Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 31 de maio de 2018 Páx. 26875

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 10 de abril de 2018, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada e o estudo de impacto ambiental presentados por Agrícola Gandeira Aguiar, S.C., para a ampliación dunha explotación avícola de engorda de polos no concello de Sarreaus, provincia de Ourense (expediente 2017-IPPC-I-71).

Para os efectos previstos no artigo 29 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro) faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposto o documento titulado:

– Proxecto básico e estudo de impacto ambiental para solicitar a autorización ambiental integrada dunha ampliación de explotación avícola.

Promotor: Agrícola Gandeira Aguiar, S.C.

Localización: Perrelos-Sarreaus (Ourense).

Para que calquera interesado poida consultalo e, de ser o caso, formular dentro do dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes. O documento poderá consultarse:

– Na Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela), en horario de atención ao público.

– Na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (http://cmaot.xunta.gal/secciontema/c/CMAOT_Prevencion_e_control_de_actividadescontent=SX_Calidade_Avaliacion_Ambiental/Autorizacion_ambiental_integrada/seccion.html&ui=SX_Calidade_Avaliacion_Ambiental/Autorizacion_ambiental_integrada/dinamico/listado_ippc_central.html).

As alegacións, suxestións ou observacións dirixiranse ao Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2018

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2017-IPPC-I-71.

Peticionario: Agrícola Gandeira Aguiar, S.C.

NIF: J32480634.

Enderezo social: Perrelos, s/n, 32631 Sarreaus (Ourense).

Localización da instalación: Perrelos, s/n, 32631 Sarreaus (Ourense). Un punto de localización da explotación avícola é o definido polas coordenadas UTM (FUSO 29, DATUM ETRS89): X: 614724, Y: 4661365.

Actividade: explotación avícola de engorda de polos.

Descrición: actualmente a explotación conta con dúas naves destinadas á engorda de polos. O proxecto consiste na construción dunha terceira nave de 145,00×17,60 m, coa cal a superficie útil total da explotación dedicada a engorda de polos pasará a ser de 5.828 m2, cunha densidade máxima de 15,6 aves/m2, do que resulta unha capacidade máxima produtiva de 90.916 polos de engorda. Tamén se construirá unha esterqueira de 16,00×17,60 m para almacenar o esterco producido na explotación.

Os ciclos de produción comezan coa entrada nas naves de poliños dun día, onde permanecen uns 45-50 días ata acadar un peso medio de 2,50 kg, momento no cal son levados ao matadoiro para o seu sacrificio. Ao final do ano sucédese un total de 6 ciclos produtivos. Tras cada ciclo retírase o esterco e desinféctanse as naves de produción.

As augas de limpeza das naves de produción serán conducidas a unha fosa estanca de 48 m3 de capacidade, o que se xestionará posteriormente como fertilizante orgánico xunto co resto do esterco producido polas aves, e as augas dos aseos e vestiarios serán conducidas a unha fosa séptica prefabricada. As augas pluviais verteranse directamente ao terreo.

Inclúese na documentación presentada o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo ao recollido na Decisión de execución (UE) 2017/302 da Comisión, do 15 de febreiro de 2017, pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) no marco da Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello, respecto á cría intensiva de aves de curral ou de porcos.