Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 30 de maio de 2018 Páx. 26627

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 53/2018, do 9 de maio, polo que se aproba o cambio de titularidade do antigo trazado da estrada provincial LU-P-2801 entre os puntos quilometricos 7+020 e 7+448, a prol do Concello de Riotorto.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Riotorto solicita á Deputación Provincial de Lugo o cambio de titularidade dun tramo antigo da estrada LU-P-2801 que pasa polo medio das casas do pobo de Augaxosa entre os p.q. 7+020 e 7+448 de San Tomé, por Santadrao e Augaxosa, ao Mazo. O Concello xustifica a dita solicitude na necesidade de levar a cabo un proxecto de aglomerado no lugar de Augaxosa polo medio do pobo o que afecta a unha parte da antiga estrada provincial LU-P-2801.

A Deputación de Lugo, en sesión ordinaria celebrada o día 26 de xullo de 2017, aceptou a proposta de cambio de titularidade a prol do Concello de Riotorto, do antigo tramo da estrada provincial LU-P-2801, por Santadrao e Augaxosa, ao Mazo.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día nove de maio de dous mil dezaoito

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Riotorto do tramo da estrada provincial LU-P-2801, de San Tomé, por Santadrao e Augaxosa, ao Mazo, entre os p.q. 7+020 e 7+448.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Riotorto deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Riotorto, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de maio de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda