Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 7 de xuño de 2018 Páx. 27984

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 18 de maio de 2018 pola que se regulan a convocatoria e a selección de centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos, dependentes desta consellería, para participar en actividades de inmersión lingüística en lingua inglesa, English Week, dirixidas ao alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria.

A Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020 (EDUlingüe) pretende, entre outros obxectivos, ofrecer un novo impulso cualitativo e cuantitativo ao ensino das linguas estranxeiras para que o alumnado poida rematar os seus estudos tendo un dominio completo dunha primeira lingua estranxeira con aprendizaxe integral e dominio extensivo. Para favorecer unha maior adquisición de destrezas lingüísticas por parte do alumnado dos centros educativos, a Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020 (EDUlingüe) desenvolve programas formativos de inmersión lingüística.

Por este motivo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organizará unha serie de actividades de formación que se desenvolverán durante o curso escolar, nun centro residencial situado en Galicia, en réxime de internado onde se estimulará a práctica do idioma e a súa utilización en contextos comunicativos diversificados e enfocados de cara á mellora da comunicación oral, co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa.

O programa das actividades procurará, por unha banda, a inmersión en lingua inglesa do alumnado, de xeito que lle permita desenvolver nun contorno real a súa comunicación, e, por outra, complementar esta formación con actividades de carácter cultural.

En consecuencia, de conformidade co exposto e por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa como conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto regular a convocatoria e selección de centros docentes non universitarios para participar en actividades de inmersión en lingua inglesa dirixidas a alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria durante o ano 2018 (procedemento ED504F).

Poderán participar nesta convocatoria os centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nos cales se impartan ensinanzas de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria.

Cada centro poderá participar cun máximo de 25 alumnos e/ou alumnas, todos do mesmo nivel educativo.

Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde os centros privados concertados nos cales se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Obxectivos e programa das actividades

As actividades a que se refire esta orde desenvolveranse de acordo co obxectivo e co programa que se especifica a seguir:

1. O obxectivo principal deste programa é proporcionar ao alumnado participante unha actividade de inmersión lingüística que lle permita mellorar as súas destrezas de comprensión e expresión oral en lingua inglesa, a través de actividades non só académicas senón tamén de carácter cultural, que servirán de reforzo ao programa ordinario do currículo dos alumnos e das alumnas.

2. O desenvolvemento das actividades terá lugar en períodos semanais. O comezo da actividade terá lugar un domingo pola tarde e a saída o sábado seguinte pola mañá.

3. As actividades desenvolveranse entre os meses de outubro, novembro e decembro de 2018.

4. O contido dos cursos inclúe un programa de actividades académicas, de tempo libre e obradoiros. En calquera caso, a finalidade do programa é promover a convivencia entre o alumnado e a motivación pola comunicación en lingua inglesa, facendo uso de medios tecnolóxicos que favorezan a devandita aprendizaxe.

5. A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa; promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sustentabilidade e coñecemento do contorno.

Artigo 3. Duración e datas de celebración das actividades

1. Estas actividades realizaranse en réxime de internado, en períodos semanais de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá.

2. Levaranse a cabo durante os meses de outubro, novembro e decembro de 2018, de acordo co seguinte calendario e distribución.

Centros

Quenda

Datas

Alumnado

Centros públicos

1ª quenda

Do 7 ao 13 de outubro

6º educación primaria

2ª quenda

Do 14 ao 20 de outubro

6º educación primaria

3ª quenda

Do 21 ao 27 de outubro

6º educación primaria

4ª quenda

Do 28 de outubro ao 3 de novembro

1º de ESO

5ª quenda

Do 4 ao 10 de novembro

2º de ESO

6ª quenda

Do 11 ao 17 de novembro

3º de ESO

7ª quenda

Do 18 ao 24 de novembro

4º de ESO

Centros privados concertados

8ª quenda

Do 25 de novembro ao 1 de decembro

6º educación primaria

9ª quenda

Do 2 ao 8 de decembro

1º e 2º de ESO

10ª quenda

Do 9 ao 15 de decembro

3º e 4º de ESO

Artigo 4. Organización das actividades

1. A xestión e a organización das actividades levarase a cabo por medio de empresas coa debida cualificación, contratadas para o efecto pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A empresa ou as empresas coas que se contraten estas actividades ocuparanse de ofrecer os recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, así como da contratación da oportuna póliza de seguros para a cobertura das persoas asistentes.

2. Os centros educativos seleccionados solicitarán e custodiarán as autorizacións dos pais, nais ou persoas titoras legais do alumnado, segundo o modelo que figura no anexo IV. Así mesmo, entregarán aos pais, nais ou persoas titoras legais do alumnado a documentación de participación relativa ao desenvolvemento da actividade que lle será facilitada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria con anterioridade ao inicio de cada quenda para que sexa presentada debidamente cuberta e asinada no momento da entrega do alumnado no centro residencial o primeiro día de cada quenda.

3. Os centros que resulten seleccionados enviarán á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a listaxe de alumnado participante antes do comezo da actividade en cada quenda. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, facilitará o modelo para a elaboración da devandita listaxe.

4. As familias ou, se é o caso, os centros educativos encargaranse da organización do traslado do alumnado ao centro residencial en que se celebrarán as actividades así como da súa recollida ao remate delas. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e os centros educativos non asumirán os gastos derivados destes desprazamentos.

5. O alumnado que contraveña calquera das normas da residencia será expulsado inmediatamente. No caso de expulsión serán os pais, nais ou titores legais os que se fagan cargo do traslado do ou da menor.

Artigo 5. Financiamento e contía das axudas

O financiamento das axudas previstas nesta orde para os centros públicos dependentes desta consellería efectuarase con cargo á partida orzamentaria 10.50.423A.640.8, por un importe máximo de 399.300 euros. Por outra banda, o financiamento das axudas previstas nesta orde para os centros privados concertados efectuarase con cargo á partida orzamentaria 10.60.423A.780.3, por un importe máximo de 145.200 euros. O custo total de cada actividade inclúe:

1. Os monitores ou as monitoras que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade.

2. Os gastos de docencia e o material escolar.

3. As actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos.

4. Os gastos de mantenza e aloxamento.

5. Certificado de realización da actividade.

6. Seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Artigo 6. Solicitudes e prazo de presentación

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán –A miña sede– da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 2 de xullo de 2018.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Os centros interesados deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Certificación da aprobación polo Consello Escolar da participación nestas actividades, segundo o modelo que figura no anexo II.

b) Proxecto de participación, cun máximo de cinco folios, segundo o modelo que figura no anexo III.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas no caso dos centros privados concertados:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria para subvencións e axudas.

d) Certificado de estar ao día de pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Criterios de selección dos centros

Os centros serán seleccionados conforme os seguintes criterios e puntuación:

a) Centros públicos:

1. Proxecto de participación, ata 2 puntos.

2. Por formar parte da Rede de centros plurilingües, 1,5 puntos.

3. Por contar con seccións bilingües, ata 1,5 puntos. 0,10 puntos por cada sección bilingüe que estea en funcionamento durante o curso 2017/18.

4. Pola participación no programa CUALE durante o curso 2017/18, ata 1 punto. 0,10 puntos por cada modalidade.

5. Centros en cuxo contorno sociocultural acollan minorías étnicas, inmigrantes, entre outros; ata 1 punto, segundo o establecido a seguir:

a) Ata o 10 %, 0,25 puntos.

b) Entre o 11 % e 25 %, 0,50 puntos.

c) Entre o 26 % e 50 %, 0,75 puntos.

d) Máis do 51 %, 1 punto.

6. Participación anteriormente neste programa:

a) Se o centro non participou anteriormente, 2 puntos.

b) Centros participantes no ano 2016, 1 punto.

c) Centros participantes no ano 2017, 0 puntos.

7. Centros situados en concellos rurais, ata 1 punto, segundo o establecido a seguir:

a) Concellos de menos de 1.000 habitantes, 1 punto.

b) Concellos de entre 1.001 e 3.000 habitantes, 0,75 puntos.

c) Concellos de entre 3.001 e 5.000 habitantes, 0,50 puntos.

d) Concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes, 0,25 puntos.

Os centros públicos seleccionados teñen asignadas sete quendas de actividades segundo a distribución e o calendario establecidos no artigo 3.2.

b) Centros privados concertados:

1. Proxecto de participación, 2 puntos.

2. Por formar parte da Rede de centros plurilingües, 1,5 puntos.

3. Por contar con seccións bilingües, ata 1,5 puntos. 0,10 puntos por cada sección bilingüe que estea en funcionamento durante o curso 2017/18.

4. Centros en cuxo contorno sociocultural acollan minorías étnicas, inmigrantes, entre outros; ata 1 punto, segundo o establecido a seguir:

a) Ata o 10 %, 0,25 puntos.

b) Entre o 11 % e 25 %, 0,50 puntos.

c) Entre o 26 % e 50 %, 0,75 puntos.

d) Máis do 51 %, 1 punto.

5. Non ter participado neste programa:

a) Nunca, 2 puntos.

b) Centros participantes no ano 2016, 1 punto.

c) Centros participantes no ano 2017, 0 puntos.

6. Centros situados en concellos rurais, ata 1 punto, segundo o establecido a seguir:

a) Concellos de menos de 1.000 habitantes, 1 punto.

b) Concellos de entre 1.001 e 3.000 habitantes, 0,75 puntos.

c) Concellos de entre 3.001 e 5.000 habitantes, 0,50 puntos.

d) Concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes, 0,25 puntos.

Os centros privados concertados seleccionados teñen asignadas tres quendas de actividades segundo a distribución e calendario establecido no artigo 3.2.

Artigo 10. Comisión de selección

1. Constituirase unha comisión de selección que se encargará de valorar as solicitudes que terá a seguinte composición:

1.1. Presidencia: a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

1.2. Vogais: un máximo de catro persoas, unha persoa subdirectora xeral da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e tres persoas titulares de xefaturas de servizo dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

1.3. Secretaría: unha persoa asesora da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos previstos no artigo 9.

3. A percepción de asistencias destas comisións atenderá á categoría correspondente, segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Artigo 11. Procedemento de selección dos centros

1. A comisión de selección realizará unha preselección dos centros docentes solicitantes segundo a puntuación obtida conforme os criterios que figuran no artigo 9 desta convocatoria. En caso de empate entre os centros públicos, dirimirase atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:

a) Maior puntuación no criterio 6 do artigo 9.

b) Maior puntuación no criterio 2 do artigo 9.

c) Maior puntuación no criterio 7 do artigo 9.

De manterse o empate, terá preferencia o centro que teña maior puntuación no criterio 1 do artigo 9.

En caso de empate entre os centros privados concertados, dirimirase atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:

a) Maior puntuación no criterio 5 do artigo 9.

b) Maior puntuación no criterio 2 do artigo 9.

c) Maior puntuación no criterio 6 do artigo 9.

De manterse o empate, terá preferencia o centro que teña maior puntuación no criterio 1 do artigo 9.

2. Finalizada a preselección, a comisión fará pública a resolución provisional, que se difundirá no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia (http://www.edu.xunta.gal).

3. Nesta resolución figurarán os centros seleccionados, xunto coa quenda que lles corresponde, os centros que quedan como suplentes e os centros excluídos.

4. A exposición abrirá un prazo de cinco días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, a comisión seleccionadora elevará a proposta definitiva á persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que resolverá a relación final dos centros seleccionados.

5. No caso de non cubrirse o número de prazas nalgunha das quendas, por proposta motivada da comisión de selección, a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá acordar a redistribución das prazas entre outras quendas, modificar o nivel ao cal vai dirixida algunha destas quendas e/ou ofertar prazas vacantes a centros suplentes.

A resolución definitiva dos centros seleccionados publicarase no portal educativo Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo de cinco meses sen que se lle notificase a resolución expresa, o centro solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 12. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Alumnado cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a: sxt.cultura.educacion@xunta.gal

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou ás entidades das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á cal estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14. Fiscalización e control

1. Os centros beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.

2. Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá realizar, en calquera momento e ata transcorridos tres anos a partir da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.

3. Os centros beneficiarios darán a adecuada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.

Artigo 15. Perda do dereito ao cobramento da axuda polos centros privados concertados

1. O centro docente privado concertado perderá o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:

a) Xustificación incompleta ou fóra de prazo.

b) Incumprimento dos fins ou obxectivos para os cales se concedeu.

c) Perda da capacidade xurídica ou de obrar, ou inhabilitación para ser beneficiario de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que se revogue a axuda, o centro docente privado concertado terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento, nos termos que figuran nos artigos 33 a 38 da referida Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 16. Compatibilidade das axudas a centros concertados

Esta subvención é compatible con calquera outra para a mesma finalidade. De concedérselle outra subvención para esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore, co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas subvencións concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses e perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Competencias

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar todas as actuacións e medidas que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do previsto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file

ANEXO II

Aprobación polo Consello Escolar da solicitude de participación na convocatoria de actividades de inmersión lingüística dirixidas a alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria

Don/Dona ……………………………………….......………, en calidade de secretario/a do Consello Escolar do centro educativo ………………..................................…………………código …………………...................….. do municipio de .................………………………….

FAI CONSTAR:

1. Que o Consello Escolar do centro coñece o contido e características da resolución para a participación do centro educativo na convocatoria de actividades de inmersión lingüística dirixidas a alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria.

2. Que o Consello Escolar, na sesión do día ...................... de ....................... de 2018

□ se mostrou favorable a participar na convocatoria de actividades de inmersión lingüística, co seguinte resultado:

Resultado da votación:

– Número de integrantes do Consello Escolar con dereito a voto:

– Número de integrantes do Consello Escolar con dereito a voto presentes na votación:

– Número de votos favorables á presentación da solicitude de participación:

– Número de votos contrarios á presentación da solicitude de participación:

– Número de votos en branco:

– Número de votos nulos:

E, para que conste, asínoo no lugar e data indicados.

......................................................... , ........... de ............................... de .................

Visto e prace

Presidente/a do Consello Escolar Secretario/a

ANEXO III

Guión para a elaboración do proxecto

1. Breve xustificación da solicitude de participación nas actividades.

2. Obxectivos e actividades de aprendizaxe relacionadas coa competencia lingüística en linguas estranxeiras realizadas durante o curso escolar no propio centro.

3. Contribución da participación ao logro dos obxectivos establecidos na programación anual do centro.

4. Nivel e número de alumnado para o cal se solicita a participación nas devanditas actividades.

5. Relación de niveis e áreas ou materias do centro solicitante que se imparten en lingua inglesa.

6. Participación en programas relacionados coa Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020 (EDUlingüe):

a) Rede de centros plurilingües.

b) Seccións bilingües (indicar o número de seccións).

c) CUALE (indicar o número de modalidades do programa, só para centros públicos).

7. De ser o caso, situación nun contorno sociocultural en que acollan minorías étnicas, inmigrantes, entre outros.

8. De ser o caso, centros situados en localidades rurais.

ANEXO IV

Autorización do pai, nai ou titor/a legal do alumnado

Don/a _______________________________________________________________, con DNI _______________ como pai/nai/titor/a legal do/da solicitante, autorizo a (nome e apelidos do/da alumno/a) _________________________________________, a participar nas actividades de inmersión lingüística dirixidas a alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria e organizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria durante o ano 2018. Así mesmo, comprométome ao seu traslado ao lugar de Galicia onde se celebren as actividades e a súa recollida ao remate delas.

En _____________ o ____ de ______________ de 2018