Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 26 de xuño de 2018 Páx. 30822

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 13 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social e se procede á súa convocatoria para os anos 2018, 2019 e 2020 (cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 e Feder Galicia 2014-2020).

BDNS (Identif.): 404701.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na base de datos nacional de subvencións (http//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Entidades de iniciativa social ás que se refire o artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, sempre que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para os efectos do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais considéranse entidades privadas de iniciativa social aquelas organizacións non gobernamentais e institucións non gobernamentais que realicen actividades de servizos sociais carecendo de ánimo de lucro. Para estes efectos acreditarase que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven a súa misión con carácter gratuíto de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Dedicarse, con carácter preferente en concordancia cos seus estatutos, á realización de actuacións recollidas no artigo 1.

Segundo. Finalidade

Establecemento de subvencións ás entidades de iniciativa social que, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, levan a cabo a atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social e desenvolven programas e/ou prestan servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 13 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social e se procede á súa convocatoria para os anos 2018, 2019 e 2020 (cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 y Feder Galicia 2014-2020).

Cuarto. Importe

1. Importe total: quince millóns vinte e dous mil oitocentos vinte e tres con oitenta e oito euros (15.022.823,88 €).

2. Subvencións para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social.

a) Centros de acollida e inclusión: módulo de 6 € por cada persoa con atención básica por día e módulo de 40 € por cada persoa con atención especializada por día, cun límite máximo de 350.000 € por centro.

b) Centros de día de inclusión social: módulo de 3 € por cada persoa que se atenda e día, cun límite máximo de 80.000 € por centro.

c) Albergues: módulo de 5 € por cada persoa que se atenda e día, cun límite máximo de 80.000 € por centro.

d) Comedores sociais: módulo de 3 € por cada persoa que se atenda e día, cun límite máximo de 200.000 € por centro.

e) Centros de atención social continuada: módulo de 3 € por cada persoa que se atenda e día, cun límite máximo de 80.000 € por centro.

3. Subvencións para programas.

A contía máxima de axuda por actuación establécese nun importe de 83.000 €.

4. Subvencións para o investimento de centros de inclusión e emerxencia social.

Para os efectos de determinar o importe da subvención atenderase ao orzamento presentado pola entidade solicitante, e esta non poderá superar o 80 % do orzamento total.

En ningún caso o importe máximo da axuda que se vaia conceder superará o importe de 300.000 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2018

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social