Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 22 de xuño de 2018 Páx. 30419

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2018 pola que se dá publicidade á resolución de concesión das axudas a proxectos de formación Industria 4.0, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Mediante Resolución do 21 de decembro de 2017 publicouse o acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aprobou as bases reguladoras das axudas a proxectos de formación Industria 4.0, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (DOG núm. 245, do 28 de decembro) e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2018.

As ditas bases establecen no seu artigo 10.6 que a resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Anunciar a publicación do texto completo da resolución definitiva do 31 de maio de 2018 de concesión das axudas do Igape a proxectos de formación Industria 4.0, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, no enderezo www.tramita.igape.es (epígrafe «Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas). O texto completo da resolución non se publica no DOG na súa integridade en virtude da cautela prevista no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Habilítase un prazo de 10 días naturais para que os interesados accedan á oficina virtual do Igape, no enderezo www.tramita.igape.es (epígrafe «Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas), utilizando o seu NIF e o código IDE do expediente, para descargar a súa resolución individual. Transcorrido o devandito prazo desde a posta á disposición da resolución individual sen que se acceda ao seu contido, entenderase rexeitada.

Esta liña de axudas está cofinanciada polo Fondo Social Europeo nun 80 %, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e, en particular:

Obxectivo temático 8: promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral.

Prioridade de investimento 8.5: fomentar a adaptación dos traballadores e traballadoras, das empresas e do empresariado ao cambio.

Obxectivo específico 8.5.1: adaptar a cualificación das persoas traballadoras ás necesidades do mercado laboral, así como mellorar a súa situación contractual para garantir o seu mantemento no emprego e permitir a súa progresión profesional.

Liña de actuación 104: Iniciativas de formación para a Industria 4.0.

Categoría de intervención 106: adaptación ao cambio de traballadores, empresas e emprendedores.

O que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro, e o Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1081/2006, do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

A concesión desta axuda supón a aceptación do beneficiario a ser incluído na lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. Así mesmo, o beneficiario deberá cumprir os requisitos de publicación e comunicación en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2 do devandito Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Segundo. As resolucións individuais, segundo o establecido no punto primeiro, esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao acceso á resolución individual, ou a partir do día en que se puxo á súa disposición no caso de non ter accedido ao seu contido. Non obstante, previamente poderase interpoñer recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, dentro do prazo dun mes contados a partir do día seguinte ao acceso á resolución individual, ou a partir do día en que se puxo á súa disposición no caso de non ter accedido ao seu contido.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2018

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica