Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 29 de xuño de 2018 Páx. 31444

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 19 de xuño de 2018 pola que se modifica a Orde do 19 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases polas cales se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nadas/os no ano 2018 e se procede á súa convocatoria.

O 29 de decembro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 19 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases polas cales se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nadas/os no ano 2018 e se procede á súa convocatoria.

Esta convocatoria de axudas diríxese a aquelas familias que teñan fillas ou fillos, tanto por natureza como por adopción, nados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018. Así mesmo, pode optar a elas quen estea en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as nacidos/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.

Á vista da importancia que ten tanto a adopción como a garda con fins adoptivos como recursos de protección para os e as menores que non poden crecer no seo da súa familia e para apoiar as persoas que proporcionan un fogar aos nenos e nenas que se atopan en situación de abandono ou desamparo, a Consellería de Política Social considera razoable facer unha excepción ao requisito xeral de que o nacemento do neno ou nena polo que se solicita esta axuda se produza durante o ano natural en curso e equiparar nestes dous supostos o nacemento á data en que se constitúe a adopción ou se declara a garda con fins adoptivos.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Modificación da Orde do 19 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases polas cales se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nadas/os no ano 2018 e se procede á súa convocatoria

A Orde do 19 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases polas cales se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nadas/os no ano 2018 e se procede á súa convocatoria queda modificada como segue:

Un. O número 1 do artigo 1.1 queda redactado como segue:

«Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2018 teñan un/unha fillo/a, adopten ou estean en situación de garda con fins adoptivos (BS403B) e proceder á súa convocatoria».

Dous. O artigo 3 queda redactado como segue:

«Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nun dos seguintes supostos:

a) Ter fillas ou fillos nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.

b) Ter constituída a adopción ou ser declarado/a en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.

2. Tamén poderán beneficiarse da axuda as galegas e galegos e os seus descendentes que se atopen en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2018».

Tres. O artigo 4 queda redactado como segue:

«Artigo 4. Contía da axuda

1. Con carácter xeral, a contía total da axuda é de 1.200 € por cada fillo ou filla durante un ano a razón de 100 €/mes, que se farán efectivos do seguinte xeito:

a) Ano 2018: un único pagamento coa contía que corresponda en función do mes de nacemento ou, de ser o caso, do ditame da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos e ata o mes de decembro, incluído.

b) Ano 2019: un único pagamento coa contía que corresponda desde xaneiro e ata o mes anterior ao que o neno ou nena faga un ano ou ata o mes anterior a que se cumpra un ano do ditame da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

2. Para aquelas familias con renda igual ou inferior a 22.000 € a axuda ampliarase no segundo ano de vida e ata que o neno ou nena faga tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditame da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

A axuda ampliarase nas seguintes contías:

a) 600 €/ano, a razón de 50 €/mes, se o/a fillo/a que dá dereito á axuda é o primeiro.

b) 1.200 €/ano, a razón de 100 €/mes, se o/a fillo/a que dá dereito á axuda é o segundo.

c) 2.400 €/ano, a razón de 200 €/mes, se o/a fillo/a que dá dereito á axuda é o terceiro ou sucesivos.

Esta ampliación farase efectiva en pagamentos anuais sucesivos co importe que corresponda ata o mes de decembro do exercicio en curso en función do mes de nacemento, ou do ditame da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos do fillo ou filla polo que se concedeu a axuda».

Catro. O artigo 5 queda redactado como segue:

«Artigo 5. Requisitos

1. Serán requisitos necesarios para a concesión desta axuda:

a) Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual en Galicia.

Para estes efectos, considerarase cumprido o requisito de residencia habitual co empadroamento efectivo nun concello de Galicia.

b) Que a renda da unidade familiar non supere os 45.000 €. No suposto de que esta contía fose superior, a renda per cápita non deberá superar os 13.500 €.

c) Que a renda da unidade familiar non supere os 22.000 €, para ter dereito á ampliación da axuda prevista no artigo 4.2.

2. Ademais, as persoas galegas emigrantes deberán ter retornado a Galicia no ano 2018 e deberán estar en posesión da nacionalidade española antes do dito retorno.

3. Así mesmo, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Todos os requisitos recollidos no punto 1 deste artigo deberán reunirse no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

5. No suposto de ter concedida a tarxeta Benvida para unha filla ou fillo en situación de garda preadoptiva, non pode volver solicitarse esta no momento de constituírse a adopción».

Cinco. O artigo 13 queda redactado como segue:

«Artigo 13. Instrumentación da axuda

1. A axuda farase efectiva a través da tarxeta benvida, unha tarxeta moedeiro que se expedirá a nome da persoa solicitante.

A Consellería de Política Social remitirá ao enderezo indicado na solicitude as tarxetas benvida coa carga que lles corresponda na anualidade 2018 en función do previsto no artigo 4.1 e con instrucións para a súa activación. Así mesmo, informará as familias das condicións de uso.

2. De ser o caso, a tarxeta será recargada coa contía que corresponda na anualidade 2019 en función dos meses que restan ata que o neno ou nena que deu dereito a ela faga un ano ou ata que se faga un ano do ditame da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

3. De atoparse no suposto previsto no artigo 4.2, a tarxeta será recargada ademais nas sucesivas anualidades ata que o neno ou nena faga tres anos ou ata que se cumpran tres anos do ditame da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos, coas contías e conforme o procedemento establecido no dito artigo.

4. As tarxetas están sometidas a caducidade e con carácter xeral non poderán ser usadas máis alá do 31 de decembro de 2019, data que se ampliará para as persoas emigrantes retornadas que se atopen no suposto previsto no segundo parágrafo do artigo 8.2 e para as familias con rendas iguais ou inferiores a 22.000 euros. En todo caso, a vixencia das tarxetas concedidas ao abeiro desta convocatoria expirará o 31 de decembro de 2021.

5. A Consellería de Política Social conveniará cunha entidade financeira para que colabore na xestión da axuda. Esta entidade terá a consideración de entidade colaboradora de conformidade co establecido no artigo 9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e estará suxeita ás obrigas sinaladas no artigo 12. Polas características da colaboración, a entidade que resulte seleccionada estará exenta de constituír as garantías a que se refire o artigo 72.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro».

Artigo 2. Apertura de novo prazo de presentación de solicitudes para as persoas que, con carácter previo á entrada en vigor desta orde, constituísen unha adopción ou fosen declaradas en situación de garda con fins adoptivos de nenos nados con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2018

1. As persoas que na anualidade 2018 e con carácter previo á entrada en vigor desta orde constituísen unha adopción ou fosen declaradas en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as nados/as con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2018, dispoñerán dun prazo de dous meses desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia para presentaren a solicitude de axuda.

2. As solicitudes presentadas segundo o establecido no parágrafo anterior tramitaranse para todo o demais de acordo coa Orde do 19 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases polas cales se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nadas/os no ano 2018 e se procede á súa convocatoria.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2018

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social