Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 29 de xuño de 2018 Páx. 31497

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2018 sobre delegación de competencias en determinados órganos universitarios.

O artigo 85 dos rstatutos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) determina as competencias do reitor, quen, como máxima autoridade académica e de representación daquela, exerce a súa dirección, goberno e xestión, así como o desenvolvemento das liñas de actuación aprobadas polos órganos colexiados.

Esa amplitude de atribucións ao reitor fai necesario que sexan delegadas estas funcións noutros órganos universitarios, principalmente nos vicerreitores e vicerreitoras, que deben asumir, en primeira instancia, as decisións e asinar os actos administrativos nas materias da súa competencia, coas excepcións pertinentes e sen prexuízo do dereito do titular das competencias de revogalas en calquera momento.

Pola súa banda, a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, regula a delegación de competencias no seu artigo 9 e establece que os órganos das distintas administracións públicas poderán delegar o exercicio das competencias que teñan atribuídas noutros órganos da mesma Administración. Paralelamente determina as prohibicións de delegación, así como a imposibilidade de delegar competencias que xa se posúan por delegación.

Logo da elección do reitor e do seu nomeamento polo Decreto 57/2018, do 31 de maio, polo que se nomea reitor magnífico da Universidade de Santiago de Compostela o profesor doutor Antonio López Díaz, establécese por resolución a estrutura de goberno da Universidade coa denominación das vicerreitorías e procede establecer a relación das competencias delegadas que van asumir cada unha das vicerreitorías, así como outros órganos da USC.

Por todo o anterior, esta Reitoría, no uso das atribucións conferidas polos artigos 20 da Lei orgánica de universidades e 85 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela,

RESOLVE:

I. Delegación de competencias en favor dos/as vicerreitores/as.

Primeiro. Sen prexuízo das delegacións específicas que se fagan a cada un deles, queda delegada nos/nas vicerreitores/as da Universidade, dentro do ámbito da actividade que a cada un deles/as se lle encomende, a facultade de resolveren os expedientes e asuntos con competencia atribuída ao reitor, a de asinaren os documentos necesarios para o efecto, a de elaborar propostas de normas, así como a de coordinación e dirección dos servizos da súa competencia.

Segundo. Esta delegación abrangue tanto os actos administrativos de simple xestión ou trámite como os definitivos que poñan fin aos procedementos administrativos.

Terceiro. Os/as vicerreitores/as poderán realizar todo tipo de actos de xestión, de comunicación e de trámite en materias propias da súa vicerreitoría.

Cuarto. A Vicerreitoría de Investigación e Innovación asume por delegación as seguintes competencias específicas:

1. A promoción, a dirección e a avaliación da produción científica e das actividades de I+D+i da Universidade de Santiago de Compostela, impulsando a excelencia e a mellora da calidade da investigación.

2. A promoción e a dirección de iniciativas e programas de seguimento da produción científica, ademais da dirección dos procesos de valorización dos resultados de investigación e de transferencia de coñecemento.

3. A planificación, a coordinación e o desenvolvemento das infraestruturas e servizos científico-técnicos de apoio á produción científica e á investigación.

4. O apoio e a promoción dunha organización eficiente, competitiva e sustentable de grupos de investigación, unidades científico-tecnolóxicas ou redes de investigadores.

5. A definición, a dirección e o seguimento dos procesos de rexistro, protección, promoción e comercialización de resultados I+D+i, así como o impulso e apoio á creación de empresas con base en resultados de investigación.

6. A proposta e a formalización de actividades realizadas ao abeiro do artigo 83 da LOU por importe inferior a 80.000 euros, aprobadas pola Comisión de Actividades e Servizos de I+D segundo o seu regulamento, así como a resolución das reclamacións relativas ás devanditas actividades que non superen o dito importe.

7. A proposta de contratación de persoal investigador ou de apoio á investigación con cargo ás actividades de I+D+i.

8. A concesión de permisos e licenzas, con motivo de estadías de investigación, ao persoal contratado con recursos captados por I+D+i.

9. A proposta á Xerencia do nomeamento do persoal de administración e servizos para colaborar en actividades e proxectos de I+D+i.

10. A autorización de pagamentos dos complementos retributivos establecidos na normativa vixente ao persoal docente e investigador, ao persoal contratado con cargo a actividades e proxectos de I+D+i e aos colaboradores externos, pola súa participación en actividades e proxectos de I+D+i.

11. A representación legal da Universidade nas solicitudes e xestión de proxectos e outras axudas de investigación, calquera que sexa a institución convocante, debendo informar periodicamente a Reitoría das devanditas solicitudes e a súa resolución.

12. A elaboración dos informes necesarios para concorrer a convocatorias de axudas doutros organismos, así como a conformidade nos informes de seguimento e informes finais dos proxectos e accións de investigación con cargo ao financiamento externo.

13. A autorización da participación de investigadores da USC en concursos públicos ou licitacións de entidades públicas.

14. As convocatorias públicas de selección de persoal para colaborar en actividades e proxectos de I+D+i mediante contrato en réxime temporal e o nomeamento das súas comisións de selección.

15. A supervisión dos institutos, centros propios de investigación, estacións científicas, plataformas, bibliotecas universitarias, Arquivo Histórico e calquera outra estrutura de investigación.

16. A dirección dos servizos de apoio ao emprendemento.

Quinto. A Vicerreitoría de Profesorado asume por delegación as seguintes competencias específicas:

1. A proposta de planificación anual, de relación de postos de traballo e da oferta de emprego público do persoal docente e investigador.

2. A convocatoria de prazas de persoal docente e investigador.

3. A convocatoria de listas de agarda de persoal docente e investigador contratado para cubrir necesidades temporais.

4. O nomeamento dos membros das comisións de selección de persoal docente e investigador, así como a apreciación de causas que impidan a actuación dos membros, coa excepción dos supostos de abstención e recusación.

5. A aprobación e publicación de listas provisionais e definitivas de candidatos/as a prazas de persoal docente e investigador funcionario e contratado.

6. A presidencia da Comisión de Revisión.

7. O nomeamento de persoal docente e investigador interino e contratado temporal, así como a sinatura dos seus contratos.

8. As convocatorias de asignación de prazas de promoción.

9. A concesión de permisos e licenzas do persoal docente e investigador non delegadas aos/ás decanos/as, directores/as de centros ou directores/as de departamentos.

10. A concesión de permisos e licenzas dos/das decanos/as e directores/as de centros e Institutos, con independencia da súa duración.

11. Todos os actos previos derivados da xestión e tramitación dos procedementos de xubilación do persoal docente e investigador, agás a autorización dos cesamentos e das citadas xubilacións.

12. A proposta e informe sobre autorización ou recoñecemento de compatibilidade do persoal docente e investigador cando lle corresponda a súa resolución ao reitor.

13. Os recoñecementos de venia docendi e da actividade desenvolvida como colaborador docente.

14. A autorización do desfrute das vacacións do persoal docente e investigador fóra do período ordinario.

15. Todos aqueles actos relativos a situacións administrativas do persoal docente e investigador que non figuren atribuídos a outros órganos universitarios, así como a reorganización docente que implique cambio de campus (Compostela-Lugo) do persoal docente e investigador universitario.

16. A coordinación e dirección da avaliación docente do persoal docente e investigador.

17. A dirección da negociación en convenios colectivos e outros pactos legalmente formalizados que afectan o persoal docente e investigador.

Sexto. A Vicerreitoría de Titulacións asume por delegación as seguintes competencias específicas:

1. A coordinación dos procesos de elaboración, modificación, implantación, seguimento e acreditación de titulacións oficiais da USC. No caso de titulacións organizadas a través de programas internacionais, a súa tramitación realizarase coa colaboración da Vicerreitoría de Estudantes e Internacionalización.

2. A coordinación dos procesos de elaboración, modificación, implantación e seguimento da oferta de estudos propios.

3. A elaboración da proposta de oferta de prazas das titulacións da USC.

4. A dirección e coordinación dos procesos para a elaboración das guías docentes no marco do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

5. A supervisión do Centro Internacional de Estudos de Doutoramento e Avanzados da USC (CIEDUS) e do Centro de Estudos Propios (CEP).

6. A supervisión do cuarto ciclo universitario, así como a convocatoria e resolución de axudas á súa matrícula.

7. A expedición e sinatura de diplomas e acreditacións dos estudos propios.

Sétimo. A Vicerreitoría de Comunicación, Cultura e Servizos asume por delegación as seguintes competencias específicas:

1. A coordinación das accións de patrimonio histórico e cultural.

2. A dirección dos servizos de orientación laboral para estudantes.

3. A coordinación e a dirección en materia de participación e integración universitaria.

4. A supervisión da Área de Cultura.

5. A supervisión da Oficina de Igualdade de Xénero.

6. A supervisión da Oficina de Desenvolvemento Sostible.

7. A supervisión do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico.

8. A supervisión da Escola Infantil Breogán, a convocatoria para a asignación de prazas e a resolución das reclamacións en materia de admisión.

9. A supervisión do servizos das cafetarías e comedores universitarios.

10. A supervisión da Área de Deportes e as relacións coa Fundación USC Deportiva.

11. A coordinación dos servizos de comunicación e información da Universidade.

12. A coordinación das accións de imaxe institucional, promoción e difusión universitaria.

13. A convocatoria dos cursos de verán, en coordinación coa Vicerreitoría de Titulacións e Organización Académica, así como a súa acreditación.

Oitavo. A Vicerreitoría de Estudantes e Internacionalización asume por delegación as seguintes competencias específicas:

1. A presidencia do xurado nas bolsas da convocatoria xeral do ministerio competente en materia de educación superior.

2. A participación en nome da Universidade nos procesos selectivos das bolsas destinadas á comunidade universitaria non atribuídos especificamente a outras vicerreitorías.

3. A convocatoria e resolución doutras bolsas convocadas por esta Vicerreitoría.

4. A convocatoria e resolución das axudas e subvencións de prezos públicos da Universidade de Santiago de Compostela para todos os seus estudantes de títulos oficiais.

5. A coordinación do Servizo Universitario de Residencias (SUR), así como as convocatorias e resolucións relativas ao proceso de selección para aloxamento no SUR e a resolucións de reclamacións.

6. A convocatoria e a resolución das bolsas de comedor e de proxectos de colaboración do SUR.

7. A planificación e coordinación da internacionalización docente, investigadora e reputacional na Universidade de Santiago de Compostela.

8. A coordinación das relacións internacionais, así como a xestión de convenios.

9. A planificación e promoción das estruturas da Universidade orientadas a mellorar a proxección internacional dos grupos de investigación e da oferta docente, en coordinación coas vicerreitorías de Investigación e Innovación e de Titulacións, respectivamente.

10. A planificación e promoción nas convocatorias de cooperación internacional en investigación, de acordo coa Vicerreitoría de Investigación e Innovación.

11. A planificación e promoción de programas de intercambio.

12. A convocatoria de axudas para mobilidade de estudantes, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos.

13. A convocatoria de axudas pre e posdoutorais para estudantes estranxeiros e as que correspondan para docentes estranxeiros invitados en programas de doutoramento.

14. A participación en nome da Universidade de Santiago de Compostela nos procesos selectivos das bolsas relacionadas coa mobilidade de estudantes, docentes e investigadores.

15. A coordinación das accións relacionadas co asociacionismo estudantil así como a convocatoria e resolución das axudas a este.

16. A xestión do seguro escolar.

Noveno. A Vicerreitoría de Organización Académica asume por delegación as seguintes competencias específicas:

1. A xestión e aprobación do plan docente anual (PDA) dos centros e do plan de organización docente (POD) dos departamentos.

2. A resolución de reclamacións en materia de confección do POD e PDA.

3. As resolucións de autorización do persoal da área externa.

4. A autorización ao persoal docente e investigador para impartir docencia en campus distinto ao da súa praza.

5. A autorización para impartir docencia ao persoal pre e posdoutoral.

6. A formalización de convenios para a realización de prácticas en empresas ou institucións das/dos alumnas/os, tramitados pola Universidade de Santiago de Compostela ou a través do seu Consello Social.

7. A convocatoria de prácticas en empresas ou institucións cando non sexa da competencia doutros órganos.

8. As resolucións relativas ao apoio titorial extraordinario.

9. A coordinación de programas que impulsen a impartición de docencia en linguas estranxeiras nos estudos oficiais de grao, máster e doutoramento, de acordo coa Vicerreitoría de Titulacións.

10. A supervisión do Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA) e a formación e innovación educativa.

11. A supervisión do Centro de Linguas Modernas (CLM).

Décimo. A Vicerreitoría de Planificación e Proxección Estratéxica asume por delegación as seguintes competencias específicas:

1. A organización e publicación dos datos e estatísticas.

2. A organización e dirección de actividades divulgación científica.

3. A elaboración e seguimento dos plans estratéxicos.

4. A elaboración, seguimento, modificación e certificación dos sistemas de garantía de calidade dos centros docentes.

5. O desenvolvemento dos programas de calidade.

6. A elaboración da memoria de responsabilidade social corporativa.

7. A coordinación das cátedras institucionais.

8. A elaboración e implantación dos programas de coordinación entre os distintos servizos da Universidade, coa colaboración dos órganos directivos responsables destes.

9. A dirección estratéxica en materia de tecnoloxías da información e das comunicación, en coordinación coa Xerencia.

10. A formulación, implantación e seguimento de accións orientadas á visibilización nos ránkings nacionais e internacionais.

11. As competencias en materia de normalización lingüística.

12. A elaboración do proxecto de programación plurianual, de acordo coa Xerencia.

Undécimo. A Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo asume por delegación as seguintes competencias específicas:

1. A representación ordinaria da Universidade no Campus de Lugo en ausencia do reitor.

2. A coordinación no Campus de Lugo das actuacións en materia de promoción, dinamización, titulacións, investigación, docencia, tecnoloxías da información e comunicación e xestión administrativa, en colaboración cos órganos unipersoais de goberno con competencia en cada materia.

3. A coordinación e o desenvolvemento do plan estratéxico do Campus de Lugo.

4. A coordinación dos procedementos respecto do profesorado adscrito ao Campus de Lugo, en colaboración coa Vicerreitoría de Profesorado.

5. A concesión de permisos e licenzas do persoal docente e investigador adscrito ao Campus de Lugo non delegada aos/ás decanos/as e directores/as de centro, en coordinación coa Vicerreitoría de Profesorado.

6. A tramitación e formalización dos contratos administrativos, calquera que sexa o seu obxecto, que afecten exclusivamente ao Campus de Lugo e non sexan xestionados de xeito centralizado para toda a Universidade, se se trata de contratos derivados da licitación con procedemento aberto abreviado de trámite simplificado ou de contratos menores.

7. A tramitación e formalización contratos privados ata un importe máximo de 30.000 euros, nos mesmos termos que os contratos administrativos citados no punto anterior.

8. A coordinación, o impulso e o desenvolvemento do Campus de Lugo en materia de infraestruturas, sen prexuízo de que os actos executivos derivados da súa actuación correspondan ao reitor ou á Xerencia.

9. A coordinación dos procesos de elaboración, modificación e implantación dos plans de estudos de grao, máster e doutoramento, así como da oferta de formación continua no Campus de Lugo coa Vicerreitoría de Titulacións.

10. A colaboración na xestión dos estudos de cuarto ciclo no Campus de Lugo, sen prexuízo das competencias da vicerreitoría de Titulacións.

11. A representación da universidade nas fundacións, clústeres, redes e asociacións que polo seu perfil e actividade teñan relación co Campus de Lugo.

12. A conformidade dos informes anuais e finais dos proxectos de investigación que se desenvolvan en exclusiva no Campus de Lugo.

13. A supervisión dos institutos, centros propios de investigación, estacións científicas, plataformas tecnolóxicas, bibliotecas universitarias ou calquera outra estrutura de investigación xestionada desde o Campus de Lugo, en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación e Innovación.

14. A coordinación de servizos á comunidade universitaria no Campus de Lugo, en particular a Residencia Universitaria Jesús Bal y Gay, as axudas para a escolarización dos nenos e nenas menores de tres anos, o apoio ao emprendemento e o emprego de estudantes, de Deportes, de Cultura e en materia de Participación e Integración Universitaria, en colaboración coas vicerreitorías de Estudantes e Internacionalización e de Comunicación, Cultura e Servizos.

15. As competencias relacionadas co CLM e co CeTA no Campus de Lugo, en colaboración coa Vicerreitoría de Organización Académica.

16. As competencias relacionadas coa Área de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións no Campus de Lugo, en colaboración co/coa vicerreitor/a de Planificación e Proxección Estratéxica e coa Xerencia.

17. A coordinación dos programas de intercambio nacional e internacional que afecten ao Campus de Lugo, en colaboración coa Vicerreitoría de Estudantes e Internacionalización.

18. As relacións coas asociacións estudantís do Campus de Lugo, en coordinación coa Vicerreitoría de Estudantes e Internacionalización.

II. Delegación en favor do/a secretario/a xeral.

Duodécimo. Ademais das competencias directamente atribuídas, deléganse no/a secretario/a xeral:

1. A expedición dos certificados supletorios dos títulos académicos.

2. A certificación de actos presuntos.

3. A resolución de peticións de carácter xeral que non sexan competencia propia ou delegada doutros órganos universitarios.

4. A facultade para ditar resolucións motivadas autorizando ou denegando a rectificación das actas académicas.

5. A resolución de peticións, reclamacións ou recursos en materia de xestión académica para as cales non estea delegada a sinatura noutros órganos ou unidades administrativas.

6. A resolución de solicitudes de equivalencia de titulacións obtidas no estranxeiro para realizar estudos de grao e posgrao.

7. O desenvolvemento das políticas de protección de datos no seo da Universidade de Santiago de Compostela, así como a coordinación e unificación de criterios nas actuacións de tratamento dos responsables dos diferentes ficheiros de protección de datos de carácter persoal no marco da normativa aplicable.

8. A xestión dos procesos electorais en colaboración coa Comisión Electoral Central de USC.

9. A dirección do protocolo universitario.

10. A dirección operativa das Oficinas de asistencia.

Décimo terceiro. En caso de ausencia, imposibilidade de actuar ou enfermidade do/a secretario xeral, será substituído/a polo secretario/a xeral adxunto/a.

III. Delegación de competencias en favor do/a xerente.

Décimo cuarto. Deléganse no xerente da Universidade as seguintes competencias:

A) En materia de contratación pública:

1. A comprobación do cumprimento dos requisitos previstos para os contratos menores no artigo 118 da Lei de contratos do sector público.

2. A facultade de ditar os actos administrativos relativos a contratos administrativos non suxeitos a regulación harmonizada. Nos casos de contratos de regulación harmonizada, delégase a realización de todos os actos, excepto a formalización do contrato.

3. A formalización dos contratos administrativos e patrimoniais, agás a competencia de asinar determinados contratos atribuída á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.

4. O seguimento da xestión económica dos contratos das cafetarías e comedores universitarios.

B) En materia económico-financeira e orzamentaria:

1. A elaboración do proxecto de orzamento anual.

2. A elaboración da memoria económica e a formulación das contas anuais exixidas na lexislación vixente.

3. A elaboración de plans de financiamento.

4. A ordenación de pagamentos.

5. O exercicio das funcións de proposta ou aprobación de modificacións orzamentarias atribuídas ao reitor.

6. O proceso de constrinximento tras apercibimento, dos ingresos públicos deixados de percibir agás en materia de prezos públicos derivados da matrícula, así como a reclamación administrativa de débedas procedentes de ingresos privados.

C) En materia de infraestruturas:

1. A coordinación das obras de infraestruturas que se realicen na Universidade de Santiago de Compostela.

2. A planificación e aprobación das obras de reforma, renovación e mellora dos edificios e de mantemento das instalacións, sen prexuízo das competencias delegadas no/a vicerreitor/a de coordinación do Campus de Lugo.

3. A supervisión da xestión das infraestruturas, sen prexuízo das competencias delegadas nas vicerreitorías.

4. A xestión de espazos da Universidade, sen prexuízo das competencias delegadas nas vicerreitorías ou nas direccións dos centros.

5. O seguimento das axudas e subvencións para adquisición de infraestruturas, sen prexuízo das competencias delegadas nas vicerreitorías.

6. A solicitude de licenzas e outros actos de tramitación ante as diferentes administracións públicas, contratistas ou terceiros en materia de infraestruturas.

D) En materia de persoal de administración e servizos (PAS).

Queda delegada no/a xerente da Universidade a xefatura deste persoal, que abrangue:

1. A execución, o control e a coordinación da política aprobada polos órganos de goberno sobre o persoal de administración e servizos funcionario ou laboral.

2. O establecemento das directrices conforme as cales exercerán as súas competencias en materia de persoal os distintos órganos e servizos da Universidade de Santiago de Compostela.

3. A emisión das instrucións sobre política de persoal.

4. O establecemento dos criterios para a organización e coordinación en materia de persoal.

5. A proposta da estrutura de postos de traballo.

6. A preparación da oferta de emprego público, así como os actos derivados dela.

7. A dirección da negociación colectiva, a sinatura de pactos e acordos e o ditado de resolucións e instrucións en materia de persoal de administración e servizos.

8. A proposta para a designación de representantes da administración universitaria nas distintas comisións de negociación colectiva.

9. Os actos de execución dos convenios colectivos ou similares e outros pactos legalmente formalizados.

10. O labor de inspección do persoal.

11. As derivadas da coordinación da prevención de riscos da USC.

12. A proposta das convocatorias de probas de persoal laboral fixo e funcionarios de carreira e a designación dos membros nas comisións de selección.

13. A elaboración das convocatorias de concursos, a designación dos membros das comisións de avaliación e a resolución destes procesos.

14. As convocatorias de probas para persoal interino ou contratado temporal e o nomeamento das súas comisións de selección.

15. A autorización e sinatura dos contratos de persoal laboral contratado con carácter temporal e o nomeamento de interinos cando proceda.

16. A autorización e sinatura dos contratos do persoal de administración e servizos financiados con recursos captados por I+D+i.

17. A planificación e dirección das accións e procesos derivados da política de formación do PAS.

18. A autorización de asistencia a cursos de selección, formación e perfeccionamento.

19. As adscricións provisorias, as comisións de servizos e as atribucións temporais de funcións ao persoal.

20. A concesión dos permisos e licenzas non delegados aos/ás directores/as de centros e xefes/as das distintas unidades administrativas.

21. Os actos derivados da xestión e tramitación dos procedementos de xubilación salvo as certificacións que correspondan.

22. Os cesamentos e xubilacións de persoal contratado temporal e interino.

23. A tramitación dos procedementos seguidos ante a Seguridade Social, así como as reclamacións previas á vía xudicial ou recursos que non esgoten a vía administrativa.

24. A proposta e informe sobre a autorización ou recoñecemento de compatibilidade cando lle corresponda a súa resolución ao reitor.

25. A comunicación das resolucións reitorais en materia de persoal.

26. Os actos de administración e de xestión ordinaria do persoal que non figuren atribuídos a outros órganos universitarios.

E) En materia de persoal docente e investigador delégase a tramitación dos procedementos seguidos ante a Seguridade Social ou Muface, así como as reclamacións previas á vía xudicial ou recursos que non esgoten a vía administrativa.

F) En materia de patrimonio da Universidade, deléganse as funcións, actos e tramitación de expedientes relativos á súa xestión, así como a obriga de velar polo seu debido mantemento.

G) En coordinación co/a vicerreitor/a de Planificación e Proxección Estratéxica, as funcións directivas e de programación en materia de tecnoloxías da información e comunicación.

H) En coordinación co/a vicerreitor/a de Planificación e Proxección Estratéxica, os sistemas de xestión da calidade dos servizos administrativos.

Décimo quinto. Os/as vicexerentes poderán realizar encomendas de xestión ou asinar por delegación previa de sinatura no eido das funcións delegadas do/a xerente. Sen prexuízo do anterior, enténdese que os/as vicexerentes teñen delegada con carácter xeral a sinatura dos actos de trámite correspondentes ao seu ámbito de actuación.

Décimo sexto. En caso de ausencia, imposibilidade de actuar ou enfermidade o/a xerente será substituído/a polo/pola vicexerente/a que el/ela designe, e de non mediar designación, polo que corresponda segundo a orde de creación destas.

IV. Delegación en favor dos/das xefes/as de área, servizo e outras unidades administrativas en materia de permisos do persoal de administración e servizos.

Décimo sétimo. Delégase nos/nas xefes/as das distintas unidades administrativas a concesión de permisos e licenzas ao PAS nos seguintes casos:

1. Por falecemento, por accidente ou enfermidade grave dun familiar.

2. Por traslado de domicilio.

3. Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou representación do persoal e deberes inescusables de carácter público ou persoal, polo tempo indispensable.

4. Para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais.

5. Permisos por asuntos particulares, atendendo sempre ás necesidades do servizo.

Décimo oitavo. Os/as xefes/as das unidades terán a obriga de informar sobre os permisos concedidos sempre que así o requira a Xerencia.

Décimo noveno. As restantes solicitudes de obtención de permisos ou licenzas, retribuídas ou non, deberán formularse ante a Xerencia, cunha antelación mínima de quince (15) días á da data do seu comezo, co obxecto de que poidan ser resoltas en tempo e forma. Exceptúanse aquelas que se poidan producir por circunstancias imprevisibles que se acrediten, que se tramitarán por un procedemento de urxencia. En todo caso, a concesión do permiso será requisito necesario para que o solicitante poida ausentarse do seu posto de traballo.

V. Delegación en favor dos/as decanos/as e directores/as de centros en materia de permisos do persoal docente e investigador.

Vixésimo. Os/as decanos/as e directores/as de centros poderán concederlle ao persoal docente e investigador licenzas por estudos ou investigación de ata sete (7) días hábiles, conforme o procedemento establecido.

VI. Delegación en favor do/da xefe/a do Servizo de Xestión Académica.

Vixésimo primeiro. Deléganse no/na xefe/a do Servizo de Xestión Académica as competencias relativas a resolucións definitivas en materia de xestión académica, en particular a resolución de peticións presentadas fóra de prazo, anulacións de matrícula, admisión de alumnos/as en titulacións con límite de prazas, validación parcial de estudos estranxeiros, admisión en convocatorias anticipadas de máster e doutoramento, así como calquera outro acto de trámite ou instrución dos procedementos que sexan competencia do Servizo, e as resolucións de inadmisión a trámite ou declarativas de desistencias ou renuncias.

VII. Competencias do reitor.

Vixésimo segundo. Exceptúanse da delegación outorgada nos puntos anteriores e, polo tanto, continúan a ser competencias do reitor:

1. Os asuntos que se refiren ás relacións cos órganos e institucións da Administración do Estado e da Administración autonómica galega, agás os de simple trámite.

2. Os que teñen relación co Consello Social, Claustro Universitario e Consello de Goberno.

3. Os actos que supoñan o exercicio da excepcionalidade da súa eficacia retroactiva.

4. Os actos sancionadores e os referidos ao exercicio da potestade disciplinaria.

5. Os que dean lugar á adopción de resolucións reitorais de carácter xeral.

6. A resolución dos incidentes de abstención e recusación.

7. A supervisión da aplicación da imaxe corporativa da Universidade de Santiago de Compostela.

8. A proposta e formalización de actividades realizadas ao abeiro do artigo 83 da LOU por importe igual ou superior a 80.000 euros, aprobadas pola Comisión de Actividades e Servizos de I+D segundo o seu regulamento, así como a resolución das reclamacións.

9. En materia de PDI funcionario e contratado con vinculación permanente:

a) O seu nomeamento ou sinatura do contrato.

b) A autorización dos cesamentos e xubilacións.

10. En materia de persoal de administración e servizos:

a) O nomeamento de persoal funcionario de carreira.

b) A sinatura dos contratos do persoal laboral fixo.

c) A autorización dos cesamentos e xubilacións.

d) A convocatoria de probas selectivas para persoal laboral fixo e para o acceso a escalas de funcionarios.

e) A declaración das situacións administrativas.

f) O recoñecemento, adquisición e cambio de grao.

g) A interposición de recursos, demandas ou iniciación de procedementos xudiciais.

11. En materia de contratación pública:

a) A formalización de contratos administrativos suxeitos a regulación harmonizada.

b) A resolución das impugnacións que se presenten contra os procedementos de adxudicación.

c) O acto definitivo de revogación ou de resolución dos contratos administrativos tras o procedemento instruído para o efecto.

12. En materia económico-financeira e patrimonial:

a) As resolucións de carácter xeral.

b) A interposición de recursos ou iniciación de procedementos xudiciais.

c) Aquelas competencias que non son propias do Consello Social ou doutros órganos universitarios.

VIII. Delegación de sinatura.

Vixésimo terceiro. A presente resolución dítase sen prexuízo da posibilidade de realizar delegacións de sinatura ao abeiro do artigo 12 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Neste sentido, as vicerreitorías, a Xerencia e a Secretaría Xeral poderán realizar delegacións de sinatura en órganos da súa dependencia, que deberán ser publicadas no taboleiro electrónico da USC.

Así mesmo, o/a xefe/a de Servizo de Xestión Académica poderá realizar delegacións de sinatura en unidades, seccións ou negociados da súa dependencia.

Disposición adicional primeira

Os actos ditados en virtude desta delegación non poderán exceder os límites previstos nela, e declararanse, en caso contrario, nulos de pleno dereito.

Cando se diten actos e resolucións en uso da delegación de atribucións contida nesta resolución, farase constar así expresamente e consideraranse como ditados pola autoridade reitoral.

Disposición adicional segunda

En ningún caso, poderán delegarse as competencias delegadas nesta resolución.

Disposición adicional terceira

En calquera momento o reitor pode avogar para si o coñecemento e resolución de cantos asuntos considere oportunos en relación coas atribucións delegadas.

Disposición adicional cuarta

As expresións referidas a cargos académicos e a outras responsabilidades entenderanse nun sentido xeral, sen identificación de sexo, polo que abranguen tanto o xénero feminino como o masculino.

Disposición derrogatoria

Esta resolución derroga a Resolución do 22 de setembro de 2015 sobre delegación de competencias en determinados órganos universitarios.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor na data de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2018

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela