Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 29 de xuño de 2018 Páx. 31449

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 19 de xuño de 2018 pola que se modifica a Orde do 19 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases polas cales se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nadas/os no ano 2018 e se procede á súa convocatoria.

BDNS (Identif.): 377105.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da orde cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Obxecto

Esta orde amplía os supostos de aplicación da Orde do 19 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases polas cales se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nadas/os no ano 2018 e se procede á súa convocatoria.

Segundo. Persoas beneficiarias

Ao abeiro da modificación inclúense entre os beneficiarios as persoas que teñan constituída unha adopción ou estean declaradas en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 19 de xuño de 2018 pola que se modifica a Orde do 19 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases polas cales se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nadas/os no ano 2018 e se procede á súa convocatoria.

Cuarto. Contía da axuda

Ao abeiro da modificación, a contía total da axuda que, con carácter xeral, ascende a 1.200 euros por cada neno/a durante un ano a razón de 100 euros mes farase efectiva para os devanditos beneficiarios:

No ano 2018: un único pagamento coa contía que corresponda en función do mes en que se dite a resolución de adopción ou garda con fins adoptivos e ata o mes de decembro, incluído.

No ano 2019: un único pagamento coa contía que corresponda desde xaneiro e ata o mes anterior a que se cumpra un ano desde que se dite a correspondente resolución de adopción ou garda con fins adoptivos.

En relación cos casos de ampliación, a estes beneficiarios computaráselles ata que se cumpran tres anos desde que se dite a correspondente resolución de adopción ou garda con fins adoptivos.

Quinto. Prazo presentación de solicitudes

Ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes para as persoas que na anualidade 2018 e con carácter previo á entrada en vigor desta orde constituísen unha adopción ou fosen declaradas en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as nados/as con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2018. Estas persoas dispoñerán dun prazo de dous meses desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia para presentar a solicitude de axuda.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2018

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social