favorable dos centros directivos da Administración autonómica competentes en materia de función pública e de orzamentos.

h) O procedemento que se seguirá para a cobertura dos déficits económico-orzamentarios anuais que, se é o caso, se poidan producir por insuficiencia dos ingresos reais da Axencia respecto dos estimados e as consecuencias de responsabilidade na xestión que, se é o caso, se deban exixir por tales déficits.

i) O procedemento para a introdución das modificacións ou adaptacións anuais que, se é o caso, procedan efectuarse no contrato plurianual de xestión que estea vixente na Axencia.

2. O contrato plurianual de xestión definirá os criterios que permitan exixir aos órganos executivos e do persoal directivo da Axencia as correspondentes responsabilidades de xestión no caso de incumprimento dos obxectivos, e determinará os mecanismos a través dos cales se exixirá a dita responsabilidade.

3. No primeiro trimestre de cada ano, a persoa titular da Dirección da Axencia informará a consellería de adscrición e as competentes en materia de administracións públicas e de facenda sobre a execución e o cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión durante o anterior exercicio anual.

Artigo 36. O plan de acción anual, o informe de actividade e as contas anuais

1. O Consello Reitor da Axencia, por proposta da Dirección, aprobará:

a) O plan de acción anual no marco do contrato de xestión e sobre a base dos recursos dispoñibles.

O plan de acción anual comprenderá a definición dos obxectivos que se teñen que acadar no exercicio anual a que se refire, a previsión dos resultados que cómpre obter e os instrumentos de seguimento, control e avaliación aos cales se ten que someter a actividade da Axencia.

b) O informe xeral da actividade correspondente ao ano inmediatamente anterior.

c) As contas anuais acompañadas do informe de auditoría de contas.

2. Os documentos a que se refire o punto anterior serán públicos e a cidadanía terá dereito de acceso ao seu contido desde a súa aprobación.

CAPÍTULO IV

Réxime de persoal

Artigo 37. Persoal

1. Sen prexuízo do persoal directivo ao cal se refire o artigo 42 destes estatutos, o persoal ao servizo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria estará constituído por persoal funcionario e persoal laboral da Xunta de Galicia, de acordo co previsto na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

En todo caso, quédanlle reservadas ao persoal funcionario as funcións que impliquen a participación directa e indirecta, no exercicio de potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e das administracións públicas, así como aquelas que se determinen na normativa aplicable en materia de emprego público.

2. O persoal empregado público que ocupe postos de traballo da Administración xeral da Comunidade Autónoma e se incorpore á Axencia, ben pola súa adscrición legal ou ben polos procedementos regulamentarios de provisión de postos de traballo, manterá a súa condición de persoal funcionario ou laboral de orixe, de acordo coa lexislación aplicable.

3. O persoal funcionario da Axencia réxese pola normativa reguladora da función pública galega.

4. O persoal laboral que preste servizos na Axencia réxese pola normativa reguladora da función pública, polas disposicións do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, pola demais normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e polos propios estatutos da Axencia.

5. O persoal da Axencia quedará sometido ao réxime xeral de incompatibilidades aplicable ao persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 38. Ordenación dos postos de traballo

1. Como instrumento de ordenación do seu persoal, a Axencia contará cunha relación de postos de traballo.

2. A relación de postos de traballo da Axencia recollerá para cada posto os datos requiridos polo artigo 38.4 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. Esta relación será pública e, en todo caso, os postos de nova creación integraranse na oferta de emprego público da Xunta de Galicia ou nos sistemas de provisión de postos de traballo.

3. A proposta de aprobación e modificación da relación de postos de traballo da Axencia será acordada polo Consello Reitor da Axencia, por proposta da Dirección, logo do informe favorable dos centros directivos da Administración autonómica competentes en materia de orzamentos, de función pública e de avaliación administrativa, logo de negociación coas organizacións sindicais máis representativas da función pública.

4. En todo caso, a aprobación e modificación da relación de postos de traballo corresponderá ao Consello da Xunta e estará sometida na súa tramitación á normativa xeral establecida na Comunidade Autónoma de Galicia sobre modificacións ou aprobacións destes instrumentos de ordenación de persoal.

Artigo 39. Procedementos de selección do persoal

1. Os procesos de selección do persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia destinado na Axencia serán realizados polo centro directivo da Administración autonómica competente en materia de función pública e seranlle de aplicación as disposicións da lexislación galega sobre emprego público.

2. Nos procesos de selección de persoal investigador e de apoio á investigación aterase, na convocatoria, aos criterios de selección específicos necesarios para este tipo de persoal cualificado, de acordo co que establece a Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e de acordo coa normativa e principios reitores que en materia de persoal investigador defina a Xunta de Galicia.

3. A provisión de postos de traballo e a mobilidade do persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia destinado na Axencia correspóndelle á consellería competente en materia de función pública, de conformidade cos principios xerais e cos procedementos de provisión establecidos na normativa de función pública.

Artigo 40. Persoal laboral temporal

1. A Axencia, vixiando o escrupuloso cumprimento das estritas circunstancias en que procede a realización de contratos laborais, poderá celebrar contratos laborais de duración determinada, logo do informe favorable dos centros directivos da Administración autonómica competentes en materia de función pública e orzamentos.

2. A selección deste persoal realizarase de acordo coa normativa de función pública que regula a cobertura temporal de postos e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

3. No caso de que se requiran coñecementos técnicos especializados e non existan listas de contratación de persoal laboral ou funcionario coa preparación específica para o seu desempeño, poderase recorrer á realización dun procedemento específico de selección do persoal investigador temporal, logo do informe favorable das bases do centro directivo da Administración autonómica competente en materia de función pública.

Artigo 41. Condicións de traballo e réxime retributivo

1. A aprobación dos instrumentos polos cales se regulen as condicións de traballo do persoal destinado na Axencia e o seu réxime retributivo require informe previo e favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública e deberá ser negociada previamente coas organizacións sindicais representativas no ámbito do emprego público.

2. Os conceptos retributivos do persoal que presta os seus servizos na Axencia son os establecidos na normativa reguladora da función pública de Galicia e dos orzamentos da Comunidade Autónoma.

3. As condicións retributivas do persoal laboral da Axencia serán as establecidas no convenio aplicable e as súas contías fixaranse de acordo co establecido no punto anterior.

Artigo 42. Persoal directivo

1. Será persoal directivo da Axencia o que ocupe postos definidos como tales na relación de postos de traballo ou no cadro de persoal autorizados, en atención á especial responsabilidade, competencia técnica e relevancia das tarefas asignadas.

2. O persoal directivo da Axencia é nomeado e apartado polo Consello Reitor, logo de proposta motivada da Dirección da Axencia. A súa designación atenderá a principios de mérito e capacidade e a criterios de idoneidade e competencia profesional, e levarase a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e a concorrencia.

3. Cando o persoal directivo da Axencia teña a condición de funcionario, permanecerá na situación administrativa que lle corresponda segundo a normativa reguladora da función pública de Galicia.

4. Cando o persoal directivo da Axencia teña a condición de persoal laboral, estará sometido á relación laboral de carácter especial de alta dirección. Neste caso, a fixación das súas retribucións deberá contar cun informe previo favorable dos centros directivos da Administración xeral da Comunidade Autónoma competentes en materia de orzamentos e de función pública.

5. O persoal directivo está suxeito, no desenvolvemento das súas funcións, á avaliación de acordo cos criterios de eficacia, eficiencia e cumprimento da legalidade, responsabilidade pola súa xestión e control de resultados en relación cos obxectivos que lle foron fixados.

6. O persoal directivo poderá percibir unha parte da súa retribución como incentivo de rendemento mediante o complemento correspondente que valore a produtividade, de acordo cos criterios e coas porcentaxes que estableza o Consello Reitor e de conformidade coa normativa reguladora da función pública de Galicia e co Decreto 119/2012, do 3 de maio.

Artigo 43. Incompatibilidades

O persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria estará suxeito á normativa e ao réxime de incompatibilidades establecidos con carácter xeral para o persoal ao servizo das administracións públicas.

CAPÍTULO V

Réxime patrimonial e de contratación

Artigo 44. Patrimonio

1. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria terá, para o cumprimento dos seus fins, un patrimonio propio, distinto do da Administración xeral da Comunidade Autónoma, integrado polo conxunto de bens e dereitos de que sexa titular.

2. Así mesmo, poderán quedar adscritos á Axencia, para o cumprimento dos seus fins, os bens do patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma que así se acorde, de conformidade co disposto na normativa reguladora do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 45. Bens e dereitos propios

1. A Axencia poderá adquirir toda clase de bens e dereitos por calquera das formas admitidas no ordenamento xurídico.

2. A afectación dos bens adquiridos, así como a adquisición e o alleamento de bens inmobles ou de dereitos sobre eles, realizarase de acordo co disposto na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma.

Artigo 46. Bens adscritos

A adscrición e desadscrición de bens por parte da Administración da Comunidade Autónoma rexerase pola lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia. Aqueles conservarán a súa titularidade xurídica orixinaria e corresponderalle á Axencia o exercicio das competencias que determina a lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma para os bens adscritos.

Artigo 47. Contratación

A contratación da Axencia réxese pola normativa básica vixente en materia de contratos do sector público e polas normas de desenvolvemento aprobadas pola Comunidade Autónoma de Galicia.

CAPÍTULO VI

Actos da Axencia

Artigo 48. Regras e actos da Axencia

1. A Axencia ditará as normas internas necesarias para o cumprimento do seu obxecto e para o seu funcionamento, que poderán adoptar a forma de:

a) Resolucións, instrucións e circulares da Presidencia e da Dirección da Axencia.

b) Acordos do Consello Reitor da Axencia.

2. Os actos e as resolucións ditados polos órganos de goberno da Axencia, exceptuando o disposto no parágrafo seguinte, poñen fin á vía administrativa e serán susceptibles de impugnación na vía contencioso-administrativa sen prexuízo do recurso potestativo de reposición.

Contra os actos administrativos da Dirección da Axencia poderase recorrer en alzada perante a Presidencia, agás que fosen ditados por delegación desta.

3. A competencia para resolver os procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, declarar a lesividade dos anulables e revogar os de gravame ou desfavorables correspóndelles á persoa titular da consellería de adscrición respecto dos actos dos órganos superiores de goberno da Axencia e ao Consello Reitor da Axencia respecto aos actos ditados polos restantes órganos da Axencia.

4. Atribúeselle á persoa titular da consellería de adscrición a resolución das reclamacións de responsabilidade patrimonial.

Artigo 49. Asistencia xurídica

O asesoramento xurídico e a asistencia e defensa letrada da Axencia corresponderanlle á Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, mediante a formalización do oportuno acordo de natureza xurídico-pública, nos termos establecidos na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

CAPÍTULO VII

Réxime económico-financeiro e orzamentario

Artigo 50. Recursos económicos

1. Os recursos económicos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria son:

a) As transferencias consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os ingresos propios que perciban como contraprestación polas actividades que poida realizar en virtude de contratos, convenios ou disposicións legais para outras entidades, públicas ou privadas, ou persoas físicas.

c) O produto do alleamento dos bens e valores que constitúan o seu patrimonio, de acordo co establecido na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Os rendementos procedentes dos seus bens e valores.

e) As achegas voluntarias, doazóns, herdanzas e legados, e demais achegas a título gratuíto de entidades privadas e particulares.

f) Os ingresos recibidos de persoas físicas e xurídicas como consecuencia do patrocinio de actividades ou instalacións.

g) Os demais ingresos de dereito público ou privado que estea autorizada a percibir.

h) Calquera outro recurso que lle poida ser atribuído conforme o ordenamento xurídico vixente.

2. Os recursos que se deriven das alíneas b), e) e g) do punto anterior e non recollidos inicialmente no orzamento da Axencia poderanse destinar a financiar maiores gastos por acordo da Dirección.

3. De acordo co previsto na normativa orzamentaria, a Axencia poderá realizar a contratación de pólizas de crédito ou préstamo cando isto sexa necesario para atender desfases temporais de tesouraría, entendendo como tales as situacións de falta de liquidez que se poidan producir de forma ocasional.

4. A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de cada exercicio autorizará o límite máximo do endebedamento a curto prazo.

Artigo 51. Orzamento

1. A Axencia elaborará o seu anteproxecto anual de orzamentos conforme o disposto no seu contrato plurianual de xestión e coa estrutura e documentación establecidas pola consellería competente en materia de facenda. Unha vez aprobado polo Consello Reitor da Axencia, o anteproxecto será remitido á consellería de adscrición que, logo do seu exame, xunto co orzamento da propia consellería, o achegará á consellería da Administración autonómica competente en materia de facenda para a súa integración no correspondente anteproxecto de lei anual de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

O orzamento deberá estar equilibrado e terá carácter limitativo polo seu importe global e carácter estimativo para a distribución dos créditos en categorías económicas, agás os correspondentes a gastos de persoal e capital que, en todo caso, teñen carácter limitativo e vinculante pola súa contía total.

2. Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de facenda, por proposta da Dirección da Axencia, a autorización das variacións da contía global do orzamento, así como as que afecten os gastos de persoal e de capital. A autorización das restantes variacións que superen o inicialmente orzado, mesmo na contía global, cando sexan financiadas con recursos derivados das fontes recollidas nas alíneas b), e) e f) do número 1 do artigo 50, por riba dos inicialmente orzados e sempre que existan garantías suficientes da súa efectividade e do correspondente equilibrio orzamentario, correspóndelle ao Consello Reitor, que deberá dar conta posteriormente á consellería competente en materia de facenda.

3. Non se poderán adquirir compromisos plurianuais de gastos que se estendan máis aló de catro exercicios anuais, e o gasto que se lle impute a cada un deles non poderá exceder a cantidade que resulte de lle aplicar ao importe total de cada programa, excluídos o capítulo de persoal e os restantes créditos que teñan carácter vinculante, as seguintes porcentaxes: o 70 % no exercicio inmediato seguinte, o 60 % no segundo e o 50 % nos exercicios terceiro e cuarto.

Porén, o Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de facenda, poderá modificar as porcentaxes e os importes anteriores, así como modificar o número de anualidades en casos especialmente xustificados, por petición da consellería de adscrición.

4. A Dirección da Axencia poderá acordar a incorporación do remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, logo do informe preceptivo e vinculante da dirección xeral competente en materia de orzamentos. Do devandito acordo daráselle conta á Comisión de Control.

5. Os déficits derivados do incumprimento das estimacións de ingresos anuais compensaranse na forma prevista no contrato de xestión.

Artigo 52. Contabilidade

1. O réxime de contabilidade será o establecido na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

A Axencia deberá aplicar os principios contables contidos na normativa de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, para o cal contará cun sistema de información económico-financeiro e orzamentario que teña por obxecto mostrar, a través de estados e informes, a imaxe do patrimonio, da situación financeira, dos resultados e da execución do orzamento, e que proporcione información dos custos sobre a súa actividade que sexa suficiente para unha correcta e eficiente adopción de decisións.

2. Así mesmo, a Axencia contará cun sistema de contabilidade de xestión que permita seguir o cumprimento dos compromisos asumidos no contrato de xestión.

Artigo 53. Control da xestión económico-financeira

1. O control externo da xestión económico-financeira da Axencia correspóndelle ao Consello de Contas de Galicia, de acordo coa súa normativa específica.

2. O control interno da actividade económico-financeira da Axencia correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e realizarase de acordo co disposto na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Sen prexuízo do control establecido no punto anterior, a Axencia estará sometida a un control de eficacia que será exercido, a través do seguimento do contrato de xestión, pola consellería de adscrición. O devandito control ten por finalidade comprobar o grao de cumprimento dos obxectivos e a adecuada utilización dos recursos asignados.

CAPÍTULO VIII

Réxime de modificación dos estatutos

Artigo 54. Modificación dos estatutos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

1. A modificación dos estatutos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria levarase a cabo mediante decreto do Consello da Xunta, por proposta da consellería de adscrición, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda.

2. Cando a modificación proposta afecte os contidos incluídos no ámbito de materias enunciadas no artigo 37 do Estatuto básico do empregado público, será negociada coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública.

CAPÍTULO IX

Extinción da Axencia

Artigo 55. Extinción da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

A extinción da Axencia Galega da Calidade Alimentaria levarase a cabo mediante decreto do Consello da Xunta, por proposta da consellería de adscrición, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda. As disposicións anteriores determinarán o destino dos bens, dos dereitos e das obrigas dos organismos, así como as medidas aplicables ao persoal empregado do organismo que se suprime, no marco da lexislación reguladora de cada tipo de persoal.