Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 19 de xuño de 2018 Páx. 29673

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2018, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, de prórroga de seccións bilingües en determinados centros de ensinanzas artísticas de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante a Orde do 14 de xullo de 2014 (DOG do 23 de xullo), autorizouse a posta en marcha, con carácter experimental, de seccións bilingües de lingua inglesa en conservatorios profesionais de música. En concreto, autorizáronse seccións bilingües no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e no Conservatorio Profesional de Música de Vigo. Mediante a Resolución do 4 de xullo de 2016 (DOG do 19 de xullo) prorrogáronse as seccións bilingües dos mesmos centros de ensinanzas artísticas de réxime especial.

Así mesmo, mediante a Orde do 7 de xullo de 2016 (DOG do 20 de xullo) autorizouse, con carácter experimental, a posta en marcha da sección bilingüe de lingua inglesa na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña.

O artigo 9 das devanditas ordes establece que o proxecto ten unha duración de dous cursos académicos, prorrogables en períodos de dous cursos máis, logo do informe favorable do Servizo de Inspección Educativa emitido tendo en conta a adecuación ás condicións e obxectivos indicados na súa posta en marcha e a permanencia das circunstancias que xustificaron a súa implantación.

Igualmente, na disposición derradeira primeira das citadas ordes autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a que dite cantas normas se consideren oportunas para o seu desenvolvemento.

Emitidos os correspondentes informes favorables polos servizos de inspección educativa, de acordo co establecido no artigo 9 da citada orde,

RESOLVO:

Primeiro. Prorrogar, por un período de dous anos, as seccións bilingües no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, no Conservatorio Profesional de Música de Vigo e na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, coa finalidade de favorecer a práctica da lingua inglesa entre o alumnado dos ditos centros.

Segundo. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2018

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa