Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 14 de xuño de 2018 Páx. 29066

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2018, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 7 de febreiro de 2018, María Esperanza Lavilla Rubira, presidenta do padroado da Fundación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o 8 de novembro de 2017, ante o notario José Manuel Amigo Vázquez, co número de protocolo 2925, pola Asociación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia, representada para este acto por María Esperanza Lavilla Rubira.

Terceiro. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:

a) Fomentar a promoción, o desenvolvemento e a divulgación da integridade e contido da especialidade en ciencias da saúde de hematoloxía e hemoterapia nos seus aspectos médicos, científicos, organizativos, asistenciais, docentes e de investigación.

b) Fomentar o desenvolvemento da actividade de investigación científica e tecnolóxica no seo da sociedade.

c) Crear un marco adecuado de experiencias entre especialistas en hematoloxía e hemoterapia.

d) Impulsar e favorecer o desenvolvemento de proxectos cooperativos entre os membros da especialidade en hematoloxía e hemoterapia.

Cuarto. Na escritura de constitución da Fundación constan os aspectos relativos á personalidade dos fundadores, á súa capacidade para constituíla, á súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, á dotación, aos estatutos e á composición do padroado inicial.

Quinto. Nos estatutos da Fundación constan a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición e as normas de funcionamento do padroado, as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado por María Esperanza Lavilla Rubira como presidenta; María del Carmen Albo López como vicepresidenta; José Ángel Díaz Arias como secretario; Cándido Andión Núñez como tesoureiro e Manuel Mateo Pérez Encinas e Jesús Antonio Arias Sampedro como vogais.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 15 de maio de 2018 (DOG núm. 101, do 29 de maio), clasificouse de interese sanitario a Fundación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia, e adscribiuse á Consellería de Sanidade para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral consonte a lei; e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, en relación co Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, corresponde á dita consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do que antecede e, tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación; e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Sanidade.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Sanidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2018

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade