Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 30 de maio de 2018 Páx. 26545

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2018, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta do 24 de maio 2018 polo que se aproba o acordo acadado o 23 de maio de 2018 entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO., para a mellora das condicións de traballo do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 24 de maio de 2018, aprobou o acordo acadado o 23 de maio de 2018 entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO., para a mellora das condicións de traballo do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Para xeral coñecemento procédese á publicación do referido acordo,

RESOLVO:

Dar publicidade ao Acordo do Consello da Xunta do 24 de maio de 2018 que a continuación se transcribe.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2018

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza

«Aprobar o acordo acadado o 23 de maio de 2018 entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO., para a mellora das condicións de traballo do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia que se xunta como anexo

ANEXO

Acordo entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO. para a mellora das condicións
de traballo do persoal ao servizo da Administración de xustiza de Galicia

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2018

Reunidos:

Pola Xunta de Galicia:

Director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez

Polas organizacións sindicais:

SPJ-USO, Julio Bouza Bouza

UGT, Manuel González Carvajal

CC.OO., Constantino Novoa Blanco

Expoñen:

Primeiro

que é vontade das organizacións sindicais asinantes poñer fin á situación de conflito xerada na Administración de xustiza en Galicia como consecuencia das xornadas de folga legal iniciadas o pasado mes de decembro de 2017 e posterior folga convocada con carácter indefinido a partir do día 7 de febreiro de 2018.

Segundo

Que nos cinco puntos obxecto da convocatoria da folga, a saber:

1. Incremento do complemento retributivo de determinación autonómica.

2. Ampliación dos supostos de incapacidade laboral transitoria nos cales se percibe o cen por cento das retribucións.

3. Articulación dunha compensación económica que retribúa a diferenza de soldo do persoal funcionario que realice unha substitución nun corpo superior.

4. Consolidación de prazas de reforzo de máis de tres anos de duración.

5. Amortización de prazas prevista no marco do plan de modificación dos cadros de persoal aprobado en 2012.

E, tras un longo período de negociacións, cun esforzo por achegar posturas, acadouse un acordo para a mellora das condicións de traballo do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia e, conseguintemente, do servizo público que estes profesionais prestan á cidadanía.

Terceiro

Que a Administración e os sindicatos entenden que con este acordo se dá cumprimento ao acordado no Parlamento de Galicia en referencia aos cinco puntos antes mencionados.

Cuarto

Que na comisión de seguimento se concretarán aqueles aspectos contidos neste acordo que así o precisen.

Polo que,

ACORDAN:

1. Incremento dos complementos retributivos de determinación autonómica.

O presente acordo parte neste punto do recoñecemento pola Administración de que é necesario incrementar a dita retribución complementaria ata acadar, como mínimo, a media das cantidades percibidas no resto de territorios nos cales desenvolve as súas funcións o persoal ao servizo da Administración de xustiza.

Os complementos retributivos de determinación autonómica son:

1. Complemento autonómico transitorio.

2. Complemento específico.

En consecuencia, os mencionados complementos incrementaranse nas cantidades que, para cada corpo, se reflicten no seguinte cadro. O dito incremento producirase en tres anualidades, distribuído nunha porcentaxe sobre o total, do 50 % en 2018, o 30 % en 2019 e o 20 % en 2020, ata acadar a súa totalidade.

Corpo

Incremento (€/mes)

Médicos forenses

140

Xestión

135

Tramitación

127

Auxilio xudicial

122

Estes complementos serán revisados anualmente no terceiro trimestre de cada ano, para os efectos de que a modificación se poida incluír na lei de orzamentos de cada ano, coa finalidade de garantir que os traballadores da Administración de xustiza de Galicia manteñan unha posición por riba da media dos ámbitos territoriais con competencia en materia de xustiza, no que aos complementos retributivos de determinación autonómica se refire.

2. Ampliación dos supostos de incapacidade laboral transitoria nos cales se percibe o cen por cento das retribucións.

O Real decreto 20/2012, do 13 de xullo, e a subseguinte modificación do número 5 do artigo 504 da Lei orgánica do poder xudicial, modificou o réxime da prestación económica na situación de incapacidade temporal do persoal ao servizo das administracións públicas, atribuíndo a cada Administración, no seu respectivo ámbito competencial, complementar as ditas prestacións cos límites previstos na referida norma.

Neste marco legal ditouse o Decreto autonómico 169/2013, do 14 de novembro, que determinou os supostos que permitían establecer un complemento ata acadar, como máximo, o 100 % das retribucións que se viñan percibindo antes de estar na situación de incapacidade temporal.

Con data do 9 de marzo de 2018, o Ministerio de Facenda e Función Pública e as organizacións sindicais asinaron un acordo polo cal se habilitan as distintas administracións públicas, logo de negociación colectiva, para determinaren as retribucións que percibirá o seu persoal en situación de incapacidade temporal, mediante o establecemento dun complemento retributivo que, sumado á prestación do réxime xeral da Seguridade Social ou dos seus réximes especiais, acade ata un máximo do cen por cento das súas retribucións fixas previas ao inicio da incapacidade temporal.

Con base na dita habilitación, amplíanse os supostos previstos no Decreto autonómico 169/2013 incorporando os seguintes:

• Interrupción voluntaria do embarazo no primeiro trimestre por indución farmacolóxica.

• Incapacidade temporal durante o tratamento de reprodución asistida.

• Enfermidades de declaración obrigatoria do Real decreto 2210/1995.

• Cardiopatías isquémicas.

Deste xeito, queda equiparada a situación do persoal dos corpos ao servizo da Administración de xustiza en Galicia co resto dos corpos funcionariais ou autoridades do ámbito xudicial.

A data de efectividade desta ampliación será a da publicación da norma estatal habilitante, de acordo co previsto coa cláusula 5ª do II Acordo para a mellora do emprego público e de condicións de traballo, do 9 de marzo de 2018.

A partir da sinatura deste acordo, iniciarase a tramitación de forma inmediata da modificación do Decreto autonómico 169/2013.

Así mesmo, no caso de que as condicións do resto de corpos funcionariais ou autoridades do ámbito xudicial melloren, as novas condicións trasladaranse tamén ao persoal suxeito ao ámbito deste acordo.

3. Articulación dunha compensación económica do persoal que realice unha substitución nun corpo superior.

A Administración autonómica modificará a normativa sobre as denominadas substitucións verticais, é dicir, aquelas en que o persoal funcionario realiza unha substitución nunha praza dun corpo inmediatamente superior ao da súa pertenza.

Esta modificación normativa terá por finalidade que o persoal que realice a substitución nun corpo inmediato superior perciba, ademais das retribucións complementarias, a diferenza entre as retribucións básicas do seu corpo de pertenza e as correspondentes ao corpo a que está adscrito o posto que efectivamente desempeñe.

Esta compensación económica virá xustificada pola especial responsabilidade e dedicación que realiza o persoal funcionario que exerce funcións propias dun grupo de clasificación superior a aquel a que pertence.

A percepción desta diferenza será efectiva desde o primeiro día do mes en que se asine o presente acordo.

4. Consolidación de prazas de reforzo de máis de tres anos de duración.

A Administración e as organizacións sindicais acordan, nun prazo non superior a un mes, iniciar a negociación necesaria para converter en postos de cadro de persoal aquelas prazas de reforzo que conten cunha antigüidade mínima de tres anos ininterrompidos.

Para os efectos de cómputo da devandita antigüidade, tomarase como referencia o 1 de xaneiro de 2015, sen que ningún destes reforzos, que no momento da sinatura do presente acordo cumpran con estes requisitos, sexa suprimido ata que se realice a súa consolidación.

Para iso, e conxuntamente coas organizacións sindicais asinantes deste acordo na Administración de xustiza, procederase a analizar as cargas efectivas de traballo, así como a formular unha distribución destas novas prazas, garantíndose un número total destas e a localidade de orixe, ben que non necesariamente na unidade de destino actual cando así sexa preciso para unha mellor racionalización e organización de medios ao servizo do poder ao cal serven.

Xúntase como anexo a este acordo a listaxe das prazas que cumpren os requisitos indicados en 15 de xaneiro de 2018.

5. Creación de prazas no marco do plan de modificación dos cadros de persoal aprobado en 2012.

No ano 2012 aprobouse o denominado Plan de modificación dos cadros de persoal, que prevía a amortización de ata 105 prazas que, por diversas razóns (variacións das cargas de traballo en distintos órganos por causa das modificacións das leis procesuais ou sobredotación dalgúns órganos en relación con outros da mesma categoría), se consideraron susceptibles de amortización. A dita amortización, que se iría producindo gradualmente e sempre e cando as prazas quedasen vacantes, non implicaba en si mesma a minoración do número de postos de persoal funcionario xa que, como obxectivos primordiais deste plan figuraban os de:

– Consolidación de reforzos, entre eles os das fiscalías (22 prazas), no marco do proxecto de implantación da nova oficina fiscal.

– Reforzar os servizos comúns de apoio e decanatos.

Neste contexto, ao cal se engadirían as posibles necesidades derivadas da implantación do novo modelo de oficina xudicial en Galicia, a Administración comprométese a iniciar a negociación para a creación de novas prazas, tendo en consideración, para estes efectos, as incluídas no mencionado plan de 2012. Para estes efectos, non computarán as 31 prazas dos órganos de nova creación que entraron en funcionamento o pasado mes de xaneiro de 2018.

En todo caso, con respecto ás prazas ocupadas, a medida que vaian quedando vacantes iniciaranse os trámites necesarios para a súa modificación, con vistas á súa conversión en prazas de nova creación noutros órganos e servizos xa existentes ou novos vinculados á posta en marcha da nova oficina xudicial.

No caso das amortizacións de prazas nas seccións penais das audiencias provinciais, a Administración comprométese a deixar unha praza de tramitación máis das previstas no plan de modificación dos cadros de persoal de 2012. As prazas de tramitación das ditas seccións penais que, por estaren incursas no dito plan, se encontran vacantes na data de sinatura do presente acordo, ofreceranse para a súa provisión mediante o sistema de substitución e, posteriormente, incluiranse no primeiro concurso de traslados que se convoque para a súa provisión definitiva.

6. Melloras nos xulgados con competencias en materia de violencia sobre a muller.

Establecerase un complemento retributivo por obxectivos de carácter mensual para o persoal funcionario destinado nestes xulgados segundo a seguinte clasificación:

a) Xulgados exclusivos de violencia sobre a muller (en Galicia son os da Coruña e Vigo), nos cales a cantidade sería de 100 €/mes para cada funcionario.

b) Xulgados de instrución que asumen a materia de violencia sobre a muller de xeito compartido con outras materias penais, do resto das cidades galegas (Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Pontevedra), coa cantidade de 75 €/mes para cada funcionario.

c) Xulgados de primeira instancia e instrución do resto dos partidos xudiciais que asumen a materia de violencia sobre a muller de xeito compartido con outras materias penais, sempre que no ano anterior incoasen polo menos 75 ou máis dilixencias en materia de violencia sobre a muller, coa cantidade de 50 €/mes para cada funcionario.

Este complemento será adicional e compatible cos complementos retributivos de determinación autonómica aos cales se fai referencia no punto primeiro, así como coas prolongacións de xornada establecidas nestes órganos.

7. Ampliación do permiso por maternidade e paternidade.

En ambas as dúas situacións, aplicaráselle ao persoal ao servizo da Administración de xustiza o previsto para as situacións de maternidade e paternidade na Lei de emprego público de Galicia.

8. Plan de actuación e recuperación do traballo por causa das xornadas de folga.

Este plan de actuación por obxectivos elaborarase de común acordo co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e coa Fiscalía Superior da Comunidade Autónoma, o antes posible, coa finalidade de axilizar o traballo nos xulgados de tal maneira que, con respecto aos tempos procesuais determinados polas leis, se acurten os prazos de tramitación dos expedientes xudiciais.

Este plan de actuación por obxectivos procurará acadar, dentro do marco do acordado de conformidade co establecido no parágrafo precedente, a recuperación de, polo menos, o 80 % do traballo atrasado por mor da folga ou como resultado dela.

O seguimento, cumprimento e control dos obxectivos fixados no plan será efectuado e avaliado pola comisión de seguimento prevista no punto 12 do presente documento.

Este plan abarcará a totalidade das oficinas xudiciais de Galicia e todos os corpos ao servizo da Administración de xustiza de Galicia.

9. Rateo dos descontos pendentes por xornadas de folga.

Os descontos dos días de folga pendentes de aplicación en nómina serán repartidos de xeito proporcional nos meses restantes ata decembro a partir da data de sinatura do presente acordo.

10. Carreira profesional.

A Xunta de Galicia comprométese, a través dunha mesa específica de negociación, a estudar a implantación, dentro do marco lexislativo, dun sistema de carreira profesional para os funcionarios da Administración de xustiza en Galicia.

O dito sistema poderá ter en conta a implantación da nova oficina xudicial de Galicia no marco da modernización da Administración de xustiza na nosa Comunidade Autónoma.

11. Ámbito de aplicación.

O presente acordo será de aplicación ao persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia a que se refire o artigo 470 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial.

12. Comisión de seguimento.

Constituirase unha comisión de seguimento paritaria formada por igual número de membros por cada parte.

Pola Administración estará integrada por representantes da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e de Facenda.

Pola parte sindical, polos membros designados por cada unha das organizacións sindicais asinantes deste acordo.

Esta comisión estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Xustiza ou pola persoa en quen esta delegue.

As súas funcións son a interpretación e o seguimento do cumprimento das cláusulas do presente acordo.

Pola Administración:

O director xeral de Xustiza

Asdo.: Juan José Martín Álvarez

Polas organizacións sindicais:

Por SPJ-USO

Asdo.: Julio Bouza Bouza

Por UGT

Asdo.: Manuel González Carvajal

Por CC.OO.

Asdo.: Constantino Novoa Blanco»

ANEXO

Prazas de reforzo consolidables

XULGADO

CORPO

INICIO REFORZO

1

DECANATO A CORUÑA

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

16.7.2010

2

DECANATO A CORUÑA

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

7.11.2012

3

DECANATO A CORUÑA

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

9.2.2011

4

DECANATO A CORUÑA

AUXILIO XUDICIAL

30.11.2011

5

DECANATO PR.I/I. BETANZOS

AUXILIO XUDICIAL

1.12.2007

6

DECANATO PR.I/I. SANTIAGO DE COMPOSTELA

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

14.10.2014

7

DECANATO PR.I/I. SANTIAGO DE COMPOSTELA

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

14.10.2014

8

IMELGA. SUBDIRECCIÓN TERRITORIAL DE FERROL

AUXILIO XUDICIAL

25.6.2015

9

T.S.X. SECRETARÍA DE GOBERNO A CORUÑA

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

30.10.2006

10

XDO. INSTRUCIÓN Nº 2 FERROL

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

18.11.2013

11

XDO. INSTRUCIÓN Nº 3 SANTIAGO DE COMPOSTELA

XESTIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

1.8.2013

12

XDO. INSTRUCIÓN Nº 3 SANTIAGO DE COMPOSTELA

XESTIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

1.8.2013

13

XDO. MERCANTIL Nº 1 A CORUÑA

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

5.11.2014

14

XDO. MERCANTIL Nº 1 A CORUÑA

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

21.10.2014

15

XDO. CONT-ADTVO. Nº 2 SANTIAGO DE COMPOSTELA

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

19.4.2011

16

XDO. PR. INST. E INSTR. Nº 1 RIBEIRA

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

27.5.2010

17

XDO. INSTRUCIÓN Nº 1 LUGO

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

30.1.2014

18

XDO. INSTRUCIÓN Nº 1 LUGO

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

2.7.2013

19

XDO. INSTRUCIÓN Nº 1 LUGO

XESTIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

12.1.2011

20

XDO. INSTRUCIÓN Nº 2 LUGO

XESTIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

12.12.2012

21

XDO. INSTRUCIÓN Nº 3 LUGO

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

1.9.2008

22

DECANATO PR.I/I. OURENSE

AUXILIO XUDICIAL

21.7.2005

23

DECANATO. SERV. COMÚN DE APOIO OURENSE

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

3.11.2009

24

DECANATO. SERV. COMÚN DE APOIO OURENSE

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

8.7.2014

25

DECANATO. SERV. COMÚN DE APOIO OURENSE

AUXILIO XUDICIAL

15.1.2010

26

XDO. DO PENAL Nº 2 OURENSE

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

8.2.2010

27

DECANATO PR.I/I. CAMBADOS

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

1.4.2011

28

DECANATO VIGO

AUXILIO XUDICIAL

9.4.2013

29

DECANATO VIGO

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

11.4.2013

30

DECANATO VIGO

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

11.6.2013

31

DECANATO VIGO

XESTIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

1.10.2013

32

DECANATO VIGO

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

1.10.2013

33

IMELGA. SUBDIRECCIÓN TERRITORIAL DE VIGO

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

30.11.2007

34

XDO. PR. INST. E INSTR. Nº 2 CAMBADOS

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

12.5.2007

35

XDO. PR. INST. E INSTR. Nº 2 VILAGARCÍA DE AROUSA

TRAMITACIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

18.12.2007

36

XDO. PRIM. INST. Nº 12 VIGO

XESTIÓN PROCESUAL E ADMINISTRATIVA

12.5.2011