Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 8 de xuño de 2018 Páx. 28350

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 21 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as bolsas de formación de persoal auxiliar en materia de investigación mariña.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1 establece como obxectivo xeral o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, da transferencia e valorización de resultados e da innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente.

O Decreto 168/2015, do 13 de novembro, que aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar (DOG núm. 221) atribúe a esta as competencias en materia de investigación mariña que desenvolverá en coordinación coa consellería en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

Tendo en conta a importancia da investigación científica e a formación en ciencias mariñas no desenvolvemento económico de Galicia, nesta orde procédese a convocatoria de bolsas para que técnicos/as superiores/as de ciclos formativos de grao superior poidan completar a súa formación como persoal auxiliar de investigación mariña garantindo a oportunidade de participar en experiencias e programas específicos de investigación e facilitándolles unha preparación práctica cualificada, que é de probada utilidade para a súa inserción posterior na vida empresarial.

A Consellería do Mar, dentro da súa estrutura orgánica, conta co Centro de Investigacións Mariñas (en diante, Cima), como organismo público de investigación non universitario de Galicia. Este centro está estruturado nas áreas de acuicultura, de patoloxía de moluscos, de procesos oceanográficos costeiros e de recursos mariños, contando cunha ampla experiencia en completar a formación de persoal auxiliar en investigación mariña procedente da formación profesional.

En consecuencia e de acordo co disposto no artigo 30.1.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Esta orde establece as bases reguladoras e a convocatoria de bolsas para completar a formación de técnicos superiores de ciclos formativos de grao superior como persoal auxiliar de investigación mariña, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código do procedemento administrativo PE609B).

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

1. Estar en posesión do título de técnico/a superior e ter rematados os estudos con posterioridade ao 31 de decembro de 2014, dos ciclos formativos de grao superior dalgunha das especialidades que se relacionan:

a) Solicitantes de bolsas en Actividades Marítimo-Pesqueiras/Acuicultura:

– Título de técnico superior en acuicultura.

b) Solicitantes de bolsas en Química/Análise e Control:

– Título de técnico superior en análise e control.

c) Solicitantes de bolsas en Anatomía Patolóxica e Citodiagnose:

– Título de técnico superior en anatomía patolóxica e citodiagnose.

d) Ter nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea ou ser persoa estranxeira con permiso de residencia en España no momento de solicitar a bolsa e con dominio dalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Non estar incapacitado/a fisicamente ou padecer enfermidade que poida impedir a realización normal da actividade formativa obxecto das bolsas que se convocan.

f) Non ter desfrutado destas bolsas ou outras similares en anteriores convocatorias, durante un período dun (1) ano ou superior.

g) Ter cursado os seus estudos nalgún dos centros públicos ou privados situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Número, duración, importe e lugar de realización das bolsas

1. O número de bolsas será de oito, que se adxudicaran de acordo co baremo indicado no artigo 10 desta convocatoria.

2. As bolsas terán unha duración de dous (2) anos a partir da data de incorporación que se estableza na resolución de concesión.

3. O importe bruto mensual de cada bolsa será de oitocentos euros (800,00 €).

4. Para a concesión destas bolsas destinarase un crédito de cento sesenta e tres mil douscentos euros (163.200,00 €). O seu financiamento farase con cargo á partida orzamentaria 14 03 561A 4800 (proxecto 2013 688) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2018 (25.600,00 €), 2019 (76.800,00 €) e 2020 (51.200,00 €).

5. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social y para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social, para continxencias comúns e profesionais destinaranse no ano 2018 (1.280,00 €), 2019 (4.800,00 €) e 2020 (3.520,00 €) con cargo á aplicación orzamentaria 14 03 561A 4840 (proxecto 2013 688) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Con este obxecto, aplícanse as regras de cotización correspondentes aos contratos para a formación e aprendizaxe establecidas na respectiva Lei de orzamentos xerais do Estado e nas súas normas de aplicación e desenvolvemento. O cálculo das cotizacións faise tomando como referencia a cota empresarial para o ano 2018, máis unha cantidade adicional para posibles incrementos producidos por altas e baixas na mesma bolsa e no mesmo mes.

6. Non existirá obriga de cotizar pola continxencia de desemprego, así como tampouco ao Fondo de Garantía Salarial nin por formación profesional.

7. As bolsas realizaranse no Centro de Investigacións Mariñas (Cima) que está integrado polo Centro de Investigacións Mariñas de Corón-Vilanova de Arousa e o Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo e distribuiranse do seguinte xeito:

Familia/especialidade

Centro

Actividades Marítimo-Pesqueiras/Acuicultura

Corón

3 bolsas

Ribadeo

2 bolsas

Química/Análise e Control

Corón

2 bolsas

Sanidade/Anatomía Patolóxica e Citodiagnose

Corón

1 bolsa

Artigo 4. Presentación das solicitudes, documentación e prazos

1. As solicitudes, xunto coa documentación adicional requirida, presentaranse conforme o modelo oficial que figura como anexo I da convocatoria, por calquera das seguintes vías:

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

3. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, sita na rúa Irmandiños, s/n, Salgueiriños, 15701 Santiago de Compostela (A Coruña).

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación académica completa dos estudos realizados, con detalle das materias cursadas e as cualificacións obtidas.

b) Título académico de técnicos/as superiores de ciclos formativos de grao superior (só no caso de oposición á súa consulta) ou, no caso de non telo, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

c) Poder de representación da persoa representante: a representación acreditarase por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Curriculum vitae da persoa solicitante cos documentos acreditativos dos méritos alegados (debidamente relacionados e paxinados). Non serán computables aqueles méritos alegados que non estean convenientemente xustificados.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

5. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

7. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro poderalles exixir aos solicitantes a presentación dos orixinais ou copia compulsada dos méritos alegados, que se deberán presentar nun prazo máximo de tres días, contado a partir do momento do seu requirimento.

8. Serán causas de exclusión a demostración da falsidade documental, a non correspondencia cos orixinais e a incorrección na documentación presentada.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou da persoa representante.

b) Título académico de técnicos/as superiores de ciclos formativos de grao superior.

c) Certificado de estar ao día nos pagamentos coa Consellería de Facenda.

d) Certificado de estar ao día nos pagamentos das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

e) Certificado de estar ao día nos pagamentos coa Seguridade Social.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Criterios de valoración

1. Teranse en conta os seguintes criterios para a valoración das solicitudes:

1º. Expediente académico: (máximo 4 puntos). Puntuarase de acordo co seguinte baremo, aplicándose a fórmula [núm. puntos/(núm. de materias + núm. de convocatorias)]:

Sobresaliente: 4 puntos.

Notable: 3 puntos.

Ben: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Suspenso: 0 puntos.

A efectos de cálculo da nota media non se computarán aquelas materias que consten no expediente académico do alumno como validadas.

2º. Curriculum vitae: (máximo 2 puntos).

Valorarase:

– Cursos ou formación regrada ou non-regrada, ata 0,5 puntos.

a) En materia marítimo-pesqueira axeitada para o desenvolvemento da bolsa: 0,2 puntos por cada dez (10) horas de formación.

b) En materias de química ou análise e control axeitadas para o desenvolvemento da bolsa: 0,2 puntos por cada dez (10) horas de formación.

c) En materias de anatomía patolóxica e citodiagnose axeitadas para o desenvolvemento da bolsa: 0,2 puntos por cada dez (10) horas de formación.

Non se valorarán as titulacións requiridas para a participación nesta convocatoria, ni aquelas titulacións que permitiron o acceso aos estudos necesarios para a obtención da titulación.

Non se valorarán aqueles cursos ou títulos para a realización de actividades deportivas ou de lecer.

– Cursos de idiomas: ata 0,5 puntos.

a) Lingua Galega, seguindo os criterios da Orde do 10 de febreiro de 2014 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga):

– Celga 1 ou aqueles certificados que sexan validables por este nivel: 0,01 puntos.

– Celga 2 ou aqueles certificados que sexan validables por este nivel: 0,05 puntos.

– Celga 3 ou aqueles certificados que sexan validables por este nivel: 0,10 puntos.

– Celga 4 ou aqueles certificados que sexan validables por este nivel: 0,15 puntos.

b) Linguas estranxeiras: tómase como referencia o MCERL (Marco Común Europeo de Referencia para as linguas do Consello de Europa) e o Real decreto 1629/2006 (BOE do 4 de xaneiro de 2007).

1º. Lingua inglesa:

– Polo nivel usuario independente B1 (umbral): 0,10 puntos.

Equivalente a:

Nivel intermedio (B1) e certificado de nivel intermedio, 3º do ciclo elemental e certificación académica do dito ciclo da Escola Oficial de Idioma (EOI) das ensinanzas reguladas polos reais decretos 1629/2006 e 967/1988, respectivamente.

– Polo nivel usuario independente B2 (avanzado): 0,20 puntos.

Equivalente a:

Nivel avanzado (B2), 2º curso do ciclo superior da Escola Oficial de Idioma (EOI) das ensinanzas reguladas polos reais decretos 1629/2006 e 967/1988, respectivamente.

– Polo nivel usuario competente C1 (dominio operativo eficaz): 0,25 puntos.

Equivalente a:

Certificado de nivel avanzado, certificado de aptitude da Escola Oficial de Idioma (EOI) das ensinanzas reguladas polos reais decretos 1629/2006 e 967/1988, respectivamente.

2º. Outros idiomas mínimo usuario independente B1 (umbral): 0,10 puntos por cada lingua.

– Cursos de informática con aproveitamento (mínimo 30 horas): ata 0,5 puntos.

a) Entre 30 a 50 horas: 0,1 punto.

b) Entre 51 a 100 horas: 0,2 puntos.

c) Máis de 100 horas: 0,3 puntos.

– Permiso de condución de vehículos clase B: 0,5 puntos.

2. Só se valorarán aqueles méritos acreditados documentalmente pola persoa solicitante xunto coa súa solicitude. A puntuación final de cada solicitante obterase da suma de expediente máis currículo.

3. No caso de que cos criterios enunciados anteriormente persista a igualdade de puntuación, prevalecerá a solicitude de maior nota media do expediente.

4. As persoas candidatas serán ordenadas por orde decrecente da puntuación obtida e as bolsas adxudicaranse ás persoas candidatas que acaden maior puntuación.

5. A comisión elaborará unha lista de suplentes por orde decrecente de puntuación, en que figurarán as persoas solicitantes que cumprindo os requisitos non acadaron puntuación suficiente para ser adxudicatarias de bolsa.

Artigo 10. Instrución e avaliación

1. Por parte dos servizos da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro comprobarase que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, de ser o caso, as causas de exclusión, nos taboleiros de anuncios da Consellería do Mar e na súa páxina web oficial, enderezo www.mar.xunta.gal. Esta lista estará exposta durante dez días, podendo as persoas interesadas durante ese prazo emendar erros e falta de documentación, ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión procederase conforme o establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Unha vez completados os expedientes, remitiranse a unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios indicados no artigo 10.

3. Comisión de avaliación.

A selección de candidatos será efectuada por unha comisión que estará integrada por:

– Presidente/a: a persoa que ocupe a dirección do Cima.

Suplente do/da presidente/a: a persoa que ocupe a Subdirección Xeral de Xestión, Ensino e Relacións Sectoriais.

– Secretaria: a persoa que ocupe a xefatura do Servizo de Coordinación e Apoio á Xestión.

Suplente do/da secretario/a: a persoa que ocupe a xerencia do Cima.

– Vogais: tres persoas designadas pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro de entre o cadro de persoal investigador do Cima.

4. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de selección teña que examinar as solicitudes, algunha persoa integrante desta non puidese asistir, será substituído/a polo/a funcionario/a que para o efecto designe a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

5. A comisión de selección fará chegar a correspondente proposta de adxudicación e listaxe de suplentes á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, quen resolverá por delegación da conselleira do Mar, a concesión das bolsas. Na dita resolución figurará unha persoa beneficiaria por cada bolsa, así como unha relación de suplentes con todas as persoas solicitantes admitidas, de maior a menor puntuación, para cubrir as vacantes que se poidan producir. Esta resolución publicarase na páxina web oficial da Consellería do Mar, enderezo www.mar.xunta.gal. Así mesmo, a resolución determinará de forma expresa a desestimación do resto de solicitudes.

6. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

7. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de 3 meses, contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Artigo 11. Publicidade

A resolución farase pública, para os efectos de notificación ás persoas interesadas, nos taboleiros de anuncios da Consellería do Mar e na súa páxina web oficial, enderezo www.mar.xunta.gal.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través do correo electrónico: sxt.mar@xunta.gal.

Artigo 14. Aceptación da bolsa

1. Dentro dos dez días naturais seguintes á publicación da resolución de concesión nos taboleiros de anuncios e na páxina web oficial da Consellería do Mar, enderezo www.mar.xunta.gal, as persoas beneficiarias das bolsas deberán confirmar a súa aceptación mediante documento asinado polo/a bolseiro/a en que se comprometa a cumprir todas as condicións recollidas nas presentes bases. De non facelo no prazo indicado considerarase tacitamente aceptada a bolsa e as condicións recollidas nestas bases de conformidade co artigo 21.5, parágrafo segundo, da Lei de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, presentará declaración responsable en que conste que non realiza traballo remunerado nin desfruta doutro tipo de bolsa ou axuda.

3. Así mesmo, de non comparecer no centro de destino no tempo estipulado, o nomeamento quedará sen efecto e será motivo de exclusión na seguinte convocatoria. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro procederá ao chamamento de suplentes para cubriren estas prazas.

4. A aceptación da bolsa supón o compromiso implícito de manter a confidencialidade da información obtida no desenvolvemento das actividades obxecto destas bolsas, de acordo coa normativa aplicable.

Artigo 15. Pagamento das bolsas e xustificación

1. As bolsas aboaranse mensualmente, por mensualidades completas ou fracción proporcional ao tempo de desfrute da bolsa, para os casos en que o/a bolseiro/a inicie ou remate a súa relación en data que non coincida co primeiro ou co derradeiro día de cada mes respectivamente.

2. O pagamento da última mensualidade quedará pendente ata que o/a bolseiro/a presente o informe final que resuma a actividade realizada por este durante todo o período de aproveitamento da bolsa, co visto e prace da persoa responsable do/da bolseiro/a, así como declaración de todas as bolsas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes, ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. O prazo máximo para a presentación do informe final será dun mes a partir do remate da realización da bolsa.

3. Así mesmo, as persoas beneficiarias das bolsas están obrigadas a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 16. Obrigas dos/das bolseiros/as

1. O/a bolseiro/a deberá desempeñar actividades de formación e de colaboración en relación coas tarefas das áreas as que se adscriban.

2. Co fin de facilitar o seu proceso de formación, os/as bolseiros/as contarán co asesoramento, orientación e dirección dun/dunha titor/a, que definirá as tarefas que se van realizar, así como a formación que deberán recibir segundo o plan de formación do centro. A este respecto, será obrigatoria a realización e superación das actividades de formación indicadas.

3. As persoas beneficiarias deberán manter unha actitude participativa, de colaboración e respectuosa co persoal do centro, sen obstrución das tarefas encomendadas nos diferentes servizos.

4. Ao final do período de desfrute da bolsa, a persoa adxudicataria deberá entregar unha memoria de actividades que será supervisada polo/a titor/a.

5. Estas bolsas non implican relación laboral algunha co centro a que estea adscrita a persoa beneficiaria, nin supoñen ningún compromiso de incorporación posterior dos/das bolseiros/as ao seu cadro de persoal, aínda que si a necesaria e natural coordinación co horario, normas e disciplina do centro onde desenvolve a súa formación.

6. O aproveitamento da bolsa será incompatible con calquera outra bolsa que supoña remuneración directa ou axuda financiada con fondos públicos.

7. Tamén será incompatible con salarios que impliquen relación contractual ou estatutaria da persoa interesada, agás os que teñan carácter esporádico cunha duración acumulada inferior a dous meses por ano, sempre que isto non afecte á actividade habitual no exercicio da bolsa e que se trate de ocupacións non vinculadas directa ou indirectamente co centro.

Artigo 17. Desenvolvemento das bolsas

1. No caso de renuncia á bolsa por parte da persoa beneficiaria, unha vez iniciado o desfrute desta, deberá ser comunicada mediante o correspondente escrito á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro polo menos con dez días de antelación á data en que se solicita que sexa efectiva a súa renuncia.

2. A vacante poderase cubrir polo período de desfrute restante coa persoa candidata suplente correspondente, de acordo coa lista de suplentes elaborada pola comisión de selección.

3. De esgotarse as persoas suplentes dalgunha das especialidades, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, poderá establecer a incorporación como bolseiro/a da primeira persoa suplente daquela lista que a criterio da unidade de destino, mellor se axuste á finalidade e obxectivos do centro.

4. As interrupcións da bolsa por supostos de baixa por incapacidade temporal (enfermidade ou accidente), risco durante o embarazo e descanso por maternidade ou paternidade non darán lugar en ningún caso á posibilidade de recuperar o período interrompido.

5. Por petición dos interesados, ao remate da bolsa a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, logo de informe favorable dos servizos técnicos coordinadores e entrega dos informes e memorias solicitadas, expedirá certificación acreditativa dela.

6. Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación achegada. Transcorrido o prazo dun ano, procederase á eliminación da documentación non recollida.

Artigo 18. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución de concesión.

Artigo 19. Renuncias, revogación, interrupcións, procedemento de substitución e reintegro de cantidades

1. No caso de renuncia á bolsa por parte da persoa beneficiaria, unha vez iniciado o desfrute desta, deberá ser comunicada mediante o correspondente escrito á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro polo menos con dez días de antelación á data en que se solicita que sexa efectiva a súa renuncia. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas en exceso, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non desfrutada.

2. O persoal investigador do Cima que coordine e dirixa ao persoal bolseiro poderá propor á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a revogación da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das obrigas sinaladas.

3. A vacante poderase cubrir polo período de desfrute restante coa persoa candidata suplente correspondente, de acordo coa lista de suplentes elaborada pola comisión de selección. De esgotarse as persoas suplentes dalgunha das especialidades, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, poderá establecer a incorporación como bolseiro/a da primeira persoa suplente daquela lista que, a criterio da unidade de destino, mellor se axuste á finalidade e obxectivos do centro.

4. As interrupcións da bolsa por supostos de baixa por incapacidade temporal (enfermidade ou accidente), risco durante o embarazo e descanso por maternidade ou paternidade non darán lugar en ningún caso á posibilidade de recuperar o período interrompido.

5. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, cando procedan, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Réxime sancionador

As infraccións administrativas cometidas en relación coas bolsas reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Réxime xurídico

Para todos aqueles aspectos non previstos nas presentes bases, aplicarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Será de aplicación o Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

Artigo 22. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contado a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Disposición adicional

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar os actos e as instrucións necesarias para a correcta aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2018

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file