Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 2 de xullo de 2018 Páx. 31709

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 20 de xuño de 2018 polo que se fai pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública dos estudos de ordenación de delimitación de treitos urbanos de solo de núcleo rural na rede autonómica de estradas de Galicia dos seguintes concellos da provincia da Coruña: Aranga, Arzúa, Boimorto, Boqueixón, Camariñas, A Capela, Carballo, Cerdido, Coristanco, Curtis, Dodro, Irixoa, Laxe, Mesía, Miño, Muros, Muxía, Outes, A Pobra do Caramiñal, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Touro, Vedra e Vilarmaior.

Con data do 19 de xuño de 2018, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Vivenda (Orde do 4 de febreiro de 2013, Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

«Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 27 de novembro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 225) o Anuncio do 6 de novembro de 2017 polo que se someten ao trámite de información pública os estudos de ordenación de delimitación de treitos urbanos de solo de núcleo rural na rede autonómica de estradas de Galicia, dos seguintes concellos da provincia da Coruña: Aranga, Arzúa, Boimorto, Boqueixón, Camariñas, A Capela, Carballo, Cerdido, Coristanco, Curtis, Dodro, Irixoa, Laxe, Mesía, Miño, Muros, Muxía, Outes, A Pobra do Caramiñal, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Touro, Vedra, Vilarmaior.

Segundo. Durante todo o trámite de información pública, presentáronse alegacións e certificados, e procedeuse á súa valoración.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. De acordo co establecido no artigo 63.4 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia, os mencionados estudos de ordenación sometéronse ao trámite de información pública, durante un período de trinta días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Simultaneamente ao trámite do parágrafo anterior, e para os efectos de incorporar na normativa urbanística a ordenación establecida para os peches nos treitos anteriores, os documentos sométense tamén a información pública, segundo o artigo 23.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, xa que establece que os estudos e proxectos sometidos ao trámite de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal e terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente.

De acordo con todo o exposto, e tras os certificados e alegacións recibidas,

Resolvo:

Primeiro. Aprobar, de acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia, o expediente de información pública dos estudos de ordenación de delimitación de treitos urbanos de solo de núcleo rural na rede autonómica de estradas de Galicia, dos seguintes concellos da provincia da Coruña: Aranga, Arzúa, Boimorto, Boqueixón, Camariñas, A Capela, Carballo, Cerdido, Coristanco, Curtis, Dodro, Irixoa, Laxe, Mesía, Miño, Muros, Muxía, Outes, A Pobra do Caramiñal, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Touro, Vedra, Vilarmaior, de clave: GA/17/047.09.1, tendo en conta o seguinte:

1. A resolución de aprobación definitiva do seguinte expediente supón a entrada en vigor do réxime especial de treitos urbanos para os solos de núcleo rural incluídos no estudo.

2. Asemade, esta aprobación definitiva modifica a posición dos peches situados nas marxes das estradas autonómicas, tendo en conta a súa tipoloxía, do seguinte xeito:

a) Os peches completamente diáfanos, sobre piquetes sen cimentación de obra de fábrica, por circunstancias de aproveitamento agrícola ou gandeiro debidamente acreditadas, poderán situarse na beira da parcela.

b) Os peches diáfanos, con cimentación de obra de fábrica que non sobresaia máis de corenta (40) cm en ningún punto da rasante do terreo non poderán situarse máis próximos á estrada que a maior das dúas distancias, oito (8) metros medidos desde o eixo da estrada ou a situación da aliñación oficial exterior.

c) O resto de peches non diáfanos ou de obra de fábrica non poderán situarse máis próximos á estrada que a aliñación de edificación.

3. Modificarase neste estudo tamén a posición da aliñación de edificación nos núcleos da Torre e Castres, situados no concello de Teo, dado que se recoñecen as aliñacións oficiais en relación cos espazos libres públicos previstos no plan xeral construídos por riba da autovía, e é por tanto, de aplicación o establecido na Ordenanza de expansión de núcleo rural N-2 do instrumento de planeamento urbanístico municipal.

Segundo. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou ben recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Infraestruturas e Vivenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2018

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas