Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 12 de xuño de 2018 Páx. 28700

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 23 de maio de 2018 pola que se aproban as bases e se convocan axudas para a realización de actividades formativas STEM en lingua inglesa, STEMweek, no ano 2018, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos.

O novo marco curricular do sistema educativo galego pon de manifesto a necesidade de que o alumnado adquira competencias que lle permitan habilidades de traballo en equipo, desenvolvemento do espírito crítico e habilidades comunicativas nunha lingua estranxeira. O alumnado debe aprender cos feitos, observándoos e logo interpretándoos por medio de experimentos e con razoamento rigoroso. Espérase que el mesmo redescubra e comprenda principios fundamentais a través da observación e da propia reflexión.

Faise necesario captar o interese do alumnado, destacar a importancia e a utilidade do que se aprende para resolver problemas nun futuro inmediato e así acadar unha repercusión directa cara a futuras vocacións.

Outro elemento que se considera necesario é impulsar as coñecidas como «vocacións STEM» (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e así espertar a motivación do alumnado cara a estudos posteriores nos campos de coñecemento do ámbito científico-tecnolóxico, como así o pon de manifesto o Estudo sobre os factores influíntes na elección de estudos científicos, tecnolóxicos, enxeñarías e matemáticas en Galicia, no que se destaca que o índice de titulados non cubrirá a demanda de profesionais nun futuro nestes sectores.

En especial, cómpre o fomento da presenza de rapazas en estudos non obrigatorios relacionados co ámbito STEM. As decisións que se toman sobre a orientación académica fórxanse no ensino obrigatorio, polo que un factor determinante podería ser a creación de diversos contornos de aprendizaxe onde se ofrezan modelos próximos e proxectos interesantes que teñan un compoñente de xénero.

Neste senso, a actividade «STEMweek» en lingua inglesa pode proporcionar ao alumnado galego un escenario propicio para desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumenten o seu interese por saber, cada vez máis, sobre diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía, ademais de ofrecer unha oportunidade para a mellora da competencia comunicativa en lingua inglesa.

Esta acción enmárcase na Estratexia galega de educación dixital (Edudixital 2020) e na Estratexia galega de linguas estranxeiras (Edulingüe 2020) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (en diante, a Consellería).

En consecuencia, facendo uso das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito da convocatoria

O obxecto desta orde é aprobar as bases e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar as actividades de formación, dirixidas á mellora das competencias en lingua inglesa e da competencia científico-tecnolóxica ou STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) do alumnado de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria matriculado en centros docentes sostidos con fondos públicos en Galicia, durante o curso 2017/18.

Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e acceso polas persoas interesadas aos formularios de inicio na sede electrónica da Xunta de Galicia, denomínase «Actividades formativas STEMweek», co código do procedemento ED504G.

Artigo 2. Actividades de formación convocadas

1. As quendas, lugar de celebración, datas, número de alumnos/as e cursos a que van destinadas as actividades que se convocan son:

Quenda

Lugar

Datas

Idioma

Nº de alumnos/as

Curso

CDR A Coruña

26 agosto-1 setembro de 2018

Inglés

100

3º ESO

CDR A Coruña

2-8 setembro de 2018

Inglés

100

4º ESO

O lugar onde se realizará esta actividade será o CRD da Coruña (Centro Residencial Docente, Burgo-Acea de Ama, s/n, Culleredo 15670), en réxime de internado de domingo ao sábado seguinte.

En cada quenda, o alumnado entrará o domingo entre as 18.00 e as 19.30 horas e sairá o sábado entre as 12.00 e as 13.30 horas. As familias ou titores legais dos menores serán os responsables de levar e recoller o alumnado ata o lugar de realización da actividade, e os gastos que isto ocasione serán a cargo deles. O resto das actividades será gratuíto para o alumnado adxudicatario das prazas ofertadas.

2. A organización das actividades levarase a cabo por medio de empresas coa debida cualificación, contratadas pola Consellería. Ocuparanse de ofrecer os recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, así como da contratación dunha póliza de seguros para a cobertura das persoas asistentes.

3. O custo total de cada actividade inclúe:

a) Os monitores ou monitoras que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade.

b) Os gastos de docencia e o material escolar.

c) As actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos.

d) Os gastos de mantenza e aloxamento.

e) O certificado de realización da actividade.

f) O seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Artigo 3. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderá solicitar a participación nas actividades convocadas e ser beneficiario destas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar cursando 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria, en centros sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de réxime xeral, durante o curso 2017/18, na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter superadas todas as materias no curso 2016/17. De ser adxudicada unha praza obxecto desta convocatoria a un/unha alumno/a de 4º de ESO que non teña superadas todas as materias do curso 2017/18, deberá renunciar a ela.

c) Ter acadado no curso 2016/17 unha cualificación mínima de 6 na materia de inglés.

d) Non ter concedida, no presente curso académico, outra axuda coa mesma finalidade.

e) Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Estar en posesión do documento nacional de identidade (en diante, DNI), número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) ou pasaporte. No caso do alumnado menor de 14 anos que non dispoña de documento de identidade, farase constar, como documento identificativo, o do pai ou da nai ou do titor ou titora legal.

2. As axudas poderán ser solicitadas polos pais, nais ou titores legais, no caso do alumnado menor de idade, ou polo propio alumnado se é maior de 18 anos, sempre que conten con domicilio no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Financiamento e contía das axudas

1. As axudas convocadas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 10.50.423A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 por un importe de 130.000 euros.

2. A contía da axuda para cada beneficiario será o custo total da actividade.

Artigo 5. Solicitudes, presentación e prazo

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (ED504G) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG). Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo cardinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II debidamente cuberto.

b) Fotocopia do libro de familia en que figuren todos os membros da unidade familiar. No caso de non ter libro de familia terá que presentarse documento ou documentos que acrediten o número de membros da unidade familiar. No suposto de non convivencia de ambos os proxenitores, deberase acreditar que o solicitante convive cos fillos e/ou fillas.

No caso de divorcio ou separación legal dos pais, non se considerará membro computable aquel deles que non conviva co alumno ou alumna. Non obstante, se é o caso, terá a consideración de membro computable e sustentador principal o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación, cuxas rendas e patrimonio se incluirán dentro do cómputo da renda e patrimonio familiar.

c) No caso de alegar circunstancias familiares especiais, indicadas no anexo I (familia monoparental, divorcio ou separación, viuvez, titoría legal, discapacidade ou outras), deberán acreditalas documentalmente.

d) Certificado de discapacidade da persoa solicitante, da nai, do pai, ou do titor ou titora, ou de irmáns/ás menores de 25 anos ou de persoas tuteladas, no caso de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código (ED504G) e o órgano responsable do procedemento (a Consellería), o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou do NIE do/da solicitante e da nai, do pai, do titor ou titora ou da persoa representante.

b) Certificación dos ingresos totais da unidade familiar; datos de carácter tributario ou económicos da Axencia Estatal de Administración Tributaria relativos ao nivel de renda (IRPF) correspondente ao ano 2016.

c) Certificación de estar ao día de pagamento coa Axencia Estatal de Administración Tributaria para subvencións e axudas da nai, do pai ou do titor ou titora.

d) Certificación de estar ao día de pagamento coa consellería competente en materia de Facenda da Xunta de Galicia de acordo co establecido no artigo 20.3, en relación co artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, da nai, do pai ou do titor ou titora.

e) Certificación de estar ao día de pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social, da nai, do pai ou do titor ou titora.

f) Certificación de que o alumnado solicitante destas axudas está cursando 3º ou 4º da ESO en centros sostidos con fondos públicos.

g) Certificación de ter superadas todas as materias no curso 2016/17.

h) Certificación de ter acadado no curso 2016/17 unha cualificación mínima de 6 na materia de inglés.

Os datos contidos nas letras f), g) e h) serán consultados a través da aplicación Xestión administrativa da educación (Xade).

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

i) Título de familia numerosa.

j) Certificación do grao de discapacidade da persoa solicitante, da nai, do pai, ou do titor ou titora, ou de irmáns/ás menores de 25 anos ou de persoas tuteladas no caso de que fose expedido pola Xunta de Galicia.

k) Certificación do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, Incapacidade Temporal e Maternidade de pensionista de grande invalidez da situación de pensionista de grande invalidez da nai, do pai ou do titor ou titora.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no formulario de solicitude (anexo I), e achegar os correspondentes documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Non serán tidas en conta nin valoradas as circunstancias alegadas e non xustificadas documental e correctamente tal como se indica, nin as que se aleguen fóra do prazo establecido para esta convocatoria, nin as que conteñan emendas.

5. A Consellería poderá requirir das persoas solicitantes en calquera momento aclaración da documentación presentada.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias das subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Colaboración dos centros docentes na difusión e participación nesta convocatoria

1. A Consellería remitirá aos centros docentes información en formato electrónico, sobre o procedemento de solicitude e de adxudicación de prazas, para a súa difusión entre o alumnado obxecto desta convocatoria.

2. A dirección de cada centro docente arbitrará as medidas necesarias para que o contido desta orde sexa coñecido por todos os sectores da comunidade educativa e entregaralle unha copia dela ao Consello Escolar, ao Claustro, ás ANPA e, de ser o caso, ás asociacións de alumnado. Así mesmo, expoñeranse no taboleiro de anuncios a listaxe provisional e a definitiva de alumnado seleccionado.

3. O contido desta orde e a información complementaria atoparase no portal educativo.

Artigo 12. Aceptación das bases

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases da presente convocatoria.

Artigo 13. Comisión de valoración

A valoración das solicitudes e a proposta de selección das persoas beneficiarias desta convocatoria será realizada por unha comisión integrada polos seguintes membros:

a) Presidencia: a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: ata un máximo de catro vogais nomeados pola presidencia da comisión de selección, con categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou membros da Inspección educativa.

c) Unha persoa funcionaria da Consellería, que actuará como secretaria, con voz e sen voto.

A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada para os efectos de colaborar na valoración dos documentos achegados e na baremación.

Para os efectos previstos no artigo 26.2 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, esta comisión considérase incluída na categoría 3ª.

Artigo 14. Criterios de selección

1. A adxudicación de axudas e asignación de prazas na actividade solicitada farase atendendo á puntuación total obtida por cada alumno ou alumna que resulte de aplicar o baremo establecido no anexo IV.

2. A adxudicación terá carácter de concorrencia competitiva, polo que non será suficiente para obter asignación de praza e axuda reunir todos os requisitos exixidos nesta convocatoria. É necesario, tamén, acadar un número de orde que sitúe a persoa solicitante dentro das prazas que se van conceder.

Artigo 15. Procedemento de adxudicación de prazas

1. Finalizada a comprobación das solicitudes recibidas, a comisión de selección fará públicas tres listaxes: unha, en que se incluirán as solicitudes admitidas; unha segunda, de solicitudes que precisan da emenda dalgún aspecto, e unha terceira, de solicitudes excluídas, facendo constar as causas de exclusión.

Estas listaxes exporanse no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal), na Oficina de Rexistro Único e Información da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e remitiranse para a súa publicación ás xefaturas territoriais da Consellería e aos centros de ensino obxecto do ámbito desta convocatoria.

2. A continuación abrirase un prazo de dez días naturais para emendar os erros e a falta de documentación, así como para efectuar reclamacións ou renuncias. A falta de presentación requirida e non achegada en prazo dará lugar á exclusión da convocatoria. Así mesmo, a non presentación da documentación acreditativa de aspectos obxecto de avaliación respecto da cal non se autorizou a súa consulta pola Administración implicará que aqueles non se teñan en conta.

3. Transcorrido este prazo, publicaranse as listaxes provisionais de alumnado seleccionado e de alumnado suplente, ordenado por puntuación por cada un dos cursos, que poderá variar nas listaxes definitivas debido ás reclamacións a estas listaxes. Expoñeranse co mesmo procedemento indicado no punto 1.

4. Nos casos en que se produzan empates na puntuación, os criterios de desempate por orde de prioridade serán que a persoa beneficiaria sexa unha muller e, de seguir o empate, favorecerase a que teña menor renda per cápita.

5. A seguir, abrirase un prazo de 10 días naturais para formular reclamacións. Rematado o prazo de reclamacións contra as listaxes provisionais e estudadas as alegacións presentadas, a comisión seleccionadora elevará a proposta definitiva.

6. No caso de non cubrirse o número de prazas nalgunha das actividades, por proposta motivada pola comisión de selección, a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá acordar a redistribución das prazas entre outras actividades.

7. As listaxes definitivas de persoas seleccionadas e de suplentes, así como os destinos, as datas de realización das estadías, serán publicadas no portal educativo e no resto dos lugares indicados no punto 1. Despois abrirase un prazo de 5 días naturais para que as persoas solicitantes remitan á Consellería o anexo III de aceptación ou renuncia.

As prazas vacantes seranlle ofertadas ao alumnado suplente por chamamento directo aos teléfonos indicados na solicitude, seguindo a relación publicada de suplentes.

Artigo 16. Reintegros

En aplicación do artigo 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, suporá o reintegro do importe equivalente da axuda e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde proceder ao reintegro:

– A renuncia posterior á aceptación da axuda, sen unha causa grave debidamente xustificada.

– Non presentarse o día do inicio da actividade, sen unha causa grave debidamente xustificada.

– A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que a impedirían.

Artigo 17. Obrigas e abandonos durante a realización da actividade

1. Un comportamento non apropiado poderá supoñer a expulsión deste programa e o final da estadía, por causas de igual ou similar natureza ás seguintes:

a) Incumprimento das normas establecidas para o desenvolvemento da actividade.

b) Consumo de alcohol e/ou de substancias ilegais.

c) Automedicación sen autorización médica.

d) Condutas disruptivas.

e) Comportamentos asociais.

A expulsión do programa suporalle á persoa solicitante o pagamento de regreso e do custo total da actividade, así como, de ser o caso, do importe dos danos ocasionados ou derivados das ditas condutas.

2. No caso do alumnado que se atope realizando a estadía e decida abandonar o programa, sen unha causa grave debidamente xustificada, a persoa solicitante asumirá os gastos ocasionados, así como o importe total do custo da actividade.

Artigo 18. Resolución

1. A persoa titular da Consellería resolverá o procedemento de concesión de axudas, por proposta da comisión de valoración.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses, e comezará a contar desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución definitiva das persoas adxudicatarias publicarase no DOG, polo que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Contra a resolución definitiva de adxudicación, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 19. Recursos

Contra esta orde as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 20. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter información a través dos seguintes medios:

a) A páxina web www.edu.xunta.es

b) Os teléfonos 881 99 74 94/981 54 65 14.

c) O enderezo electrónico: stemweek@edu.xunta.es

Disposición adicional única. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Alumnado, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.cultura.educacion@xunta.gal.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Baremo e puntuación

Criterios de puntuación:

1º. Nota media do expediente no curso 2016/17: ata 10 puntos.

O criterio de selección que se terá en conta será o da nota media das cualificacións do expediente académico dos estudos realizados no curso 2016/17 polo alumnado.

O cálculo da nota media expresarase cun decimal calculado mediante arredondamento e farase constar este resultado na epígrafe correspondente, incluída no anexo I de solicitude destas axudas.

A baremación da nota media aplicarase segundo a seguinte táboa:

Nota media

Puntuación

5-5,9

5 puntos

6-6,9

6 puntos

7-7,9

7 puntos

8-8,9

8 puntos

9-9,9

9 puntos

10

10 puntos

2º. Renda per cápita da unidade familiar: ata 20 puntos.

Aplícase unha puntuación ponderada e progresiva en función da renda per cápita da unidade familiar, segundo o seguinte cadro, calculada esta como suma dos ingresos da unidade familiar divididos entre o número de membros. Os ingresos da unidade familiar serán o resultado da suma dos importes dos recadros 392 (base impoñible xeral) e 405 (base impoñible do aforro) da declaración da renda do ano 2016. Forman parte da unidade familiar o pai/nai, titor/a legal, ou persoa unida por análoga relación, do alumnado solicitante e tamén os irmáns e/ou irmás solteiros/as e menores de vinte e cinco anos que convivan no domicilio familiar, e os irmáns e/ou irmás maiores de idade incapacitados/as xudicialmente.

A puntuación que se asignará segundo a renda per cápita exprésase na seguinte táboa:

Tramos de renda per cápita da unidade familiar (euros)

Ata 3.962 €

20 puntos

Superior a 3.962 € e inferior a 7.606 €

16 puntos

Igual ou maior a 7.606 € e inferior a 10.222 €

12 puntos

Igual ou maior a 10.222 € e inferior a 11.450 €

8 puntos

Igual ou maior a 11.450 €

4 puntos

3º. Pertenza a familia numerosa: 2 puntos.

4º. Discapacidade igual ou superior ao 33 % ou pensionista de grande invalidez dalgún membro da unidade familiar en primeiro grao: 3 puntos.