Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 8 de xuño de 2018 Páx. 28373

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2018 pola que se anula e se deixa sen efecto o cuarto prazo de solicitudes da convocatoria de 2018 das axudas reguladas na Resolución do 29 de decembro de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos servizos de asistencia, diagnóstico e soporte na implantación de solucións de Industria 4.0 para a súa realización en empresas galegas (programa Re-accionaTIC), cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

No Diario Oficial de Galicia núm. 20, do 29 de xaneiro de 2018, publicouse a Resolución do 29 de decembro de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos servizos de asistencia, diagnóstico e soporte na implantación de solucións de Industria 4.0 para a súa realización en empresas galegas (programa Re-accionaTIC), cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

No número terceiro do resolvo establécense catro prazos para a presentación de solicitudes, denominados:

2018.1: desde o 30 de xaneiro de 2018 ata o 1 de marzo de 2018.

2018.2: desde o 5 de marzo de 2018 ata o 19 de abril de 2018.

2018.3: desde o 23 de abril de 2018 ata o 7 de xuño de 2018.

2018.4: desde o 11 de xuño de 2018 ata o 31 de xullo de 2018.

Na convocatoria 2017 do programa Re-accionaTIC os servizos foron promovidos polo Igape (tres tipos de servizos) e tamén pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) (catro tipos de servizos). Porén, o programa de 2018 só convocou os servizos promovidos polo Igape.

Tendo en conta os defectos na publicación do programa de 2018, xa que non se incluíu a distribución de servizos ofertados na convocatoria 2018.4, e que con data do 7 de maio de 2018, recibiuse neste instituto comunicación de Amtega en que se opta pola extensión da vixencia dos contratos necesarios para convocar as tipoloxías de servizo que promove esta axencia e dado que as bases reguladoras son as que definen cada tipoloxía de servizo, así como a participación conxunta do Igape e a Amtega, cómpre anular e deixar sen efecto, unicamente, a última convocatoria da Resolución do 29 de decembro de 2017, que abrangue desde o 11 de xuño de 2018 ata o 31 de xullo de 2018, mantendo vixentes o resto dos seus artigos, para posteriormente publicar a nova formulación das bases reguladoras e novas convocatorias conxuntas do programa.

De conformidade co disposto no artigo 21.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as propostas de resolución non crean dereito ningún a favor do beneficiario proposto fronte á Administración mentres non se lle notifica a resolución de concesión, polo que non téndose iniciado este cuarto prazo de presentación de solicitudes non xurdiron dereitos que puidesen verse afectados pola presente resolución .

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo primeiro

Anular e deixar sen efecto o cuarto prazo de presentación de solicitudes –desde o 11 de xuño de 2018 ata o 31 de xullo de 2018– da convocatoria de 2018, establecido no punto segundo do resolvo da Resolución do 29 de decembro de 2017, publicada no DOG núm. 20, do 29 de xaneiro, pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos servizos de asistencia, diagnóstico e soporte na implantación de solucións de Industria 4.0 para a súa realización en empresas galegas (programa Re-accionaTIC), cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo segundo

A anulación prevista no punto anterior non afecta á tramitación dos procedementos xa iniciados no primeiro, segundo e terceiro prazo de presentación de solicitudes.

Artigo terceiro

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2018

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica