Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 4 de xuño de 2018 Páx. 27346

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 3 de maio de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Coto de Frades situado nos concellos da Pontenova e da Fonsagrada e promovido pola sociedade Norvento, S.L. (LU-11/128-EOL).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Norvento, S.L. en relación coa autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico Coto de Frades (en diante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, promovido por Norvento, S.L. (en diante, o promotor) cunha potencia de 15 MW.

Segundo. O 7.3.2011, Norvento, S.L., solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico. Posteriormente, o 27.6.2011, o promotor solicitou a aprobación do proxecto sectorial.

Terceiro. O 21.10.2011, o promotor presentou o estudo de impacto ambiental.

Cuarto. O 5.3.2012, a Agencia Estatal de Seguridad Aérea autorizou a instalación do parque eólico, establecendo, así mesmo, o correspondente condicionado.

Quinto. O 21.5.2012, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria en Lugo (en adiante, a xefatura territorial) informou que a área definida pola poligonal do parque eólico non estaba afectada por ningún dereito mineiro.

Sexto. O 22.5.2012, a xefatura territorial emitiu o informe sobre as instalacións electromecánicas recollidas no proxecto de execución do parque eólico.

Sétimo. O 30.5.2012, a xefatura territorial solicitou os condicionados técnicos, remitindo as correspondentes separatas do proxecto, ás seguintes administracións, organismos ou empresas de servizo público: Concello da Fonsagrada, Concello da Pontenova, Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar en Lugo, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Retegal e Retevisión I, S.A.

Oitavo. Por Resolución do 30 de maio de 2012, da xefatura territorial, sometéronse a información pública para autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, así como inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e aprobación do seu estudo de impacto ambiental e do correspondente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, as instalacións relativas ao parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 3 de xullo de 2012, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 18 de xuño e no xornal El Progreso do 14 de xuño. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios da xefatura territorial e dos concellos afectados (A Fonsagrada e A Pontenova).

Durante o período de información pública presentáronse, nas datas que se indican, as seguintes alegacións: Magdalena Acevedo García, o 3.6.2012; Rogelia Ramallal Llenderrozos, o 21.6.2012; José María Marques Montero, o 2.7.2012; Avelino García Marques, o 13.7.2012; a Sociedade Galega de Historia Natural, o 3.7.2012; e Oliva Ocampo Méndez, o 16.11.2012. Posteriormente, o 11.7.2013, Arturo Marques Villarino presentou un escrito de alegacións.

Noveno. O 21.6.2012, o Concello da Pontenova respondeu á solicitude de condicionado. O promotor manifestou a súa conformidade o 24.7.2012.

Décimo. O 27.6.2012, Retevisión I, S.A., contestou á solicitude do condicionado técnico. O promotor manifestou a súa conformidade o 31.7.2012.

Undécimo. O 3.8.2012, a xefatura territorial reiterou a solicitude do condicionado técnico a Retegal, ao Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar en Lugo, á Confederación Hidrográfica do Cantábrico e ao Concello da Fonsagrada.

Duodécimo. O 6.9.2012, Retegal emitiu o correspondente condicionado técnico. O 11.10.2012 o promotor achegou a súa resposta.

Décimo terceiro. O 21.3.2013 a xefatura territorial remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo cuarto. O 17.6.2013, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou as modificacións de proxecto do parque eólico. Estas modificacións consisten, de forma xeral, no cambio da posición dun dos cinco aeroxeradores, así como na modificación do trazado do vial de acceso a outros dos aeroxeradores, e están motivadas polas consideracións efectuadas pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza durante a tramitación ambiental.

Décimo quinto. O 4.7.2014, á vista dunha posible afección a un vértice xeodésico detectada durante a tramitación ambiental do proxecto do parque eólico, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas remitiu a correspondente separata ao Instituto Geográfico Nacional, para os efectos da emisión do oportuno condicionado técnico.

Décimo sexto. O 18.7.2014, o Instituto Geográfico Nacional contestou á solicitude do condicionado técnico. O 8.10.2014 o promotor manifestou a súa conformidade.

Décimo sétimo. O 18.8.2014 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 17 de setembro de 2014 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 81, do 28 de abril de 2016).

Décimo oitavo. O 30.6.2015, para os efectos de continuar coa tramitación do expediente, o promotor presentou a addenda ao proxecto de execución e a relación de bens e dereitos afectados actualizada, nas cales se recollen as modificacións autorizadas o 17.6.2013 pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Posteriormente, o 6.8.2015, o promotor presentou o proxecto sectorial actualizado.

Décimo noveno. O 19.10.2015, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Vixésimo. Mediante escritos do 16.11.2015, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, notificou ás persoas interesadas as modificacións introducidas na relación de bens e dereitos afectados polo proxecto. Para aqueles casos en que non foi posible efectuar a notificación, o 4.4.2016 publicouse un anuncio no taboleiro de edictos único (TEU) do Boletín Oficial del Estado (BOE), co fin de realizar a notificación por comparecencia. Transcorrido o prazo establecido no dito anuncio non compareceu ningún interesado. En relación coas notificacións efectuadas, non se recibiu ningunha alegación.

Vixésimo primeiro. O 2.5.2016, o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética emitiu informe en relación coa addenda proxecto de execución parque eólico Coto de Frades. Xuño 2015.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 20 do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como no artigo 28.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, aplicable ao presente procedemento en virtude do previsto na disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e de acordo co establecido polos artigos 38 e 44 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. No informe do Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial do 21.5.2012, non se recolle ningún dereito mineiro vixente que afecte á área definida pola poligonal do parque eólico, polo que non foi necesaria a apertura do trámite de compatibilidade a que se refire o artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Cuarto. Durante a tramitación do expediente presentáronse as alegacións indicadas no antecedente de feito oitavo. A seguir resúmese o seu contido:

1. Unha das persoas alegantes expón en primeiro lugar que debe determinarse o tipo de afección sobre a súa parcela antes da aprobación do proxecto. Manifesta a súa negativa á declaración de utilidade pública sobre a parcela polas limitacións que esta implicaría no seu uso e aproveitamento. Solicita que o xusto prezo se determine polo método de comparación a partir do valor de predios análogas ou, na súa falta, mediante a capitalización das rendas reais ou potenciais do solo e conforme o seu estado no momento da valoración. Nesta valoración deberá terse en conta que a parcela está dedicada ao cultivo de piñeiros destinados a venda de madeira e que, polo tanto, se reducirían os ingresos por esta actividade. Tamén deberá compensarse economicamente a depreciación que o parque eólico causará na parcela. Manifesta así mesmo o seu interese en que por parte dun técnico competente se describa a idade, diámetro, especie e sacrificio de cortabilidade dos bens afectados. Expón por último que o promotor non intentou a negociación a fin de determinar o prezo e as posibles opcións que se realicen sobre o terreo.

2. A Sociedade Galega de Historia Natural, na súa alegación, solicita que:

a) Ao non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no artigo 45.6 da Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade, non se autorice a afección de aeroxeradores e viais de acceso sobre especies incluídas no anexo II da citada lei, nin sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000 en Galicia.

b) Se extremen as medidas para evitar as afeccións do proxecto sobre as especies incluídas no anexo I da Directiva aves, nos libros vermellos estatais e no catálogo galego de especies ameazadas presentes na zona e se contemple a adopción de medidas mitigadoras.

c) Se inclúan no proxecto todas as medidas preventivas e/ou correctoras recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas que teña elaborados (ou en elaboración) a Xunta de Galicia de acordo co previsto nos artigos 15 e 16 do Decreto 88/2007;

d) O proxecto adopte medidas eficaces para mitigar a mortaldade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nos viais de acceso (atropelo e atrapamento en gabias, taxeas, pasos canadenses, etc) e para minimizar a mortaldade de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores e perturbacións sobre a súa utilización dos hábitats na contorna do parque eólico durante todas as fases do ciclo vital.

3. Noutra alegación solicítase que se xustifiquen os motivos polos que non foi posible que o promotor acadase acordos cos propietarios afectados antes da declaración de utilidade pública.

4. Outra das persoas alegantes manifesta que non se lle concretou a situación exacta do terreo que se vai ocupar dentro da súa parcela, o que impide cuantificar a parte da plantación que se vai ver afectada, polo que solicita que se lle faciliten os datos necesarios para o efecto.

5. Noutra das alegacións maniféstase o seguinte:

a) O parque eólico sitúase dentro da reserva da biosfera «Oscos-Eo-Terras de Burón». Atendendo os requirimentos e características desta figura, as alteracións derivadas do proxecto resultan incompatibles coa conservación dos recursos naturais e de hábitats presentes na zona.

b) O parque eólico sitúase sobre unha área con presenza de hábitats prioritarios para os cales a Directiva 92/43 CE establece a necesidade de adoptar medidas especiais de protección. É de aplicación o establecido no artigo 6.4 da dita directiva.

c) A servidume de paso que afecta ao seu predio podería prexudicar os seus intereses económicos e da explotación futura deste. En relación con isto achega o contrato de xestión e explotación asinado cun terceiro sobre os seus predios, no marco do cal elaborouse un plan de viabilidade que inclúe o estudo e posterior implantación de plantas para a xeración de biomasa, biocombustible ou cultivos enerxéticos para unha explotación forestal sustentable.

d) Formula dúbidas sobre a situación en que quedarán as instalacións do parque eólico, así como o seu predio, cando finalice a vida útil do proxecto. Por outra parte, manifesta que nin no proxecto nin na declaración de utilidade pública se menciona efecto positivo ningún sobre o emprego ou o desenvolvemento da zona.

e) Na notificación que recibiu non queda claro o tipo de servidume que se pretende establecer sobre o seu predio. Deberá especificarse para poder exercer os seus dereitos e os plans de viabilidade do predio.

f) O proxecto non inclúe un estudo de mobilidade que analice os efectos da circulación de maquinaria pesada e demais vehículos como consecuencia das obras e do servizo posterior do parque eólico.

g) O alegante entende que se teñen vulnerado os principios esenciais de participación e dereito á información dos cidadáns nas súas relacións coas administracións públicas, posto que unicamente se dispuxo da consulta da documentación in situ, sen outros medios telemáticos ou informáticos, causando indefensión aos interesados.

h) Considera que o estudo técnico de viabilidade económica do proxecto non inclúe todos os datos e que algúns deles poñen en dúbida esta viabilidade.

i) Finalmente solicita a suspensión da declaración de utilidade pública e da aprobación do proxecto de execución, a revisión do parque eólico e da afección sobre o seu predio e a valoración do prexuízo económico causado, así como a realización dun estudo de mobilidade sustentable.

6. Outra das persoas alegantes comunica que na notificación recibida os datos referentes á parcela e ás afeccións aparecen en branco, polo que solicita que se lle notifiquen todos os datos.

7. Finalmente, noutra das alegacións, o interesado manifesta que, de acordo coa documentación que achega, é o propietario dunha parcela que na relación de bens e dereitos afectados figura con outra titularidade.

En vista do contido das alegacións indicadas e das respostas efectuadas polo promotor cómpre manifestar o seguinte:

1. En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, cómpre indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas, correspondendo á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (emprazamento, extensión, tipo de aproveitamento,...), así como das afeccións reais do proxecto sobre estes. Pola súa parte, o promotor manifestou a súa intención de acadar acordos cos titulares de bens e dereitos afectados polo proxecto, así como a súa disposición a realizar unha implantación das afeccións sobre o terreo no momento previo a acadar un eventual acordo cos afectados ou, de ser o caso, ao levantamento das actas previas.

2. No que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor e as persoas afectadas con anterioridade ou durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

3. En canto ás notificacións incompletas, estas foron corrixidas e remitidas de novo aos interesados. Polo que respecta ás solicitudes de información máis precisa sobre as afeccións, o promotor manifestou a súa vontade de poñerse en contacto cos alegantes para facilitarlles toda a información necesaria. Sen prexuízo do anterior, considérase que a documentación posta á disposición das persoas interesadas durante a información pública do proxecto foi suficiente para coñecer con exactitude a magnitude e o emprazamento das afeccións a cada predio. Esta documentación estivo á disposición das persoas interesadas tanto nas dependencias da xefatura territorial como nas dos concellos afectados (A Pontenova e A Fonsagrada).

4. No que se refire ás alegacións de carácter ambiental enténdese que o seu contido tívose en consideración na elaboración da declaración de impacto ambiental emitida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 18.8.2014.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar as instalacións do parque eólico Coto de Frades, emprazado nos concellos da Pontenova e da Fonsagrada (Lugo) e promovido por Norvento, S.L., cunha potencia de 15 MW.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución das instalacións do parque eólico Coto de Frades, composto polos documentos proyecto de ejecución parque eólico Coto de Frades. Xaneiro 2011 e addenda proyecto de ejecución parque eólico Coto de Frades. Xuño 2015, asinados polo enxeñeiro industrial Pablo Fernández Castro, colexiado nº 985/201 do ICAI. As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Norvento, S.L.

Domicilio social: rúa Ribadeo, 2, entresollado, 27002 Lugo.

Denominación: parque eólico Coto de Frades.

Potencia instalada: 15 MW.

Concellos afectados: A Pontenova e A Fonsagrada (Lugo).

Produción neta anual estimada: 44.459 MWh/ano.

Orzamento de execución material: 13.393.637,25 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico (UTM ED50, huso 29):

Vértice

UTM-X

UTM-Y

1

657.000

4.796.000

2

656.000

4.794.500

3

655.456,53

4.794.728,66

4

654.750

4.794.500

5

654.750

4.795.500

6

652.000

4.797.000

7

652.000

4.798.500

Coordenadas de emprazamento dos aeroxeradores (UTM ED50, huso 29):

Aeroxerador

UTM-X

UTM-Y

FR01

653.192

4.796.623

FR02

652.931

4.796.823

FR03

654.524

4.796.015

FR04

655.068

4.795.556

FR05

654.249

4.796.131

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 5 aeroxeradores Vestas V112 de 3.000 kW de potencia nominal unitaria, de ata 119 m de altura de buxa e 112 m de diámetro de rotor.

– 5 centros de transformación de 3.450 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,65/20 kV, instalados individualmente no interior da góndola de cada aeroxerador coas súas correspondentes aparellaxes de seccionamento, manobra e protección.

– Unha torre meteorolóxica autoportante de 119 m de altura, equipada con anemómetros, cataventos, medidor de temperatura, medidor de presión e logger rexistrador.

– Liñas eléctricas subterráneas de 20 kV de tensión nominal, en canalización entubada, para a evacuación de enerxía xerada, de interconexión entre centros de transformación 0,65/20 kV e subestación transformadora 20/132 kV.

– Camiños ou vías, con plataforma de 5 m de largura mínima en balastro natural da zona para o acceso a aeroxeradores, torre anemométrica, edificio de control e subestación eléctrica.

– Subestación transformadora composta por un transformador principal intemperie 20/132 kV, de 11,25/15 MVA ONAN/ONAF de potencia nominal e un transformador para servizos auxiliares 20/0,4 kV de 100 kVA de potencia nominal, cos correspondentes equipamentos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

– Edificio de control en que se situarán, entre outros, as celas de liña, de protección e de medida.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Para garantir o cumprimento das súas obrigas, Norvento, S.L. constituirá, de acordo co establecido no artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, unha fianza polo importe de 267.872,75 euros, correspondente ao 2 % do orzamento de execución material das instalacións do proxecto que por esta resolución se aproba.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no dito artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

2. Consonte o disposto nos artigos 40.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Norvento, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento da obriga de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 141.055 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir a obriga de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

3. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

5. As instalacións autorizadas realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba.

6. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Norvento, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

7. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de oito meses contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 18.08.2014 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, que lle resulten de aplicación.

9. A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condiciones impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Lugo, de acordo co establecido nos artigos 38 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas