Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 4 de xuño de 2018 Páx. 27294

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2018 pola que se convoca o curso monográfico A nova Lei de contratos do sector público na Administración local.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública, en diante EGAP, a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico A nova Lei de contratos do sector público na Administración local, de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

O pasado 9 de novembro publicouse no BOE a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se transpoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

Ademais da transposición das citadas directivas, a lei establece un novo marco regulador do sistema de contratación pública, con vocación de ser máis eficiente, transparente e íntegro, e mellorar as súas condicións de acceso facilitando, en particular, a participación das pemes.

Coa realización deste curso perséguense os obxectivos de analizar as principais modificacións introducidas pola lei, en especial aquelas que afectan á contratación no ámbito da Administración local, e propiciar o debate ao redor daqueles aspectos máis innovadores e relevantes desde o punto de vista xurídico e da xestión pública.

2. Contidos.

Neste curso monográfico serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

1º. Novidades máis destacadas da LCSP. O novo perfil do contratante.

2º. Transparencia e bo goberno.

3º. Tipos de contratos. O novo contrato de concesión de servizos.

4º. Elementos estruturais dos contratos. Confección de pregos.

5º. Procedemento de adxudicación. Contratos menores.

6º. Criterios de adxudicación dos contratos.

7º. Efectos, cumprimento e extinción dos contratos. Subcontratación.

8º. Modificacións contractuais.

9º. Invalidez dos contratos. O recurso administrativo especial.

10º. Disposicións específicas no ámbito local. As mesas de contratación.

3. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia e entidades adscritas a esta.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 19 e 20 de xuño de 2018.

Horario: mañá e tarde.

Duración: 12 horas lectivas.

5. Número de prazas: limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/).

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 11 de xuño de 2018.

Todas as persoas solicitantes deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, achegando a certificación acreditativa da súa condición de persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración local e entidades adscritas a esta. Serán excluídas aquelas solicitudes que non acompañen a dita certificación ou que sexa recibida con posterioridade ao último día habilitado para a inscrición, isto é, 11 de xuño de 2018.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41, 981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

8.1. No punto deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais contados desde a súa publicación.

8.2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase no punto deste curso da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/), a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao comezo da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto, poderá utilizarse, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

9.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente perante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de dez (10) días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia á actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

11. Certificado electrónico de asistencia.

Ao final do curso expedirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas cuxa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública