Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 27 de xuño de 2018 Páx. 31022

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 7 de xuño de 2018 pola que que se establecen as bases reguladoras dun programa a prol da contratación das mulleres desempregadas, cofinanciado polo PO FSE Galicia 2014-2020, e a formación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de Emprego, e de acordo coa Axenda 20 para o emprego e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, cómpre adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

A Xunta de Galicia, no exercicio da competencia en materia de emprego atribuída en virtude do disposto nos artigos 29.1 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, e logo da asunción de funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado no ámbito do traballo, o emprego e a formación, conforme os sucesivos reais decretos de transferencias, vén a desenvolver un conxunto integral de medidas activas de emprego dirixidas á xeración de novos postos de traballo e ao fomento da iniciativa emprendedora.

A competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Economía, Emprego e Industria, segundo o disposto no Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das Consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A Xunta está a implementar a Axenda 20 para o emprego, para impulsar o emprego estable e de calidade e acadar un novo modelo produtivo de Galicia baseado no crecemento e no coñecemento. Céntrase en tres retos: fomentar o emprego de calidade, reforzar a formación e especialización ao longo da vida laboral e mellorar e orientar os servizos públicos na atención ás persoas demandantes e empresas. O Goberno galego busca reforzar a atención especial que xa presta aos colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.

No marco das políticas activas de emprego, desenvolvidas pola Xunta de Galicia, os incentivos á contratación por conta allea configúranse como un instrumento para facilitar o acceso e permanencia no emprego de grupos de traballadores con maiores dificultades e pola súa vez como unha ferramenta para fomentar a estabilidade laboral das novas contratacións e dos cadros de persoal das empresas galegas.

Na programación dos incentivos para o ano 2018, o colectivo feminino segue a ser un dos especialmente atendidos no conxunto dos incentivos á contratación indefinida, co obxectivo de poñer á disposición das mulleres galegas medidas activas de política laboral que favorezan a súa inserción no mercado de traballo, a súa representación equilibrada en todas as profesións e sectores de actividade, así como unha maior participación na taxa de actividade e de ocupación e que pola súa vez contribúan a reducir o diferencial da taxa de desemprego entre homes e mulleres.

Co dito fin, e para seguir incidindo na mellora da situación de emprego das mulleres galegas, no presente ano os incentivos á contratación por conta allea, plásmanse nunha orde propia dirixida exclusivamente ao colectivo de mulleres, na súa consideración de colectivo beneficiario, incidindo en todas aquelas situacións que dificultan o seu acceso ao mercado laboral.

Xunto con estas medidas, e dada a necesaria complementariedade entre as actuacións da Administración autonómica e as de ámbito estatal cara ao logro da inserción da muller no mundo laboral, as axudas para o fomento do emprego da muller establecidas pola Xunta de Galicia son compatibles cos programas estatais de fomento do emprego aplicable a todo o Estado.

Esta orde tamén responde ao mandato do artigo 31 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, que establece que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá incluír, nas actuacións programadas en relación coa política de emprego destinadas a promover a inserción laboral efectiva das mulleres, accións e actuacións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta allea, e que se terán en conta de xeito preferente as mulleres con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

A Comunidade Autónoma galega considera de importancia o retorno e a incorporación laboral da súa poboación no exterior, polo que nesta liña se pretende tamén chegar á poboación galega, laboralmente activa, que reside fóra de Galicia.

As bases dos programas regulados nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto deste réxime, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018; no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; e nesta orde.

A convocatoria do bono de contratación enmárcase dentro do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, nº CCI2014ES05SFOP009, aprobado pola decisión da Comisión Europea do 8 de decembro de 2015, cofinanciado cunha porcentaxe do 80 % polo Fondo Social Europeo.

– Obxectivo temático 8: promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral.

– Prioridade de investimento 8.1: facilitar o acceso ao emprego por parte das persoas demandantes de emprego e das persoas inactivas, incluídas as persoas desempregadas de longa duración e as persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas de emprego locais e o fomento da mobilidade laboral.

– Obxectivo específico 8.1.3: aumentar a contratación de carácter estable das persoas desempregadas e/ou demandantes de emprego, incluíndo as de longa duración e aquelas de máis idade.

O financiamento do bono de formación desenvolverase con cargo aos fondos finalistas.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo da autorización previa da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, dos informes da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Coa finalidade de facilitar a inserción laboral das mulleres desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para acceder ou permanecer no mercado de traballo, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2018 dos incentivos á súa contratación indefinida.

2. Por medio desta convocatoria as empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación e a formación (procedemento TR350A).

Inclúense dous tipos de axuda compatibles:

a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para os contratos indefinidos iniciais realizados con mulleres desempregadas.

b) Bono de formación (opcional) dirixido ás mulleres contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018; o Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis; no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; e no disposto nesta orde.

Por tratarse de subvencións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, serán de aplicación: o Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), e o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, así como na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, non concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas. Se o orzamento establecido para esta axuda non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presente de acordo co establecido nesta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas en rexistros diferentes, a orde de prioridade virá determinada pola hora de presentación.

2. No exercicio económico 2018, as axudas para o financiamento do bono de contratación recollidas nesta orde de convocatoria financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C.472.0 2016 00 313, cunha contía de 1.147.052 euros, e á aplicación orzamentaria 09.40.322C.480.0 2016 00 313, cunha contía de 161.622 euros, Fondo Social Europeo. As axudas para o financiamento do bono de formación financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C.470.3 2018 00 085, cunha contía de 200.000 euros, fondos finalistas.

3. Este crédito poderán ser obxecto de modificación como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego.

4. Poderá ampliarse a contía máxima deste crédito para esta convocatoria. Previo informe favorable da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio competente do PO FSE Galicia 2014-2020, actualmente a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, o incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos desta orde, entenderase:

a) Muller desempregada: aquela que estea inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da súa contratación vinculada ao programa e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

b) Acción formativa: formación para que se imparte, ben con medios propios da entidade beneficiaria ou ben a través dunha entidade externa ou expertos, co obxecto de que a persoa traballadora participante adquira coñecementos e habilidades en relación co posto de traballo que se desenvolve na empresa participante no marco do programa.

c) Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística páxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

d) Emigrante retornado: de acordo co establecido nos artigos 53 e 54 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, terán a condición de galego retornado as persoas galegas e nadas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega. Para os efectos previstos nesa lei, asimílanse a persoas galegas retornadas os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as fillos/as das persoas galegas e nadas en Galicia con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os requisitos, con carácter xeral, para adquirir a condición de galego/a retornado/a son os seguintes:

a) Ser galego/a e nado/a en Galicia.

b) Acreditar ter relación filial, conxugal ou análoga á conxugal.

c) Estar en posesión da nacionalidade española e estar vinculado/a a un concello galego no padrón de residentes no exterior antes do retorno.

d) Estar empadroado/a nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para adquirir esta condición de emigrante retornado non deben transcorrer máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude de axuda ao abeiro desta orde.

Artigo 6. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten mulleres desempregadas por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

No caso de sociedades civís, comunidades de bens e unións temporais de empresas, deberá facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. No suposto de unións temporais de empresas cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas.

As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, na súa falta, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE núm. 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do dito real decreto.

2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas os centros especiais de emprego.

3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme á Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non recaia resolución xudicial firme en cuxa virtude poida practicarse a inscrición no correspondente rexistro.

4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

5. No caso de que a entidade solicitante sexa unha institución sen ánimo de lucro, a xustificación de non estar incursas na prohibición contida no número 3.e) anterior poderá ser substituída por unha declaración responsable a que se refire o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Solicitudes e prazos

1. As solicitudes de subvención deberán presentarse nos modelos de solicitude que figuran como anexos, xunto coa documentación e no prazo establecido.

2. En canto ás persoas físicas, de acordo co disposto no artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, de acompañamento dos orzamentos para o ano 2017, a xustificación da concorrencia das circunstancias indicadas no dito artigo para establecer a obriga de relacionarse electronicamente coa Administración na presentación das persoas físicas, vén motivada polo feito de que as persoas beneficiarias a que vai dirixida esta orde de subvencións son autónomas que exercen unha actividade económica e dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, en calquera actividade comercial que realicen.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo I-A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Para garantir que as persoas que carecen de medios para relacionarse telematicamente coa Administración, e de acordo co previsto no artigo 13.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das adminstracións públicas, poidan presentar no rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento, a persoa solicitante poderá contar, entre outros, coa asistencia efectiva da Rede de técnicos de emprego de Galicia da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

4. O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2018.

As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre 1 de xaneiro 2018 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación da orde.

As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas a partir da entrada en vigor desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses desde a data de inicio da relación laboral, respectando o prazo xeral do 30 de setembro de 2018.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 8. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións firmes que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídas nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable de ambos os ficheiros é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Economía, Emprego e Industria, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico a lopd.industria.@xunta.gal.

Así mesmo, os datos referidos no parágrafo anterior tamén serán incluídos no ficheiro denominado Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos, cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 de Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dx.politica.financeira.tesouro.fondos.europeos.facenda@xunta.gal.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Emprego e Economía Social da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria competente por razón do territorio.

3. Entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola que se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o que solicitou a axuda.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal (https://notifica.xunta.gal), dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. A notificación por medios electrónicos, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Resolución e recursos

1. A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención e obrigas que correspondan ao beneficiario, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

2. A competencia para resolver as solicitudes corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía e Industria, á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria competente por razón do territorio.

3. O prazo para resolver e notificar é de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Notificada a resolución polo órgano competente, as persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este, sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Incompatibilidades e concorrencia

As subvencións previstas no Programa de bono de formación son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o financiamento das horas de formación procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

As axudas previstas no Programa de bono de contratación son incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan superar os límites do 80 % establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Obrigas das persoas e das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas:

Sen prexuízo das obrigas establecidas con carácter específico para cada tipo de axuda, son obrigas das persoas e entidades beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

No caso de que a entidade solicitante sexa unha institución sen ánimo de lucro, a xustificación de estar ao día nas súas obrigas tributarias poderá ser substituída por unha declaración responsable a que se refire o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

d) Manter unha pista de auditoría suficiente, manter de forma separada na contabilidade o ingreso da axuda percibida e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. O comenzo dese prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

e) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e polo PO FSE Galicia 2014-2020.

f) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do FSE, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo, as de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

g) Cumprir coas medidas de comunicación e información establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro de 2013, así como adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia ao Fondo Social Europeo nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

h) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultado enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo. Os indicadores de produtividade relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coa actuación subvencionada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento, a través da aplicación informática Participa 1420.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

j) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Perda do dereito ao cobramento da subvención e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As obrigas de reintegro establecidas nos artigos 29 e 35 desta orde entenderanse sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, que aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

3. Procederá, así mesmo, o reintegro nos casos previstos para cada programa concreto nos artigos 29 e 35 desta orde.

Artigo 18. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 19. Seguimento e control

1. As xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Secretaría Xeral de Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, a persoa beneficiaria deberá cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

2. A persoa solicitante das axudas e subvencións previstas nesta orde, no suposto de teren a condición de beneficiaria e para os efectos das actuacións de control das obrigas asumidas, autorizan a Consellería de Economía, Emprego e Industria para que a Tesouraría Xeral da Seguridade Social poida facilitar a información sobre a situación de alta no sistema da Seguridade Social.

3. No suposto de que a subvención estea cofinanciada polo Fondo Social Europeo autorízase a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos para consultar a información da Administración pública competente relativa ao cumprimento do mantemento do emprego e da forma xurídica.

Artigo 20. Réxime de axudas

As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte pola estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Consello.

b) As axudas concedidas ás empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) As axudas concedidas ás empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

i) Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

ii) Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a súa totalidade se repercuta aos produtores primarios.

d) As axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

CAPÍTULO II

Programa de bonos de contratación. Liña de axudas para incentivar a contratación indefinida inicial por conta allea

Artigo 21. Ámbito de aplicación e contratacións subvencionables

Os incentivos previstos neste programa serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais que se celebren desde o 1 de xaneiro de 2018 ata o 30 de setembro de 2018 con mulleres desempregadas.

Artigo 22. Requisitos

1. A persoa desempregada pola que se solicita a subvención á contratación ten que cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser muller.

b) Estar en situación de desemprego no momento do inicio da relación laboral.

2. A xornada da contratación indefinida inicial será a tempo completo ou a tempo parcial. No caso da xornada a tempo parcial deberá de ser igual ou superior ao 50 % da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada máxima legal.

3. Como consecuencia da contratación indefinida inicial pola que se solicita subvención ten que incrementarse o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia respecto á media dos 3 meses anteriores ao da contratación.

4. Como consecuencia da contratación indefinida inicial pola que se solicita subvención ten que incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa no ámbito territorial de Galicia respecto á media dos 3 meses anteriores ao da contratación.

Para o cálculo do incremento do cadro de persoal fixo e neto non se computarán as persoas traballadoras cuxo contrato de traballo se extinga por causas obxectivas ou por despedimento disciplinario que non sexan declarados improcedentes ou cuxas baixas se producisen por dimisión da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución durante o período de proba ou por finalización do contrato de traballo.

No caso de que algún dos tres meses anteriores á contratación pola que se solicita subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas descontinuas, estas computaranse como persoal fixo.

As contratacións polas que se solicita subvención deberán formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Artigo 23. Contías dos incentivos

1. As contratacións realizadas ao abeiro desta orde de convocatoria incentivaranse cunha axuda 7.000 euros por cada muller desempregada contratada que cumpra os requisitos mencionados no artigo 22.

2. As contías establecidas no punto 1 incrementaranse nun 25 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

– No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

– Se a muller incorporada é unha emigrante retornada.

– Se a muller contratada é maior de 45 anos.

Aplicarase a subvención polos incrementos indicados pola persoa solicitante, en caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada coa documentación achegada coa solicitude.

Cando se trata de contratacións indefinidas cunha xornada a tempo parcial as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.

Artigo 24. Exclusións

Exclúense dos beneficios regulados neste programa:

1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores ou traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

2. Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao incluído, da empresaria ou empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea aos fillos e fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el.

3. As contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal ou mediante un contrato formativo, de remuda ou por anticipación da idade de xubilación. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador ou da traballadora con empresas ás cales a persoa solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

4. As persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 49.1.g), 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores.

Artigo 25. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Poder suficiente da persoa representante e asinante da solicitude para actuar en nome da persoa solicitante, de ser o caso.

b) Informe de vida laboral dun código conta de cotización correspondente aos tres meses anteriores ao mes en que se realiza a contratación indefinida inicial, máis o do correspondente ao do mes en que se realiza a dita contratación.

c) Declaración do cadro de persoal neto e fixo de todos os centros de traballo da empresa en Galicia nos tres meses anteriores ao inicio da relación laboral da persoa traballadora contratada (anexo I-B).

De ser o caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras contratadas que causaron baixa polas causas previstas no artigo 22.4 da orde de convocatoria.

d) Relación nominal das persoas traballadoras polas que se solicita subvención, en que se inclúan os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola que se solicita subvención (anexo I-C) e nómina do mes de contratación.

e) Comprobación de datos da persoa traballadora contratada (anexo I-D).

f) Só en caso de incremento por emigrante retornado:

I. Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa traballadora contratada e ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.

II. Certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 26. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) DNI ou NIE da muller traballadora contratada.

g) Certificado de empadroamento da muller traballadora contratada no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.

h) Certificado de inscrición no Servizo Público de Emprego da muller traballadora contratada.

i) Informe da vida laboral da muller traballadora contratada.

j) Contrato de traballo da muller traballadora.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo no cadro indicado no formulario de solicitude, como figura no anexo I-A e no anexo I-D, e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 27. Xustificación, pagamentos e informe final

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das subvencións quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo, nos termos e no modo establecido na resolución de concesión e, en todo caso, non poderá ir máis alá do 31 de decembro de 2018. Excepcionalmente e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda da metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

A documentación que se debe presentar é a seguinte:

a) Cumprimento por parte da empresa da obriga de informar ás persoas traballadoras acerca do financiamento comunitario da subvención dos seus contratos, segundo o modelo do anexo I-F.

b) Declaración complementaria da presentada coa solicitude, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións anexo I-E.

c) De ser o caso, extracto do balance provisional contable da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados e a subvención concedida. Os documentos que se acheguen deben incluír as contas ou as subcontas en que se contabilizaron, as datas e os números dos asentos contables e indicación específica do seu financiamento polo Fondo Social Europeo.

d) A documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 16.e) e g) desta orde.

e) Información dos indicadores de produtividade sobre as entidades e os participantes ao que se refire o anexo I do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, a través da aplicación Participa 1420 ou segundo o modelo que estará dispoñible na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria: http://emprego.ceei.xunta.gal.

2. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en tanto a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

No caso de que a entidade beneficiaria sexa unha institución sen ánimo de lucro, a xustificación de estar ao día nas súas obrigas tributarias poderá ser substituída por unha declaración responsable a que se refire o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. En todo caso, nas axudas deste capítulo respectaranse as condicións da normativa estatal en materia de subvencionalidade dos gastos cofinanciados polo FSE e en concreto o previsto na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

Artigo 28. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas durante un período de 2 anos contado desde a data de realización da contratación.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención a empresa está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial, polo menos cunha xornada de traballo igual á anterior, e a persoa traballadora deberá pertencer a algún dos colectivos de persoas beneficiarias deste programa polo que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causase baixa. Esta remuda deberá realizarse ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

2. Manter durante 2 anos o número de persoas traballadoras fixas do cadro de persoal no mes de realización da contratación indefinida inicial, que se contarán desde o mes de realización da contratación.

3. Unha vez finalizado o período dos dous anos do cumprimento destas obrigas, corresponderá á Secretaría Xeral de Emprego levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e seguimento deste programa. Para iso, a entidade beneficiaria está obrigada a presentar, nos tres meses seguintes ao remate deste prazo, unha declaración da media do persoal traballador fixo no conxunto dos centros de traballo en Galicia do período de 12 meses contados desde o mes seguinte ao da realización das contratacións subvencionadas. Esta declaración deberá presentarse respecto de cada un dos 2 anos seguintes ao mes en que se realizou a contratación subvencionada. A estas declaracións xuntaranse o informe de vida laboral dun código conta de cotización expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social das 24 mensualidades.

Ademais, o beneficiario está obrigado a presentar, nos tres meses seguintes ao remate deste prazo, as nóminas das 24 mensualidades correspondentes a cada persoa traballadora subvencionada.

4. No prazo máximo de catro semanas desde o cumprimento dos prazos de mantemento da condición de traballador a que se refire o parágrafo 1 anterior, a entidade beneficiaria deberá presentar, respecto de cada unha das persoas polas que percibiu a subvención ou as persoas substitutas, os indicadores de resultado inmediato a que se refiren o anexo I do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

A Administración actuante poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalice este mantemento, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento.

Artigo 29. Incumprimento de obrigas e reintegro

Procederá o reintegro das axudas cando se produza algunha das seguintes circunstancias:

1. Procederá o reintegro do 10 % da axuda no caso do incumprimento de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles.

2. Procederá o reintegro total da axuda concedida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder, no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 16, letra b), de comunicar a obtención doutras axudas incompatibles.

3. Procederá o reintegro do 5 % da axuda concedida no caso do incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, no caso de que estas sexan compatibles.

4. Procederá o reintregro parcial polo exceso de financiamento percibido máis os xuros de demora, no caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 16, letra b), de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas, no caso de que estas sexan compatibles.

5. Procederá o reintegro parcial do 2 % da axuda concedida no caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 16, letras e) e g), de cumprir coas medidas de información.

6. Cando a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 28.1 desta orde, por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no dito artigo, procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

Neste suposto hai que diferenciar entre o reintegro total, cando non se leve a cabo a remuda da persoa traballadora que causou baixa, e o reintegro parcial, que procederá nos seguintes casos:

a) Se se efectuou a substitución, pero esta non foi feita no prazo anteriormente indicado.

O cálculo da contía que se debe reintegrar parcialmente farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre vinte e catro meses a subvención concedida.

ii. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, computándose para estes efectos o prazo que se concede para proceder á remuda. Así mesmo, o mes en que se leve a cabo a remuda considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

iii. E multiplícase o importe obtido na primeira operación (i) polo número de meses en que o posto de traballo estivese vacante.

b) Se se efectuou a substitución, pero esta non foi feita polo menos cunha xornada de traballo igual ao da persoa que causou baixa ou, no suposto dunha modificación da xornada de traballo, da persoa contratada e subvencionada.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería pola xornada inferior e o cálculo da contía a que se debe reintegrar farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre vinte e catro meses o importe concedido pola persoa traballadora de que se trate.

ii. Calcúlase a subvención que lle correspondería en función da nova xornada de traballo e divídese entre vinte e catro meses.

iii. Á contía obtida na operación primeira (i) réstaselle a contía obtida na operación segunda (ii).

iiii. O resultado multiplícase polo número de meses que resten ata cumprir os vinte e catro, tendo en conta que o mes en que se leve a cabo a remuda será computado entre os meses con xornada inferior, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

c) Se se efectuou a substitución, pero esta non foi feita cunha nova persoa traballadora pertencente a algún dos colectivos de persoas beneficiarias deste programa polo que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causou baixa.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería á nova contratación e o cálculo da contía que se debe reintegrar farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre vinte e catro meses o importe concedido pola persoa traballadora de que se trate.

ii. Calcúlase a subvención que correspondería en función do colectivo da persoa traballadora substituta, e divídese tamén entre vinte e catro meses.

iii. Á contía obtida na operación primeira (i) réstaselle a contía obtida na operación segunda (ii).

iiii. O resultado multiplícase polo número de meses que resten ata cumprir os vinte e catro, tendo en conta que o mes en que se leve a cabo a remuda será computado entre os meses en que a subvención sería inferior, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

7. Cando a persoa beneficiaria incumpra, en medias anuais, a obriga establecida no artigo 28.2, procederá o reintegro parcial da axuda por cada anualidade en que se incumpra esta obriga.

CAPÍTULO III

Programa de bonos de formación. Programa de financiamento de accións formativas no centro de traballo

Artigo 30. Accións subvencionables e requisitos

1. As empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras subvencionadas por medio do Programa de bono de contratación previsto nesta orde. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:

a) A muller traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma que participa no Programa de bonos de contratación e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos que se establecen para participar no capítulo II.

b) A acción formativa deberá ter unha duración mínima de 50 horas de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo a que asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa.

c) A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde o inicio do contrato e dentro da xornada laboral establecida no dito contrato.

2. Para as contratacións realizadas entre o 1 de xaneiro de 2018 e a data de publicación desta orde a acción formativa levarase a cabo no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación.

3. Queda excluída deste bono de formación aquela que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva a que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 31. Execución das accións formativas

As entidades beneficiarias desenvolverán as accións formativas a través de medios propios ou poderán recorrer á súa contratación, dentro dos tres primeiros meses do inicio da relación laboral. Para as contratacións realizadas con posterioridade ao 15 de setembro de 2018 e ata o 30 de setembro de 2018 a acción formativa terá como data límite para a súa finalización o 15 de decembro de 2018.

Artigo 32. Lugar de impartición das accións formativas

As entidades beneficiarias desenvolverán as accións formativas a través de medios propios ou por medio da súa contratación, podendo realizalas tanto nas súas instalacións como nas da entidade encargada da súa formación, dentro dos tres primeiros meses do inicio da relación laboral.

Artigo 33. Contías dos incentivos e condicións da percepción

Esta formación incentivarase cunha axuda de 1.000 euros por cada muller desempregada contratada que a reciba na súa integridade e que cumpra os requisitos establecidos no artigo 22 da presente orde.

Artigo 34. Xustificación e pagamento

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo, nos termos e no modo que se exixa de forma expresa na resolución de concesión, e en todo caso non poderá ir máis alá do 31 de decembro de 2018. Excepcionalmente e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da documentación que non exceda da metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

2. A documentación que se debe é a seguinte:

– Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, complementaria da presentada coa solicitude (anexo I-E).

– Documento acreditativo de que a solicitante comunicou ás persoas representantes legais das persoas traballadoras a acción formativa xustificativa do bono de formación que se realizou coa solicitude desta axuda. No supostos de que non haxa representantes legais a comunicación debe realizarse a todas as persoas traballadoras da empresa.

– Accións formativas xustificativas da formación.

– Copia dos partes de sinaturas asinados pola persoa titora e a persoa traballadora por cada sesión diaria de formación.

– Informe de aproveitamento asinado pola persoa titora e a persoa traballadora en que se detalle:

Os contidos das accións formativas na empresa.

Programa de actividades e servizos que a empresa puxese á disposición do formando para familiarizarse coa empresa.

Os seus coñecementos e habilidades melloradas.

3. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en tanto a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 35. Incumprimento de obrigas e reintegro

No caso de que a persoa traballadora pola que se solicita as axudas establecidas no bono de formación cause baixa na empresa, se esta non recibiu as 50 horas de formación na súa totalidade, a entidade beneficiaria non terá dereito a percibir esta axuda.

No caso de que a persoa traballadora que causou baixa fose substituída por outra persoa traballadora que cumplira as mesmas condicións que a anterior, a entidade beneficiaria poderá percibir a axuda establecida no bono formación no caso de que esta nova persoa traballadora reciba a formación na súa totalidade segundo o artigo 30.1.b).

Esta axuda percibirase por unha soa persoa traballadora formada.

En todo caso, as accións formativas deberán executarse no referente aos prazos, segundo o establecido no artigo 31 desta orde de convocatoria.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria nos xefes e xefas territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións concesorias das que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para a tramitación e resolución dos expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición adicional segunda. Información sobre a xestión de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file