Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 18 de xuño de 2018 Páx. 29519

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2018, da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, pola que se amplía a dotación orzamentaria da convocatoria de axudas destinadas ao Programa de instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex e en vivendas unifamiliares, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, con carácter plurianual.

O 26 de marzo de 2018, publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 14 de marzo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións do Programa de instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex e en vivendas unifamiliares, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, con carácter plurianual.

O artigo 26 desta orde sinala que as subvencións previstas nesta convocatoria se farán efectivas, con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451A.780.8 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 1.500.000 euros para a ano 2018 e 1.000.000 euros para o ano 2019. Ademais, no número 2 do artigo 26 prevese que esta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación, por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Tendo en conta o importante número de solicitudes presentadas nesta convocatoria, cuxo prazo de presentación finalizou o 30 de maio de 2018, o crédito previsto resulta insuficiente para atender todas elas, polo que se considera oportuno ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión destas subvencións ao existir remanente doutras convocatorias.

De conformidade co artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co artigo 26 da Orde do 14 de marzo de 2018, é competente para ditar esta resolución a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Polo exposto,

RESOLVO:

Único. Ampliar a dotación orzamentaria para as anualidades 2018 e 2019 da convocatoria de axudas destinadas ao Programa de instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex e en vivendas unifamiliares.

O incremento da dotación será de 444.064 euros para a anualidade de 2018 e de 195.586 euros para a anualidade de 2019, con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451A.780.8, polo que a contía máxima das subvencións que se poderán conceder con cargo ás citadas anualidades será de 1.944.064 euros para 2018 e 1.195.586 euros para 2019.

Esta ampliación non implica a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2018

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo