Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 7 de xuño de 2018 Páx. 28002

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 18 de maio de 2018 pola que se regulan a convocatoria e a selección de centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos, dependentes desta consellería, para participar en actividades de inmersión lingüística en lingua inglesa, English Week, dirixidas ao alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria.

BDNS (Identif.): 402265.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Ámbito de aplicación

Poderán participar nesta convocatoria os centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nos cales se impartan ensinanzas de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria.

Segundo. Obxecto

Regular a convocatoria e a selección de centros docentes non universitarios para participar en actividades de inmersión en lingua inglesa dirixidas a alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria durante o ano 2018.

Cada centro poderá participar cun máximo de 25 alumnos e/ou alumnas, todos do mesmo nivel educativo.

Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde os centros privados concertados nos cales se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 18 de maio de 2018 pola que se regula a convocatoria e a selección de centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos, dependentes desta consellería, para participar en actividades de inmersión lingüística en lingua inglesa, English Week, dirixidas ao alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria.

Cuarto. Importe

Importe total da convocatoria: 145.200 euros.

Número de prazas: 300.

Importe individual: 484 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 2 de xullo de 2018.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria