Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 8 de xuño de 2018 Páx. 28371

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 21 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as bolsas de formación de persoal auxiliar en materia de investigación mariña.

BDNS (Identif.): 401793.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Españois ou nacionais dun país membro da Unión Europea ou estranxeiro con permiso de residencia en España no momento de solicitar a bolsa e con dominio dalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, que estean en posesión do título de técnico superior dos ciclos formativos de grao superior dalgunha das seguintes especialidades: Acuicultura, Análise e Control ou Anatomía Patolóxica e Citodiagnose obtido con posterioridade ao 31 de decembro de 2014, e teñan cursado os seus estudos nalgún dos centros públicos ou privados situados na Comunidade Autónoma galega e non ter desfrutado destas bolsas ou similares en anteriores convocatorias durante un período dun ano ou superior.

Segundo. Obxecto

Completar a formación de técnicos superiores de ciclos formativos de grao superior como persoal auxiliar de investigación mariña.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 21 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan bolsas de formación de persoal auxiliar en materia de investigación mariña.

Cuarto. Contía

O financiamento destas bolsas farase con cargo á partida orzamentaria 14 03 561A 4800 (proxecto 2013 688) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2018 (25.600,00 €), 2019 (76.800,00 €) e 2020 (51.200,00 €) que se destinará ao pagamento das mensualidades dos/das bolseiros/as.

Así mesmo, para o pagamento das cotas da Seguridade Social destinaranse no ano 2018 (1.280,00 €), no 2019 (4.800,00 €) e no 2020 (3.520,00 €) con cargo á partida orzamentaria 14 03 561A 4840 (proxecto 2013 688).

O importe bruto mensual de cada bolsa será de oitocentos euros (800,00 €).

Quinto. Prazo de presentación das solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2018

María Isabel Concheiro Rodríguez-Segade
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar