Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 15 de xuño de 2018 Páx. 29275

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 31 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2018 e 2019 (código de procedemento TR301V).

Os números 1 e 2 do artigo 29 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúen á Comunidade Autónoma galega a execución da lexislación do Estado en materia laboral e de fondos de ámbito nacional e de emprego.

Conforme o previsto na disposición adicional terceira do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e na alínea b) do artigo 1 do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, esta é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións, entre outras, de proposta e execución das directrices xerais do Goberno no ámbito laboral, o que engloba as competencias en materia de políticas activas de emprego e política laboral, así como promoción laboral, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa Constitución.

A Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, recolle a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema. O seu artigo 6 establece que a concesión directa de subvencións se aplicará ás bolsas e axudas de transporte, manutención e aloxamento que se concedan ás persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas.

O Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, completa este marco regulador e dedica o seu artigo 25 ás axudas e bolsas que poden percibir as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas.

Este real decreto, na súa disposición transitoria primeira, regula o réxime transitorio dos procedementos e establece, no seu número 1, que os procedementos de concesión de subvencións en materia de formación profesional para o emprego que se inicien a partir da súa entrada en vigor e con anterioridade á entrada en vigor da normativa que o desenvolva se rexerán, no que non estea regulado pola Lei 30/2015, do 9 de setembro, e no propio decreto, pola normativa que lles resulte de aplicación.

Tendo en conta o previsto na devandita disposición transitoria, mentres non se establezan as bases reguladoras previstas no artigo 8 do referido real decreto, resulta de aplicación a Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo. Esta orde pola que se desenvolveu o derrogado Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, en materia de formación de oferta, establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento. Os artigos 25 a 28 da antedita orde regulan as bolsas e axudas que poderán percibir as persoas desempregadas que participen nas modalidades de formación previstas nesa norma. O artigo 28.2 establece, pola súa banda, que as administracións competentes establecerán, nos seus respectivos ámbitos, os prazos de solicitude e concesión das bolsas e axudas.

O artigo 7.b) do Real decreto 1917/2008, do 21 de novembro, polo que se aproba o programa de inserción sociolaboral para mulleres vítimas de violencia de xénero, establece que, durante o tempo de participación nunha acción formativa, a muller terá dereito a percibir unha bolsa por asistencia de 10 euros por día lectivo ata a finalización do curso, que se concederá de acordo co procedemento establecido no Real decreto 395/2007 e normas de desenvolvemento.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece no seu artigo 5.2 que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se axusta esta disposición.

A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, regula os requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos que teñen carácter básico, polo que son de aplicación á normativa nesta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

O obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo á concesión de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego.

A contía total prevista inicialmente para o período de vixencia da presente orde ascende a 4.183.624 euros (2.091.812 euros para 2018 e 2.091.812 euros para 2019), con cargo á aplicación orzamentaria 09 41 323 A 480.0, con código proxecto 2013 00545, que figuran na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2018.

Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de formación para o emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais e nos supostos e nas condicións previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

Á vista do anterior, e logo de consultar o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto regular o réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas no marco da formación profesional para o emprego financiada pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

2. Por medio desta orde convócanse as ditas subvencións, referidas ás accións formativas que se inicien no período comprendido entre o 1 de xullo de 2018 e o 30 de xuño de 2019 (ambos incluídos).

Artigo 2. Financiamento

1. A contía total prevista inicialmente para o período de vixencia da presente orde ascende a 4.183.624 euros (2.091.812 euros para 2018 e 2.091.812 euros para 2019), con cargo á aplicación orzamentaria 09 41 323 A 480.0 con código proxecto 2013 00 545, que figuran na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2018.

Poderanse financiar con cargo aos créditos de 2018 as solicitudes presentadas ata o 1 de outubro do ano 2018 e con cargo aos créditos de 2019 aquelas solicitudes presentadas con posterioridade a esta data.

2. A concesión das subvencións en concepto de bolsas e axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

3. Se o orzamento asignado non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentase nalgún dos lugares previstos no artigo 15 ou, no caso de que a solicitude non estea completa, a data en que esta fose emendada. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora de presentación.

4. Os créditos consignados nesta orde poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de formación profesional para o emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

5. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións en concepto de bolsas e axudas obxecto da presente convocatoria as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas recollidas no artigo 1 e que reúnan os requisitos exixidos con carácter xeral nesta orde e nos artigos que se refiren a cada tipo de bolsa ou axuda.

2. Para os efectos do anterior, terán a condición de persoas traballadoras desempregadas aquelas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia na data de inicio da acción formativa ou no momento da súa incorporación á acción formativa.

Tamén poderán obter a condición de beneficiarias as persoas traballadoras que, estando ocupadas no momento da súa incorporación á acción formativa, adquiran a condición de persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia durante o desenvolvemento da acción formativa. Neste caso, só terán dereito a percibir as axudas que lles poidan corresponder desde o primeiro día do mes seguinte a aquel en que adquiran a condición de persoa desempregada.

No suposto de que desapareza o feito causante, perderase o dereito a percibir a axuda a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar esta situación.

3. Non poderá obter a condición de persoa beneficiaria das subvencións previstas nesta orde aquela na cal concorran algunhas das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estaren incursas en ningunha das ditas circunstancias realizarase mediante unha declaración responsable que deberán incluír no modelo de solicitude que se contén no anexo I, cuxo contido deberá respectar o que establece o artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 4. Bolsas e axudas. Tipoloxía e réxime de concesión

1. As subvencións reguladas nesta orde son todas compatibles entre si, coas seguintes excepcións:

a) En casos dun mesmo curso, son incompatibles a de transporte público coa de transporte privado, e a de transporte privado coa de aloxamento e manutención.

b) En caso de cursos distintos que se solapen no tempo, son incompatibles a de manutención e a de aloxamento e manutención.

2. As subvencións reguladas por esta orde refírense ás bolsas de asistencia, ás axudas de transporte, manutención e aloxamento, ás axudas á conciliación e ás axudas para mulleres vítimas de violencia de xénero, para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas.

O dereito do alumnado a percibilas referirase a cada día de asistencia na correspondente acción formativa.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concesión directa, de acordo co establecido no artigo 19.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 6.5.d) da Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.

4. A Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia reserva para si o dereito a efectuar cantas comprobacións sexan oportunas coa finalidade de asegurar o cumprimento dos requisitos exixidos por parte das persoas que perciban as subvencións reguladas nesta orde e, de ser o caso, poderá iniciar os procedementos de reintegro e sancionador que sexan oportunos, segundo o establecido pola lexislación de subvencións aplicable.

Artigo 5. Bolsas de asistencia

1. Poderán percibir unha bolsa consistente en 9 euros por día de asistencia as persoas traballadoras desempregadas que se encontren nalgún dos seguintes colectivos:

a) Ter recoñecida unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 % segundo o previsto no artigo 1 do Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro.

b) Participar nunha acción formativa vinculada á realización de actividades de mellora da empregabilidade incluídas no seu itinerario personalizado de inserción (IPI) vixente, sempre que non se negasen a participar en actividades recollidas neste.

2. Só se poderá cobrar unha bolsa deste tipo por acción formativa, con independencia de que a persoa desempregada pertenza aos dous colectivos.

3. No caso das persoas pertencentes ao colectivo da alínea a) do número 1, no suposto de que o recoñecemento da discapacidade teña lugar con posterioridade ao inicio da acción formativa, terán dereito a percibir esta bolsa a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar este recoñecemento e terán que realizar a solicitude da axuda no prazo dun mes desde que ese recoñecemento tivo lugar.

4. Polo que se refire ás persoas que se engloban na alínea b) do número 1, considérase como IPI vixente o IPI iniciado con posterioridade ao 1 de xaneiro do ano anterior ao ano en que se realiza a selección para a acción formativa. Para ter dereito a esta bolsa, o IPI vixente ten que ser anterior á data que consta na carta enviada pola oficina de emprego comunicándolle que é candidato á acción formativa ou á data da autorización da convocatoria pública cando esta sexa necesaria para a selección do alumnado.

5. Para ter dereito a esta bolsa, o alumnado deberá carecer de rendas de calquera clase iguais ou superiores ao 75 % do indicador público de renda de efectos múltiples (no sucesivo, IPREM).

Entenderase cumprido este requisito sempre que a suma das rendas de todas as persoas integrantes da unidade familiar ou de convivencia, incluída a persoa solicitante, dividida polo número de membros que a compoñen sexa inferior ao 75 % do IPREM.

Artigo 6. Axudas de transporte

1. As persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación ás cales se refire esta orde terán dereito a unha axuda de transporte público, que variará segundo o seu carácter:

a) Axuda de transporte público urbano: o alumnado que utilice a rede de transporte público urbano para asistir á formación terá dereito a percibir unha axuda de 1,5 € por día de asistencia.

Para teren dereito á súa percepción, deberán presentar unha declaración responsable, que se inclúe no anexo I, na cal se expliciten a/as liña/s de transporte público que precisan utilizar para asistiren á acción formativa.

b) Axuda de transporte público interurbano: o alumnado cuxo enderezo de intermediación laboral estea nun concello distinto ao daquel en que teña lugar a acción formativa ou que, coincidindo o concello, deba empregar o transporte público interurbano para asistir á acción formativa, terá dereito a percibir unha axuda de 9 € por día de asistencia.

Para teren dereito á súa percepción, deberán presentar unha declaración responsable, recollida no anexo I, en que fagan mención á/ás liña/s de transporte público que cómpre empregar para asistiren á acción formativa.

2. Cando non exista medio de transporte público entre o enderezo de intermediación laboral das persoas traballadoras desempregadas que asistan a unha acción formativa e o lugar en que esta se desenvolva, ou, no caso de existir, non teña un horario regular que permita compatibilizalo co da acción formativa, terán dereito á axuda por transporte en vehículo propio consistente en 0,19 euros por quilómetro e día de asistencia, cun máximo de 30 euros diarios.

Para teren dereito á percepción desta axuda, deberán presentar unha declaración responsable, segundo o modelo do anexo I, na cal indiquen os quilómetros realizados diariamente.

Artigo 7. Axudas de manutención e de aloxamento e manutención

1. Se o horario de impartición da acción formativa é de mañá e de tarde, e a distancia entre o enderezo de intermediación laboral da persoa traballadora desempregada e o lugar en que se desenvolve aquela acada ou supera os 20 quilómetros, poderase ter dereito a unha axuda de manutención por importe de 12 euros diarios.

2. No caso de que a distancia entre o enderezo de intermediación laboral da persoa traballadora desempregada e o lugar en que se imparte a acción formativa sexa igual ou superior aos 100 quilómetros, ou que, pola rede de transportes existentes, os desprazamentos non se poidan efectuar diariamente antes e despois das clases, poderase ter dereito a unha axuda de aloxamento e manutención, sempre que a asistencia á acción formativa implique que a persoa solicitante se deba aloxar no concello en que ten lugar a súa impartición.

A axuda de aloxamento e manutención aboarase por mes natural e a súa contía será o importe do IPREM fixado para o ano 2018 ou 2019, segundo corresponda, rateándose a parte correspondente aos meses de inicio e finalización cando non sexan completos. Será de aplicación a mesma regra cando existan suspensións durante a execución do curso superiores a unha semana. Ademais, incluirá a contía correspondente ao custo do transporte público por mor do desprazamento para o comezo e o final da acción formativa.

Artigo 8. Axudas á conciliación

1. As persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación de referencia e que teñan que conciliar tal participación co coidado de fillos/as menores e persoas acollidas menores de doce anos ou de familiares dependentes ata o segundo grao, terán dereito a unha contía igual ao 75 % do IPREM diario, por día de asistencia.

Para obteren as axudas á conciliación, as persoas traballadoras desempregadas deberán non ter rexeitado ofertas de traballo adecuadas nin negarse a participar en actividades de promoción, formación ou reconversión profesional no prazo dun mes desde que se esgote o subsidio por desemprego ou a prestación contributiva.

2. As persoas que queiran acollerse a esta axuda deberán cumprir as seguintes condicións ao inicio da acción formativa ou no momento en que teña lugar o feito causante:

a) Carecer de rendas de calquera clase iguais ou superiores ao 75 % do IPREM, nos termos de cálculos de renda referidos nesta orde.

b) Ter fillo/a/s e persoas acollidas menor/es de doce anos ou, de ser o caso, a dependencia do familiar ata o segundo grao.

3. No suposto de que o suxeito causante da axuda sexa un familiar ata o segundo grao, este entenderase incluído na unidade familiar para o cómputo de rendas.

4. Se o fillo ou a filla nace ou se acredita a dependencia con posterioridade ao inicio da acción formativa, terase dereito a percibir a axuda a partir do primeiro día do mes seguinte ao que teña lugar o feito causante e terase que realizar a solicitude da axuda no prazo dun mes desde que o feito tivo lugar.

5. No suposto de desaparición do feito causante, perderán o dereito á percepción da axuda a partir do primeiro día do mes seguinte a que esta teña lugar.

Artigo 9. Axudas para mulleres vítimas de violencia de xénero

1. As persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación ás cales se refire esta orde e que teñan a condición de muller vítima de violencia de xénero terán dereito a percibir unha axuda de dez euros por día de asistencia.

2. Para aquelas subvencións en concepto de bolsas e axudas en que se establezan límites de rendas da unidade familiar ou de convivencia para a súa percepción, quedan excluídos do cómputo das rendas os ingresos da persoa agresora.

Artigo 10. Cálculo das rendas

1. Para os efectos destas bases, as rendas calcularanse do seguinte xeito:

a) Para as persoas traballadoras por conta allea:

• Tomaranse os ingresos brutos do mes anterior ao inicio do curso ou do mes anterior a que se produza o feito causante que dea dereito á axuda, segundo o caso, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

• As axudas de custo non se terán en conta (agás naqueles casos en que o seu volume e periodicidade mostren que se trata dunha forma habitual de pagamento dunha parte do salario).

b) Para as persoas autónomas:

• Tomaranse os ingresos netos do trimestre anterior ao inicio do curso ou do trimestre anterior a que se produza o feito causante que dea dereito á axuda, segundo o caso.

• Ratearase o importe mensualmente, para obter as rendas mensuais.

2. Computaranse como renda o importe dos salarios sociais, as rendas mínimas de inserción ou as axudas análogas de asistencia social concedidas pola Comunidade Autónoma, así como o importe das prestacións do Servizo Público de Emprego Estatal.

Tamén terán a consideración de renda os ingresos correspondentes a rendementos patrimoniais, pensións e calquera outro tipo de ingresos percibidos.

A variación de rendas non se considerará circunstancia sobrevida para os efectos de xerar dereito á percepción das axudas.

3. Os datos dos puntos anteriores referiranse á suma de ingresos de todas as persoas que integran a unidade familiar ou de convivencia, incluída a persoa solicitante, dividida polo número de membros que a compoñen.

Artigo 11. Definición de unidade familiar ou de convivencia

Para os efectos desta orde, consideraranse persoas integrantes da unidade familiar ou de convivencia, con referencia ao momento de presentar a solicitude e sempre que se acredite documentalmente a convivencia no mesmo enderezo que a persoa solicitante, ademais desta:

a) Os familiares por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao de parentesco en liña ascendente, descendente ou colateral da persoa solicitante.

b) O seu cónxuxe ou a persoa coa cal conviva en situación de unión de feito ou análoga, sempre que se trate de parella de feito acreditada.

c) As persoas acollidas menores de vinte e seis anos, ou de máis idade pero incapacitados/as.

Artigo 12. Procedemento de concesión

O procedemento de concesión das subvencións en concepto de bolsas e axudas ás cales se refire esta orde tramitarase en réxime de concesión directa, de acordo co previsto na Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións no ámbito do emprego e da formación profesional ocupacional.

Artigo 13. Información sobre o procedemento administrativo

A información sobre este procedemento administrativo, que ten o código TR301V, poderase obter a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería: http://emprego.ceei.xunta.gal

b) Para as subvencións en concepto de bolsas e axudas que instrúe e tramita a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral:

– Nos teléfonos: 981 54 56 93 e 981 54 56 95.

– Para accións formativas impartidas no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia: nos teléfonos 881 99 78 03 e 881 99 78 07, así como na ligazón web https://emprego.xunta.es/cntxes-pro/

c) Para as subvencións en concepto de bolsas e axudas que instrúen e tramitan as xefaturas territoriais, segundo corresponda, ademais de presencialmente na sede do correspondente servizo periférico, nos seguintes teléfonos:

– A Coruña: 881 88 15 66 e 881 88 15 58.

– Lugo: 982 29 42 84 e 982 29 42 79.

– Ourense: 988 38 61 05 e 988 38 62 25.

–Pontevedra: 986 81 70 64 e 986 81 70 87.

d) Nas entidades, centros e empresas que perciban fondos públicos para o desenvolvemento de accións de formación para o emprego, nos termos do artigo 14.

e) Para cuestións xerais: a través do teléfono de información da Xunta de Galicia, que é o 012 (902 12 00 12 desde o resto do territorio español), e nas oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Artigo 14. Obriga de colaboración

1. As entidades, centros e empresas que perciban fondos públicos para o desenvolvemento de accións de formación para o emprego e que desenvolvan as accións formativas ás cales se refire o artigo 1 colaborarán na xestión das subvencións en concepto de bolsas e axudas do alumnado que participe nas accións formativas desenvolvidas por cada un deles.

2. A obriga de colaboración concretarase en todos aqueles aspectos que se indican nesta orde e con respecto ás persoas que participen na correspondente acción formativa:

a) Informalas adecuadamente, en tempo e forma, dos dereitos que teñen, dos prazos para presentaren a solicitude e da documentación necesaria.

b) Auxilialas no trámite de solicitude se así son requiridas e autorizadas pola persoa participante. Neste sentido, facilitarán ao alumnado solicitante das subvencións en concepto de bolsas e axudas os oportunos documentos que acrediten a documentación achegada, así como a data de entrega.

c) Presentarán ante o órgano instrutor competente, dentro dos quince (15) primeiros días naturais de cada mes, a documentación relativa a subvencións en concepto de bolsas e axudas de alumnado do seu centro que corresponden ao mes anterior.

3. Cando a Administración pública autonómica constate que se produciu a perda do dereito ao recoñecemento ou pagamento dunha subvencións por bolsa ou axuda por parte dunha persoa traballadora desempregada que tivese dereito a ela/s, e a dita perda fose motivada polo incumprimento das obrigas por parte das entidades ás cales se refire este artigo, estas poderán ser obxecto dun procedemento de revogación e reintegro do financiamento público que obtivesen para o desenvolvemento da acción formativa na contía equivalente ao importe que deixase de percibir a persoa afectada.

Artigo 15. Modo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que consta como anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365 ).

2. No suposto de que a persoa solicitante non teña capacidade técnica ou económica, ou que, por outros motivos, non teña garantido o acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, a presentación da solicitude e da documentación complementaria poderá ser validamente realizada por unha persoa representante que si cumpra cos ditos requisitos.

Neste sentido, de conformidade co previsto no artigo 28.1 da Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, as correspondentes entidades e centros de formación colaborarán coas persoas solicitantes, a través dos seus recursos humanos e técnicos, sempre que aquelas lles outorguen a súa autorización para presentar no seu nome a solicitude e a documentación complementaria.

Ademais, a persoa peticionaria poderase dirixir á oficina de emprego que lle corresponda do Servizo Público de Emprego de Galicia para que unha das súas persoas empregadas públicas presente no seu nome a solicitude e a documentación complementaria, se é autorizada expresamente por aquela.

No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero que solicitasen a confidencialidade dos seus datos, a subvención deberase solicitar a través da persoa titora.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. A solicitude dirixirase á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral ou ás xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, segundo cal sexa o tipo de acción formativa na cal se participa, de conformidade co establecido no número 1 do artigo 21:

a) As solicitudes das persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas impartidas no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia dirixiranse á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

b) As solicitudes das persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas distintas ás que se mencionan na letra anterior, incluíndo, en todo caso, as derivadas da oferta formativa executada nos centros da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como nos centros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria respecto das accións formativas incluídas nos acordos de colaboración para a impartición de formación profesional para o emprego nos centros educativos, dirixiranse ás correspondentes xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, segundo a provincia ou ámbito territorial.

Para estes efectos, terán que sinalar no cadro correspondente da solicitude (anexo I) a opción que corresponda.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén se poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. No caso de que algún dos documentos que cómpre presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada nesta orde. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Prazo de presentación das solicitudes

1. A persoa traballadora desempregada deberá presentar a súa solicitude no prazo dun mes desde a súa incorporación á acción formativa, ou desde que teña lugar o feito causante que determina o dereito. En calquera caso, a data límite será o 17 de decembro de 2018 para aquelas bolsas e axudas correspondentes a accións formativas iniciadas entre o 1 de xullo de 2018 e o 15 de novembro de 2018 (ambos incluídos), e o 30 de xullo de 2019 para aquelas accións formativas iniciadas entre 16 de novembro de 2018 e o 30 de xuño de 2019 (ambos incluídos).

2. A presentación da solicitude fóra de prazo dará lugar á súa inadmisión sen máis trámites, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

Artigo 17. Declaración responsable e documentación probatoria

A persoa interesada deberá presentar o anexo II debidamente cuberto e asinado e declarar que cumpre cos requisitos necesarios en cada caso para o recoñecemento do dereito á/ás subvención/s que solicita, que no momento da solicitude dispón da documentación que acredita tal cumprimento e que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida, ademais de que se compromete a manter os ditos requisitos durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito.

A documentación válida para a xustificación do cumprimento dos requisitos é a seguinte:

a) Bolsa de asistencia.

• Certificado de empadroamento ou residencia do solicitante nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

• De ser o caso, da posesión do certificado sobre o grao de discapacidade emitido polo Imserso ou polo servizo autonómico correspondente, no caso de opoñerse á súa consulta.

• Copia do libro de familia ou, no caso de persoas estranxeiras sen libro de familia, calquera documentación que acredite de forma suficiente o grao de parentesco.

• Documentación acreditativa de que a suma das rendas das persoas integrantes da dita unidade familiar ou de convivencia sexa inferior ao 75 % do IPREM.

• De ser o caso, certificado de participar nunha acción formativa vinculada á realización de actividades de mellora da empregabilidade incluídas no seu itinerario personalizado de inserción (IPI) vixente.

b) Axuda á conciliación:

• Certificado de empadroamento ou residencia do solicitante nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

• Copia do libro de familia ou, no caso de persoas estranxeiras sen libro de familia, calquera documentación que acredite de forma suficiente o grao de parentesco.

• Documentación acreditativa de que a suma das rendas das persoas integrantes da dita unidade familiar ou de convivencia sexa inferior ao 75 % do IPREM.

• Certificado de discapacidade da persoa solicitante, cando non estea recoñecida pola Xunta de Galicia.

c) Axuda para mulleres vítimas de violencia de xénero: certificación da orde de protección ou da medida cautelar correspondente, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou polo secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar; certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local; sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na lei; certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local; informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios, ou informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social, segundo sexa o caso.

Artigo 18. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

1.1. Con carácter xeral:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) Enderezo de intermediación laboral da persoa solicitantes.

c) Certificado de residencia da persoa solicitante e, de ser o caso, a do resto das persoas da unidade familiar.

1.2. Para a bolsa de asistencia, segundo proceda:

a) Certificado de discapacidade da persoa solicitante, recoñecida pola Xunta de Galicia.

b) Itinerario personalizado de inserción.

1.3. Para a axuda á conciliación:

a) Certificado da dependencia da persoa solicitante e, de ser o caso, do resto das persoas da unidade familiar.

b) De ser o caso, certificado de discapacidade da persoa solicitante, recoñecida pola Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberano indicar no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 19. Declaracións responsables

1. As declaracións responsables ás cales se refire esta orde, e que aparecen recollidas no anexo I, deberán deixar de manifesto, baixo a responsabilidade da persoa interesada, que esta cumpre cos requisitos necesarios en cada caso para o recoñecemento do dereito á bolsa ou axuda correspondentes, que dispón da documentación que acredita tal cumprimento e que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida, ademais de que se compromete a manter os ditos requisitos durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito, de tal maneira que, se deixa de cumprilos, estaría obrigado a comunicalo ao órgano competente para resolver, no prazo de cinco días hábiles desde que se produza tal circunstancia.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela, de conformidade co anexo I, e na cal se fan constar, entre outros, as cuestións seguintes:

a) Que en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas:

– Non se solicitou nin se concedeu ningunha outra axuda para este mesmo concepto para o cal se solicita esta subvención.

– Se se solicitaron e/ou concederon outras axudas para este mesmo concepto para o cal se solicita esta subvención, deberanse relacionar.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.

c) Que a persoa solicitante non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Que a persoa solicitante non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, para os efectos do previsto no artigo 11, alínea h), do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

e) Que a persoa solicitante está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que a persoa solicitante coñece as estipulacións da presente orde e das bases da convocatoria, que cumpre cos requisitos sinalados nelas e que se compromete a destinar o importe da axuda ao obxecto da subvención indicada.

Artigo 20. Consentimentos e autorizacións

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderalle requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 21. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación

1. Os órganos competentes para a instrución do procedemento serán:

a) A Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral será o órgano competente para a instrución e tramitación das solicitudes de subvencións por concepto de bolsas e axudas das persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas, nas accións formativas impartidas no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia e nas accións formativas cuxa resolución de concesión corresponde á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

b) As xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria correspondentes, segundo a provincia ou ámbito territorial sobre o cal exerzan as súas funcións, serán os órganos competentes para a instrución e tramitación do resto das solicitudes, incluíndo, en todo caso, as derivadas da oferta formativa executada nos centros da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como nos centros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria respecto das accións formativas incluídas nos acordos de colaboración para a impartición de formación profesional para o emprego nos centros educativos.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os seis meses e computarase a partir da data da presentación das solicitudes.

Logo de transcorrer o dito prazo sen terse notificado resolución expresa, a solicitude poderase entender desestimada.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos aínda que as persoas beneficiarias poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos ou por calquera outro medio válido (en papel). Na solicitude, a persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel).

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou sexa expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico realizarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas de desestimación.

5. Unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

6. As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde poñen fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer, potestativamente, recurso de reposición, ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de conformidade co que preceptúan os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo, ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 23. Pagamento das bolsas e axudas

1. O pagamento das subvencións por concepto de bolsas e axudas establecidas na presente orde realizarase logo da comunicación da resolución de concesión á persoa beneficiaria, nos termos do artigo 21, e terá carácter mensual. No primeiro pagamento incluirase o importe total das axudas devindicadas para o período correspondente ata a comunicación da resolución de concesión.

2. Todas as subvencións previstas nesta orde están supeditadas, ademais de ao cumprimento dos requisitos exixidos en cada caso, á asistencia á acción formativa, de maneira que todos os pagamentos terán lugar logo da comprobación das asistencias mensuais de cada unha das persoas beneficiarias.

3. No suposto da axuda de aloxamento e manutención, as persoas beneficiarias deberán achegar mensualmente as correspondentes facturas ou os xustificantes de pagamento.

4. A autorización de vacacións polo órgano competente implica que, durante ese período, queda en suspenso o pagamento das subvencións en concepto de bolsas e axudas ás cales teña dereito o alumnado.

Artigo 24. Datos de carácter persoal

1. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Formación (Servizo Público de Emprego) cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Economía, Emprego e Industria, Servizo Público de Emprego de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer, ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria, Servizo Público de Emprego de Galicia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, España, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal.

2. A cesión de datos de carácter persoal que, en virtude do establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, se debe efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado non requirirá o consentimento do afectado. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no artigo 21.1 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 25. Publicidade das bolsas e axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14, alínea ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e das cuestións previstas no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

2. Así mesmo, e tal como se recolle no artigo 15.2.d) da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes non publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, para a protección e a salvagarda da honra e da intimidade persoal e familiar das persoas físicas, en virtude do disposto na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. Igualmente, deberase facer pública a información relativa á concesión destas subvencións, nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, de maneira que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web, con excepción do sinalado no número 5 deste artigo.

4. As persoas beneficiarias das axudas concedidas incluiranse no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios e no de Sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2006.

5. Malia todo o anterior, de conformidade coas alíneas c) e d) do artigo 15.2 da Lei de subvencións de Galicia, no caso de que os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e tampouco será necesaria a publicación dos datos das persoas beneficiarias en razón de que manifesten expresamente no formulario de solicitude que non autorizan a publicación por considerar que a súa difusión poida ser contraria ao respecto e salvagarda da honra e a intimidade persoal e familiar das persoas físicas, en virtude do establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

6. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, así como nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no ámbito das súas respectivas competencias, para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento das subvencións reguladas nesta orde, así como para resolver a súa concesión, denegación, modificación, reintegro ou outras incidencias das citadas subvencións.

Disposición adicional segunda

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición transitoria única. Bolsas e axudas derivadas de accións formativas iniciadas con anterioridade á entrada en vigor desta orde

As solicitudes de bolsas e axudas correspondentes a accións formativas derivadas da oferta formativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria e da impartida nos seus centros de formación, así como ao abeiro dos acordos de colaboración para a impartición de formación profesional para o emprego nos centros educativos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, iniciadas con anterioridade ao 1 de xullo de 2018, financiaranse con cargo aos créditos da Orde do 8 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2017 e 2018 (código de procedemento TR301V) (DOG núm. 57, do 22 de marzo de 2017). Exceptuaránse aquelas en que o feito causante se produza con posterioridade ao 30 de xuño de 2018, que se pagarán seguindo os criterios da Orde do 8 de marzo de 2017 pero con cargo aos orzamentos previstos nesta orde, e aquelas que requiran pagamentos no ano 2019.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar resolucións e instrucións de desenvolvemento e execución

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para que dite, no ámbito das súas funcións, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file