Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 14 de xuño de 2018 Páx. 29199

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 1 de xuño de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se lle dá publicidade á resolución sobre o expediente 424 que afecta o monte Carantoña e Tras do Ceán da parroquia de San Martiño de Carantoña e concello de Vimianzo.

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a aplicación da Lei galega 13/1989, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 19 de decembro de 2017, adoptou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente: Manuel Rodríguez Vázquez, xefe territorial da Consellería do Medio Rural na Coruña.

Vogais:

Susana Loreta Benedeti Corzo, letrada da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

José Luis Chan Rodríguez, xefe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural na Coruña.

Ana María Estrada Santolaria, representante do Colexio Provincial de Avogados da Coruña.

Pilar Santamaría Calo, representante das comunidades propietarias da provincia da Coruña.

Vogais representantes dos lugares de Carantoña e Tras do Ceán da parroquia de San Martiño de Carantoña do concello de Vimianzo:

José Baña Leis e Manuel Méndez Méndez na súa condición de presidente e tesoureiro da xunta promotora, respectivamente.

Secretaria: Ofelia Rivas Vázquez, xefa do Servizo Xurídico-Administrativo da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural na Coruña.

Na Coruña ás 12.00 horas do día sinalado reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña coa asistencia dos membros relacionados ut supra. Asiste tamén como colaborador e asesor técnico o xefe de Área de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, Xesús Inácio López da Osa Ximénez.

Antecedentes de feito:

1º. Manuel Méndez Méndez, veciño do lugar da Carantoña da parroquia de San Martiño de Carantoña (Vimianzo), no seu propio nome e, en representación dos veciños dos lugares de Carantoña e Tras do Ceán, presenta unha solicitude o 4 de agosto de 2014 para a clasificación como monte veciñal o monte Carantoña e Tras do Ceán da parroquia de San Martiño de Carantoña do concello de Vimianzo, do cal achega a súa planimetría xunto con outra documentación. Na súa solicitude manifesta que este monte era aproveitado desde tempo inmemorial polos veciños dos lugares de Carantoña e Tras do Ceán e solicita que volva á súa propiedade como veciñal en man común.

2º. O Xurado na súa reunión do 28 de novembro de 2014 acorda iniciar a tramitación do expediente e nomear instrutora. As características do monte de que se solicita a clasificación e segundo o informe do xefe de Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do 11 de febreiro do 2015 son as seguintes:

Monte: Carantoña e Tras do Ceán.

Comunidade veciñal: veciños dos lugares de Carantoña e Tras do Ceán.

Parroquia: San Martiño de Carantoña.

Concello: Vimianzo.

Superficie: 196,35 ha.

• Os seus lindeiros, segundo o informe anterior son coincidentes coas do monte Carantoña, nº 384 do Catálogo de Utilidade Pública (CUP), sinalando as seguintes:

Norte: Río Grande, leiras de particulares e Río Grande.

Leste: leiras na parroquia de Calo, leiras de veciños de Vimianzo e Monte Sangre.

Sur: leiras de veciños de Vimianzo, leiras do lugar Casa do Prado, leiras de veciños de Vimianzo e Carantoña e monte Sangre.

Oeste: leiras de veciños de Cornes e Cereixo, seguindo en parte o regato Rego Manso.

3º. En cumprimento do disposto no artigo 20 do Regulamento do montes veciñais en man común e a petición do Xurado, o xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do Servizo de Montes remite un informe o 11 de febreiro de 2015 en que manifesta, en síntese, que o monte solicitado abrangue a maioría do monte Carantoña, nº 384 do Catálogo de Utilidade Pública (CUP), sendo segundo a ficha do monte no CUP da pertenza da parroquia de San Xoán de Carantoña, deslindouse por Orde ministerial do 5.2.1969 (BOP do 1 de abril) cunha superficie de 197,93 ha, cun encravado de 1,58 ha. No elenco de montes conveniados ou consorciados coa Xunta de Galicia figura este monte, que está consorciado co Concello de Vimianzo desde o 16 de xullo de 1960, co número do elenco C-3098. Sinala que no expediente do consorcio non hai documentación sobre reclamacións administrativas e/ou xudiciais.

En canto ao aproveitamento do monte polos veciños dos lugares de Carantoña e Tras do Ceán da parroquia de Santo Martiño de Carantoña, promotores do expediente, remítese ao informe do distrito forestal V, do 16 de xaneiro de 2015, segundo o que consta que desde tempo inmemorial viñan a realizar os membros desa comunidade veciñal o aproveitamento de matogueiras e leñas, ata a súa repoboación polo Estado en 1960.

Logo de solicitarse a correspondente certificación de asentos ao Rexistro da Propiedade de Corcubión sobre o monte, a rexistradora certifica que o predio, tal e como se describe, non figura inscrito nese Rexistro da Propiedade.

4º. Para dar cumprimento ao disposto no artigo 23 do Regulamento do 4 de setembro de 1992, procedeuse á correspondente tramitación e libráronse por orde da instrutora do expediente comunicacións do acordo de inicio do expediente de clasificación ao Servizo de Montes para os efectos do previsto sobre aproveitamentos no artigo 11 da Lei 13/1989, do 10 de outubro; ao alcalde do Concello de Vimianzo, ao cal se lle remitiu tamén edicto co fin de que, segundo o disposto no artigo 11 da Lei e 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, fose exposto polo período dun mes para os efectos de que os posibles interesados puidesen intervir no procedemento; ao representante da comunidade veciñal que presentou a solicitude; á rexistradora da propiedade de Corcubión, para a anotación preventiva contemplada no artigo 23.1.e) do Decreto 260/1982; e ao Diario Oficial de Galicia para a súa publicación (DOG núm. 158, do 20.8.2015).

5º. Con data do 28 de abril de 2016 o presidente do Xurado acorda reiterar a petición ao Alcalde do Concello de Vimianzo da remisión da acreditación da exposición pública do edicto do Xurado polo que se acorda o inicio do expediente nos termos exixidos polo artigo 23.2 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro.

Segundo certificación emitida pola secretaria do Concello de Vimianzo do 18 de setembro de 2015, o dito edicto estivo exposto no taboleiro de anuncios e nos lugares de costume da parroquia e asentamentos veciñais onde radica o monte, polo período de un mes desde o 19 de xuño de 2015. Asemade con data 14 de xuño de 2016 a secretaria do concello certifica:

• Que non consta a inscrición do monte Carantoña, de San Martiño de Carantoña no inventario de bens municipais aprobado, que data do ano 1991, nin no Rexistro da Propiedade a nome do Concello.

• Que non constan reclamacións xudiciais ou administrativas correspondentes ao monte, na súa totalidade ou en parte, en que tivese intervención o Concello.

• Que non consta outra información ou antecedente que afecte á titularidade do monte, á forma en que se veñen a realizar os aproveitamentos directos ou pecuniarios polos veciños promotores ou por calquera outra entidade, nin a calquera das circunstancias previstas no Regulamento da Lei galega de montes veciñais en man común.

Tamén achega 70 certificados de empadroamento individual dos promotores deste expediente.

6º. Durante o período de alegacións e tramitación do expediente non foron presentadas alegacións.

7º. Con data do 9 de outubro de 2017 realizouse o trámite de audiencia a todos os interesados no expediente segundo o disposto no artigo 84 da Lei 30/1992, sen recibirse novas alegacións.

Fundamentos de dereito:

1º. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º. Segundo o artigo 11 da citada lei e o artigo 19 do seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, a comunidade veciñal dos lugares de Carantoña e Tras do Ceán da parroquia de San Martiño de Carantoña do concello de Vimianzo é parte lexítima para solicitar o inicio do presente expediente de clasificación.

3º. Para a súa clasificación como veciñal en man común, o monte debe reunir as seguintes características: a) pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; b) que se veña aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; c) que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, do 10 de outubro e artigos 1, 2 e 3 do seu regulamento).

É pois, un elemento determinante para a clasificación dun monte como veciñal en man común por parte do Xurado que este teña elementos probatorios suficientes no expediente para determinar se o monte que se pretende clasificar é aproveitado en réxime de comunidade polos veciños que a solicitan, neste caso os veciños dos lugares Carantoña e Tras do Ceán, e que estes o realicen pola súa condición de veciños comuneiros integrantes do grupo social, non como entidades administrativas, e isto á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais que se puidesen expor no procedemento que deberán de dirimirse ante a xurisdición ordinaria segundo o disposto no artigo 10.9 da Lei estatal 55/1980, do 11 de novembro, de montes veciñais en man común.

4º. Entre a documentación que consta no expediente para valorar a posible condición veciñal da parcela solicitada hai un escrito dos veciños maiores da parroquia de San Martiño de Carantoña que afirman que ían ao monte para o pastoreo e o corte de mato. Ademais, na memoria informativa para o consorcio do monte “Carantoña” consta a pertenza deste monte á parroquia de San Xoán de Carantoña e faise referencia á súa condición de “comunal”, e tamén nas bases do consorcio entre o Concello de Vimianzo e o antigo patrimonio forestal do Estado para a repoboación forestal deste monte, atribúese a súa propiedade á mesma parroquia, descríbese a súa situación administrativa e legal como “Monte comunal perteneciente a la parroquia de San Juan de Carantoña”, e recóllese na base 11ª que “El Ayuntamiento de Vimianzo se compromete a entregar, en su día, a los vecinos que puedan resultar propietarios del monte objeto de este Consorcio, los beneficios correspondientes a la participación que les pertenezca en el vuelo arbóreo que se cree”. Por outra banda, durante o período de alegacións non se presentou ningunha oposición á petición dos veciños de Carantoña e Tras do Ceán de que as parcelas solicitadas sexan declaradas veciñais no seu favor, tampouco por parte do Concello de Vimianzo.

No informe do distrito do 16 de xaneiro de 2015 solicitado de acordo co disposto no artigo 20 do Decreto 260/1992, faise constar que o monte Carantoña aproveitouse consuetudinariamente en réxime de comunidade e sen asignación de cotas, desde tempo inmemorial, polos veciños dos lugares de Carantoña e Tras do Ceán ata o momento da súa inclusión nun consorcio entre o Concello de Vimianzo e o patrimonio forestal do Estado, no ano 1960, co fin da súa repoboación.

Por todo o exposto, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito indicados, e de acordo coa Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, e logo da proposta da instrutora e por unanimidade dos asistentes con dereito a voto, este xurado

ACORDA:

Clasificar como monte veciñal en man común o monte “Carantoña e Tras do Ceán” en favor dos veciños dos lugares de Carantoña e Tras do Ceán da parroquia de San Martiño de Carantoña do concello de Vimianzo, cos lindeiros, superficie e características indicadas no antecedente segundo, e conforme á planimetría presentada polos solicitantes na súa solicitude do 4 de agosto de 2014 e validada polo xefe de Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no seu informe do 29 de outubro de 2014.

Notifíquese a presente resolución aos interesados.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

A Coruña, 1 de xuño de 2018

Manuel Rodríguez Vázquez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común da Coruña