Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 18 de xuño de 2018 Páx. 29430

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 11 de xuño de 2018 pola que se amplía a dotación orzamentaria das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector artesán, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento IN201G) (Diario Oficial de Galicia número 23, do 1 de febreiro de 2018).

A Orde do 29 de decembro de 2017, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 23, do 1 de febreiro de 2018, establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector artesán, e procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento IN201G).

No artigo 1.4 da convocatoria e no artigo 2.1 do seu anexo I, bases reguladoras, precísase que as devanditas subvencións serán financiadas co crédito correspondente ás aplicacións orzamentarias seguintes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2018:

Aplicación orzamentaria

Importe (€)

09.30.751A.770.3. Comercialización de artesanía de Galicia. Obradoiros artesanais

130.000,00

09.30.751A.761.5. Comercialización e promoción de feiras de artesanía de Galicia

80.000,00

09.30.751A.781.4. Comercialización de artesanía de Galicia. Asociacións profesionais artesáns

45.000,00

O importe ascende a un total de 255.000,00 €.

No artigo 1 da orde tamén se sinala que se poderán incrementar as contías previstas en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Co obxecto de poder amparar o maior número de solicitudes, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, tramítase o correspondente expediente de ampliación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas subvencións, dada a existencia de remanentes de crédito incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Financiamento

1. Amplíase a dotación orzamentaria prevista na Orde do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector artesán, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento IN201G) (DOG núm. 23, do 1 de febreiro de 2018).

2. O incremento da dotación será de 24.700,00 euros con cargo á aplicación orzamentaria 09.30.751-A.770.3, Promoción e comercialización da artesanía de Galicia, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

Unha vez efectuado este incremento, o importe total da dotación orzamentaria previsto ascende a 279.700,00 euros.

3. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria